Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 215 Luns, 12 de novembro de 2012 Páx. 42421

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto de Estudos do Territorio

RESOLUCIÓN do 10 de outubro de 2012 pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 4 de outubro de 2012 de inicio do procedemento de elaboración do Plan territorial integrado da bacía hidrográfica do río Eume.

Mediante esta resolución, en cumprimento do artigo 15.1 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, faise público que o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 4 de outubro de 2012, adoptou o seguinte

ACORDO:

Iniciar o procedemento da elaboración do Plan territorial integrado da bacía hidrográfica do río Eume, de conformidade co disposto no artigo 12.1 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, en desenvolvemento e cumprimento da determinación 10.1.2. das directrices de ordenación do territorio de Galicia.

O Plan territorial integrado terá como ámbito o da bacía hidrográfica do río Eume e permitirá establecer unha análise exhaustiva e transversal coordinada e integral das diferentes políticas da Xunta de Galicia, arredor do elemento de dimensión do novo lago das Pontes.

O obxectivo deste plan territorial integrado será o desenvolvemento dun territorio ordenado e eficiente, contribuíndo a unha planificación racional dos usos do solo, tendo en conta a referente hidrolóxica, fío condutor do plan, desde a perspectiva da avaliación preventiva de danos e a xestión dos problemas hidrolóxicos.

Segundo a determinación 8.1. das DOT e conforme os criterios da Lei 7/2008, do 7 de xuño, de protección da paisaxe de Galicia, este PTI considerará a perspectiva global e integral da paisaxe e seguirá as definicións e criterios xerais recollidos na parte correspondente da memoria das directrices de ordenación do territorio.

O contido do PTI axustarase ao establecido no artigo 13 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia. Asemade, considerando que abrangue a conca hidrográfica do río Eume, o PTI deberá ter en conta tres aspectos:

– Integrará a planificación e o estudo das zonas inundables.

– Contribuirá a facilitar a redacción do Plan hidrolóxico da bacía do Eume, conforme a Orde ARM/2656/2008, do 10 de setembro, pola que se aproba a instrución de planificación hidrolóxica modificada pola Orde ARM/1195/2011, do 11 de maio.

– Realizarase un estudo en especial da incidencia do lago na zonificación e usos do solo.

Este Plan territorial integrado da bacía hidrográfica do río Eume será formulado e impulsado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, coa dirección conxunta do Instituto de Estudos do Territorio e de Augas de Galicia como organismo de bacía, coa participación da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental e a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, e coa colaboración das consellerías do Medio Rural e do Mar, e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Este acordo de inicio será publicado no Diario Oficial de Galicia e, polo menos, en dous xornais dos de maior circulación na comunidade autónoma, e notificarase ás deputacións provinciais da Coruña e Lugo e aos concellos dentro do ámbito do PTI:

– Na provincia da Coruña: Pontedeume, Cabanas, Vilarmaior, A Capela, Monfero, Irixoa, Aranga, As Somozas, As Pontes de García Rodríguez.

– Na provincia de Lugo: Guitiriz, Xermade, Muras, Vilalba, Abadín.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2012

Manuel Borobio Sanchiz
Director do Instituto de Estudos do Territorio