Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Xoves, 20 de setembro de 2012 Páx. 36707

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 12 de setembro de 2012 pola que se convoca o programa Xogade (xogos galegos deportivos en idade escolar), curso 2012/2013.

Conforme o seu Estatuto de autonomía, artigo 27.22º, a Comunidade Autónoma galega posúe no seu ámbito territorial a competencia exclusiva para a promoción deportiva e a apropiada utilización do lecer, competencia en cuxo desenvolvemento se publicou a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Pola súa banda, o referido texto legal establece, entre outras competencias da Administración autonómica, a promoción, ordenación e organización do deporte en idade escolar (título II, artigo 5.n.).

Paralelamente, o artigo 24.2º establece que «a Administración autonómica fomentará, en colaboración e coordinación coas demais administracións públicas con competencia na materia, coas federacións deportivas galegas, cos clubs, coas agrupacións deportivas escolares e demais entidades deportivas, a práctica e o desenvolvemento da actividade deportiva en idade escolar, a través de plans e programas específicos. Para tal efecto poderanse constituír os órganos consultivos ou de asesoramento que se consideren oportunos».

Correspóndelle á Administración deportiva a organización dos campionatos en idade escolar como queda establecido no artigo 24.4º da actual Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Polo exposto, e en uso das facultades que teño atribuídas pola lexislación vixente de aplicación,

RESOLVO:

Primeiro. Convocar o programa Xogade (xogos galegos deportivos en idade escolar) para o curso 2012/2013 (anexo).

Segundo. Ordenar a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte (www.deportegalego.es).

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2012

Por desconcentración (Decreto 325/2009)
José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte

ANEXO
Programa Xogade (xogos galegos deportivos en idade escolar), curso 2012/2013

1. Xeneralidades.

1.1. As actividades do programa son:

– Actividade deportiva.

– Actividade lúdica.

– Actividade federada.

– Coñece o meu club.

– Educación, deporte e valores.

– Xogos populares.

– «Móvete +».

1.2. A canle de comunicación oficial será a web xogade.xunta.es, onde está a aplicación para realizar a inscrición no programa Xogade. Á web de Xogade poderase acceder tamén a través da páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte: deporte.xunta.es

1.3. Se é o caso, as entidades destinatarias, a súa documentación, premios, así como as datas límite para a inscrición, están especificados nas distintas actividades deste programa a través da páxina web oficial.

2. Actividades deportivas.

2.1. A organización recaerá basicamente na Secretaría Xeral para o Deporte, a través dos servizos provinciais e das agrupacións deportivas de zona, coa colaboración das federacións deportivas.

2.2. Todos os participantes (deportistas, adestradores ou delegados) serán dados de alta nun seguro deportivo de accidentes, que cubrirá a asistencia nos centros concertados ao longo da competición, nos adestramentos e desprazamentos ás distintas competicións que están dentro do programa Xogade.

2.3. Con carácter xeral establécense as seguintes categorías para a actividade deportiva: benxamín: nados 2004-2003; alevín: nados 2002-2001; infantil: nados 2000-1999 e cadete: nados 1998-1997. Nas categorías e fases poderán existir modificacións dependendo da regulamentación específica de cada unha das modalidades deportivas, polo que será necesaria a súa consulta na páxina web oficial.

2.4. As modalidades convocadas na actividade deportiva son: atletismo pista, campo a través, xogando co atletismo, bádminton, baloncesto, balonmán, fútbol sala, tenis de mesa, voleibol, xadrez, triatlón, duatlón, béisbol e sófbol, judo, loita olímpica, natación, natación sincronizada, orientación, patinaxe artística, taekwondo e ximnasia.

2.5. O desenvolvemento das actividades deportivas será, en xeral, en tres fases: zonal (previas), provincial e autonómica. A Secretaría Xeral para o Deporte adaptaraas segundo as categorías e o número de participantes.

2.6. Os regulamentos de xogo, sancións, recursos etc. serán os que figuran nas bases xerais e normas técnicas de cada deporte, salvando o expresado no seguinte punto. Así mesmo, todos os aspectos non recollidos nestas normas regularanse pola normativa das respectivas federacións galegas e os comités provinciais organizadores.

2.7. O réxime disciplinario e o seu procedemento quedará adaptado baixo as seguintes premisas:

a) As infraccións das normas xerais de conduta deportiva, así como as cometidas con ocasión ou como consecuencia dos encontros e competicións deportivas, denunciaranse ante o comité da delegación da federación galega respectiva, dentro dos tres días seguintes ao de finalización do encontro.

b) As resolucións ditadas en primeira instancia polo comité de competición poderán ser recorridas, no prazo máximo de dez días, ante o comité de apelación da federación respectiva.

c) Contra as resolucións dos comités de apelación, que esgotan a vía federativa, caberá interpor recurso, no prazo máximo de 15 días, ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

d) Para presentar denuncia e posteriores recursos non será necesario facer ningún depósito económico.

e) Naquelas entidades que acheguen documentación que puidese non axustarse a datos reais, a Secretaría Xeral para o Deporte abrirá, en caso necesario, o correspondente expediente sancionador.

3. Actividades lúdicas.

3.1. Son actividades destinadas aos centros para levar a cabo o achegamento dos escolares a diferentes disciplinas deportivas empregando o xogo, dentro do propio centro escolar. As actividades realizaranse nunha xornada en horario lectivo e levaranas a cabo técnicos da federación correspondente, cos materiais necesarios.

3.2. As modalidades e actividades deportivas convocadas son: rugby na escola; bádminton na escola; baile deportivo; béisbol e sófbol; judo na escola; loita olímpica na escola; orientación na escola; taekwondo na escola; triatlón na escola; voleibol na escola, xadrez na escola, esgrima na escola, colombofilia na escola, ximnasia na escola e espeleoloxía na escola.

3.3. Os centros escolares que soliciten esta actividade serán atendidos sobre a base dos seguintes criterios de validación:

– Orde de inscrición.

– Situación xeográfica.

– Repartición equitativa.

– Actividades validadas en anos anteriores.

4. Actividade federada.

Nestas actividades levadas a cabo polas diferentes federacións deportivas galegas, a Secretaría Xeral para o Deporte facilitará un seguro deportivo a todos os deportistas federados de 6 a 16 anos, independentemente da súa modalidade deportiva. Esta é unha medida fundamental para apoiar, sólida e eficazmente, o deporte de base, dentro do compromiso da Xunta de Galicia pola promoción da actividade físico-deportiva e os hábitos saudables.

A inscripción dos deportistas deberá ser realizada pola diferentes federacións a través da páxina web xogade.xunta.es a partir do 15 de novembro de 2012.

5. Coñece o meu club.

5.1. Os clubs deportivos que estean inscritos no Rexistro de Clubs da Secretaría Xeral para o Deporte poderán solicitar esta actividade para facilitar aos diferentes centros educativos da súa localidade que se poñan en contacto con eles, co obxecto de poder desenvolver a actividade «Coñece o meu club».

5.2. A actividade consiste na visita dos técnicos do club aos centros escolares para facer unha presentación do seu deporte, explicar o funcionamento do club (localización, horarios de adestramento, competicións...), co obxectivo de facilitarlles aos escolares o coñecemento dos recursos deportivos dispoñibles na súa localidade.

5.3. O centro escolar deberá emitir un certificado por duplicado ao club que realice a actividade, unha vez finalizada esta, onde se indiquen os datos indispensables publicados na páxina web oficial. O club terá a responsabilidade de asegurarse que un dos certificados sexa remitido á Secretaría Xeral para o Deporte (servizos provinciais), para que alí conste para os efectos oportunos de posibles subvencións.

6. Xogos populares.

6.1. A Secretaría Xeral para o Deporte cederá ao centro educativo durante unha semana un lote de material en concepto de préstamo: expositores para colocar no centro escolar, baúl de xogos e unidades didácticas.

6.2. Os centros escolares que soliciten esta actividade serán atendidos sobre a base dos seguintes criterios de validación:

– Orde de inscrición.

– Situación xeográfica.

– Repartición equitativa.

– A realización desta actividade en anos anteriores.

7. Educación, deporte e valores.

7.1. Actividade consistente nunha exposición itinerante polos centros educativos con material didáctico resaltando os seguintes valores do deporte: respecto, igualdade, esforzo, non violencia, cooperación, diversión, xogo limpo, tolerancia e responsabilidade persoal.

7.2. Os centros escolares que soliciten esta actividade serán atendidos sobre a base dos seguintes criterios de validación:

– Orde de inscrición.

– Situación xeográfica.

– Repartición equitativa.

– A realización desta actividade en anos anteriores.

8. «Móvete +».

8.1. A Secretaría Xeral para o Deporte pon en marcha esta nova actividade «Móvete+» dirixida a todos os escolares de Galicia. Trátase de promover a actividade física a través dunha acción de carácter lúdico, transversal, divertida e ao mesmo tempo sumar máis cantidade de exercicio físico para achegarnos ao que recomenda a Organización Mundial da Saúde.

8.2. «Móvete +» está baseado nunha composición musical e coreográfica orixinal, «Móvete+» é o novo himno do Plan Galicia saudable (http://galiciasaudable.xunta.es), que ten como obxectivo difundir entre a comunidade educativa e, por extensión, á sociedade galega, os principais valores do Plan Galicia saudable.

8.3. A acción desenvolverase nos tempos de lecer dos escolares, como recreos ou outros como o programa «madrugadores», antes ou despois do comedor, ou na espera doutras actividades extracurriculares.

8.4. A actividade conta cun material didáctico e está estruturada para que o profesorado a poida integrar nas clases das materias que considere oportunas.