Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Martes, 30 de outubro de 2012 Páx. 40871

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 2012 pola que se modifica o artigo 19 da Orde do 11 de abril de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para investimentos innovadores para o crecemento empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012 (código de procedemento IN848A), así como o artigo 6 do anexo I da mesma orde.

Por Orde do 11 de abril de 2012 establécense as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para investimentos innovadores para o crecemento empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

Unha vez constituída a Axencia Galega de Innovación, establecida no Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro (DOG núm. 19, do 27 de xaneiro), polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, e de acordo co disposto na súa disposición adicional primeira, quedou suprimida a Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria, e subrogouse a Axencia na totalidade dos seus dereitos e obrigas derivados do exercicio das correspondentes competencias, sucedéndoas tamén en todas as súas competencias.

No artigo 19.1 da devandita Orde do 11 de abril de 2012 establécese que para xustificar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar nos lugares sinalados no artigo 3 desta convocatoria e na data límite do 31 de outubro de 2012, ademais da documentación exixida no artigo 6 das bases reguladoras, a documentación que se indica. Establécese, así mesmo, que o período de emisión das facturas será desde a data de presentación das solicitudes das subvencións ata o 31 de outubro de 2012, e que en ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data anterior á solicitude da subvención nin posterior ao 31 de outubro de 2012.

Por outra banda, no artigo 6 do anexo I da devandita orde, establécese que para cobrar a subvención concedida o beneficiario deberá presentar na data límite do 31 de outubro de 2012 a documentación que se indica.

Tendo en conta o atraso producido na resolución das devanditas axudas, motivado polo volume de solicitudes presentadas e polo longo proceso de avaliación, e co fin de viabilizar os procesos de execución e xustificación por parte dos beneficiarios resultantes e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede modificar o referido artigo 19 da convocatoria, así como o artigo 6 do seu anexo I, mediante a seguinte:

Disposición única

Modificación parcial do artigo 19 da Orde do 11 de abril de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para investimentos innovadores para o crecemento empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012, que queda redactado do seguinte xeito nos parágrafos afectados:

«19.1. Para xustificar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar nos lugares sinalados no artigo 3 desta convocatoria e na data límite do 15 de decembro de 2012, ademais da documentación exixida no artigo 6 das bases reguladoras, a documentación que a seguir se indica: (.../...).

19.1.b. O período de emisión das facturas será desde a data de presentación das solicitudes das subvencións ata o 15 de decembro de 2012.

19.1.c. Documentación xustificativa do pagamento: orixinal ou fotocopia compulsada de transferencias bancarias, certificacións bancarias ou extractos bancarios. En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data anterior á solicitude da subvención nin posterior ao 15 de decembro de 2012. Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, a satisfacción do importe total da factura, o número de factura a que correspondan, así como o concepto a que se refiren».

Modificación parcial do artigo 6 do anexo I da devandita Orde do 11 de abril de 2012, que queda redactado do seguinte xeito no seu primeiro parágrafo:

«Para cobrar a subvención concedida, o beneficiario deberá presentar na data límite do 15 de decembro de 2012 a seguinte documentación (.../...)».

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2012

Ricardo Capilla Pueyo
Director da Axencia Galega de Innovación