Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Mércores, 14 de novembro de 2012 Páx. 42750

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 6 de novembro de 2012 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Desarrollo Producto Ecológico de Galicia.

Unha vez examinado o expediente de declaración de interese galego e de inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Desarrollo Producto Ecológico de Galicia, dítase a presente resolución baseada nos antecedentes e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Antecedentes:

1. Nicolás Andión Rivadulla, presidente do Padroado da fundación, mediante solicitude do 19 de outubro de 2011, formulou solicitude de clasificación e declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Desarrollo Producto Ecológico de Galicia foi constituída en escritura pública outorgada na Estrada (Pontevedra) o 8 de setembro de 2011, ante a notaria María Dolores Veiras Suárez, con número de protocolo 790, por Nicolás Andión Rivadulla, Benito José Gómez Rosal, Juan Marcos Pérez Gulín, José Lino Fervenza Faria, Juan Carlos Mosquera Carbón, Juan Manuel Barcala Moares, José Sánchez Quintáns, Miguel Óscar Rancaño Brañanova, Alfonso Uzal Montero e a entidade Discalis Soluciones, S.L., representada por José María de la Torre Gastañaduy.

Esta escritura foi rectificada por outra outorgada na Estrada (Pontevedra) o 24 de xaneiro de 2012, ante a mesma notaria, co número 39 do seu protocolo, e complementada por outra do 25 de xullo de 2012, outorgada ante a notaria Carmen Alicia Calaza López, con número de protocolo 726.

3. A Fundación Desarrollo Producto Ecológico de Galicia ten por obxecto, segundo establece o artigo 6 dos estatutos, a realización de actividades dirixidas á promoción, ao desenvolvemento, á innovación, reordenación, investigación, profesionalización e investimento no medio rural, dentro dos sectores agrario, gandeiro e forestal, cun modelo de produción, transformación e comercialización diversificado e respectuoso co ambiente, favorecendo a súa profesionalización co fin de garantir a súa sustentabilidade mediante a reordenación dos usos e a produción de enerxías renovables; de contribuír á reconstrución e rehabilitación do patrimonio cultural e histórico de Galicia, amosando o seu valor aos sectores do ensino escolar e universitario, así como ao sector turístico, e de desenvolver un turismo ecolóxico e de calidade.

4. Na constitución da fundación constan os aspectos relativos á personalidade dos fundadores; á súa capacidade para constituíla e á súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da fundación constan os aspectos relativos á súa denominación e natureza (artigo 1); ao seu enderezo A Estrada (Pontevedra), lugar da Pica nº 13, parroquia de Moreira (artigo 2); ao seu obxecto e finalidade (artigo 6); ás regras para a aplicación das rendas co obxecto fundacional e para a determinación dos beneficiarios (artigo 9); e á designación do Padroado como o seu órgano de goberno, representación e administración, con indicación do seu réxime de funcionamento (artigos 12 ao 28).

6. Os membros do Padroado da fundación aceptaron o seu cargo na carta fundacional do 8 de setembro de 2011.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese ambiental da Fundación Desarrollo Producto Ecológico de Galicia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 47 da citada lei e o artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais, que procederá á súa clasificación como de interese para o desenvolvemento rural de Galicia.

8. Á vista da citada proposta da Comisión de Secretarios Xerais, por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 5 de outubro de 2012 (Diario Oficial de Galicia do 19 de outubro), clasificouse como de interese para o desenvolvemento rural de Galicia a Fundación Desarrollo Producto Ecológico de Galicia e adscribiuse á Consellería do Medio Rural e do Mar para os efectos do exercicio do protectorado sobre ela.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, correspóndelle a esta Consellería do Medio Rural e do Mar a declaración de interese galego mediante a resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Desarrollo Producto Ecológico de Galicia, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de Fundacións de Interese Galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese galego, deben entenderse substancialmente cumpridos os requisitos establecidos pola declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería do Medio Rural e do Mar, da Fundación Desarrollo Producto Ecológico de Galicia, e por todo isto,

RESOLVO:

1. Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Desarrollo Producto Ecológico de Galicia.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería do Medio Rural e do Mar.

3. Que a dita fundación, expresamente sometida á Lei 12/2006, do 1 de decembro, e ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, e demais normativa de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos e de solicitar as preceptivas autorizacións, quede suxeita ao protectorado da Xunta de Galicia, que será exercido por esta consellería.

Contra esta resolución pode interporse recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2012

Francisco José Vidal-Pardo Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar