Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Xoves, 11 de outubro de 2012 Páx. 39090

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 28 de setembro de 2012 pola que se modifica a Orde do 27 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural, en concorrencia competitiva, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2012.

O día 5 de xaneiro de 2012, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicou a Orde do 27 de decembro de 2011 (DOG núm. 4, do 5 de xaneiro de 2012) pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da silvicultura en bosques no medio rural, en concorrencia competitiva, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2012.

No artigo 5 inclúese unha pequena modificación para aclarar o seu contido. Ademais, no seu artigo 11 precísanse os prazos para a xustificación da subvención que requiren ser modificados por mor do elevado número de solicitudes presentadas.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a letra g) do artigo 6 do seguinte xeito:

Onde di: «g) Certificación bancaria a nome do titular do terreo; no caso de agrupacións, nesta conta deberán ser titulares conxuntos todos os titulares que formen parte da agrupación, excepto sociedades e agrupacións legalmente constituídas. Nas agrupacións permítese a sinatura mancomunada da conta bancaria nun membro da agrupación».

Debe dicir: «g) Certificación bancaria a nome do titular do terreo; no caso de agrupacións, nesta conta deberán ser titulares conxuntos todos os titulares que formen parte da agrupación, excepto sociedades e agrupacións legalmente constituídas».

Segundo. Modificar o número 1 do artigo 11.1 do seguinte xeito:

Onde di: «Na resolución de concesión, indicarase o prazo para a execución dos traballos que, con carácter xeral, non será inferior a dous meses. A data límite de xustificación da subvención non poderá superar o 15 de outubro na anualidade de 2012 e o 30 de xuño na anualidade de 2013».

Debe dicir: «Na resolución de concesión, indicarase o prazo para a execución dos traballos. A data límite de xustificación da subvención será o 30 de novembro para a anualidade de 2012 e o 30 de xuño para a anualidade de 2013».

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2012

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar