Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Martes, 13 de novembro de 2012 Páx. 42645

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANUNCIO do 8 de outubro de 2012, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se somete a información pública a solicitude de renovación da autorización ambiental integrada presentada por Suministros Medina, S.L., para o matadoiro de gando vacún de Montellos, no concello de Betanzos (A Coruña). Nº de autorización ambiental integrada 2007/0017_NAA/IPPC_074. Clave do expediente de renovación 2012-IPPC-M-74.

Con data do 31 de marzo de 2008 concedeuse a MF. Matadero Frigorífico de Montellos, S.A. a autorización ambiental integrada nº 2007/0017_NAA/IPPC_074 para un matadoiro frigorífico de gando vacún no concello de Betanzos (A Coruña). Nesta autorización establécese unha vixencia de cinco anos, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación á titular.

O artigo 25 da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación, estipula que, transcorrido o prazo de vixencia da autorización, esta debe ser renovada e, se for o caso, actualizada. Atendendo ao indicado, e para os efectos previstos no artigo 7.2 do Real decreto 509/2007, do 20 de abril, polo que se aproba o regulamento para o desenvolvemento e execución da Lei 16/2002, faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a documentación presentada pola solicitante para a renovación da autorización ambiental integrada, constituída polo documento titulado:

– Documentación para a renovación da autorización ambiental integrada das instalacións de Suministros Medina, S.L.-Matadero de Montellos, ubicadas na estrada de Mesón do Vento, km 3.300, 15319 Betanzos, A Coruña.

Co fin de que calquera interesado poida consultalo e, se for o caso, formular no dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes. O antedito documento estará ao dispor dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

– Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (r/ Vicente Ferrer, 2, 15008 A Coruña).

– Concello de Betanzos (praza da Constitución, 1, 15300 Betanzos, A Coruña).

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2012

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental