Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 19 de outubro de 2012 Páx. 39755

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural e do Mar

ANUNCIO do 3 de outubro de 2012, da Xefatura Territorial de Lugo, polo que se publica a Resolución do 8 de agosto de 2012 da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural sobre cesión de terras sobrantes na zona de concentración parcelaria de Balmonte-Goberno (Castro de Rei-Lugo) ao Concello de Castro de Rei.

O acordo de concentración parcelaria da zona de Balmonte-Goberno (Castro de Rei-Lugo) foi aprobado pola Dirección Xeral de Infraestruturas Agrarias con data do 27 de febreiro de 2002 e publicado na forma prevista na lexislación vixente, encontrándose na actualidade pendente de firmeza.

Con posterioridade a estes actos o Concello de Castro de Rei solicita a cesión da titularidade dos predios que se indican:

– Predio nº 387, de 232 m2, para depósito de plásticos agrícolas e contedores.

– Predio nº 568, de 190 m2, para ampliación do cemiterio.

– Predio nº 554, de 1.883 m2, para aparcadoiro.

– Predio nº 617, de 930 m2, para aparcadoiro e campo da festa.

– Predio nº 615, de 1.262 m2, para aparcadoiro e campo da festa.

– Predio nº 571, de 360 m2, onde se atopa o teleclub para lugar de esparexemento dos veciños.

Visto o informe favorable da xunta local da zona, a Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973, a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro, a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción segundo a Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e demais disposicións legais vixentes de aplicación ao caso.

Á vista de que o destino para o cal se solicitan os predios nº 387, 568, 554, 617, 615 e 571 son perfectamente subsumibles no suposto recollido no artigo 32 da antedita lei galega, esta dirección xeral

resolve:

Primeiro. Modificar o acordo de concentración parcelaria da zona de Balmonte-Goberno (Castro de Rei-Lugo) e adxudicar ao Concello de Castro de Rei a titularidade dos predios nº 387, 568, 554, 617, 615 e 571, que causan baixa no fondo de terras da zona, a fin de seren destinados aos fins indicados na parte expositiva da presente resolución.

Segundo. En caso de incumprimento dos fins para que son adxudicados, a titularidade dos referidos predios reverterá ao fondo de terras da zona, ao patrimonio da Comunidade Autónoma, á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ou outra entidade que corrresponda, segundo o caso.

Contra esta resolución pódese interpoñer recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural e do Mar no prazo dun mes contado a partir do día seguinte a aquel en que sexa publicada esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 3 de outubro de 2012

P.S.R.
Jesús Vázquez Pérez
Xefe do Servizo de Explotacións Agrarias de Lugo