Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 7 de novembro de 2012 Páx. 41708

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 6 de novembro de 2012 pola que se regulan as operacións de cerramento do exercicio de 2012.

O artigo 47 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establece que o exercicio orzamentario coincidirá co ano natural e a el imputaránselle os dereitos liquidados no seu transcurso, calquera que sexa o período a que correspondan, e as obrigas recoñecidas ata o 31 de decembro do correspondente exercicio, como consecuencia de adquisicións, obras, subministracións, prestacións de servizos ou outro tipo de gastos realizados con cargo aos créditos respectivos dentro do correspondente ano natural.

Na presente orde procédese á regulación dos prazos e procedementos para a realización das operacións contables de cerramento da contabilidade dos gastos e dos ingresos públicos do ano 2012.

Por iso, e en virtude das competencias atribuídas polo artigo 110 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Ámbito de aplicación

Esta orde será de aplicación:

a) Á Administración xeral da Xunta de Galicia.

b) Aos organismos autónomos.

c) Ás axencias públicas autonómicas.

d) Ás sociedades mercantís públicas autonómicas, ás cales se lles aplicará o previsto nos artigos 17 e 18 desta orde.

e) Ao resto de entidades instrumentais do sector público autonómico reguladas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ás cales se lles aplicará o previsto no artigo 17 desta orde.

f) Ás entidades que non figuren en ningún dos puntos anteriores e que, en virtude do previsto no artigo 2 da Lei estatal 18/2001, xeral de estabilidade orzamentaria, formen parte do sector administracións públicas, ás cales se lles aplicará o previsto no artigo 17 desta orde.

Artigo 2. Sinalamento de haberes no mes de decembro

2.1. As nóminas elaboradas polo CIXTEC para a percepción de haberes do mes de decembro quedarán confeccionadas o día 14 do dito mes e remitiranse o día 17 ás intervencións delegadas, que procederán á súa fiscalización e á tramitación dos documentos contables correspondentes antes do día 20 do mesmo mes; para isto, os partes do mes de decembro deberán recibirse no dito centro antes do día 3 de decembro.

2.2. Os haberes correspondentes ao mes de decembro satisfaranse a partir do día 21 do mesmo mes.

Artigo 3. Modificacións orzamentarias

3.1. Os expedientes de modificacións orzamentarias terán como data límite de entrada na Dirección Xeral de Orzamentos o día 7 de novembro de 2012.

3.2. O prazo previsto no número anterior deste artigo non será aplicable nas modificacións que afecten créditos do capítulo I Gastos de persoal e ás seccións 01, 02, 03, 21, 22 e 23 do orzamento de gastos.

3.3. Os expedientes de modificacións orzamentarias deberán estar completos. En ningún caso se admitirán expedientes non enviados en tempo e forma.

Artigo 4. Recepción e tramitación de documentos contables

4.1. Os documentos contables, relativos aos capítulos II e IV, terán como data límite de entrada nas oficinas contables das intervencións delegadas e territoriais, correspondentes a cada centro xestor, as seguintes:

a) O día 7 de novembro: documentos en fase RC para A, documentos A, documentos D e documentos AD de exercicios correntes e futuros.

b) O día 28 de decembro: resto de documentos contables.

Excepcionalmente naquelas obrigas dos capítulos II e IV xeradas polo cumprimento de prestacións ou servizos continuados e de devindicación periódica nas cales non sexa posible a determinación exacta do seu importe antes do 31 de decembro e co obxecto da súa correcta imputación ao exercicio 2012, admitirase a entrada dos documentos contables OK nas intervencións con data límite do 15 de xaneiro de 2013.

4.2. Os documentos contables, relativos aos capítulos VI e VII, terán como data límite de entrada nas oficinas contables das intervencións delegadas e territoriais, correspondentes a cada centro xestor, as seguintes:

a) O día 7 de novembro: documentos en fase RC para A, documentos A, documentos D, documentos AD de exercicios correntes e futuros e documentos DOK e ADOK.

b) O día 28 de decembro: resto de documentos contables.

4.3 Quedarán exceptuados do disposto no punto anterior:

a) Os gastos que correspondan a expedientes que teñan a súa orixe en sentenzas xudiciais.

b) As achegas financiadas con cargo ao capítulo IV previstas no Plan de financiamento do Sistema universitario de Galicia.

c) Os expedientes de gasto con cargo ás partidas correspondentes á dependencia, renda de integración, pensións non contributivas e axudas de emerxencia social.

d) Os expedientes de gasto correspondentes a comedores escolares, transporte escolar, gastos de funcionamento dos centros e subvencións a centros concertados.

e) Os expedientes correspondentes a farmacia hospitalaria e receitas médicas.

f) Os expedientes de gasto correspondentes á asistencia xurídica gratuíta.

g) Os expedientes financiados polo Feaga.

h) Os documentos en fase RC para A, documentos A, documentos D e documentos AD con cargo aos créditos do capítulo IV financiados por transferencias finalistas do Estado.

i) Os documentos contables necesarios para reaxustar as anualidades dando cumprimento ao disposto no número 1 do artigo 12 desta orde.

j) Os gastos correspondentes ás seccións 01, 02 e 21 do orzamento de gastos.

k) Os documentos contables ADOK do capítulo VI que fosen autorizados previamente pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma. Para estes efectos, requirirá a dita autorización previa a aprobación do gasto dos expedientes a que se refire o artigo 97.1.a) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

A data límite de entrada nas intervencións delegadas e territoriais para estes expedientes será o 28 de decembro.

4.4. Os documentos contables relativos aos capítulos III, VIII e IX, e os do capítulo I non incluídos no artigo 2 desta orde, terán como data límite de entrada o 28 de decembro.

4.5. Nos organismos autónomos e nas axencias autonómicas non suxeitos a fiscalización previa, as datas a que fan referencia os puntos anteriores entenderanse referidas ao momento da contabilización dos expedientes pola oficina contable da dita entidade.

Artigo 5. Xustificación das operacións

5.1. Os documentos e expedientes a que se refire o artigo 4 deberán remitirse ás intervencións xunto coa totalidade da documentación que preceptúe a normativa que hai que aplicar en cada caso e que acredite a necesidade de contabilizar a operación con cargo ao orzamento do ano 2012.

No suposto de remisión de documentos contables que incumpran o anteriormente sinalado, a intervención delegada procederá á súa devolución ao órgano xestor sen contabilizar, absténdose de contabilizalos no caso de que volvesen ter entrada unha vez transcorrida a data límite establecida.

As intervencións delegadas e territoriais velarán moi especialmente polo cumprimento desta norma.

5.2. En particular, aplicaranse as seguintes normas:

a) Nos expedientes plurianuais de contratos de obras, servizos e subministracións, e de subvencións e convenios, a intervención comprobará que a imputación ao exercicio 2012 a realice a parte que proceda, segundo o programa de traballo ou o plan de investimentos.

b) Aboamentos á conta por operacións preparatorias dos contratos: serán excepcionais e requirirán autorización da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma os aboamentos de anticipos ás empresas adxudicatarias dos contratos, ó órgano de contratación deberá xustificar a súa necesidade de acordo co programa de execución do investimento.

Artigo 6. Actos de recepción

Para os efectos de realizar as comprobacións materiais de aplicación dos fondos públicos en datas compatibles co cerramento do exercicio contable, as solicitudes de designación de representante deberán recibirse na Intervención antes do 14 de decembro de 2012.

Artigo 7. Tramitación de obrigas recoñecidas

A tramitación de expedientes que impliquen o recoñecemento de obrigas realizarase conxuntamente coa correspondente proposta de pagamento. Os interventores delegados e territoriais velarán especialmente polo cumprimento deste artigo.

Artigo 8. Pagamentos que hai que xustificar

8.1. A data límite de entrada nas intervencións delegadas e territoriais dos documentos con fase OK para xustificar será o 11 de decembro e a data límite para que as intervencións delegadas e territoriais os tramiten á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro será o día 14 de decembro.

8.2. As cantidades libradas para xustificar só poderán atender as obrigas adquiridas en 2012, e deberanse reintegrar ao Tesouro da Comunidade Autónoma os importes non aplicados e presentar as contas xustificativas e os documentos contables de formalización dentro do mes de xaneiro de 2013.

Artigo 9. Tramitación e pagamento de mandamentos nos últimos días do mes de decembro

9.1. O último día do exercicio 2012 en que a Tesouraría da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro poderá satisfacer pagamentos será o 31 de decembro.

9.2. Ata que as intervencións delegadas e territoriais deixen de tramitar propostas de pagamento con imputación ao exercicio de 2012, manterase aberta a contabilidade de recepción de tales propostas.

9.3. As ditas dependencias reiniciarán o pagamento dos libramentos pendentes de satisfacer o primeiro día hábil do mes de xaneiro de 2013.

Artigo 10. Contabilidade financeira

A información derivada da contabilidade financeira da Administración xeral deberá conter en dobre columna tanto os resultados correspondentes ao cerramento do exercicio de 2012 como de 2011.

A medida que se dispoña da valoración daquelas partidas de inmobilizado non incluídas na conta de patrimonio, que forma parte integrante da conta xeral, procederase á súa contabilización con aboamento á conta 100, Patrimonio.

Mentres non se establezan os coeficientes de amortización, utilizarase o 2 % para inmobles e o 10 % para o restante inmobilizado amortizable.

Artigo 11. Ingresos procedentes de dereitos liquidados

Os interventores territoriais coidarán moi especialmente o cumprimento do disposto no artigo 80 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que respecta aos dereitos liquidados que non sexan exixibles no momento do cerramento do exercicio orzamentario en virtude do aprazamento, fraccionamento, moratoria ou que o prazo legal para realizar o ingreso en período voluntario exceda o 31 de decembro.

Artigo 12. Operacións de fin de exercicio

12.1. Con anterioridade ao cerramento do exercicio, os centros xestores procederán á anulación dos saldos de documentos en fase D que non representen compromisos con terceiros. Tamén deberán axustar os saldos de compromiso coa realidade mediante os oportunos reaxustes de anualidades.

12.2. Unha vez realizadas estas operacións, os centros xestores remitirán á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma o anexo que figura ao final desta orde en que se comunicará o cerramento do exercicio e a autorización para a anulación dos saldos existentes nas fases A e RC.

12.3. Os créditos que o último día do exercicio non estean afectados ao cumprimento de obrigas xa recoñecidas quedarán anulados de pleno dereito, de conformidade co disposto no artigo 59.1º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

12.4. Como consecuencia do anterior, o último día do exercicio procederase á anulación, para todas e cada unha das aplicacións orzamentarias, dos saldos de autorizacións, así como das retencións de crédito existentes.

12.5. Analogamente, na agrupación de exercicios futuros anularanse os saldos de autorización e os de créditos retidos.

12.6. Todas estas anulacións realizaraas de oficio a Subdirección Xeral de Contabilidade.

Artigo 13. Relación de acredores orzamentarios

Co obxecto de que na fin do exercicio queden regularizados os saldos de obrigas de exercicios pechados, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma remitirá aos distintos centros xestores do orzamento de gastos a relación de acredores.

Os centros xestores xustificarán, antes do día 14 de xaneiro de 2013, aqueles saldos que se correspondan coa existencia dunha obriga real. En caso de que non quede acreditada a dita circunstancia, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma procederá a dar de baixa en contas estes saldos.

Artigo 14. Propostas de pagamento pendentes de realización

A Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro revisará as propostas de pagamento pendentes con antigüidade igual ou superior a un ano, e indicaralle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, antes do día 14 de xaneiro de 2013, aquelas cuxo pagamento non sexa procedente, ben por prescrición ou por calquera outra causa, para a súa anulación.

Artigo 15. Relacións de debedores orzamentarios e de debedores e acredores extraorzamentarios

As intervencións delegadas e territoriais e as oficinas contables, con competencias en materia de contabilidade de ingresos, formarán relacións de debedores orzamentarios e de debedores e acredores extraorzamentarios, xustificativas dos saldos contables pendentes de ingreso ou pagamento respectivamente, debidamente conciliadas cos saldos contables.

Estas relacións remitiranse á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, que adoptará as medidas necesarias para a depuración dos saldos contables afectados.

Artigo 16. Imputación de gastos ao exercicio 2013

Unha vez finalizadas as operacións recollidas nos números 1, 2 e 3 do artigo 12, os centros xestores comunicarán á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, con data límite do 14 de xaneiro, as obrigas derivadas de gastos efectivamente realizados ou de bens e servizos efectivamente recibidos que non alcanzasen a fase contable O no orzamento de 2012 cuxa imputación se pretenda, e con indicación dos motivos que impediron a súa correcta imputación no dito exercicio.

Artigo 17. Información da liquidación provisional das entidades integradas no sector público.

As entidades previstas nas letras d), e) e f) do artigo 1 desta orde e as axencias públicas Autonómicas que nesta data non estean incorporadas ao sistema contable Xumco, remitirán á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, antes do día 25 de xaneiro, a información contable anual nos modelos normalizados, aprobados para tal efecto polo acordo do Consello de Política Fiscal e Financeira do 10 de abril de 2003.

Artigo 18. Elaboración da conta das sociedades públicas

As sociedades mercantís públicas autonómicas procederán ao cerramento da contabilidade do exercicio de 2012 coa antelación suficiente para garantir que as súas contas estean formuladas antes do día 31 de marzo de 2013.

Artigo 19. Cerramento do exercicio de 2012 e apertura do exercicio de 2013

19.1. Sen prexuízo do disposto en normas especiais contidas na presente orde, o día 18 de xaneiro de 2013 pecharase a contabilidade do exercicio de 2012.

19.2. Unha vez pechado o exercicio de 2012, procederase ao traspaso ao exercicio de 2013 dos expedientes procedentes de exercicios anteriores. Non obstante, naqueles casos de urxente e inaprazable necesidade o órgano xestor poderá solicitar o traspaso de determinados expedientes con anterioridade ao peche da contabilidade do exercicio de 2012, e deberá incluírse no expediente a certificación acreditativa do órgano xestor de existencia de crédito adecuado e suficiente que financie todos aqueles expedientes derivados do traspaso.

O traspaso realizarase de acordo coa seguinte orde de prelación:

a) Anualidades de 2013 e futuros consecuencia de compromisos plurianuais contraídos en exercicios anteriores. A data límite para realizar o devandito traspaso será o día 25 de xaneiro de 2013.

b) Expedientes que acadasen en 2012 a fase de compromiso, polo importe polo que non se recoñecese a obriga. A data límite para realizar o traspaso destes expedientes será o día 1 de febreiro de 2013.

c) Compromisos, autorizacións e retencións de crédito correspondentes a expedientes de tramitación anticipada. A data límite para realizar o devandito traspaso será o día 8 de febreiro de 2012.

19.3. As incorporacións de créditos reguladas no artigo 71 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e que de conformidade co disposto na Orde do 20 de decembro de 2007, pola que se regula o procedemento para a incorporación automática de remanentes procedentes de exercicios anteriores, poidan realizarse de xeito automático, realizaranse con data límite do 25 de xaneiro de 2012. No caso de non realizarse de xeito automático, os órganos xestores deberán tramitar o oportuno expediente de modificación orzamentaria dentro da mesma data.

19.4 Cando os expedientes para traspasar ao exercicio 2013 se correspondan con créditos desconcentrados, o centro xestor procederá á desconcentración do crédito necesario para a súa contabilización.

19.5 As intervencións delegadas e territoriais contabilizarán de oficio as operacións do traspaso. No caso de que non proceda a contabilización dalgún destes expedientes, o órgano xestor tramitará as correspondentes operacións de anulación.

19.6. Naqueles casos de urxente e inaprazable necesidade, o órgano xestor poderá solicitar a tramitación dun expediente novo con cargo ao orzamento do ano 2013 con anterioridade ao remate das operacións de traspaso ao exercicio de 2012 dos expedientes procedentes de exercicios anteriores; deberase incluir no expediente a certificación acreditativa do órgano xestor de existencia de crédito adecuado e suficiente que financie tanto o novo expediente como aqueles expedientes derivados do traspaso que estivesen pendentes de contabilizar.

19.7. Con data 15 de febreiro de 2013, as intervencións delegadas e territoriais remitirán á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e aos órganos xestores un informe resumo descritivo da situación do traspaso dos expedientes previstos no punto segundo deste artigo.

Disposición adicional única

Logo de avaliación do cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria, a Dirección Xeral de Orzamentos no caso das modificacións orzamentarias e, para o resto dos casos, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, poderán autorizar a excepción do cumprimento dos prazos establecidos nesta orde mediante resolución motivada e por petición do centro xestor afectado, na cal se xustifique a urxente e inaprazable necesidade do gasto.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma para ditar as instrucións necesarias para o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2012

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda

ANEXO

1. Ponse en coñecemento da Intervención Xeral que a ... concluíu coa tramitación de todos os expedientes con imputación aos orzamentos de 2012.

2. Quedan sen efecto as autorizacións de gasto que non acadaron a fase de compromiso.

3. Así mesmo, infórmase que os créditos que figuran como retidos, pendentes de utilización (fase RC) non van ser utilizados no exercicio, polo que pode procederse á súa anulación.

Santiago de Compostela, ... de ... de 2013

O/a director/a xeral O/a secretario/a xeral