A Área de Explotación e Planificación Portuaria do ente público Portos de Galicia redactou e tramitou o documento de delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Combarro, instalación portuaria situada no termo municipal de Poio (Pontevedra) e adscrita ao ente público para a súa xestión. Este documento foi redactado de acordo coa súa nova formulación, prevista no artigo 96 da Lei 48/2003, do 26 de novembro, de réxime económico e de prestación de servizos dos portos de interese xeral do Estado, modificada pola Lei 33/2010, do 5 de agosto, aplicables ambas ao dominio público portuario competencia da Comunidade Autónoma de Galicia na falta de lexislación autonómica propia.
Na reunión do Consello de Administración de Portos de Galicia, realizada o día 26 de xullo de 2012, este acordou dar a súa conformidade á delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Combarro, segundo o disposto no artigo 13.e) do Decreto 227/1995, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do ente público, modificado polo Decreto 83/2002, do 28 de febreiro, e o referido artigo 96 da Lei 48/2003, así como elevalo e propoñelo para a súa aprobación.
Unha vez vistos o expediente e o informe proposta da xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria de Portos de Galicia do 17.7.2012, que conta coa conformidade da Dirección do ente público, así como o acordo do Consello de Administración de Portos de Galicia que dá conformidade á delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Combarro e o eleva e o propón para a súa aprobación, o presidente do Consello de Administración do ente público Portos de Galicia, por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, conferida por Orde do 30 de marzo de 2012, resolve:
Aprobar o documento da delimitación dos espazos e usos portuarios do porto de Combarro (Poio, Pontevedra), redactado en xuño de 2011 pola xefa da Área de Explotación e Planificación Portuaria, Ana Isabel Calzadilla Bouzón.
O que se fai público en cumprimento do artigo 69.6 do texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante.
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2012
José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia