Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Luns, 22 de outubro de 2012 Páx. 39946

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 2012, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, pola que se fai pública a convocatoria, mediante o procedemento aberto con criterio único (prezo), para o alleamento das madeiras que se citan da provincia de Pontevedra.

Convócase, mediante esta resolución, o alleamento de madeiras dos lotes que se poderán consultar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial desta consellería en Pontevedra (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra, rúa Fernández Ladreda 43, 2º, Pontevedra) e no enderezo http://mediorural.xunta.es/forestal/poxas, de acordo co disposto no Decreto 244/1998, do 24 de xullo, que regula os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia, e na Orde do 8 de setembro de 1998 (DOG do 16 de setembro), pola que se desenvolve o Decreto 244/1998, do 24 de xullo, que regula os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia. A apertura dos sobres coas ofertas económicas terá lugar no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra, rúa Fernández Ladreda 43, Pontevedra.

Para este procedemento rexerá a normativa antes citada e mais os pregos de condicións técnico-administrativas xerais e particulares destas que figuran no expediente correspondente, no Servizo de Montes de Pontevedra, onde poderán ser examinados polos interesados a partir do día da publicación no DOG desta resolución.

As ofertas poderanse presentar durante os vinte e seis días naturais seguintes ao da publicación no DOG desta resolución no Rexistro da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar en Pontevedra ou en calquera das formas legalmente establecidas.

Cando a oferta se envíe por correo ou se presente noutro rexistro diferente ao da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural e do Mar en Pontevedra, o licitador deberá anunciarlle á mesa de contratación a remisión da mencionada oferta mediante telegrama ou fax ao número 986 80 54 78 ou ben ao número 986 80 54 85.

A apertura das proposicións será realizada pola mesa de contratación, que se reunirá ás 11.00 horas do noveno día hábil, que non cadre en sábado, contados a partir do termo do prazo de presentación das ofertas.

Cada licitador presentará dous sobres pechados para cada oferta. O sobre A coa documentación administrativa e o sobre B coa oferta económica.

O sobre A, que contén a documentación administrativa, poderá ser único para todos os lotes que teñan lugar ante a mesa e na mesma sesión. Deberá conter, en todo caso, a seguinte documentación:

1. Acreditación da personalidade xurídica do empresario e, se é o caso, a súa representación.

2. Os xustificantes acreditativos de que están constituídas as fianzas provisionais, 2 % do prezo de taxación, de acordo co disposto no artigo 103 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público (en diante TRLCSP).

3. Declaración responsable outorgada ante a autoridade administrativa, notario público, ou organismo profesional cualificado, de non estar incurso o licitador nalgún dos supostos de prohibición de contratar previstos no artigo 60 do TRLCSP, así como na nova redacción establecida pola Lei 5/2006, do 10 de abril, de regulación de conflitos de intereses dos membros do Goberno e dos altos cargos da Administración Xeral do Estado, e pola Lei 9/1996, do 18 de outubro, de incompatibilidades dos membros da Xunta de Galicia e da Administración.

A dita declaración comprenderá expresamente a circunstancia de atoparse ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias coa facenda estatal e da Comunidade Autómoma e da Seguridade Social e estar dados de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

Esta declaración será presentada, sen prexuízo de que a xustificación acreditativa dos anteditos estremos deba presentarse, antes da adxudicación, polo empresario a favor de quen se efectuará esta.

Malia o anterior, poderán presentarse os certificados administrativos do cumprimento das citadas obrigas, agás no caso do IAE, cuxa xustificación se efectuará mediante a presentación da alta, referida ao exercicio que corre, ou do último recibo deste, completado cunha declaración responsable de non terse dado de baixa na matrícula do citado imposto, segundo o artigo 15.1 do Regulamento de contratos das administracións públicas.

4. Será acreditada a solvencia financeira, económica e técnica exixida polos medios precisados no cadro de características.

No caso de que o licitador estea dado de alta no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma deberá indicar na parte exterior do sobre o seu número e incluír copia da inscrición da empresa no dito rexistro, os xustificantes acreditativos das fianzas provisionais e a solvencia técnica e económica, así como unha declaración responsable na que manifeste que as circunstancias reflectidas no correspondente certificado non experimentaron variación.

Ademais desta documentación, deberá acompañarse a que proceda, en cada caso, segundo o especificado no prego de cláusulas administrativas particulares.

O sobre B recollerá a proposición económica e presentarase no modelo normalizado que se encontra á disposición dos interesados no Servizo de Montes de Pontevedra. Cada un dos lotes deberá figurar nun sobre B individual.

O adxudicatario constituirá a fianza definitiva do 5 % do prezo de licitación, agás nos expedientes nos cales o aproveitamento se realice a resultas ou o motivo sexa claro. Nestes últimos casos engadirase o 5 % de fianza complementaria, acadándose unha garantía definitiva dun 10 %.

O adxudicatario constituirá a fianza definitiva dentro dos dez días hábiles seguintes ao da data na que regulamentariamente se lle comunique a proposta de adxudicación.

Dentro dese mesmo prazo deberá aboar:

1. O importe total do remate, ou o importe do primeiro prazo, segundo se indique no prego de condicións particulares de cada lote.

2. O importe das taxas.

3. Os gastos proporcionais deste anuncio.

4. Os demais que se establezan nos pregos particulares de aproveitamento.

O adxudicatario deberá aboar, ademais das cantidades expresadas no anuncio, a porcentaxe que corresponda, segundo o réxime especial ou xeral que aplique a propiedade do monte, en concepto de IVE.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2012

Francisco José Vidal-Pardo Pardo
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar