Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 16 de outubro de 2012 Páx. 39390

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2012, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución dunha instalación eléctrica no concello de Bueu (expediente IN407A 2012/5-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución das instalacións eléctricas que a continuación se describen:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo.

Denominación: LMT, CT, RBT Beloso.

Situación: Bueu.

Características técnicas: LMT aérea a 20 kV con condutor tipo LA-56 de 496 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado nº 23-1 X C-3000/14 da LMT PSY 806 (Vilaboa-Signo 6) e final no CT proxectado. Centro de transformación intemperie de 100 kVA, RT 20 kV/400-230 V, situado no Beloso, Cela, Bueu. Rede de BT aérea de 1.552 metros con condutor RZ e orixe no CT proxectado.

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 15 de febreiro de 2012, no BOP do 9 de febreiro de 2012, no xornal Faro de Vigo do 9 de febreiro de 2012 e no taboleiro de anuncios do concello de Bueu. Tamén se notificou individualmente aos titulares dos predios afectados pola instalación segundo a relación facilitada pola empresa peticionaria. Durante o mencionado trámite recibíronse as seguintes alegacións:

Agustín Franco Lobeira alega que resulta afectado polo proxecto e que o predio queda inservible para o cultivo.

María Asunción Vieites Ave expón que non é propietaria do predio que se lle notificou, pero que si poderían estar afectadas dúas parcelas que posúe na mesma zona.

Celia Ave Franco propietaria do predio nº 44, polígono 58, parcela 166 e Josefa Franco Villar propietaria do predio nº 2, polígono 58, parcela 230, manifestan que non poden precisar se existe ou non prohibición para o establecemento de servidumes de paso.

Rosario Moldes Currás expón que a notificación que recibiu vén referida ao predio 26, polígono 58, parcela 240, pero que nese lugar é propietaria de tres predios e solicita que se especifique de cal das tres se trata.

Tomás Costas Amoedo, José Castro Freire e Manuel Rosales Fandiño solicitan plano da afección dos seus predios, cos metros afectados.

A empresa contesta no mesmo sentido ás anteriores alegacións decindo que, de acordo co artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, o día do levantamento de actas previas á ocupación se comprobarán sobre o terreo, tanto as afeccións reais como a titularidade dos predios e se terán en conta todas as manifestacións realizadas que se axusten á realidade.

María del Carmen Garrido Novo expón que existe un erro en canto á identificación do seu predio e Encarnación Álvarez Gayo expón que existe un erro na relación de bens e dereitos afectados.

A empresa contesta que procederá a facer as correccións oportunas.

José Luis Fazanes Cerviño propón un cambio de trazado da liña.

A empresa contesta que se presentaron varias alternativas sendo a que se está a tramitar a máis viable tecnicamente.

Á vista do exposto polos interesados e pola empresa peticionaria, non consta que exista ningunha limitación para continuar cos trámites previstos no capítulo VII do Real decreto 1955/2000.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resolve:

Autorizar, declarar, en concreto, a utilidade pública da instalación e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados, así como aprobar o proxecto de execución das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de 14 meses a partir da recepción da presente resolución. Para efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir de día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquer outro recurso que xulgue pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 21 de setembro de 2012

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra