Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Venres, 26 de outubro de 2012 Páx. 40401

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 16 de outubro de 2012 pola que se aproba e se fai pública a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas e se convocan as persoas aspirantes admitidas á realización do primeiro exercicio (probas de lingua galega) do proceso selectivo para cubrir 37 prazas na escala administrativa, pola quenda de promoción interna.

Por Resolución reitoral do 9 de abril de 2012 (DOG do 24 de abril), convocáronse probas selectivas para cubrir 37 prazas na escala administrativa da USC do subgrupo C1, pola quenda de promoción interna.

Mediante Resolución reitoral do 4 de maio de 2012 (DOG do 15 de maio), corríxese un erro advertido na Resolución do 9 de abril.

Por Resolución reitoral do 20 de xuño de 2012 (DOG do 5 de xullo), modifícase a Resolución do 9 de abril de 2012.

Por Resolución reitoral do 22 de agosto de 2012 (DOG do 5 de setembro) aprobouse a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas nas mencionadas probas selectivas, fixándose un prazo para emendar os defectos que motivaron a exclusión.

Rematado o dito prazo e consonte o establecido na base 4.4 da convocatoria, o reitor

RESOLVE:

Primeiro. Declarar aprobada e facer pública a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas pola quenda de promoción interna ás citadas probas.

Segundo. Indicar que a listaxe definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas está exposta nos taboleiros de anuncios da Reitoría, da Casa da Balconada, do edificio de Servizos Administrativos e Biblioteca Intercentros e na web:

http://www1.usc.es/WebPas/SPAS/Funcionarios/Indice.htm

Terceiro. Convocar as persoas aspirantes admitidas pola quenda de promoción interna para a realización do primeiro exercicio da fase de oposición (probas de lingua galega), o día 10 de decembro de 2012, ás 10.00 horas, na Sala de Xuntas da Casa da Balconada.

A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos demais exercicios efectuaraa o tribunal, nos locais onde se realizase o primeiro deles, na Reitoría da universidade e na web: http://www.usc.es/gl/goberno/xerencia/selecciondepersoal.html

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2012

Juan José Casares Long
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela