Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Mércores, 31 de outubro de 2012 Páx. 40956

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 2012, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito interprovincial de Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia.

Visto o acordo polo que se aproba convenio colectivo de ámbito interprovincial de Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia (código 82000512011999), que subscribiron a representación empresarial e a representación dos traballadores, na xuntanza do 24 de xullo de 2012, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, a Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia, creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2012

Odilo Martiñá Rodríguez
Director xeral de Relacións Laborais

ANEXO
Convenio colectivo de ámbito interprovincial da empresa Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, Sociedad Anónima

Preámbulo
Determinación das partes que o concertan

Este convenio colectivo concértano, recoñecéndose mutuamente capacidade e lexitimación suficiente derivada dos poderes ou mandatos outorgados a cada unha das partes para tal efecto, as que a continuación se expresan:

Dun lado, en calidade de representación da empresa:

Constantino Castro Campos, DNI 32658076-P.

María Pillado Mosquera, DNI 32774177-M.

María Luz Veiras Nouche, DNI 32792504-R.

Doutro lado, en calidade de representación dos traballadores:

– Os delegados de persoal da provincia de Pontevedra:

Cristina Montes González, DNI 76988477-W.

Beatriz López Santos, DNI 76866434-C.

Álvaro Rodríguez Pérez, DNI 34962889-Z.

– Os membros do comité de empresa da provincia da Coruña:

Enrique Estella Ledo, DNI 30559070-M.

Laura Fernández Castro, DNI 47358719-V.

Rosario Míguez Cristóbal, DNI 76365218-C.

Juan Carlos Villasenín Grela, DNI 32780201-A.

Mónica Quintela López, DNI 34893031-F.

– Polas organizacións sindicais:

Amador Durán Núñez, DNI 76890290-W, en representación de SITA, Sindicato Independente de Traballadores de Autoestradas.

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este convenio colectivo ten por obxecto regular as relacións laborais entre Autoestradas de Galicia, Autopistas de Galicia, Concesionaria de la Xunta de Galicia, Sociedad Anónima (en diante, Autoestradas), e o persoal ao seu servizo, e será de aplicación en todos os seus centros de traballo.

Artigo 2. Ámbito persoal

Este convenio colectivo será de aplicación exclusivamente a todo o persoal de Autoestradas, cuxos grupos profesionais se encontren incluídos no anexo 2.

Queda excluído do ámbito de aplicación deste convenio o grupo primeiro.

Artigo 3. Ámbito territorial

Este convenio colectivo, de ámbito interprovincial, rexerá en todas as zonas ou centros de traballo que actualmente ten establecidos Autoestradas, así como en todos aqueles que se poidan crear no futuro.

Artigo 4. Ámbito temporal

Este convenio entrará en vigor o día da súa publicación no boletín oficial correspondente, con efectos económicos a partir do día 1 de xaneiro de 2011 ata o 31 de decembro de 2014, salvo para aquelas disposicións de carácter económico nas cales expresamente se estableza o contrario.

Para o resto de disposicións que modifiquen aspectos organizativos da empresa, os ditos cambios resultarán de aplicación, exclusivamente, desde o mes seguinte ao asinamento do presente convenio colectivo, salvo naquelas disposicións de carácter organizativo nas cales expresamente se estableza o contrario.

A duración deste convenio será de catro anos, que se computan desde o 1 de xaneiro de 2011 ata o 31 de decembro do ano 2014.

Unha vez finalizada a vixencia inicial, o presente convenio colectivo entenderase prorrogado en períodos anuais, salvo denuncia expresa de calquera das partes, que deberá ser realizada mediante escrito dirixido á outra parte negociadora cunha antelación mínima de dous meses á data de expiración inicialmente prevista ou, se é o caso, á das prórrogas.

En caso de denuncia expresa de calquera das partes, estas comprométense a iniciar a negociación tras a referida denuncia.

Unha vez denunciado o convenio colectivo e concluída a duración pactada, o convenio colectivo manterá a súa vixencia ata o asinamento dun novo convenio, cos límites temporais establecidos no artigo 86.3 do Estatuto dos traballadores, polo que a vixencia non poderá superar a establecida no citado precepto.

Artigo 5. Prelación de normas

As normas contidas neste convenio regulan as relacións entre a empresa e o seu persoal con carácter preferente e prioritario a outras disposicións de carácter xeral, mesmo naquelas materias en que as súas estipulacións difiran das normas que regulan as actividades específicas da empresa, cuxas derivacións e consecuencias se consideran compensadas co conxunto das melloras e condicións deste convenio en cómputo global anual.

Con carácter supletorio, e no non previsto nel, será de aplicación a lexislación laboral vixente en cada momento e demais disposicións de carácter xeral, incluíndo convenios colectivos ou acordos marco estatais futuros.

Artigo 6. Comisión paritaria

Como órgano de interpretación, arbitraxe, conciliación e vixilancia do convenio, créase unha comisión mixta paritaria, que estará composta por igual número de representantes dos traballadores asinantes do presente convenio que da empresa, cun máximo de tres (3) representantes para cada unha das partes. Ás reunións da comisión mixta poderán asistir asesores externos para calquera das partes. Fíxase como domicilio da comisión paritaria o domicilio da empresa.

No suposto de discrepancia no seo da comisión paritaria, esta poderá ser sometida aos sistemas non xudiciais de solución de conflitos establecidos mediante os acordos interprofesionais de ámbito estatal ou autonómico previstos no artigo 83 do Estatuto dos traballadores, e que resulten de aplicación ao sector da empresa.

Artigo 7. Cláusula de adhesión ao AGA

Ante a importancia que poida ter para a resolución pacífica dos conflitos laborais a elaboración do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos colectivos de traballo (AGA), as partes asinantes do presente convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no acordo anterior (AGA) nos propios termos en que están formuladas.

Artigo 8. Fomento do emprego estable

As partes asinantes do presente convenio colectivo comprométense ao fomento e implantación das medidas necesarias para a consecución da máxima produtividade empresarial e estabilidade laboral no ámbito da empresa, co convencemento de que ambos os aspectos resultan determinantes para a xeración da maior paz social.

Artigo 9. Procedemento para a non aplicación das condicións de traballo reguladas no convenio colectivo

Será de aplicación o regulado para tal fin no artigo 82.3 do Estatuto dos traballadores na redacción dada a este polo Real decreto lei 3/2012, do 10 de febreiro.

CAPÍTULO II
Condicións de traballo

Artigo 10. Xornada e horario laboral

A xornada de traballo, en calquera das súas modalidades, computarase de modo que, tanto ao comezo como ao final da xornada diaria, o traballador se encontre no seu posto de traballo.

A xornada total anual será de 1.768 horas de traballo efectivo durante toda a vixencia do presente convenio.

1. Sistema de traballo a quendas con xornada continuada.

A cobertura do servizo público que presta Autoestradas, con funcionamento ininterrompido das explotacións durante as vinte e catro horas de todos os días do ano, fai indispensable, na práctica, a variabilidade do horario de traballo do persoal de explotación, pola imposibilidade de programar o traballo de forma rigorosamente metódica e previamente coñecida, debido a que as afluencias de tráfico en días e horas determinados están suxeitas a variacións moi sensibles nas cales inflúen múltiples circunstancias.

En consecuencia, establécese o réxime de traballo a quendas de ciclos rotativos, aténdose á lexislación laboral vixente en canto a descansos mínimos.

A empresa poderá, naqueles momentos de necesidade requirida polo servizo, e logo de acordo cos representantes dos traballadores, alterar a orde rotativa das quendas, a súa duración ou establecer a modalidade de xornada partida.

Na elaboración do cadro anual de quendas e ciclos de traballo procurarase, sempre que sexa posible, a repartición das festas semanais e anuais. O cadro publicarase antes do 1 de xaneiro de cada ano.

Na explotación introduciranse novos horarios e ciclos que permitan a súa adecuación á demanda dos tráficos existentes, cubrindo xornadas continuadas ou partidas, fins de semana, días especiais etc.

Para os cobradores de peaxe introdúcese a posibilidade da quenda 5-2 (5 días de traballo e 2 de descanso), que se concreta en traballar de luns a venres, descansando sábados, domingos e festivos, ou outra fórmula equivalente. Para a súa implementación precísase acordo entre a empresa e os representantes legais dos traballadores, logo de solicitude dos traballadores de cada estación de peaxe e, en caso de concorreren varias solicitudes, a súa concesión levarase a efecto tendo en conta como criterio prioritario o da antigüidade na empresa.

Sempre que non se altere o funcionamento ininterrompido das explotacións nin se cause ningún prexuízo á sociedade nin a terceiros, este persoal poderá realizar, logo de autorización da empresa, cambios de quendas e días e ciclos de vacacións entre si, para cuxo fin será solicitado por escrito con dous días de antelación no primeiro caso e con quince días de antelación para o suposto do cambio de vacacións ao departamento correspondente, e ao de persoal, en todo caso.

Cando o empregado ocupe un posto de traballo no cal, ao remate da súa xornada, teña que ser substituído, non poderá dala por concluída ata a chegada do correspondente substituto ou ata que sexa substituído. Para os efectos da compensación polos tempos de axuste entre quendas establécese o complemento de traballo a quendas polas contías reflectidas no artigo 22 Retribucións e complementos fixos.

2. Sistema de traballo con xornada partida.

O persoal administrativo e de explotación non suxeito a quendas rexerase polos horarios que en cada momento determine a dirección da empresa na forma prevista no anexo 1, manténdose as mesmas horas de xornada anual.

3. Descanso en xornada continuada (sistema de traballo a quendas).

Conforme a lexislación vixente, sempre que a duración da xornada diaria continuada exceda as seis horas, deberá establecerse un período de descanso durante esta non inferior a quince minutos. O dito descanso terá consideración de tempo efectivo de traballo.

Naquelas dependencias ou áreas de peaxe en que se encontre de servizo un único cobrador de peaxe por cada quenda de traballo de máis de seis horas de duración, o descanso a que se refire o parágrafo anterior entenderase que foi desfrutado no propio posto de traballo sen interrupción da xornada ordinaria, debido a necesidades do servizo, que fan imposible a interrupción da atención ao usuario; normas de tráfico, que prohiben o tránsito de peóns polas vías de uso exclusivo para vehículos, e exixencias da lexislación de prevención de riscos laborais, que aconsellen que o traballador non abandone o posto de traballo ata a finalización da súa xornada diaria.

Para os efectos de compensar o descanso sen interrupción da xornada a que se refire o parágrafo anterior, establécense as seguintes alternativas:

1) Por cada xornada diaria de traballo efectivo, que supere as seis horas de duración e na cal se desfrutou o descanso sen interrupción da xornada, o cobrador devindicará o dereito a un período de descanso compensatorio suplementario de 15 minutos. Desfrutará os ditos suplementos de forma acumulada, a razón de 24 períodos devindicados de descanso compensatorio, que darán dereito a 1 día de descanso completo.

2) Alternativamente ao previsto anteriormente e dándose as mesmas condicións, o traballador poderá, en vez de acumular os períodos devindicados, optar por ampliar a duración dos seus descansos legais, con interrupción da xornada, de 15 minutos, ata un total de 30 minutos.

3) Esta última opción terá que ser exercida por petición á dirección da empresa, a cal dará traslado da súa autorización ou negativa nun prazo inferior a sete días. Igual formalidade requirirá a súa cancelación.

Artigo 11. Descansos e festas

Todo o persoal terá dereito a descansar o total das festas anuais, nacionais, autonómicas ou locais, establecidas no calendario laboral fixado pola autoridade laboral, que publicará a empresa a principios de cada ano en todos os centros de traballo, ou, nos supostos de modificación, acompañado do informe dos representantes dos traballadores que se emitirá no prazo improrrogable de trinta días naturais computados a partir do día en que para isto foren requiridos pola empresa.

O día 10 de xullo de cada ano, festividade de San Cristovo, será considerado como día laborable. Porén, o persoal que nesa data teña que traballar xerará dereito a un día de descanso alternativo, cuxo desfrute será pactado previamente coa empresa.

Ao persoal de explotación suxeito a quendas que traballe as noites dos días 24 e 31 de decembro seralle compensado cun día libre en cada caso.

Establécese a posibilidade de compensar, cando existan razóns de índole organizativa que así o aconsellen, o desfrute dos días 10 de xullo e as noites dos días 24 e 31 de decembro por unha compensación económica de 60 euros/día, que se aboará na nómina seguinte ao mes de devindicación.

Non obstante, tendo en conta a condición de servizo público que presta a empresa e o funcionamento ininterrompido da explotación durante as vinte e catro horas de todos os días do ano, quedan exceptuados do descanso en sábados, domingos e festivos, de acordo coa lexislación laboral vixente, aqueles traballadores que están destinados en servizos directamente relacionados coa explotación, ben que desfrutarán dos descansos segundo o ciclo que lles corresponda.

Artigo 12. Vacacións

Todo o persoal terá dereito a un período de vacacións anuais retribuídas –entendéndose como tal remuneración os conceptos de soldo base, complemento de traballo a quendas e, ademais, cando proceda, o complemento salarial de posto– non substituíble por compensación económica de trinta días naturais, baixo o cumprimento dos criterios seguintes:

1. Por norma xeral, as vacacións desfrutaranse ininterrompidamente, ben que por necesidades do servizo ou conveniencia do traballador e a empresa, poderán dividirse en dous períodos como máximo, debendo ser desfrutado un deles na fase comprendida entre o 16 de xuño e o 15 de setembro de cada ano (ambos inclusive) e o outro na fase invernal entre o 1 de decembro e o 30 de abril (ambos inclusive). En ambos os casos, nas peticións debe incorporarse, polo menos, unha das quendas dentro da quincena correspondente.

2. Para o persoal de oficinas centrais admitirase un fraccionamento do período de vacacións en tres períodos, sempre que, polo menos, un deles se desfrute na xornada de verán (entre o 1 de xuño e o 30 de setembro).

3. Ningún empregado poderá comezar as vacacións sen asinar o parte de autorización establecido para este fin. Na duración das vacacións estableceranse criterios de proporcionalidade nos casos previstos pola lei, cando a incorporación ou baixa do persoal non coincida co comezo ou fin do ano natural.

4. De acordo co conxunto de normas previstas no presente artigo, confeccionarase o calendario anual de vacacións, abrirase no mes de setembro un prazo de 30 días naturais para a recepción de solicitudes de períodos de vacacións de inverno do exercicio seguinte e abrirase outro no mes de marzo, para a recepción de solicitudes de períodos de vacacións de verán do ano en curso. O calendario será elaborado en función das solicitudes recibidas. Para a súa publicación oficial deberá ser comunicado con carácter previo á representación dos traballadores.

5. Para a elección das vacacións seguirase un sistema rotatorio por grupos profesionais, áreas de peaxe, dependencias e centros de traballo de forma que no primeiro ano a elección prioritaria quede en favor do persoal de maior antigüidade e idade respectivamente, rotando na prioridade en anos sucesivos. Non obstante, a mobilidade do persoal dun grupo a outro motivado por traslado voluntario, traslado forzoso por sanción, cambio de centro de traballo, excedencia ou permuta, implicará ocupar o último lugar do grupo a que pertence o seu novo posto de traballo. Se son varios os traballadores afectados á vez, terase en conta a maior antigüidade e recorrerase, en último caso, ao sorteo. Cando unha orde de prioridade para a elección das vacacións se vexa afectada por unha vacante, esta será completada de forma que o posto libre sexa ocupado polo traballador inmediatamente posterior e así sucesivamente ata reintegrar na súa totalidade sen solución de continuidade a orde de elección entre todos os traballadores afectados.

Artigo 13. Licenzas, permisos e excedencias

a) Licenzas remuneradas.

Os traballadores, logo de aviso e xustificación documental cando así sexa requirida, poderán ausentarse do traballo, con dereito a remuneración polos conceptos de soldo base e complementos salariais e extrasalariais incluídos na táboa do anexo 3, e en consonancia co disposto no Estatuto dos traballadores, artigo 37.3, por algún dos motivos e polo tempo e condicións fixados no anexo 7.

b) Licenzas non remuneradas.

Tamén poderá o persoal que teña un mínimo de dous anos de antigüidade na empresa solicitar licenzas sen dereito a remuneración, logo de aviso e xustificación documental, nos supostos seguintes:

b.1) Por prazo non inferior a seis días nin superior a trinta, e seralles concedida sempre que o permitan as necesidades do servizo.

b.2) Ata un máximo de dous días como ampliación de calquera licenza das previstas na letra a).

c) Aviso previo, autorización e xustificación: para os efectos de aviso previo, autorización e xustificación de cada unha das licenzas incluídas nos puntos anteriores, entenderase o seguinte:

Aviso previo: entenderase que unha licenza foi correctamente avisada previamente se é comunicada polo menos ao superior xerárquico inmediato, por calquera dos medios previstos para tal fin, cunha anticipación mínima á data de desfrute, en función da natureza da licenza.

Autorización: entenderase que unha licenza foi autorizada pola empresa cando non se comunique o contrario por escrito dentro das 48 horas seguintes á de aviso previo.

Xustificación: entenderase que unha licenza foi convenientemente xustificada cando, unha vez desfrutada, se faga entrega á dirección da empresa da documentación escrita requirida por aquela e dentro dos prazos que para tal efecto se establezan para cada permiso.

Artigo 14. Excedencias

1. Excedencia forzosa.

Os traballadores terán dereito a que a empresa lles recoñeza a situación de excedencia forzosa, coa conservación do posto de traballo e da antigüidade, cando sexan designados ou elixidos para un cargo público que lles imposibilite a asistencia ao traballo. O reingreso deberá ser solicitado polo traballador dentro do mes seguinte ao cesamento no cargo público, de non ser así entenderase que o traballador opta pola resolución definitiva do contrato de traballo.

2. Excedencia voluntaria.

a) O traballador con polo menos unha antigüidade na empresa dun ano ten o dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor a catro meses e non maior a cinco anos. Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

b) Os traballadores terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos, para atender o coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza como por adopción, tanto permanente como preadoptivo, aínda que este sexa provisional, contado desde a data de nacemento deste ou, se é o caso, desde a de resolución xudicial ou administrativa.

Tamén terán dereito a un período de excedencia, de duración non superior a dous anos, os traballadores para atender o coidado dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída.

A excedencia recollida neste punto constitúe un dereito individual dos traballadores, homes ou mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, poderá limitarse o seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

Cando un novo suxeito causante dese dereito a un novo período de excedencia, o inicio desta dará fin á que, se é o caso, se viñese desfrutando.

O período en que o traballador permaneza en situación de excedencia conforme o establecido neste artigo será computable para efectos de antigüidade e o traballador terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional, a cuxa participación deberá ser convocado pola empresa, especialmente con ocasión da súa reincorporación. Durante o primeiro ano terá dereito á reserva do seu posto de traballo. Transcorrido o dito prazo, a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional.

c) Así mesmo, poderán solicitar o seu pase á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

d) Cando como consecuencia da Lei 53/1984, do 26 de decembro, sobre incompatibilidades, e demais normas que a desenvolven, o persoal deba optar por un posto de traballo, quedando no que cesase en situación de excedencia voluntaria, aínda cando non cumprise un ano de antigüidade na empresa, conservará indefinidamente o dereito preferente ao reingreso en vacante de igual ou similar grupo profesional ao seu que houbese ou se producise na empresa.

Nos supostos das anteriores letras a), c) e d), o traballador excedente conserva só un dereito preferente ao reingreso nas vacantes de igual ou similar grupo profesional ao seu que houbese ou se producise na empresa, sempre que o solicite cunha antelación dun mes como mínimo contado desde a desaparición da causa motivadora da excedencia ou vencemento do período solicitado.

Para os efectos xurídicos pertinentes, a empresa virá obrigada a responder a toda petición formulada por escrito, argumentando a súa decisión e data de aplicación, dentro dun prazo máximo de trinta días desde a recepción da petición.

Artigo 15. Grupos profesionais

O persoal encadrarase, en atención á función que realice, nalgún dos seguintes grupos profesionais:

Grupo profesional primeiro: persoal de dirección e xerencia.

Grupo profesional segundo: persoal técnico e administrativo.

Grupo profesional terceiro: persoal de explotación e mantemento.

A empresa, en virtude das súas exclusivas facultades de organización e dirección, encadrará o persoal nos grupos profesionais que, sen seren exhaustivos nin condicionantes, figuran relacionados no anexo 2, e foron determinados conforme os seguintes factores:

A. Nivel de coñecementos: a determinación do nivel de coñecementos establécese en función da formación básica necesaria para poder cumprir adecuadamente o labor do grupo profesional de pertenza. O presente factor susténtase na consideración ponderada, por un lado, da formación teórico-práctica e, por outro, da experiencia profesional. Distínguense os tres niveis seguintes: alto, medio e básico.

B. Nivel de autonomía: factor polo cal se ten en conta a maior ou menor dependencia e subordinación no desempeño da función que se desenvolva, tendo en conta, a capacidade de detección de problemas, a de adopción autónoma de solucións, as limitacións organizativas do posto de traballo a normas, protocolos ou nivel de orde xerárquica e o propio nivel de obriga intrínseca ao seu exercicio para a determinación e adopción das solucións máis adecuadas en cada caso. Distínguense os tres niveis seguintes: alto, medio e básico.

C. Nivel de complexidade: factor cuxa valoración está determinada en función do grao de dificultade do posto de traballo, do grao de habilidades específicas ou especiais requiridas (físicas, intelectuais, manuais, técnicas etc.), e das circunstancias ambientais relativas ás condicións laborais propias do posto (exterior, interior, nivel de risco etc.) e da súa modalidade de desempeño (diúrno, nocturno, xornada continua, a quendas ou partida etc.). Distínguense os tres niveis seguintes: alto, medio e básico.

D. Nivel de responsabilidade e mando: factor que mide o nivel de intervención na xestión, os resultados económicos ou técnicos da empresa, así como a capacidade de representación interna ou externa da vontade societaria, entendéndose como tal o conxunto de tarefas de planificación, organización, control, interrelación e dirección propias dos administradores da sociedade, as cales, son exercidas directamente ou por delegación, apoderamento ou representación. Distínguense os tres niveis seguintes: dirección e xerencia, medio e básico.

Artigo 16. Definición de postos de traballo. Cobrador de peaxe

O posto comprende indistintamente as funcións de recadación do importe da peaxe, reconto, custodia e transporte das cantidades recadadas, control de movemento dos vehículos que utilicen a vía ao seu coidado e a súa clasificación, confección de documentos e formalización de trámites administrativos relacionados co cobramento da peaxe; función de correo comprensiva da recolla, transporte e distribución de documentación entre estacións de peaxe e áreas ou centros que se lle indiquen; confección de estatísticas manualmente ou por medio de elementos informáticos, vixilancia da limpeza e do correcto estado de conservación e funcionamento dos materiais, instalacións, maquinaria e equipamentos que estean ao seu coidado dando conta das anomalías que observe e requirindo a asistencia necesaria dos servizos correspondentes para a súa corrección; ordenación do tráfico na zona en que preste os seus servizos e cooperación na seguridade e asistencia aos usuarios utilizando os medios de transmisión de solicitudes de socorro, vixilancia da circulación e do bo estado de conservación e orde do edificio en que preste os seus servizos e da autoestrada, colaboración cos demais servizos da autoestrada e, en xeral, calquera outra análoga ás anteriores e con elas relacionada que deba ser considerada como naturalmente comprendida entre as propias do posto.

Atenderá os emisores de tícket (inmediatos e remotos), en canto a corrección de fallos, substitución de rolos etc., así como a maquinaria en vías automáticas e/ou dinámicas ou de telepeaxe, e resolverá os conflitos cos usuarios.

Artigo 17. Mobilidade funcional

1. A mobilidade funcional no seo da empresa efectuarase de acordo coas titulacións académicas ou profesionais para exercer a prestación laboral e con respecto á dignidade do traballador.

2. A mobilidade funcional para a realización de funcións, tanto superiores como inferiores, non correspondentes ao grupo profesional só será posible se existen, ademais, razóns técnicas ou organizativas que a xustifiquen e polo tempo imprescindible para a súa atención. A empresa deberá comunicar a súa decisión e as razóns desta aos representantes dos traballadores.

3. A mobilidade funcional efectuarase sen menoscabo da dignidade do traballador e sen prexuízo da súa formación e promoción profesional, tendo dereito á retribución correspondente ás funcións que efectivamente realice, salvo nos casos de encomenda de funcións inferiores, en que manterá a retribución de orixe. Non caberá invocar as causas de despedimento obxectivo de ineptitude sobrevida ou de falta de adaptación nos supostos de realización de funcións distintas das habituais como consecuencia da mobilidade funcional.

4. Se como consecuencia da mobilidade funcional se realizasen funcións superiores ás do grupo profesional por un período superior a seis meses durante un ano ou a oito durante dous anos, o traballador poderá reclamar o ascenso, se a isto non obsta o disposto no presente convenio colectivo ou, en todo caso, a cobertura de vacante correspondente ás funcións por el realizadas conforme as regras en materia de ascensos aplicables na empresa, sen prexuízo de reclamar a diferenza salarial correspondente. Estas accións serán acumulables. Contra a negativa da empresa, e logo de informe da representación dos traballadores, o traballador poderá reclamar ante a xurisdición competente.

5. O cambio de funcións distintas das pactadas non incluído nos supostos previstos neste artigo requirirá o acordo das partes ou, no seu defecto, o sometemento ás regras previstas para as modificacións substanciais de condicións de traballo ou ás que para tal fin se establecesen no presente convenio colectivo.

Artigo 18. Mobilidade xeográfica

Ademais dos centros de traballo destinados a oficinas centrais ou delegacións, a empresa por razón do servizo que presta ten agrupadas as súas instalacións e dependencias en sectores denominados zonas ou centros de traballo que comprenden determinados e concretos tramos de explotación coa posibilidade de que dentro de cada unha da zonas se localicen varias dependencias, en aplicación da distribución actual establecida no artigo 30 Zonas ou centros de traballo, do presente convenio colectivo.

Os traslados que por necesidades do servizo teñan lugar entre as dependencias dunha mesma zona ou centro de traballo constitúen unha manifestación do poder de organización da empresa e non se considerarán en ningún caso mobilidade xeográfica, sen prexuízo das compensacións económicas que se establecen no artigo 21 Retribucións e complementos fixos, e no artigo 22 Retribucións eventuais ou variables. Para os demais supostos de mobilidade xeográfica, traslados e desprazamentos, observarase o disposto no artigo 40 do Estatuto dos traballadores e na lexislación vixente nesta materia.

Artigo 19. Provisión de vacantes

Cando por exixencias do servizo sexa necesaria a provisión dalgunha vacante, a empresa procederá conforme os seguintes criterios:

1. Criterios xerais.

Como regra xeral e baixo o principio de igualdade de oportunidades recorrerase a persoal con acreditada experiencia profesional e formación específica para calquera proceso de provisión de vacante.

Para isto, tendo en conta as circunstancias concretas de cada vacante, a empresa iniciará o correspondente proceso de selección, o cal valorará, polo menos, os factores que se describen a continuación e de acordo coa orde xerárquica e proporción seguinte:

1) Historial profesional e académico acreditado dos candidatos, realizando para isto as probas e exames que se consideren pertinentes. Polo menos o 60 % da puntuación posible.

2) Historial laboral na empresa. Un máximo do 20 % da puntuación posible.

3) Antigüidade na empresa. Un máximo do 20 % da puntuación posible.

2. Postos de nova creación.

Os postos de traballo de nova creación cubriranse, en primeiro lugar, sempre e cando isto sexa posible, con persoal da empresa que xa ocupe un posto de traballo nela, baixo o respecto estrito ao principio de igualdade de oportunidades, aos criterios xerais recollidos no punto 1. e ás restantes normas de selección de persoal establecidas pola compañía.

3. Concursos de vacantes internas.

Cando as vacantes se refiran a postos xa existentes (internos) dentro do grupo profesional con polo menos tres traballadores en activo en distinta zona ou centro de traballo ao da vacante, a empresa, salvo circunstancias que o xustifiquen, procederá a convocar con carácter previo á provisión da dita vacante o correspondente concurso de méritos por traslado no cal se valorarán de forma xerárquica e en consonancia cos criterios xerais recollidos no punto 1., polo menos e de forma especifica, as seguintes circunstancias:

1) Historial laboral na empresa.

2) Antigüidade do traballador.

3) Circunstancias familiares do traballador.

4) Circunstancias de explotación.

No caso específico do grupo profesional de cobradores de peaxe, poderán participar nos procesos de provisión de vacantes internas todos os traballadores pertencentes á mesma zona ou centro de traballo pero adscritos a diferente dependencia ou área de peaxe.

4. Ascensos.

O ascenso é a promoción do traballador ou traballadora a un grupo profesional superior ou a un distinto nivel dentro do mesmo grupo, e distinta da antes realizada, con carácter permanente.

O sistema básico de ascenso é o de valoración da formación de traballador ou traballadora tomando como referencia, ademais das determinadas nos criterios xerais para a provisión de vacantes, polo menos e de forma especifica, as seguintes circunstancias:

1) Experiencia profesional e/ou coñecemento do posto de traballo.

2) Desempeño de funcións de superior grupo profesional.

3) Antigüidade.

5. Postos de libre designación.

Terán carácter de posto de libre designación aqueles que requiran especial formación técnica, elevado grao de confianza ou actitude de mando.

En calquera caso, a empresa deberá comunicar á representación dos traballadores, de forma previa e con carácter informativo, a apertura de cada proceso de selección, co obxecto de consensuar o referente ás súas condicións e características. Igualmente, cando se resolva o referido proceso selectivo, a empresa dará conta á representación dos traballadores das circunstancias máis relevantes do dito proceso.

CAPÍTULO III
Condicións económicas

Artigo 20. Normas xerais

As retribucións do traballo axustaranse ás normas establecidas no Estatuto dos traballadores e demais disposicións vixentes en cada momento.

As remuneracións anuais previstas neste convenio están establecidas en función das horas anuais de traballo acordadas no artigo 10 Xornada e horario laboral, para todos e cada un dos grupos profesionais e niveis dentro do mesmo grupo, pertencentes aos grupos profesionais segundo e terceiro, respecto de cada un dos conceptos salariais e extrasalariais aplicables a cada grupo profesional e polos importes que aparecen recollidos no anexo 3 do presente convenio, para o ano 2011.

Igualmente, as remuneracións anuais virán determinadas pola normativa recollida no artigo 24 Cláusula de revisión salarial, do presente convenio sobre actualización salarial para os exercicios 2011, 2012, 2013 e 2014, e polo establecido en materia de estrutura salarial, de incrementos salariais e de acumulación salarial nos puntos seguintes:

A) Estrutura salarial. A estrutura salarial queda determinada da forma seguinte:

a.1) Retribucións fixas e periódicas:

• Soldo base.

• Traballo a quendas.

• Complemento vehículo.

• Quebrantamento de moeda, reconto e contaxe.

• Complemento de transporte.

• Complementos de posto de traballo e/ou complementos persoais.

a.2) Retribucións eventuais e variables:

• Complemento nocturno.

• Complemento de festivos.

• Complemento de produtividade.

Artigo 21. Retribucións e complementos fixos

A) Soldo base.

Soldo base é a parte de retribución por unidade de tempo que figura para cada nivel profesional na columna denominada salario base do anexo 3. Aboarase de forma fraccionada e en catorce pagas anuais, doce de carácter mensual e dúas de carácter extraordinario, de acordo co previsto no artigo 25 Gratificacións extraordinarias, do presente convenio colectivo.

B) Complemento de traballo a quendas.

Para os grupos profesionais que así o recollan nas táboas salariais incluídas no anexo 3 establécese este complemento como compensación á aceptación obrigatoria da variabilidade de horarios e o traballo a quendas, incluídos aqueles que supoñan a prestación de traballo en horas nocturnas, como elemento esencial da súa prestación laboral, así mesmo, as incomodidades e posibles solapamentos necesarios entre o persoal saínte e o entrante na quenda, ata os límites fixados no artigo 23 Horas extraordinarias. Aboarase de forma fraccionada e en catorce pagas anuais, doce de carácter mensual e dúas de carácter extraordinario, de acordo co previsto no artigo 25 Gratificacións extraordinarias, do presente convenio colectivo.

C) Complemento de vehículo.

Este complemento aboarase, para os grupos profesionais e polos importes fixados no anexo co fin de compensar e indemnizar a utilización do vehículo particular, cando por necesidades do servizo, o traballador utilice o seu vehículo particular para o seu traslado entre as dependencias dunha zona ou centro de traballo, conforme o establecido no artigo 30 Zonas ou centros de traballo. Aboarase de forma fraccionada e en once pagas anuais de carácter mensual, de acordo co previsto no artigo 25 Gratificacións extraordinarias, do presente convenio colectivo.

D) Quebrantamento de moeda, reconto e contaxe.

Os traballadores incluídos na táboa salarial do anexo 3 para cuxo grupo se estableza este complemento percibirán as contías correspondentes, polas diferenzas debidas a posibles erros nas súas liquidacións, polo tempo necesario para prepararse para iniciar o período de traballo en cabina, unha vez concluído este, efectuar as liquidacións e ordenación de documentos que, en ningún caso, poderá realizarse na cabina, onde deberá estar pendente do usuario, senón no lugar designado pola empresa en cada dependencia.

O importe das posibles diferenzas monetarias indicadas será detraído na medida necesaria ata chegar á súa cobertura nas retribucións mensuais, unha vez comprobadas as circunstancias que xeraron tales diferenzas. Aboarase de forma fraccionada e en once pagas anuais de carácter mensual, de acordo co previsto no artigo 25 Gratificacións extraordinarias, do presente convenio colectivo.

E) Complemento de transporte.

Este complemento será percibido en todos os casos en que a empresa non transporte os traballadores desde os seus domicilios ou lugares inmediatos aos seus respectivos centros de traballo. Aboarase aos grupos profesionais e polos importes fixados no anexo 3. Aboarase de forma fraccionada en once pagas anuais de carácter mensual, de acordo co previsto no artigo 25 Gratificacións extraordinarias, do presente convenio colectivo.

F) Complementos de posto de traballo ou complementos persoais.

Este complemento será percibido en función do posto de traballo ao cal se encontra adscrito ou aos méritos especiais recoñecidos a cada traballador en función dos coñecementos do traballador, grao de autonomía, especial dificultade ou nivel de xefatura, representación e mando. Aboarase de forma fraccionada e en catorce pagas anuais, doce de carácter mensual e dúas de carácter extraordinario, de acordo co previsto no artigo 25 Gratificacións extraordinarias, do presente convenio colectivo.

Artigo 22. Retribucións eventuais ou variables

A) Complemento nocturno.

Para os efectos do presente convenio colectivo, entenderase como traballo nocturno o realizado exclusivamente dentro da denominada quenda nocturna, de acordo co así establecido en materia de xornada e horario laboral no artigo 10 Xornada e horario laboral, do presente convenio. En consecuencia, terá a consideración de traballo nocturno o realizado entre as 22.00 horas e as 6.00 horas.

O persoal que traballe na quenda nocturna terá a retribución específica que se sinala no anexo 4 deste convenio en concepto de traballo nocturno.

A dita retribución específica afectará exclusivamente aqueles traballadores cuxas condicións laborais e/ou as súas estipulacións contractuais determinen que o desempeño das súas tarefas laborais debe ser realizado en períodos ou días concretos entre as 22.00 e as 6.00 horas.

A programación mensual das tarefas sinaladas máis arriba deberá recoller sistematicamente a dita distribución horaria, sendo as horas efectivamente realizadas a base para o cálculo da dita retribución.

Por razóns de orde técnico-administrativa dos correspondentes peches mensuais, o aboamento do importe de complemento nocturno efectuarase por meses vencidos na nómina correspondente.

B) Complemento de festivos.

Para os efectos do presente convenio colectivo e para o grupo profesional de cobradores de peaxe, acórdase a creación dun complemento de festivos, co obxecto de compensar a realización efectiva de quendas de traballo en domingo ou día festivo nacional, autonómico ou local. A retribución específica por hora traballada en domingo ou festivos será a que se sinala no anexo 4.

C) Complemento de produtividade.

O complemento de produtividade ten por obxecto compensar a imposibilidade de distribuír a produción total da empresa (tránsitos de vehículos polas autoestradas) entre cada traballador de forma homoxénea como consecuencia das diferentes intensidades de tráfico observadas e cuxa distribución natural non depende, en ningún caso, nin dos traballadores, nin da empresa.

O presente complemento de produtividade será aboado en dous tramos independentes denominados produtividade I e produtividade II, retribuíndo en ambos os casos a produción realizada por cada traballador de forma individual, en termos do volume de tránsitos totais anuais xestionados e de acordo coas condicións establecidas no anexo 5.

O total individual que se aboará resultará da suma de produtividade I e produtividade II, e procederase ao aboamento con carácter bimensual (a partir de xaneiro do ano 2013), para o concepto denominado produtividade I e para o concepto produtividade II, unha vez coñecidos os incrementos de ingresos de peaxe de cada exercicio, se fose procedente, de forma conxunta coas actualizacións salariais previstas no artigo 24 Cláusula de revisión salarial, e isto, para cada un dos exercicios de referencia.

Artigo 23. Horas extraordinarias

As partes asinantes do presente convenio acordan a conveniencia de reducir ao mínimo indispensable a realización de horas extraordinarias, axustándose aos seguintes criterios:

Acórdase a realización de horas extraordinarias só en caso de forza maior e as estruturais.

Enténdense por causas de forza maior as que se producen para previr ou reparar sinistros e outros danos ou causas extraordinarias e urxentes, imprevistos ou previstos e inevitables.

As horas extraordinarias estruturais son aquelas traballadas motivadas por períodos punta de produción, ausencias imprevistas ou outras circunstancias de carácter estrutural derivadas da natureza da actividade da empresa.

Os solapamentos entre a quenda entrante e saínte consideraranse retribuídos e compensados polo complemento de traballo a quendas conforme o disposto no artigo 21 Retribucións e complementos fixos.

Cando os ditos solapamentos se orixinen por un atraso na incorporación ao seu posto de traballo do traballador entrante e a causa que orixine o dito atraso non sexa atribuíble á organización da empresa, o tempo de solapamento recibirá o tratamento de horas extraordinarias (conforme o disposto no presente artigo) cando a prolongación de xornada exceda os 15 minutos, sempre e cando non se proceda a compensar a dita prolongación ao traballador afectado cunha redución de xornada da mesma duración por parte do traballador causante noutro cambio de quenda.

A dirección da empresa informará periodicamente os representantes legais dos traballadores sobre o número de horas extraordinarias realizadas, especificando as causas e, se é o caso, a distribución por seccións ou quendas.

Poderanse retribuír ou compensar as horas extraordinarias por tempo de descanso do seguinte modo:

Retribución da hora extraordinaria: dúas horas ordinarias (ver anexo 4).

Compensación con tempo de descanso:

• Por razóns de forza maior ou estrutural: dúas horas ordinarias.

• Por solapamentos entre traballadores: mesmo tempo.

Artigo 24. Cláusula de revisión salarial

Revisaranse os salarios con carácter anual, incrementándose en función do índice de prezos de consumo (IPC) establecido polo Instituto Nacional de Estatística (INE) en 31 de decembro de cada un dos anos 2011, 2012, 2013 e 2014, da seguinte forma:

Incremento ano 2011: 100 % do IPC ano 2011.

Incremento ano 2012: 95 % do IPC ano 2012.

Incremento ano 2013: 95 % do IPC ano 2013.

Incremento ano 2014: 95 % do IPC ano 2014.

No ano 2014 se se producise un incremento de tráfico positivo con respecto ao ano 2013, o incremento de salarios do ano 2014 sería do 100 % do IPC dese ano.

A revisión salarial da diferenza efectuarase tan axiña como se constate oficialmente a dita circunstancia. Tal diferenza aboarase con efectos do 1 de xaneiro de cada ano, servindo por conseguinte como base de cálculo para o incremento salarial dos sucesivos anos, e para levalo a cabo tomaranse como referencia os salarios ou táboas utilizados para realizar os aumentos pactados nos ditos anos.

A revisión aboarase nunha soa paga, durante o primeiro trimestre do exercicio inmediatamente posterior ao de revisión salarial.

Artigo 25. Gratificacións extraordinarias

Establécense dúas gratificacións extraordinarias cuxa devindicación será anual. A primeira percibirase no mes de xuño e a segunda no mes de novembro, ambas xunto coa nómina do mes correspondente.

Os conceptos salariais que interveñen nas pagas extraordinarias serán os previstos no artigo 12 Vacacións.

Artigo 26. Anticipos de haberes

Con obxecto de poder cubrir circunstancias imprevistas, de carácter excepcional, por necesidades urxentes ou inaprazables, os traballadores poderán desfrutar de anticipos sobre haberes de acordo coas seguintes normas:

a) O traballador e, coa súa autorización, os seus representantes legais, terán dereito a percibir, sen que chegue o día sinalado para o pagamento, anticipos á conta do traballo xa realizado.

b) Alternativamente, o traballador cuxa antigüidade sexa superior a 12 meses poderá solicitar, logo de xustificación fidedigna da súa necesidade, anticipos sobre haberes extraordinarios de acordo coas seguintes normas:

• Entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño, o traballador poderá solicitar anticipos sobre haberes de ata o 100 % da paga extraordinaria neta que percibirá no mes de xullo.

• Entre o 1 de agosto e o 30 de novembro, o traballador poderá solicitar anticipos sobre haberes de ata o 100 % da paga extraordinaria neta que percibirá no mes de decembro.

• Os ditos anticipos amortizaranse polo 100 % da cantidade anticipada no momento do aboamento ao conxunto do cadro de persoal da paga extraordinaria correspondente.

• Non serán autorizados anticipos sobre pagas extraordinarias sucesivas.

• Non serán autorizados máis de dous anticipos extraordinarios no prazo de catro anos.

• O fondo global para anticipos non superará o 30 % do importe total neto da seguinte paga extraordinaria.

• Non se poderá simultanear anticipos sobre haberes extraordinarios e ordinarios.

Artigo 27. Tarxetas de peaxe

Todos os traballadores incluídos no presente convenio terán dereito a que a empresa lles facilite unha tarxeta de peaxe, que lles permita a utilización gratuíta da autoestrada, nos seguintes termos:

1. A tarxeta de peaxe será nominativa e intransferible, e nela figurará o nome do traballador. Debe exhibila por requirimento do cobrador de peaxe e este ten a obriga de comprobar a identidade do usuario desta tarxeta.

2. O uso da dita tarxeta por persoa distinta daquela a cuxo favor se expediu considerarase como unha falta moi grave de carácter laboral, e a empresa reserva para si as accións que disto poidan derivar.

3. O traballador deberá conservar debidamente a tarxeta e en caso de perda ou extravío o titular deberá comunicarllo á empresa de inmediato por escrito.

4. No suposto da extinción da relación laboral o traballador deberá entregar a súa tarxeta, no momento de asinar a liquidación de haberes.

CAPÍTULO IV
Organización do traballo

Artigo 28. Normas xerais

A organización do traballo, dentro das normas e orientacións deste convenio e as disposicións legais, é facultade da dirección da empresa.

Artigo 29. Organización da empresa

Seguindo o proclamado anteriormente, a empresa adecuará o seu funcionamento orgánico de acordo coa actividade que deba desenvolver, determinando as cotas de persoal necesario en cantas especialidades sexan precisas, así como as escalas xerárquicas dentro da organización e os diferentes grupos profesionais.

Ao conxunto do persoal integrador do equipo completo fixaralle o seu encadramento e lugar de traballo.

Neste aspecto concreto, ademais dos centros de traballo destinados a oficina central ou delegacións, a empresa, por razón das súas peculiares características do servizo que presta, debe agrupar as súas instalacións e dependencias de traballo en sectores denominados zonas ou centros de traballo e que comprenden determinados e concretos tramos de explotación con posibilidade de que dentro deles se localicen varias dependencias.

En consecuencia, os empregados quedarán inicialmente destinados nunha zona ou centro de traballo, desprendéndose disto a obrigatoriedade da súa presenza á hora de iniciar a súa quenda de traballo en calquera das dependencias ou establecementos comprendidos dentro da zona ou centro de traballo que se lle asignou, independentemente da distancia que poida mediar entre o seu domicilio e calquera das ditas dependencias ou establecementos.

Os traslados que por necesidades do servizo teñan lugar entre dependencias dunha mesma zona ou centro de traballo non terán en ningún caso consideración de mobilidade xeográfica.

Para os casos en que o traballador utilice o seu vehículo particular para os traslados entre distintas dependencias establécese, como indemnización, o complemento de vehículo que se recolle nas táboas salariais do anexo 3.

Artigo 30. Zonas ou centros de traballo

Entenderanse por zonas ou centros de traballo aqueles sectores ou tramos de explotación en que se dividiu a concesión, co obxecto de conseguir unha adecuada distribución do persoal, facilitándolle a situación e extensión destes, para os efectos de encadramento, traslado e demais posibles consecuencias.

Concretamente, os centros de traballo actualmente existente son os seguintes:

• Centro de traballo Autoestrada A Coruña-Carballo (AG-55): formado polas dependencias ou áreas de peaxe de Pastoriza, Bidueira, Paiosaco, A Laracha e Carballo, ademais do propio tronco completo e ramais da autoestrada entre os puntos quilométricos 2+800 e 35+500, e calquera futura área de peaxe ou dependencia que se poida abrir entre os ditos puntos quilométricos.

• Centro de traballo Autoestrada Puxeiros-Val Miñor (AG-57): formado polas dependencias ou áreas de peaxe de Vincios Troncal, Vincios Ramal, Nigrán, A Ramallosa e Baiona, ademais do propio tronco completo e ramais da autoestrada entre os puntos quilométricos 0+000 e 25+000, e calquera futura área de peaxe ou dependencia que se poida abrir entre os ditos puntos quilométricos.

• Centro de traballo oficinas centrais: sito actualmente no domicilio social da empresa.

Artigo 31. Dependencias

Terán a consideración de dependencias aqueles locais ou lugares de actividade situados dentro dunha zona ou centro de traballo. A título indicativo, o grupo de instalacións denominado área de peaxe e constituído por un conxunto coherente con equipamentos destinados ao cobramento da peaxe (cabinas de cobramento, maxicabinas, vías automáticas, vías dinámicas, marquesiñas, emisores de tíckets, zonas de aparcadoiro, edificios anexos, cubertos etc.) ten a consideración de dependencia.

Determinados estes, de acordo co texto do primeiro parágrafo deste artigo, o centro de traballo comporase de tantas dependencias como instalacións das mencionadas estean radicadas na demarcación determinante da zona ou centro de traballo.

Artigo 32. Normas de circulación

Os traballadores prestarán a máxima atención no cumprimento escrupuloso das normas do Código da circulación cando conduzan vehículos da empresa ou vehículos particulares, polo carácter de exemplaridade que todo o seu persoal debe asumir nesta materia.

Artigo 33. Roupa de traballo

É roupa de traballo aquela que o traballador ten a obriga de utilizar, ben para unha correcta presentación ante os usuarios da autoestrada, ben para a realización das tarefas propias do seu labor en todas ou nalgunhas circunstancias.

O uso da roupa de traballo queda limitado exclusivamente dentro das dependencias da empresa, e o seu emprego fóra delas non está permitido excepto cando sexa por motivo ou consecuencia do seu traballo e, se é o caso, o tempo dedicado ao cambio de vestiario non será considerado como de traballo efectivo, en ningún caso.

Con carácter xeral, corresponderán á empresa cantos requirimentos de orde material sexan precisos pór á disposición dos traballadores, especialmente no que ser refire ás pezas de roupa, vestiarios, EPI e restantes servizos adecuados para o cumprimento do previsto en materia de uniformidade no regulamento de réxime interno da compañía e, moi concretamente, a entrega do material específico de cada posto de traballo, o equipamento inicial, así como a súa reposición, serán determinados pola empresa con base na táboa que se xunta como anexo 6.

Os traballadores que cesen na empresa deberán facer entrega da roupa de traballo que se lles facilitou na última entrega.

A roupa de traballo entregaraa a empresa, sempre que sexa posible, antes do comezo das temporadas de verán e inverno.

A empresa, así mesmo, facilitará os elementos identificativos corporativos nos formatos e modelos que sexan precisos para cada peza de roupa de traballo.

CAPÍTULO V
Réxime disciplinario

Artigo 34. Faltas

A) Definición e clasificación das faltas.

Son faltas as accións ou omisións que supoñan quebrantamento ou descoñecemento dos deberes de calquera índole impostos polas disposicións legais en vigor en materia de relacións de traballo e, en especial, as tipificadas no presente texto.

Toda falta cometida por un traballador se clasificará en razón da súa importancia, transcendencia ou malicia, en leve, grave e moi grave.

B) Circunstancias modificativas da responsabilidade.

As faltas graduaranse a teor das circunstancias que na súa comisión concorran. Xulgaranse con maior rigor as faltas cometidas por persoal con responsabilidade recoñecida ou cuxa función específica fose a de vixilancia, supervisión etc.

Serán considerados como aspectos básicos determinantes da cualificación destas os seguintes: a reincidencia, reiteración, indisciplina ou desobediencia; a malicia; a imprudencia; o escándalo; así como os danos e perdas que da súa comisión poidan derivar, todos eles como agravantes, ou a ausencia ou menor apreciación destas circunstancias como atenuantes.

Para os efectos de determinación da responsabilidade considerarase que existe reiteración cando o traballador fose xa sancionado anteriormente por outra falta de igual ou maior gravidade, ou por dúas de gravidade inferior, aínda que de distinta índole. Considerarase que existe reincidencia cando, ao cometer unha falta, o traballador fose sancionado anteriormente por outra ou outras faltas da mesma índole e de gravidade igual ou diversa.

C) Garantías procesuais.

Para a imposición de calquera das sancións previstas neste texto por comisión de falta grave ou moi grave, incluído o despedimento, non se requirirá máis requisito formal que a comunicación da empresa por escrito ao traballador, facendo constancia dos feitos que o motivan e da data dos seus efectos.

A valoración das faltas e as correspondentes sancións impostas pola empresa serán sempre revisables ante a xurisdición competente.

D) Faltas leves.

Consideraranse faltas leves, segundo as circunstancias que concorran na súa comisión e a teor dos prexuízos causados á empresa, as seguintes:

1. Catro faltas inxustificadas de puntualidade ao traballo que non merezan unha cualificación máis grave, no prazo dun mes.

2. Faltar ao traballo un día sen xustificar dentro dun período de trinta días.

3. Falta de aseo, hixiene e limpeza persoal ou deterioración neglixente da roupa de traballo que facilite a empresa, así como a falta de atención ou dilixencia co público. Non usar os elementos de seguridade e hixiene requiridos para o traballo.

4. Permanencia nos locais e lugares de traballo para a que se exixa autorización debida aínda dentro da xornada de traballo.

5. Non comunicar á empresa os cambios de domicilio ou teléfono tan axiña como estes se produzan, así como non presentar ou notificar coa antelación prevista o parte de baixa por incapacidade temporal.

6. Pequenos descoidos na conservación ou no tratamento de ferramentas, máquinas, materiais, locais e documentos, así como o malgasto de material ou subministracións.

7. As faltas leves de consideración cara aos compañeiros de traballo.

8. Ineficacia ou neglixencia leve no cumprimento dos deberes, funcións ou misións encomendadas e, en particular, incorrer en máis de cinco diferenzas de recadación reclamables nun período dun mes.

9. A non comunicación coa antelación debida das faltas ao traballo ou atraso na súa incorporación por causa xustificada, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo.

10. Non avisar o superior inmediato dos defectos e anomalías ou avarías do material, vehículos ou maquinaria ou da necesidade destes para proseguir o traballo. Se o feito non denunciado puidera orixinar danos de grande importancia, considerarase como falta grave.

11. Non avisar o superior inmediato ou o centro de control de calquera accidente ou anomalía, por leve que sexa, ocorrido nos centros de traballo ou na propia autoestrada que, se implicar prexuízo notorio para a empresa ou o público, poderá ser considerado falta grave.

12. Ser sancionado polas autoridades de tráfico, por incumprimento das normas do Código de circulación en calquera autoestrada, estrada ou vía urbana. No caso de que a dita sanción supoña a retirada temporal ou definitiva do permiso de conducir, a dita circunstancia será considerada como agravante á hora de determinar o grao sancionador nos termos establecidos no artigo 35 Sancións, parágrafo B).

En ningún caso serán motivo de indemnización por parte da empresa as sancións de tráfico que impliquen retirada do permiso de condución, e exixiráselle ao traballador sancionado o cumprimento exacto delas ademais da asunción dos medios necesarios (transporte alternativo ao centro de traballo) para continuar cumprindo correctamente as súas obrigas laborais, coa perda temporal de retribucións establecidas con carácter específico (complemento de vehículo).

E) Faltas graves.

Consideraranse faltas graves:

1. De cinco a nove faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ao traballo, cometidas durante un período de trinta días.

2. Faltar ao traballo tres días sen xustificar dentro dun período de trinta días.

3. As discusións sobre asuntos de calquera índole que repercutan gravemente na boa marcha dos servizos.

4. Simular a presenza doutro traballador, asinando, fichando ou utilizando calquera outro procedemento.

5. A desobediencia das ordes e acordos dos superiores en materia de traballo ou seguridade.

6. A simulación de enfermidade ou accidente.

7. O quebrantamento ou violación de segredos, ou de cuestións de reserva obrigada.

8. Favoritismos por parte dos superiores en materias que impliquen discriminación do resto dos subordinados, postergación destes ou que supoñan persecucións.

9. Abandono do posto de traballo sen causa xustificada ou sen notificación ao inmediato superior, así como, afastarse do posto onde se presta servizo no período de tempo sinalado para a substitución e antes de que chegue quen deba efectuar a correspondente substitución.

10. Tolerarlles aos subordinados que traballen infrinxindo as normas de seguridade.

11. A neglixencia ou desidia no traballo que afecte a súa boa marcha ou afecte a seguridade dos seus compañeiros ou do público.

12. Incumprir calquera das normas referentes a prevención de riscos laborais e seguridade e hixiene no traballo.

13. Non gardar o debido sixilo respecto aos asuntos que se coñezan por razóns de cargo ou a divulgación non autorizada de datos reais ou supostos da empresa que se coñezan pola intervención do traballador en procesos de traballo onde se teña acceso a eles.

14. Causar, por neglixencia, graves danos na conservación dos locais, vehículos, maquinaria, material ou documentación da empresa, ou utilización de medios da empresa para fins alleos a ela, sen autorización debida.

15. A negativa a realizar actos ou tarefas distintos dos normais do posto cando o impoñan necesidades perentorias ou imprevisibles.

16. A reincidencia ou reiteración na comisión de catro ou máis faltas leves que fosen sancionadas, cometidas dentro do prazo dun ano.

17. Prolongar malintencionadamente o período de curación das lesións sufridas en accidente de traballo ou non cumprir as prescricións médicas establecidas, afectando a prestación ou regularidade do traballo.

18. A indisciplina ou desobediencia das ordes emanadas dos superiores ou da dirección da empresa, se implicaren quebrantamento manifesto da disciplina ou dela derivaren prexuízos notorios para a empresa.

19. Non acudir ou negarse sen causas xustificadas a facer horas extraordinarias, en situacións de forza maior.

20. O exercicio de actividades profesionais públicas ou privadas sen solicitar autorización de compatibilidade, segundo a Lei 53/1984, do 26 de decembro, e demais normas que a desenvolven.

21. Embriaguez ou consumo de drogas tóxicas ocasional dentro da xornada de traballo, así como participar ou organizar xogos durante a xornada de traballo.

22. Adormecer durante as horas de prestación de actividade laboral.

23. Executar durante a xornada de traballo tarefas que non sexan encomendadas pola empresa e utilizar para fins propios instalacións, servizos ou instrumentos desta sen que medie autorización.

F) Faltas moi graves.

Consideraranse faltas moi graves:

1. Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ao traballo, cometidas durante un período de trinta días.

2. Faltar ao traballo máis de tres días sen causa xustificada, dentro dun período de trinta días.

3. Colocar en grave risco de accidente un compañeiro ou usuario ou ocasionar perigo de avaría, deterioración ou perda de calquera instalación ou material propiedade da empresa, por acción ou omisión culpable, estando de servizo.

4. Permitir ou non comunicar sen causa que o xustifique a comisión de fraude ou roubo.

5. As faltas de fidelidade en canto aos segredos relativos á xestión da empresa.

6. Falsear con manifesta mala intención os documentos da empresa, así como os datos de seguimento e control.

7. A suplantación de personalidade que produza danos morais ou materiais moi graves á empresa, aos compañeiros ou ao público.

8. A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas, o furto ou roubo, tanto aos seus compañeiros de traballo como á empresa ou a calquera persoa que se encontre, por calquera causa, dentro das súas dependencias.

9. Facer desaparecer, inutilizar, estragar ou causar deterioracións en primeiras materias, útiles, ferramentas, máquinas, aparellos, instalacións, edificios, utensilios e documentación da empresa, de forma voluntaria e malintencionada.

10. A embriaguez habitual, inxerir drogas tóxicas ou encontrarse baixo os efectos delas durante o traballo.

11. A violación do segredo da correspondencia ou documentos reservados da empresa.

12. Os malos tratos de palabra ou obra, ou a falta grave de respecto ás persoas que traballan na empresa ou a familiares que convivan con elas, así como ao público, sempre que exista responsabilidade por parte do traballador.

13. O abandono do traballo sen causa xustificada que ocasione prexuízo á empresa, sexa causa de accidente ou implique risco moi grave na seguridade do traballo para os seus compañeiros ou o público.

14. A diminución continuada e voluntaria no rendemento normal do traballo, despois de ser apercibido pola empresa.

15. Facilitar o uso por outras persoas distintas das autorizadas da tarxeta de peaxe concedida pola empresa para os efectos de circulación gratuíta pola autoestrada, prevista no artigo 27 deste convenio colectivo.

16. Condución de vehículos da empresa sen a súa autorización.

17. A reincidencia ou reiteración na comisión de dúas ou máis faltas graves que fosen sancionadas, cometidas durante o prazo dun ano.

18. O incumprimento das normas sobre incompatibilidades cando dean lugar a situacións de incompatibilidade, segundo a Lei 53/1984, do 26 de decembro, e demais normas que a desenvolven.

19. O acoso sexual, entendendo por tal calquera conduta, proposición ou requirimento de natureza sexual que teña lugar dentro do ámbito de organización da empresa, con independencia de que as súas manifestacións se realicen dentro ou fóra dos centros de traballo ou xornada laboral e que, sendo ofensivas para o suxeito pasivo delas, o suxeito activo se encontre en condicións de saber que aquelas resultan indesexadas, atentando gravemente contra o respecto á intimidade e dignidade persoal ou laboral do suxeito pasivo.

Considerarase circunstancia agravante do acoso sexual que sexa levado a cabo valéndose dunha posición xerárquica laboral ou se a vítima é especialmente vulnerable, por razón da súa idade, enfermidade ou situación persoal.

Artigo 35. Sancións

a) As faltas leves poderanse sancionar con:

• Amoestación verbal.

• Amoestación escrita.

• Suspensión de emprego e soldo ata catro días.

b) As faltas graves poderán sancionarse con:

• Suspensión de emprego e soldo de cinco a vinte días.

• Postergación para o ascenso por un prazo non superior a tres anos.

c) As faltas moi graves serán sancionadas con:

• Suspensión de emprego e soldo de 21 a 50 días.

• Despedimento.

A representación dos traballadores será informada de todas as sancións impostas por faltas moi graves.

Artigo 36. Prescrición das faltas

As faltas leves e graves prescribirán aos trinta días e as moi graves aos sesenta días, a partir da data en que a dirección da empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, aos oito meses de se teren cometido.

CAPÍTULO VI
Conciliación da vida laboral e familiar e igualdade efectiva

Artigo 37. Conciliación da vida laboral e familiar

As partes asinantes do presente convenio garantirán o dereito de igualdade e non discriminación consagrados na lexislación básica e, particularmente, na Lei 39/1999, de conciliación da vida familiar e laboral, e na Lei 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de homes e mulleres -ou posterior lexislación que modifique a citada normativa- nas cales se recoñecen os dereitos que a seguir se sinalan:

1) Permisos de lactación e redución de xornada por garda legal ou atención familiar.

Nos supostos de nacemento de fillo, adopción ou acollemento, de acordo co artigo 45.1.d) desta lei, para a lactación dun fillo menor de nove meses, os traballadores terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A duración do permiso incrementarase proporcionalmente nos casos de parto, adopción ou acollemento múltiples.

Quen exerza este dereito, pola súa vontade, poderá substituílo por unha redución da súa xornada en media hora coa mesma finalidade ou acumulalo de acordo coa empresa. Este permiso constitúe un dereito individual dos traballadores, homes ou mulleres, pero só poderá ser exercido por un dos proxenitores en caso de que ambos traballen.

Quen por razóns de garda legal teña ao seu coidado directo algún menor de oito anos ou unha persoa con discapacidade física, psíquica ou sensorial que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha redución da xornada de traballo diaria, coa diminución proporcional do salario entre, polo menos, un oitavo e un máximo da metade da duración daquela.

Terá o mesmo dereito quen precise encargarse do coidado directo dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non poida valerse por si mesmo e que non desempeñe actividade retribuída.

A redución de xornada recollida no presente punto constitúe un dereito individual dos traballadores, homes ou mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, a empresa poderá limitar o seu exercicio simultáneo por razóns do seu funcionamento.

A concreción horaria e a determinación do período de desfrute do permiso de lactación e da redución de xornada previstos nos puntos anteriores corresponderá ao traballador, dentro da súa xornada ordinaria. O traballador deberá avisar previamente a empresa con quince días de antelación á data en que iniciará e finalizará o permiso de lactación ou a redución de xornada.

En atención ao sistema de traballo a quendas propio da empresa e á propia localización das zonas ou centros de traballo afastados dos domicilios particulares, por vontade do traballador, o permiso e as reducións de xornada anteriores poderán ser acumulados ata acadar períodos completos de seis horas, dando dereito ao traballador a un día de licenza ou descanso por cada período acumulado, nas mesmas condicións de concreción de horario ca o período de desfrute previstas anteriormente.

2) Protección da maternidade e axuda para a educación preescolar.

Aquelas traballadoras e traballadores con fillos menores de oito anos devindicarán mensualmente unha axuda en concepto de maternidade ou adopción legal polo importe fixado no anexo 4.

Non se poderá simultanear máis dunha axuda por traballadora ou traballador, con independencia do número de fillos que poidan xerar dereito de forma concorrente, sen que isto supoña limitación para sucesivas axudas. O dereito a recibir a dita axuda será exercido preferentemente pola nai, que pode ceder o dito dereito en favor do pai, logo de comunicación escrita á dirección da empresa, no caso de que ambos sexan traballadores dela.

Para exclusivos efectos económicos, as partes asinantes deste convenio colectivo acordan que os importes aboados polo presente concepto terán carácter de indemnización fixa, temporal, individual (exclusivamente, para aqueles traballadores en condicións de exercer o dito dereito) e extrasalarial, que non está suxeita a ningunha posibilidade de consolidación, absorción, compensación nin actualización, para todo o período de vixencia do convenio colectivo.

Igualmente, acórdase que o seu período de devindicación comezará a partir do quinto mes despois do parto, no momento de incorporación efectiva ao traballo, e finalizará o mes inmediatamente anterior a que o fillo faga os oito anos de idade, con efectos económicos a partir do 1 de xaneiro de 2011.

Artigo 38. Obxectivos en materia de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres

As partes asinantes do presente convenio comprométense á consecución plena da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres dentro do ámbito laboral da empresa, así como á non discriminación por cuestións de raza, relixión ou calquera outra condición, de conformidade coa lexislación vixente nacional, e a xurisprudencia e directivas comunitarias.

Porase especial atención no cumprimento dos obxectivos da igualdade de oportunidades no traballo seguintes:

• Que tanto as mulleres como os homes gocen de igualdade efectiva de trato e oportunidades en canto ao emprego, a formación, a promoción e o desenvolvemento no seu traballo, mediante a eliminación da discriminación da muller, sexa cal for a súa circunstancia ou condición dentro do ámbito da empresa.

• Que mulleres e homes reciban igual retribución por traballo de igual valor, así como que haxa igualdade en canto ás súas condicións de emprego en calquera outro sentido.

• Que os postos de traballo, as prácticas laborais, a organización do traballo e as condicións laborais se orienten de tal maneira que sexan adecuadas tanto para as mulleres como para os homes.

• Que as relacións laborais establecidas no ámbito da empresa, con independencia do seu carácter xerárquico ou non, estean presididas polo maior respecto e consideración cara á dignidade e a honra de todos os traballadores e mandos da compañía.

CAPÍTULO VII
Seguridade e saúde

Artigo 39. Delegados de prevención

Conforme o establecido no artigo 35 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, son delegados de prevención os representantes dos traballadores con funcións especificas en materia de prevención de riscos no traballo.

A designación dos delegados de prevención, de entre os que conforman a representación dos traballadores, realizarase conforme o establecido na Lei 31/1995, do 8 de novembro, coa excepción de que o cadro de persoal total e os representantes considerados serán os correspondentes a cada provincia de forma separada, dada a estruturación xeográfica da empresa.

As competencias, facultades, garantías e sixilo profesional dos delegados de prevención son as previstas na dita Lei de prevención.

Artigo 40. Comité de seguridade e saúde

O comité de seguridade e saúde é un órgano paritario e colexiado de participación, cuxa función é a consulta regular e periódica da empresa en materia de prevención de riscos.

Estará constituído polo menos por seis membros, a metade pola parte social, en calidade de delegados de prevención elixidos de entre o conxunto dos representantes dos traballadores, sen que sexa preciso que se faga en función das regras de proporcionalidade do resto de órganos de representación.

Os representantes restantes serán determinados pola empresa e a dita representación pode recaer en técnicos en prevención alleos á empresa ou en traballadores dela cunha especial cualificación.

Nas súas reunións, que terán polo menos carácter trimestral, poderán participar con voz pero sen voto, sempre que non estean entre os sinalados nos dous parágrafos anteriores, os representantes dos traballadores, os delegados sindicais, os responsables técnicos da prevención na empresa e, por requirimento previo dalgunha das partes, os traballadores da empresa con especial información sobre algunha das cuestións concretas en materia de prevención que se vaia tratar na reunión para a que foron convocados.

O comité elaborará as súas propias normas de funcionamento interno, coa elección de cargos se o considerase oportuno, dentro das súas competencias legais, entre as cales, como mínimo, se establecerá a normativa para a convocatoria de reunións de carácter ordinario e extraordinario por calquera das partes.

O comité de seguridade e saúde ten as seguintes competencias:

a) Promover iniciativas sobre métodos e procedementos para a efectiva prevención dos riscos propoñendo á empresa a mellora das condicións ou a corrección das deficiencias existentes.

b) Participar na elaboración, posta en práctica e avaliación dos plans e programas de prevención de riscos da empresa. De forma previa á súa posta en práctica deberán ser debatidos no comité os proxectos que se refiren a:

• Planificación, organización do traballo e introdución de novas tecnoloxías;

• Organización e desenvolvemento das actividades de protección e prevención;

• Formación en materia preventiva.

El comité de seguridade e saúde poderá:

• Visitar os centros de traballo, cantas veces considere oportuno, para coñecer directamente a situación relativa á prevención de riscos.

• Coñecer os documentos e informes relativos ás condicións de traballo necesarios para o cumprimento das súas funcións, así como os procedentes da actividade do servizo de prevención.

• Coñecer e analizar os danos producidos na saúde ou na integridade física dos traballadores, co obxecto de valorar as súas causas e propor as medidas preventivas oportunas.

• Coñecer e emitir informe sobre a memoria e programación anual de servizos de prevención.

Artigo 41. Vixilancia da saúde

1. En cumprimento do previsto na Lei 31/1995, a empresa comprométese á vixilancia periódica da saúde dos traballadores ao seu servizo, en función dos riscos inherentes ao traballo, establecendo os correspondentes protocolos específicos recollidos no plan de prevención da compañía, baixo coordinación do servizo de vixilancia da saúde externo contratado pola empresa para tal efecto.

2.1. Dentro dos ditos protocolos establecerase, polo menos, un recoñecemento médico preventivo que como regra xeral será anual, ben que cando as circunstancias así o aconsellen poderá levarse a cabo noutros prazos, como medida preventiva de eventualidades que poidan xurdir. Os ditos recoñecementos preventivos anuais terán, en calquera caso, carácter voluntario para o traballador.

2.2. Independentemente do recoñecemento preventivo anual e logo do informe da representación dos traballadores, terán carácter obrigatorio aqueles protocolos de vixilancia da saúde que se encontren encamiñados a:

• Avaliar os efectos das condicións de traballo sobre a saúde.

• Verificar se o estado de saúde do traballador pode constituír un perigo para este –entre os cales cabe incluír aqueles que supoñan axilizar procesos de recuperación ou rehabilitación do traballador sempre e cando non se encontre en situación de incapacidade temporal–, para os demais traballadores ou para outras persoas relacionadas coa empresa.

2.3. O tempo laboral que cada traballador dedique á realización do protocolo de vixilancia da saúde do punto 2.2. anterior será computado para todos os efectos como horas extraordinarias compensables, exclusivamente, como tempo de descanso.

2.4. En todo caso, deberase optar pola realización daqueles recoñecementos ou probas que causen as menores molestias ao traballador, que sexan proporcionais ao risco, e comunicarlle os resultados ao afectado.

2.5. A negativa ao seguimento por parte do traballador de protocolos de vixilancia da saúde de carácter obrigatorio, citados no punto 2.2. do presente artigo, comportará as correspondentes medidas de carácter disciplinario que así se prevexan, sen menoscabo doutras perdas de orde económica recollidas no presente convenio colectivo.

CAPÍTULO VIII
Representación dos traballadores

Artigo 42. Comité de empresa conxunto

Dada a extensión xeográfica e peculiaridade de distribución dos centros de traballo da empresa, co fin de facer máis efectiva e coordinada a representación dos traballadores no seo dela e ao abeiro do previsto no Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, acórdase a constitución dun único comité de empresa conxunto, o cal estará formado por un mínimo de cinco membros elixidos por e entre os representantes dos traballadores da provincia da Coruña e da provincia de Pontevedra, en cuxa constitución se gardará a proporcionalidade dos sindicatos, segundo os resultados electorais considerados globalmente no conxunto da empresa.

En calquera caso, logo de acordo coa empresa, poderase ampliar o número de membros do comité de empresa conxunto ata o número total de representantes elixibles no conxunto da empresa, exclusivamente co obxecto de que a representación orgánica do comité de empresa conxunto sexa reflexo da proporcionalidade das forzas sindicais representadas no seo desta e dentro dos límites previstos no artigo 63.3. do citado Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

En virtude do presente acordo, o comité de empresa conxunto asume para todos os efectos respecto da empresa e dos traballadores as competencias e capacidades recollidas nos artigos 63, 64 e 65 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

O comité de empresa conxunto elixirá de entre os seus compoñentes un presidente e un secretario mediante votación libre e secreta, e levantará acta da súa constitución, a cal será asinada por todos os seus compoñentes. Igualmente, elaborará o seu propio regulamento de réxime interno. De ambos os documentos remitirase copia á autoridade laboral e á empresa.

Artigo 43. Crédito de horas

Os representantes dos traballadores poden dispor dun crédito de dezaseis horas mensuais retribuídas para o exercicio das súas funcións de representación. Dentro destas horas están comprendidas as actividades do comité de empresa conxunto, incluída a asistencia ás asembleas de traballadores. Estas horas poderán acumularse nun ou varios representantes sempre que medie acordo maioritario do comité, en acta levantada para o efecto e remitida á empresa, podéndose modificar o dito acordo na mesma forma.

Quedan excluídas do anterior crédito as horas referidas á comisión negociadora, as cales deberán ser pactadas no momento da constitución da citada comisión coa empresa, nos termos previstos no artigo 9.2 da Lei orgánica de liberdade sindical, así como as correspondentes a un máximo de tres reunións anuais do comité de empresa conxunto, sempre e cando estas sexan preparatorias doutras tantas reunións coa dirección da empresa.

En calquera caso, para os créditos de horas anteriormente previstos deberá contar con aviso previo e xustificación de acordo cos termos previstos na letra c) do artigo 13 Licenzas, permisos e excedencias, respecto dos conceptos de aviso previo e xustificación.

Artigo 44. Asemblea dos traballadores

Os representantes legais dos traballadores terán dereito a convocar asemblea nos termos e cos requisitos previstos nos artigos 77, 78, 79 e 80 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 45. Gastos de desprazamento

A empresa aboará os gastos de desprazamento dun máximo de tres reunións anuais do comité de empresa conxunto.

Os gastos de desprazamento das reunións da comisión paritaria, das reunións do comité de empresa conxunto coa empresa e da comisión negociadora serán sufragados, en todo caso, pola empresa. Respecto desta última, o aboamento dos gastos de desprazamento de reunións preparatorias da representación dos traballadores previas a reunións oficiais da comisión negociadora deberá pactarse no momento da constitución da citada comisión, ata un máximo de catro reunións preparatorias.

Os ditos gastos serán sufragados pola empresa, logo de comunicación a esta da súa convocatoria coa debida antelación, que aboará os gastos de quilometraxe nos termos legalmente previstos, computando como punto de partida o lugar das dependencias da zona ou centro de traballo, no suposto de coincidencia coa xornada de traballo e, nos de desfrute de descanso, desde o seu domicilio ao lugar da reunión, tomando como distancias de referencia as oficiais publicadas polos organismos competentes.

Artigo 46. Locais e taboleiro de anuncios

A empresa, sempre que as circunstancias o permitan, porá á disposición dos representantes dos traballadores un local adecuado en que poidan desenvolver as súas actividades e comunicarse cos traballadores, así como un taboleiro de anuncios para fixar comunicacións e información de interese específico para os traballadores da empresa. Neste sentido, os comunicados ou información que aparezan no dito taboleiro de anuncios deberán ir asinados polos representantes dos traballadores, que se responsabilizarán do seu contido, e poderán ser retirados aqueles que non leven sinatura.

CAPÍTULO IX
Medidas para a redución do absentismo laboral

Artigo 47. Definicións de absentismo laboral

a) Absentismo laboral: enténdese por absentismo laboral a falta ao traballo xustificada ou non xustificada, cando a dita ausencia non estivese prevista na planificación laboral da empresa.

b) Horas non traballadas totais: as que dentro dos límites do cómputo anual da xornada laboral previsto no presente convenio colectivo (artigo 10 Xornada e horario laboral), non se realizasen por algún dos seguintes motivos:

• Vacacións, descansos, licenzas e permisos remunerados.

• Incapacidade temporal.

• Expedientes de regulación de emprego, conflitividade laboral.

• Permisos non remunerados.

• Actividades de representación sindical.

• Formación.

c) Horas de absentismo: para os efectos do cómputo do absentismo laboral na empresa consideraranse como horas de absentismo, de entre as horas non traballadas totais, exclusivamente as motivadas polas seguintes causas:

• Incapacidades temporais.

• Licenzas e permisos remunerados incluídos no artigo 13.

d) Situacións de incapacidade temporal ou licenzas e permisos remunerados non consideradas horas de absentismo: no cómputo de horas de absentismo non se incluirán, en ningún caso, as situacións de incapacidade temporal xeradas por accidentes laborais, os permisos por maternidade, os permisos por complicación no parto, reducións de xornada por lactación, nin aqueles permisos previstos ao obxecto da conciliación da vida familiar e laboral ou da igualdade efectiva de trato e oportunidades entre homes e mulleres, nin aquelas situacións de incapacidade temporal por risco no período de xestación, todas elas certificadas polos servizos médicos oficiais e así comunicadas á empresa.

Igualmente, non se incluirán as horas derivadas dalgunhas das licenzas remuneradas recollidas no anexo 7 correspondentes ás claves B, C, D (os primeiros dous días e os previstos por desprazamento a distinta provincia), E, F, G, H1, I, J, Q (excepto interventores e apoderados), R e L.

Artigo 48. Índices de absentismo laboral individual (ALI)

Defínese como índice de absentismo laboral individual a seguinte ratio:

Nº de horas de absentismo individual/ano segundo o artigo 47 ×100

Nº de horas xornada máx. ano s/ C.C.

Artigo 49. Medidas sobre prestacións complementarias da Seguridade Social por incapacidade temporal

Para os supostos de incapacidade temporal acórdase o seguinte:

1. Durante as ausencias por incapacidade temporal derivada de accidente de traballo ou enfermidade profesional, maternidade e hospitalización superior a 10 días, a empresa aboará ao seu cargo, durante o tempo que dure a dita situación, un complemento das prestacións da Seguridade Social de tal forma que entre ambos se cubra o 100 % da retribución por todos os conceptos das táboas salariais do anexo 3.

2. Durante as ausencias por incapacidade temporal derivada de enfermidade común e accidente non laboral, a empresa aboará aos traballadores durante o tempo que permanezan en tal situación un complemento das prestacións da Seguridade Social, de tal forma que entre ambos cubran as porcentaxes da retribución por todos os conceptos das táboas salariais do anexo 3 para as circunstancias e casos seguintes:

a) Se o traballador na dita situación de incapacidade temporal ten na data de baixa un índice de absentismo laboral individual (ALI) inferior ao 2,2 % no ano anterior, o 100 % desde o primeiro día de baixa.

3. A negativa ao seguimento por parte do traballador dos protocolos de vixilancia da saúde regulados polo artigo 41 Vixilancia da saúde, xa sexan estes protocolos de carácter voluntario ou de carácter obrigatorio, comportará a perda na aplicación para o interesado das medidas recollidas no número 2 do presente artigo, ata o momento en que o servizo de vixilancia da saúde, por solicitude do interesado, certifique á empresa o seu seguimento ou, en sentido contrario, a súa conformidade médica autorizando a dita exención.

4. Quedarán excluídas do axuste anual das quendas de traballo individuais derivadas da falta de devindicación de días festivos en situacións de incapacidade temporal as situacións de incapacidade temporal que se provocasen como consecuencia de accidente de traballo, enfermidade profesional, maternidade ou enfermidade común con hospitalización superior a 20 días.

Artigo 50. Licenzas por asuntos propios

Todo o persoal cunha antigüidade superior a dous anos terá dereito ata un máximo de tres días de licenza por asuntos propios. O desfrute do terceiro día estará vinculado a non ter tido ningún día de ausencia por absentismo laboral individual durante o ano anterior nos termos establecidos nos artigos 47 e 48 do presente convenio colectivo.

Os ditos permisos poderán desfrutarse mesmo de forma acumulada a outras licenzas ou vacacións, de forma conxunta ou individual, día a día, debendo fixarse o seu desfrute de forma programada no exercicio seguinte, logo de acordo coa empresa. Para isto establecerase un calendario de peticións antes de finais de febreiro. En caso de encontrarse en situación de incapacidade temporal no momento do desfrute destes días, acordarase coa empresa a recuperación dos ditos días.

O traballador ten a opción de compensar os días que lle correspondan, ou algún deles, por un importe de 60 euros/día. O dito aboamento poderao solicitar mediante escrito no mes que queira ao longo do ano, e a última data de petición para o seu aboamento é o 30 de novembro.

O desfrute das licenzas de asuntos propios recollidos neste artigo aplicarase a partir do 1 de xaneiro de 2013.

CAPÍTULO X

Disposición derradeira primeira

As partes asinantes manifestan que as negociacións do presente convenio se seguiron co máximo respecto ao disposto na lexislación vixente e ao principio de boa fe.

Disposición derradeira segunda

Decláranse como obxectivos comúns das partes a necesidade de manter as relacións laborais sobre a base da comunicación permanente e da aceptación mutua do diálogo para resolver diferenzas de criterio, mellorar o ambiente de traballo, a situación dos traballadores e o desenvolvemento da empresa, conscientes de que a seguridade no emprego e as melloras sociais unicamente poden conseguirse mediante un incremento da produtividade na empresa e no mellor aproveitamento dos seus recursos.

Disposición derradeira terceira

A representación dos traballadores comprométese á máxima redución do absentismo e ao mantemento da paz social durante a vixencia do presente convenio colectivo, así como a pór todos os medios ao seu alcance para o incremento máximo da produtividade.

E para constancia de todo o exposto, expídese este documento en trinta e oito follas e sete anexos de papel común mecanografados polo seu anverso, que rubrican na marxe das trinta e sete primeiras e anexos e asinan ao final desta, que é a última, na Coruña o vinte e catro de xullo de dous mil doce.

ANEXO 1
Horarios e xornada de traballo

Persoal
afectado

Período

Clase
de xornada

Horarios de traballo

Horas

Observacións

Persoal de explotación
e mantemento

1 xaneiro a 31 decembro

Xornada a quenda
continuada

Quenda A:
7.00 a 15.00 h.

Quenda B:
15.00 a 23.00 h.

Quenda C:
23.00 a 7.00 h.

8.00 horas

Ciclos 6-3:
períodos de 9 días (6 de traballo e 3 de descanso)

1 xaneiro a 31 decembro

Xornada a quenda partida

En función das necesidades do servizo/adaptación ás necesidades do tráfico. Orientativamente:

De 9.00 a 13.00 h.

De 17.00 a 21.00 h.

8.00 horas

Ciclo 5-2:
períodos de 7 días (5 de traballo e 2 de descanso)

1 xaneiro a 31 decembro

Xornada a quenda
continuada e/ou partida

Xornada luns a venres descansando sábados, domingos e festivos ou outra fórmula equivalente

8.00 horas

Ciclo 5-2:
períodos de 7 días (5 de traballo e 2 de descanso)

Oficinas
centrais

1 xaneiro a 31 maio

1 outubro a 31 decembro

Xornada
partida:
luns a xoves

Presenza obrigada

8.45-14.00 h.

15.30-18.20 h.

8 horas e 50 minutos

Presenza flexible

8.15-8.45 h.

15.15-15.30 h.

18.20-19.05 h.

Venres

Presenza obrigada

8.30-14.30 h.

6 horas

Presenza flexible

1 xuño a 30 setembro

Xornada
intensiva: luns a venres

Presenza obrigada

8.00-14.00 h.

6 horas

ANEXO 2
Grupos profesionais

Grupos profesionais e correspondencia coas categorías profesionais existentes nos convenios anteriores e suprimidas pola redacción dada ao artigo 22 do ET pola Lei 3/2012, do 6 de xullo.

No cadro que a continuación se detalla aparecen reflectidos os grupos profesionais que comportan o sistema de clasificación profesional na empresa. No cadro inclúense, para os únicos efectos ilustrativos, as antigas categorías profesionais que se integran en cada novo grupo profesional, conforme o novo sistema de clasificación profesional:

Grupo primeiro: persoal de dirección e xerencia. Neste grupo profesional intégranse os traballadores que desempeñaban, conforme o anterior sistema de clasificación profesional, as categorías de director, xefe de servizo, xefe de sección e xefe de quenda.

Grupo segundo: persoal técnico e administrativo. Neste grupo profesional intégranse os traballadores que desempeñaban, conforme o anterior sistema de clasificación profesional, as categorías de oficial administrativo e auxiliar administrativo.

Grupo terceiro: persoal de explotación. Neste grupo profesional intégranse os traballadores que desempeñaban, conforme o anterior sistema de clasificación profesional, a categoría de cobrador de peaxe.

ANEXO 3
Táboas salariais convenio colectivo 2011

Grupo profesional

Nivel retributivo

Salario base

Complemento de traballo a quendas

Complemento
de transporte

Complemento
de vehículo

Quebrantamento
de moeda

Cómputo anual

Grupo segundo

A

15.717,07

0,00

1.506,98

0,00

0,00

17.224,05

Grupo segundo

B

14.058,12

0,00

1.506,98

0,00

0,00

15.565,10

Grupo terceiro

A

11.004,23

1.405,18

1.249,47

71,99

1.249,47

14.980,34

A seguir preséntase unha táboa de correspondencia entre as antigas categorías profesionais e os novos niveis que se asigna a cada unha delas dentro do grupo profesional en que se integran:

Grupo profesional

Nivel retributivo

Antiga categoría

Grupo segundo

A

Oficial 1º

Grupo segundo

B

Auxiliar administrativo

Grupo terceiro

A

Cobrador de peaxe

ANEXO 4

• Valor de complemento nocturno

(importe bruto en euros, ano 2011)

Importe complemento hora nocturna ano 2011 (por cada hora efectiva en xornada de 22.00 a 6.00)

1,65 €

• Valor de complemento de domingos ou festivos

(importe bruto en euros, ano 2011)

Importe complemento día ano 2011 (por cada hora efectiva en cabina en domingo ou festivo)

0,35 €

• Valor de axuda á maternidade e educación preescolar

(importe bruto en euros, anos 2011-2014)

Importe axuda de maternidade e educación preescolar (devindicación mensual)

65,00 €

• Valor de hora extra

(importe bruto en euros, ano 2011)

Importe hora extraordinaria

16,95 €

ANEXO 5
Produtividade polos tránsitos xestionados

Devindicación individual para cada traballador respecto do total dos tránsitos xestionados coa súa chave no conxunto do exercicio.

Porcentaxes máximas anuais de masa salarial aboable nos exercicios 2011-2014.

Produtividade I

4 % da masa salarial anual do grupo profesional terceiro, correspondente ao exercicio inmediatamente anterior. Repartición individual en función de tránsitos xestionados por cada cobrador, aboable conforme o previsto no artigo 22.D)

Produtividade II

Incremento dos ingresos de peaxe acumulados en decembro de cada ano respecto do exercicio precedente en todos os anos 2011-2014

Tanto por cento da masa salarial anual do exercicio anterior que se aboará coa paga de atrasos: repartición individual en función de tránsitos xestionados en vías manuais, aboable conforme o previsto no artigo 22.D)

9 %

1 %

10 %

2 %

11 %

3 %

ANEXO 6
Roupa de traballo

Posto de traballo

Clase de roupa

Cantidade

Cobradores de peaxe/

xefes de quenda

Pantalón

Xersei verán

Xersei inverno

Anorak

Camisa

Gravata/Pano

Emblemas

Chaleco reflectante

Especial maternidade

Segundo necesidade

Segundo necesidade

Segundo necesidade

Segundo necesidade

Segundo necesidade

Segundo necesidade

Segundo necesidade

Segundo necesidade

Segundo necesidade

anexo 7
Licenzas e permisos

missing image file