Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Venres, 19 de outubro de 2012 Páx. 39714

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela

EDICTO (81/2012).

Susana Varela Amboage, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela, fago saber que no procedemento de despedimento obxectivo individual 81/2012 deste xulgado do social, seguido por instancia de Venancio Martínez Alfaya contra a empresa Padronesa de Servicios Integrales, S.L., sobre despedimento, se ditou a seguinte resolución:

«Decisión:

1º. Que, estimando a demanda promovida por Venancio Martínez Alfaya contra a empresa Padronesa de Servicios Integrales, S.L., debo declarar e declaro improcedente o seu despedimento, e condeno a demandada a que opte, ben pola readmisión do traballador nas mesmas condicións que rexían antes de producirse aquel, ben polo aboamento da cantidade de 16.362,33 € en concepto de indemnización.

A aludida opción deberá exercerse no termo de 5 días a partir da notificación desta resolución mediante escrito ou comparecencia ante a secretaria deste órgano xurisdicional. Se a demandada non a verifica, entenderase que opta pola readmisión. Calquera que for o sentido desta, debo, así mesmo, condenar a empresa demandada a que satisfaga ao demandante os salarios de tramitación que lle deben corresponder, calculados desde a data do despedimento ata a de notificación desta sentenza e que, a día de hoxe, importan a cifra de 7.020,28 €.

2º. Que, así mesmo, debo condenar e condeno a citada demandada a que lle aboe ao demandante a cantidade de 7.572,58 € incrementada co xuro moratorio procesual do 10 % computado na forma indicada no fundamento xurídico terceiro desta sentenza.

3º. Faise expresa imposición de custas á parte demandada nos termos establecidos no fundamento xurídico cuarto da presente resolución.

Notifíqueselles esta sentenza ás partes, facéndolles saber que, contra ela, poden interpor recurso de suplicación, que deberá anunciarse ante este xulgado no termo de cinco días desde a notificación da presente sentenza, e que será resolto, de ser o caso e cumpridos os trámites legais, pola Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. A empresa condenada deberá, así mesmo, acreditar ao anunciar o recurso ter ingresado un depósito de 300 € e o importe da condena na conta de consignacións deste xulgado; este poderá substituírse por aseguramento mediante aval bancario, constando a responsabilidade solidaria do avalista, sen cuxo requisito non se poderá ter por anunciado recurso e quedará firme a sentenza.

Así, por esta a miña sentenza, o pronuncio, mando e asino».

E para que sirva como notificación á demandada Padronesa de Servicios Integrales, S.L., expido o presente para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2012

A secretaria xudicial