O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón no seu artigo 8 que se poderán crear oficinas de rexistro auxiliares vinculadas á Oficina de Rexistro Xeral cando a distribución xeográfica, o volume ou a natureza das actividades dun órgano, servizo ou unidade o aconsellen.
A creación dos rexistros auxiliares farase por orde da consellería competente en materia de administracións públicas por proposta da consellería ou entidade que corresponda e logo de informe da Oficina de Rexistro Xeral.
A Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Traballo e Benestar, mediante escrito de 14 de setembro de 2012, solicita a creación de dous rexistros auxiliares do Rexistro Xeral con motivo do volume de traballo e da dispersión dos centros de traballo da citada xefatura territorial.
Tendo en conta a anterior situación, cómpre a creación dun rexistro auxiliar dependente do Rexistro Xeral na avenida da Habana 81, baixo, 32004 Ourense, e doutro rexistro auxiliar na avenida do Parque s/n, 32500 O Carballiño.
Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1
Créanse os rexistros auxiliares do Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, adscrito á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, seguintes:
Rexistro Auxiliar do Servizo de Xuventude e Voluntariado na avenida da Habana 81, baixo, 32004 Ourense.
Rexistro Auxiliar da Residencia de Tempo Libre do Carballiño na avenida do Parque s/n, 32500 O Carballiño.
Artigo 2
Os rexistros auxiliares creados pola presente orde rexeranse polas disposicións contidas no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, e estarán conectados á rede privada de voz e datos da Xunta de Galicia (SXPA).
Disposición derradeira primeira
O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.
Disposición derradeira segunda
Os rexistros auxiliares comezarán a súa actividade a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira terceira
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2012
Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza