Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Luns, 5 de novembro de 2012 Páx. 41389

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial da Coruña

ANUNCIO das bases para a prestación do servizo de recadación executiva das sancións municipais de tráfico do Concello de Santiago de Compostela.

O Pleno desta Corporación, na sesión ordinaria celebrada o 29 de xuño de 2012, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«37. Aprobar as bases para a xestión por delegación da recadación executiva das sancións de tráfico e aceptación da devandita delegación.

Visto o expediente administrativo, que contén a seguinte documentación:

– Certificado do acordo plenario adoptado polo Concello de Santiago de Compostela do 29 de marzo de 2012.

– Proposta da Tesouraría do 15 de xuño de 2012.

– Informe da Secretaría Xeral do 19 de xuño de 2012.

– Informe da Intervención Xeral do 20 de xuño de 2012.

Esta comisión adopta os seguintes acordos:

1º Aprobar as bases que regulan a delegación que o Concello de Santiago de Compostela realiza na Deputación das facultades en materia de recadación executiva das sancións municipais por infraccións que se deduzan da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria, as ordenanzas municipais sobre tráfico viario, sobre ordenación e regulación de aparcamento e aparcamento de residentes e demais normativa vixente de aplicación, que sexan instruídas polos órganos competentes do Concello.

Bases para a prestación do servizo de recadación executiva das sancións municipais de tráfico ao Concello de Santiago de Compostela

Primeira. Obxecto da delegación

A Deputación Provincial da Coruña asume, por delegación expresa do Concello de Santiago de Compostela, as competencias en materia de recadación executiva das sancións municipais por infraccións que se deduzan da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguridade viaria, as ordenanzas municipais sobre tráfico viario, sobre ordenación e regulación de aparcamento e aparcamento de residentes e demais normativa vixente de aplicación, que fosen instruídas polos órganos competentes do Concello.

Segunda. Alcance do exercicio das competencias delegadas

A delegación de competencias suporá que a Deputación asumirá a totalidade das funcións e atribucións necesarias para levar a cabo o exercicio das competencias da recadación executiva das sancións municipais especificadas na base primeira.

A actuación da Deputación comezará coa notificación das providencias de constrinximento previamente ditadas polo tesoureiro do Concello de Santiago de Compostela e remitidas por este ao Servizo de Recadación da Deputación. Para estes efectos deberá enviarse á Deputación a documentación e o ficheiro informático que acorden as dúas administracións, que conteña a información necesaria para que poida levarse a efecto a xestión obxecto de delegación.

A Deputación Provincial da Coruña levará a cabo o desenvolvemento do procedemento de constrinximento en todas as súas fases, de conformidade co previsto na Lei xeral tributaria e no Regulamento xeral de recadación, sen prexuízo das especialidades que afecten a normativa específica de tráfico e seguridade viaria.

En particular, será competencia da Deputación:

a) A tramitación, concesión e posterior seguimento de aprazamentos e/ou fraccionamentos de pagamento.

b) A declaración de insolvencia e créditos incobrables.

c) A suspensión, nos supostos previstos na normativa de aplicación, do procedemento de constrinximento.

d) O desenvolvemento e execución do expediente de constrinximento desde o seu inicio –coa notificación da providencia de constrinximento– ata a súa terminación, sexa esta por cobramento, insolvencia ou calquera outro dos motivos legalmente establecidos.

e) A práctica de embargos.

Corresponderá á Tesouraría do Concello de Santiago de Compostela:

a) Ditar e emitir a providencia de constrinximento.

b) Resolver os recursos que se presenten contra a providencia de constrinximento.

Terceira. Información da xestión da Deputacion ao Concello

O Concello de Santiago de Compostela terá acceso, en tempo real, a través dos usuarios que se determinen, tanto ao seguimento e control da xestión global realizada por delegación súa como aos seus expedientes individuais. Disporá para estes efectos de todas as posibilidades de consulta que permita a aplicación de xestión da Deputación, dentro do marco establecido pola lexislación xeral sobre protección de datos e a normativa específica que para o seu cumprimento teña aprobada a propia Deputación.

Adicionalmente e con carácter anual, dentro do mes natural seguinte á finalización de cada exercicio, a Deputación renderá estado demostrativo da xestión realizada no ano con indicación de cargos recibidos; pendente de cobramento do ano anterior; rectificacións de cargo, cobramentos e datas; devolucións de ingreso, e pendente de cobramento para o ano seguinte.

Cuarta. Taxa por prestación de servizos delegados

A taxa que debe aboar o Concello de Santiago de Compostela pola xestión realizada obxecto de delegación nestas bases será o equivalente á totalidade da recarga do período executivo que corresponda (10 ou 20 %) relativa ás sancións que fosen efectivamente recadadas.

Quinta. Liquidación ao Concello dos ingresos recadados

A recadación líquida obtida a favor do Concello de Santiago de Compostela liquidarase por trimestres. A de cada trimestre será entregada dentro do trimestre inmediatamente seguinte. Na dita liquidación descontarase a taxa pola prestación do servizo que corresponda, de conformidade co previsto na base anterior.

Sexta. Vixencia da delegación

O prazo de vixencia da delegación de competencias regulada nestas bases será de dez anos contados a partir da súa entrada en vigor.

No entanto, poderase dar fin á dita delegación en calquera momento, por mutuo acordo das partes.

Sétima. Acordos de delegación e aceptación

O procedemento para formalizar a delegación na Deputación, as competencias e funcións que se detallan nas presentes bases será o seguinte:

1º Acordo de delegación de competencias e aprobación destas bases adoptadas polo Pleno do Concello de Santiago de Compostela.

2º Publicación do acordo anterior no Boletín Oficial da provincia e o seu traslado á Deputación, mediante certificación expedida polo secretario xeral do Concello de Santiago de Compostela.

3º Acordo adoptado polo Pleno da Deputación, polo que se aproban as bases e se acepta a delegación nos seus termos.

4º Publicación do acordo no Boletín Oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia, para xeral coñecemento.

Oitava. Entrada en vigor

A entrada en vigor da delegación producirase con efectos do primeiro día do mes seguinte á última publicación das previstas na base anterior. A delegación poderá afectar a xestión executiva daquelas sancións anteriores á data de entrada en vigor que, estando en vía executiva na data en que se entreguen á Deputación teñan un prazo de prescrición que non sexa inferior a seis meses.

Novena. Normativa de desenvolvemento

Habilítase á Presidencia da Deputación para ditar as normas necesarias para o adecuado desenvolvemento destas bases e para unha mellor execución das competencias obxecto de delegación.

2º Aceptar a delegación acordada polo Concello de Santiago de Compostela nas condicións establecidas no devandito acordo e nestas bases para a delegación.

3º Publicar estes acordos no Boletín Oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento».

O que se fai público para xeral coñecemento.

A Coruña, 16 de agosto de 2012

María Dolores Faraldo Botana Mª Amparo C. Taboada Gil
Presidenta en funcións/PDFR 10.8.2012 Secretaria accidental