Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Mércores, 26 de setembro de 2012 Páx. 37376

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 2012, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se somete a consultas públicas a proposta do Programa de prevención de residuos industriais de Galicia 2012-2016.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, está a promover o Programa de prevención de residuos industriais de Galicia 2012-2016, de conformidade co procedemento de elaboración e aprobación previsto polos artigos 18 e seguintes da Lei 10/2008, de residuos de Galicia. No dito procedemento intégranse os trámites correspondentes á avaliación ambiental estratéxica de plans e programas, segundo o establecido pola Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente.

O artigo 11 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, atribúelle á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a elaboración dos plans de xestión de residuos incluídos no ámbito de aplicación da Lei de residuos de Galicia e as accións de desenvolvemento dos ditos plans.

Unha vez elaborada a proposta do plan, incluíndo o seu informe de sustentabilidade ambiental, en cumprimento do disposto polo artigo 19.1, letra b), da citada Lei 10/2008 e de conformidade co documento de referencia aprobado mediante resolución desta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 9 de abril de 2012,

RESOLVO:

Someter a proposta do Programa de prevención de residuos industriais de Galicia 2012-2016 á información pública por un prazo de 45 días, contados a partir do día seguinte ao da publicación do presente acordo no Diario Oficial de Galicia. Durante o dito prazo, o público interesado poderá examinar a proposta do plan nas dependencias desta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, sitas en San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela, e a través da páxina web institucional da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/), e formular as alegacións que considere oportunas. Estas alegacións deberán ser formuladas ben vía telemática, a través da páxina web institucional, ou ben por medio de escrito dirixido á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, o cal poderá ser presentado a través das vías previstas polo artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2012

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental