Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Luns, 8 de outubro de 2012 Páx. 38574

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se outorga a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal do Grove (Pontevedra).

Logo de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e enderezo, para os efectos de notificacións, na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. A autorización administrativa para a distribución de gas natural no termo municipal do Grove foi solicitada por Endesa Gas Distribución, S.A.U. o 31 de agosto de 2005 e por Gas Galicia SDG, S.A. o 16 de decembro de 2005, xuntando os respectivos proxectos de autorización administrativa.

Esta dirección xeral decidiu someter estas dúas solicitudes de autorización administrativa, cos seus respectivos proxectos, ao trámite de información pública:

– A solicitude de Endesa Gas Distribución, S.A.U. mediante Resolución do 7 de febreiro de 2008, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 24 de marzo, no Boletín Oficial da provincia do 13 de marzo e nos xornais La Voz de Galicia do 12 de marzo e Faro de Vigo do 14 de marzo, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello do Grove durante un prazo de 20 días.

A solicitude de Gas Galicia SDG, S.A. mediante Resolución do 8 de febreiro de 2008, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 21 de febreiro, no Boletín Oficial da provincia do 9 de abril e nos xornais La Voz de Galicia do 23 de febreiro e Faro de Vigo do 29 de febreiro, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello do Grove durante un prazo de 20 días.

Segundo. Durante o período de información pública legalmente establecido para estas dúas solicitudes de Endesa Gas Distribución, S.A.U. e Gas Galicia SDG, S.A. presentáronse as seguintes alegacións:

– Fins Eirexas Santamaría, que actúa como secretario executivo de Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza), solicita, a respecto do proxecto de Gas Galicia SDG, S.A., que se desbote a situación prevista para a planta de GNL a carón do colexio Rosalía de Castro e se consideren outras consonte o RAMINP (Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas), xa que as plantas regasificadoras e de almacenamento/distribución de GNL (gas natural licuado) ao estaren consideradas como potencialmente perigosas, ao abeiro do RAMINP, non deberían situarse a menos de 2.000 m dun núcleo de poboación e moito menos dun colexio.

– Francisco Javier Outeda Montenegro, que actúa como presidente da Asociación de Veciños As Vesadas, solicita, a respecto dos proxectos de Endesa Gas Distribución, S.A.U. e de Gas Galicia SDG, S.A., o seguinte:

• Que se espere a ter realizado o eixo de alta presión Sanxenxo-O Grove para a súa conexión coa rede do municipio do Grove, sen necesidade de instalar a planta de GNL, xa que non existe unha demanda real de gas natural no municipio e, ademais, está prevista a eliminación da planta cando estea operativo o dito eixo.

• Que se cambie a situación da planta de GNL, polos seguintes motivos: a existencia do colexio público Valle Inclán, con 400 alumnos e apenas situado a 150 m, e o paso continuo de nenos pola zona, que isto implica; a situación das plantas está en pleno núcleo urbano, no cal existen numerosas vivendas, hoteis, restaurantes e outros servizos, a menos de 20 m, sen gardar a distancia mínima de seguranza que estas plantas deberían ter, e coa conseguinte desvalorización dos negocios e vivendas, así como a perda en calidade de vida para os veciños; a rotonda da estrada C-550 é a máis transitada do municipio, co conseguinte perigo en caso de fallo da planta; a proximidade ás vivendas e perigosidade da planta de GNL causan un gran malestar e alarma social entre a veciñanza; o RAMINP, no seu artigo 4, exixe unha distancia mínima de separación de 2.000 m entre a planta e a poboación agrupada máis próxima, que non se cumpre; en caso de fallo por rotura ou fugas na planta, podería provocar a explosión do tanque de GNL e crear unha nube asfixiante e explosiva que afectaría vivendas, veciños e demais usuarios da zona; descoñécese se se realizou a avaliación de impacto ambiental; descoñécese se se deixa unha zona de exclusión térmica; non se seguiu o Real decreto 1254/1999 en canto á política de asignación do solo e outras políticas pertinentes; no municipio do Grove existen zonas suficientes onde situar esta planta sen vivendas ao redor.

– José Antonio Cacabelos Rico, que actúa como alcalde presidente do Concello do Grove, solicita que se cambie a situación da planta de GNL posto que a proposta actual causa alarma social na veciñanza e inquietude de diversos colectivos afectados.

– Julia Aida Filgueira, que actúa como concelleira do partido político AMECA (Alternativa Meca), solicita, a respecto do proxecto de Gas Galicia SDG SA, a denegación da autorización administrativa da instalación da planta de GNL na situación proposta, polos seguintes motivos:

• Non se cumpriu coa exixencia do punto b) do artigo 73.3 da Lei 34/1998, tendo en conta as disposicións legais aplicables na nosa Comunidade: Decreto 327/1991, que no seu artigo 1 di que en Galicia será obrigatorio someter a avaliación de efectos ambientais todos os proxectos como o presentado, de acordo co disposto no artigo 13 da Lei 1/1995, de protección ambiental de Galicia, por tratarse dunha actividade clasificada como perigosa.

• Na parcela en que se pretende situar a planta de GNL non está permitida esta instalación de acordo coa ordenanza que a regula.

• A situación proposta está nunha zona escolar, moi transitada por vehículos e peóns, o que entrañaría un enorme risco para a poboación, así como problemas de tráfico derivados do aprovisionamento da planta mediante camións cisterna.

– Alfonso Álvarez Briones, Ana Mª Pérez Otero, Ángel Triñanes Vidal, Antonio Otero Fernández, Antonio Rodiño Álvarez, Antonio Vázquez Rodríguez, Beatriz Ferreira Mourelos, Carmen Campos Bea, Carmen Soutullo Rodríguez, David Díaz Otero, Delfina M. Mascato Briones, Enrique Mourelos Álvarez, Enrique Mourelos Otero, Francisca Mascato Barral, Francisco Barrielco Mascato, Francisco Fernández Ferreira, Francisco Manuel Mourelo Álvarez, Guadalupe Otero Besada, Isabel Besada Mourelos, Isaura Ferro de la Fuente, Jesusa Mascato Briones, José A. Garrido, José Domínguez Álvarez, Josefa Curras Besada, Josefa M. Rodiño Fernández, Juan Luis Pouso Rey, Lourdes Naveiro Bea, Manuel Ferreira Pascual, Manuel Torres Piñeiro, Manuela Fernández Boullosa, Manuela Ferreira, María Álvarez Campos, María C. Peña, María Celeste Muñiz Otero, María del Carmen Otero Padín, María del Carmen Outeda Otero, María del Carmen Padín, María Dolores Gondar Vidal, María Teresa Ferreira, Modesto Mourelos Gondar, Modesto Mourelos Otero, Natividad Otero Soutullo, Nelson D. Romero López, Pilar Filgueira, Ramón Garrido Otero, Raúl Fraga Mascato (que actúa como presidente da Asociación de Veciños de Ardia), Roberto Mourelos Mascato, Santiago Mourelos Ferro, Santiago Mourelos Naveiro, Santiago Mourelos Rodiño, Segundo Fernández Mariño, Servando Fernández e Teresa Mourdos Rodriño, din, a respecto dos proxectos de Endesa Gas Distribución, S.A.U. e de Gas Galicia SDG, S.A., que a situación dos depósitos, ao estar moi preto das vivendas, do colexio público e da estrada xeral, afecta a seguranza, a estética e o valor do patrimonio, e por iso piden a paralización destas instalacións e que se faga un novo estudo, en ambos os proxectos, para cambiar a situación da planta de GNL posto que as propostas actuais, ademais do mencionado, causan alarma social na veciñanza e inquietude de diversos colectivos afectados pola situación que se propón.

Terceiro. O 27 de abril de 2010 entrou en vigor o Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), que foi publicado no Diario Oficial de Galicia do 26 de abril de 2010.

Cuarto. Ao abeiro do citado Decreto 62/2010, do 15 de abril, e ante as dúas solicitudes de autorización administrativa presentadas en concorrencia polas citadas empresas (Gas Galicia SDG, S.A. e Endesa Gas Distribución, S.A.U.) para a distribución de gas natural no termo municipal do Grove, esta dirección xeral resolveu o 15 de novembro de 2010 o trámite de competencia a favor de Gas Galicia SDG, S.A., o que implica continuar coa tramitación do procedemento de autorización administrativa unicamente con esta empresa.

Quinto. O 12 de maio de 2011 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou un novo proxecto de autorización administrativa, que substitúe o que xa foi sometido ao trámite de información pública, e no que se recolle unha nova localización para a instalación da planta de GNL. As características básicas das instalacións correspondentes a este novo proxecto para a distribución de gas natural no termo municipal do Grove son as seguintes:

– A subministración de gas natural proxéctase a través dunha planta de GNL (gas natural licuado) que se situará nunha parcela catalogada, segundo o planeamento urbanístico actual, como SNUC (solo non urbanizable común) na estrada PO-9102. A rede de distribución proxectada, que aparece reflectida nos planos de planta de trazado incluídos no proxecto, está formada por:

• Unha rede básica de distribución en rango de presión 2 < MOP (presión máxima de operación) ≤ 5 bar, que parte do punto de subministración e chega ás inmediacións dos núcleos urbanos do Grove e da Illa da Toxa.

• E unha rede secundaria de distribución (en diámetro inferior a 160 mm), en rango de presión 0,1 < MOP ≤ 2 bar, que parte da rede básica cara aos distintos puntos de consumo.

– Esta rede deséñase en polietileno de alta densidade PE 100 SDR 17,6 de diámetro variable de DN160 a DN63, segundo necesidades, e a súa lonxitude será de 24.291 m (5.394 m da rede básica e 18.897 m da rede secundaria).

– O seu orzamento ascende á cantidade de un millón cincocentos corenta e oito mil cincuenta e nove euros con vinte e catro céntimos (1.548.059,24 €).

Sexto. O 7 de febreiro de 2012 esta dirección xeral resolveu someter a información pública este novo proxecto de autorización administrativa. Esta resolución:

– Publicouse no Diario Oficial de Galicia do 30 de abril de 2012, no Boletín Oficial da provincia do 24 de maio de 2012 e nos xornais La Voz de Galicia e Faro de Vigo do 2 de maio de 2012.

– Estivo exposta ao público no taboleiro de anuncios do Concello do Grove durante un período mínimo de vinte días.

– Notificouse individualmente a todas as persoas que presentaron alegacións durante a información pública do primeiro proxecto.

Sétimo. Durante o período de información pública legalmente establecido para este novo proxecto de autorización administrativa de Gas Galicia SDG, S.A. presentáronse as seguintes alegacións:

– Javier Cambados Márquez, que actúa en representación da empresa Contraofic, S.L., solicita que se declare a necesidade de concretar a localización e as características exactas da planta de GNL que se pretende instalar na estrada PO-9102 e que se lle conceda, unha vez concretados estes aspectos, un novo prazo de alegacións, alegando que non resulta posible concretar nin as dimensións e características da planta de GNL nin a parcela que ocupará na estrada PO-9102, lugar este en que se encontran as instalacións de Contraofic, S.L., o que lle causa unha indefensión porque non pode coñecer como se verán afectadas as súas instalacións pola dita planta de GNL.

– José Martínez Fernández, que actúa en representación da Comunidade de Montes de San Martiño do Grove, solicita que se declare a necesidade de concretar a localización e as características exactas da planta de GNL que se pretende instalar na estrada PO-9102 e que se lle conceda, unha vez concretados estes aspectos, un novo prazo de alegacións, alegando que non resulta posible concretar nin as dimensións e características da planta de GNL nin a parcela que ocupará na estrada PO-9102, lugar este en que se atopan as propiedades da Comunidade de Montes de San Martiño do Grove, o que lle causa unha indefensión porque non pode coñecer como se verán afectadas as súas propiedades pola dita planta de GNL.

Oitavo. O 29 de maio de 2012 a Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu informe favorable sobre o devandito proxecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. Á vista das alegacións presentadas, das contestacións da empresa Gas Galicia SDG, S.A. a estas alegacións e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

– En canto ás alegacións en que se solicita o cambio de situación da planta de GNL, prevista no primeiro proxecto de autorización administrativa, cómpre indicar que no segundo proxecto de autorización administrativa, que substitúe o anterior e que é obxecto desta resolución, proponse unha nova situación para a dita planta de GNL, nunha parcela catalogada segundo o planeamento urbanístico actual como SNUC (solo non urbanizable común) na estrada PO-9102.

– En canto ás alegacións referentes ao incumprimento da normativa en materia de ambiente, cómpre indicar que o proxecto en cuestión non se somete aos procedementos de avaliación de impacto nin de efectos ambientais, regulados respectivamente, polo Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, e polo Decreto 327/1991, do 4 de outubro, senón, en todo caso, ao procedemento de avaliación de incidencia ambiental regulado polo Decreto 133/2008, do 12 de xuño, cuxa tramitación é competencia do correspondente concello.

– En canto ás alegacións referentes aos riscos derivados da instalación da planta de GNL observarase o disposto no Real decreto 1254/1999, do 16 de xullo, polo que se aproban as medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas.

– En canto ás alegacións de Javier Cambados Márquez e José Martínez Fernández cómpre indicar que, unha vez concedida esta autorización administrativa, Gas Galicia SDG, S.A. deberá presentar ante esta dirección xeral o proxecto de execución (no cal se recollerán todos os detalles construtivos), tanto da rede de distribución como da planta de GNL. Con carácter previo á súa aprobación, esta dirección xeral someterá o proxecto de execución da planta de GNL ao trámite de información pública. En todo caso, a planta de GNL deberá situarse nunha parcela que cumpra todos os requisitos legais.

Cuarto. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De conformidade cos preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Outorgar á empresa Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal do Grove (Pontevedra), con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contando desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 30.961,18 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. Dentro do prazo de seis meses contado a partir da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá solicitar ante esta dirección xeral a aprobación do proxecto de execución, para o que deberá presentar o proxecto detallado das instalacións. En todo caso, deberán cumprirse os prazos previstos no proxecto de autorización administrativa, podendo os ditos prazos ser prorrogados por causa xustificada, logo da correspondente solicitude acompañada da xustificación técnica ou exposición da causa de forza maior causante da demora.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que, en xeral, sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os cumprimentan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Cuarta. A autorización administrativa afecta o termo municipal do Grove e prevé a gasificación dos núcleos urbanos do Grove e da Illa da Toxa de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado por Gas Galicia SDG, S.A., con referencia 13760 C.D. 6.5.30 e data de maio de 2011, e subscrito polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado nº 1.130 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia).

Quinta. A autorización administrativa outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas necesarios para realizar as instalacións aprobadas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización administrativa por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos, ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas