Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 179 Mércores, 19 de setembro de 2012 Páx. 36687

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 27 de agosto de 2012 pola que se notifica requirimento de desaloxo e cesamento de actividade en la nave de concesión administrativa titularidade de Mariña Esmar, S.L. destinada a construcción de nave taller de reparación de motores mariños no porto da Pobra do Caramiñal.

De conformidade co disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, notifícase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e exposición no taboleiro de edictos do Concello da Pobra do Caramiñal á mercantil Mariña Esmar, S.L., requirimento de desaloxo e cesamento de actividade na nave concesional de referencia, por non ser posible a notificación a través do servizo de Correos no último enderezo coñecido sito na rúa San Lázaro, nº 9, da Pobra do Caramiñal (A Coruña).

Segundo consta en informe da Xefatura da Zona Centro do 24 de xullo de 2012, no interior da nave está a desenvolver traballos a empresa Barcos de Arousa, S.L., descoñecida para esta Administración e que carece de calquera autorización de ocupación, empresa que tras ser requirida se nega a desaloxar a nave declarando que dispoñe dun contrato de xestión asinado con Mariña Esmar, S.L.

Polo exposto, toda vez que Mariña Esmar, S.L. en tanto que titular da concesión ten a responsabilidade derivada dela e é a única empresa que pode operar na nave concesional, e dado que en ningún caso se outorgou ningunha autorización que habilite unha cesión de uso que é polo tanto ilegal, requírese a Mariña Esmar, S.L. para que nun prazo máximo e improrrogable de cinco (5) días contados desde a publicación do presente no Diario Oficial de Galicia e exposición no taboleiro de edictos do Concello da Pobra do Caramiñal, proceda ao desaloxo e cesamento de actividade na nave por parte dos seus ocupantes, así como a retirada de toda a publicidade que non conta con autorización de Portos de Galicia e que, polo tanto, tamén é ilegal.

No caso de incumprimento Portos de Galicia, sen prexuízo da adopción doutras medidas legais que procedan en dereito, incoará procedemento administrativo sancionador que como medida provisional levará aparellado o desaloxo forzoso da nave de ser preciso con auxilio policial.

E, para que conste e lles sirva de notificación, e en cumprimento do disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, expido, asino e selo a presente cédula.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2012

José Ignacio Villar García
Director de Portos de Galicia