Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Xoves, 4 de outubro de 2012 Páx. 38170

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 193/2012, do 27 de setembro, polo que se regula o Observatorio Galego de Educación Ambiental.

O artigo 149.1º.23 da Constitución, e o artigo 27.30º do Estatuto de autonomía de Galicia, faculta a nosa comunidade autónoma para establecer normas adicionais sobre protección do medio e a paisaxe.

A Comunidade Autónoma de Galicia ten a obriga de fomentar a conciencia de que o medio galego é un patrimonio e un ben no que todos os estamentos sociais deben estar implicados.

A estratexia galega de educación ambiental foi aprobada o 9 de novembro de 1999, no Consello Galego de Medio Ambiente e publicada no DOG nº 205, do 23 de outubro de 2000, froito dos compromisos ambientais adoptados por España nas reunións de Tiblisi e Tesalónica, e seguindo as recomendacións do Libro blanco de educación ambiental. Na Estratexia Galega de Educación Ambiental recomendábase a creación dun Observatorio Galego de Educación Ambiental como órgano colexiado de consulta.

O Observatorio Galego de Educación Ambiental foi creado inicialmente polo Decreto 78/2001, do 22 de marzo, e modificado polos decretos 218/2002, do 23 de maio e 6/2005, do 7 de xaneiro. O Decreto 68/2006, do 30 de marzo, regula as funcións e composición do Observatorio Galego de Educación Ambiental derrogando os anteriores.

Por Decreto 244/2011, do 29 de decembro, se aproban os estatutos do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo adscrito á consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, que entrou en funcionamento o 7 de abril de 2012.

O Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, establecida polo Decreto 79/2009, do 19 de abril. Esta nova dimensión organizativa reflíctese no Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia. O Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, establece unha nova estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o que comporta as conseguintes modificacións das denominacións de varios dos órganos administrativos implicados no desenvolvemento das políticas ambientais. Estas modificacións implican tamén cambios organizativos no marco do Observatorio Galego de Educación Ambiental que é preciso reflectir na súa regulación, adaptando os cambios nun novo decreto que regule o Observatorio Galego de Educación Ambiental, que deberá ter unha composición plural, con presenza da Administración pública e de axentes sociais e persoas especialistas en educación ambiental, co obxectivo de que sexa un instrumento de colaboración e participación social para o desenvolvemento da educación ambiental en Galicia.

Na súa virtude, e no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concordante e por proposta da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, despois da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e sete de setembro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto deste decreto é regular as funcións e composición do Observatorio Galego de Educación Ambiental.

Artigo 2. Adscrición

O Observatorio Galego de Educación Ambiental adscríbese á consellería competente en materia de ambiente, que lle prestará o soporte persoal e material preciso para o exercicio das súas funcións.

Artigo 3. Fins e funcións

A finalidade principal do Observatorio Galego de Educación Ambiental é o seguimento e avaliación da situación da educación ambiental na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Observatorio Galego de Educación Ambiental, para a consecución dos seus fins, exercerá as seguintes funcións:

1. Asesorar os organismos das administracións públicas no deseño e avaliación dos programas e iniciativas de educación ambiental.

2. Analizar as necesidades educativas e formativas en materia ambiental da poboación galega no seu conxunto, así como dos seus sectores específicos.

3. Realizar un seguimento da aplicación da Estratexia Galega de Educación Ambiental, propoñendo e suxerindo directrices e liñas de actuación.

4. Propoñer a elaboración de instrumentos e procedementos de avaliación, especificamente dirixidos ao ámbito da educación ambiental.

5. Colleitar experiencias, recursos e programas que se consideran de referencia, tanto no ámbito da Comunidade Autónoma como do Estado, da Unión Europea e das distintas axencias das Nacións Unidas, facilitando a súa divulgación, promoción, adaptación e aplicación á realidade galega.

6. Promover foros de discusión e debate que, en diferentes formatos (seminarios, grupos de traballo, comisións ad hoc, talleres, ou semellantes) permitan o encontro e a reflexión dos diferentes axentes sociais involucrados na educación ambiental.

Artigo 4. Composición

O Observatorio Galego de Educación Ambiental terá a seguinte composición, que tenderá a acadar unha participación equilibrada de homes e mulleres:

1. Presidencia: a persoa titular da consellería competente en materia de ambiente.

2. Vicepresidencia: a persoa titular da dirección do Instituto de Estudos do Territorio.

3. Vogais: os/as vogais do Observatorio Galego de Educación Ambiental serán propostos/as polos organismos, institucións e organizacións de Galicia que se relacionan a continuación:

a) Un/unha vogal designado/a polo centro directivo competente en materia de calidade e avaliación ambiental.

b) Un/unha vogal designado/a polo centro directivo competente en materia de educación, formación profesional e innovación educativa (actualmente o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia).

c) Un/unha vogal designado/a polo centro directivo competente en materia de conservación da natureza.

d) Un/unha vogal designado/a polo centro directivo competente en materia de augas de Galicia.

e) Un/unha vogal designado/a polo centro directivo competente en materia de divulgación e formación ambiental de Galicia.

f) Un/unha vogal designado/a pola Sociedade Galega de Educación Ambiental.

g) Un/unha vogal designado/a pola Federación Ecoloxista Galega.

h) Un/unha vogal designado/a pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia.

i) Cinco expertos/as de recoñecido prestixio no campo da educación ambiental, propostos/as pola Presidencia.

Artigo 5. Funcións do/a presidente/a

1. Correspóndelle ao/á presidente/a, ou persoa na que delegue:

a) Desempeñar a representación do Observatorio Galego de Educación Ambiental.

b) Acordar a convocatoria das reunións e a fixación da orde do día, tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos/as demais membros formuladas con suficiente antelación.

c) Presidir as reunións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimir co seu voto os empates.

e) Asegurar o cumprimento das leis.

f) Visar as actas e certificacións dos acordos.

g) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á presidencia dun órgano colexiado.

2. Nos casos de vacancia, enfermidade ou outra causa legal de ausencia, o/a presidente/a, será substituído/a polo/a vicepresidente/a.

Artigo 6. Secretaría

1. A secretaría do Observatorio Galego de Educación Ambiental será desempeñada por un/unha funcionario/a ou persoal laboral ao servizo do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, designado/a pola presidencia do Observatorio Galego de Educación Ambiental ou persoa na que delegue.

2. En caso de vacancia, ausencia ou enfermidade do/a secretario/a, será substituído/a temporalmente pola persoa que designe o/a presidente/a coma suplente.

3. Correspóndelle á/ao secretaria/o do Observatorio Galego de Educación Ambiental:

– Asistir ás reunións, con voz pero sen voto.

– Efectuar a convocatoria das sesións por orde da súa presidencia, así como ás citacións dos seus membros.

– Recibir os actos de comunicación dos/as membros do Observatorio Galego de Educación Ambiental e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que deba ter coñecemento.

– Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

– Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

– Cantas outras funcións sexan inherentes á secretaría dun órgano colexiado.

Artigo 7. Nomeamentos e cesamentos dos seus membros

1. Os membros titulares do Observatorio Galego de Educación Ambiental e os/as suplentes que os substituirán nos supostos de ausencia, enfermidade ou calquera outra causa lexítima que poida ser debidamente xustificada, serán nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de ambiente, por proposta das organizacións, órganos e institucións relacionados no artigo 4.

2. Serán causas de cesamento no exercicio das súas funcións, as seguintes:

a) A renuncia expresa.

b) A revogación da súa representación, se é o caso, por parte da organización ou entidade representada que os/as propuxo.

c) A declaración de incapacidade ou inhabilitación para o exercicio de cargo público por sentenza xudicial firme.

Artigo 8. Convocatorias e sesións

1. O Observatorio Galego de Educación Ambiental reunirase, en sesión ordinaria, logo da convocatoria acordada pola persoa titular da presidencia, por iniciativa desta ou por petición de, polo menos, a metade dos/as vogais, cando menos dúas veces ao ano. Así mesmo, convocará sesións extraordinarias cando exista algún motivo de especial transcendencia relacionado coa competencia do devandito observatorio ou pola petición dun terzo dos seus membros.

2. A convocatoria será cursada pola persoa titular da secretaría cando menos con corenta e oito horas de antelación, por escrito no que se recolla a orde do día cos asuntos que se vaian tratar na sesión.

3. Para a valida constitución do Observatorio Galego de Educación Ambiental, ademais das persoas titulares da presidencia e da secretaría ou de quen as substitúa, deberán estar presentes un terzo dos/das vogais en primeira convocatoria, e a metade en segunda. Entre a primeira e a segunda convocatoria deberá transcorrer, cando menos, un prazo de trinta minutos.

Artigo 9. Funcionamento

1. O funcionamento do Observatorio Galego de Educación Ambiental, sen prexuízo das peculiaridades previstas neste decreto, acomodarase ás normas contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sobre órganos colexiados e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O Observatorio Galego de Educación Ambiental poderá solicitar no exercicio das súas funcións o asesoramento e asistencia de outras persoas expertas, funcionarios/as e doutros/as responsables das políticas sectoriais con incidencia sobre a educación ambiental.

3. O Observatorio Galego de Educación Ambiental poderá emitir informes sobre o estado da educación ambiental en Galicia, facilitando á opinión pública e aos axentes implicados no seu desenvolvemento, o coñecemento dos problemas, os proxectos en marcha e os avances acadados.

Disposición adicional primeira. Constitución

O Observatorio Galego de Educación Ambiental de Galicia constituirase no prazo dun mes contado a partir da entrada en vigor deste decreto.

Disposición adicional segunda. Crédito orzamentario

A constitución e posta en funcionamento do Observatorio Galego de Educación Ambiental non xerará aumento dos créditos orzamentarios da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Habilítase a persoa titular da consellería competente en materia de ambiente para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto, así como para facilitar o correcto funcionamento do Observatorio Galego de Educación Ambiental.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogado o Decreto 68/2006, do 30 de marzo, polo que se regula o Observatorio Galego de Educación Ambiental e cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan a este decreto.

Santiago de Compostela, vinte e sete de setembro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas