Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Luns, 15 de outubro de 2012 Páx. 39235

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 28 de setembro de 2012 pola que se clasifica de interese cultural, cívico, asistencial, educativo, científico, de fomento da economía social, e de defensa do medio natural de Galicia a Fundación Novacaixagalicia.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Novacaixagalicia, con domicilio na rúa do Vilar número 19, en Santiago de Compostela.

Feitos.

1. Guillermo Brea Vila, secretario do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Novacaixagalicia foi constituída en escritura pública, outorgada en Santiago de Compostela (A Coruña), o 24 de xullo de 2012, ante o notario José Manuel Amigo Vázquez, co número de protocolo 1.516, Francisco José Serna Gómez, que actúa en representación da Fundación Novacaixagalicia-Claudio Sanmartín e Guillermo Brea Vila, en representación da Fundación Novacaixagalicia, por fusión destas fundacións e a creación dunha nova denominada Fundación Novacaixagalicia.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto o impulso, xestión e desenvolvemento daquelas actuacións culturais (literarias, musicais, plásticas), cívicas, de investigación e desenvolvemento, socio-económicas, ambientais e demais análogas de interese xeral que, por iniciativa propia ou por proposta doutras institucións, fundacións ou organismos, estime necesarios ou convenientes para o desenvolvemento social, cultural e económico, principalmente no ámbito da Comunidade Autónoma galega.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Mauro Varela Pérez, como presidente, Julio Fernández Gayoso, como vicepresidente, Guillermo Brea Vila, como secretario, e Pedro Antonio Otero Espinar, como vogal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural, cívico, asistencial, educativo, científico, de fomento da economía social, e de defensa do medio natural de Galicia da Fundación Novacaixagalicia con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese cultural, cívico, asistencial, educativo, científico, de fomento da economía social, e de defensa do medio natural de Galicia, e a súa adscrición á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Consideracións legais.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 25 de setembro de 2012,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural, cívico, asistencial, educativo, científico, de fomento da economía social, e de defensa do medio natural de Galicia a Fundación Novacaixagalicia, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza