Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Xoves, 18 de outubro de 2012 Páx. 39614

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 10 de outubro de 2012 pola que se convoca o curso para policías locais denominado Actualización nas técnicas de protección e defensa persoal policial.

Dentro das actividades programadas para o ano 2012, en virtude do convenio de formación asinado entre a Academia Galega de Seguridade Pública e a Deputación Provincial de Ourense, anúnciase a convocatoria dun curso para policías locais sobre actualización nas técnicas de protección e defensa persoal policial.

1. Datos da actividade.

Denominación: actualización nas técnicas de protección e defensa persoal policial.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 20.

Modalidade: presencial.

Obxectivos:

– Tentar dotar os axentes de policía local dun maior nivel de coñecementos, habilidades e destrezas adecuados ao perfil que a sociedade actual require e demanda dos corpos de seguridade.

– Adquisición de habilidades para a realización de detencións en diferentes situacións, con un ou varios axentes e coñecemento de útiles policiais de cara á operativa policial.

– Aprendizaxe de técnicas encamiñadas a inmobilizar, controlar e conducir a un sospeitoso, sen grillóns.

– Adquisición de habilidades para a realización de controis, inmobilizacións, conducións, proxeccións, resolución de resistencias pasivas, coa defensa regulamentaria.

– Creación de hábitos e habilidades de adestramento coa defensa regulamentaria encamiñadas a evitar agresións, bloqueo con defensa.

Contido:

1. Técnicas de detención.

1.1. Principios fundamentais. Condicións persoais. Factores. Usos e medios da delincuencia.

1.2. A identificación. Posicións fundamentais. Por un ou dous axentes. Misións.

1.3. O control de seguridade.

1.4. O cacheo.

1.5. O esposamento.

1.6. Formas de esposamento.

1.7. Detencións ao paso.

1.8. Conducións con grillóns.

1.9. Conducións sen grillóns.

1.10. Control no chan sen grillóns.

1.11. Forma de quitar grillóns coa máxima seguridade.

1.12. Resolución de resistencias pasivas.

2. Manexo da defensa regulamentaria.

2.1. Características xerais e tipos de defensas.

2.2. Empuñamento.

2.3. Desenfundamento.

2.4. Exercicios educativos de habilidade.

2.5. Técnicas de redución coa defensa.

2.6. Técnicas de proxección coa defensa.

2.7. Técnicas de condución coa defensa.

2.8. Técnicas de control coa defensa.

2.9. Resolución de resistencias pasivas.

2.10. Técnicas aplicables á resistencia en vehículos.

2.11. Técnicas ante intento de subtracción da defensa regulamentaria.

2.12. Técnicas ante intento de subtracción da arma regulamentaria.

3. Operativa en vehículos.

3.1. Interceptación de vehículos.

3.2. Protocolos de aproximación.

3.3. Extracción de delincuentes do interior de vehículos.

3.4. Traslado de detidos en vehículos con distintivos policiais e/ou camuflados.

4. Operativa de entradas en inmobles.

5. Redución de persoas violentas que estean baixo os efectos do alcohol e/ou as drogas.

3. Redución de persoas violentas con graves trastornos psíquicos ou con armas brancas.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as:

– Persoal ao servizo das entidades locais de Ourense pertencente aos corpos da policía local e, de forma complementaria, aos membros das forzas e corpos de seguridade do Estado.

– Membros da policía local de calquera escala e categoría profesional que sexan operativos e que teñan predisposición para facer exercicio físico moderado.

Prazas ofertadas: 20 prazas.

Reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

3. Solicitudes de participación.

Prazo de inscrición e presentación: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 23 de outubro de 2012.

As solicitudes de participación e documentación complementaria que se exixa, deberán remitirse por escrito ao Negociado de Formación da Deputación Provincial:

– Por correo electrónico: formacion@depourense.es

– Por correo postal: Deputación Ourense - Negociado de Formación.

Rúa do Progreso, 30 - 2º. 32003 Ourense.

– Ou presentando a documentación no Rexistro Xeral da Deputación Provincial de Ourense.

Listaxe de solicitudes seleccionadas:

A lista de seleccionados en cada curso exporase oficialmente no taboleiro de anuncios do Negociado de Formación da Deputación de Ourense, unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes; e ao mesmo tempo, os peticionarios poderán obter información sobre a súa admisión chamando ao teléfono 988 38 51 42 ou consultando na páxina web: www.depourense.es

Criterios de selección:

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos cinco anos, segundo conste nas bases de datos da Academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da Academia.

c) Antigüidade.

Obrigas das persoas seleccionadas:

As persoas que resulten seleccionadas, teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comuniquen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: o curso impartirase no ximnasio do Pavillón Polideportivo Municipal de Xinzo de Limia (avda. Dous de Maio. Xinzo de Limia).

Horario: venres pola tarde, das 17.00 ás 21.00 horas; sábados das 11.00 ás 14.00 e das 15.00 ás 19.00 horas.

Datas: 30 de novembro e 1, 14 e 15 de decembro de 2012.

Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada.

5. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da AGASP, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

6. Modificacións e incidencias.

Tanto a Academia Galega de Seguridade Pública como a Deputación Provincial de Ourense poderán modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 10 de outubro de 2012

José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública