Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Xoves, 13 de setembro de 2012 Páx. 35881

III. Outras disposicións

Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia

RESOLUCIÓN do 3 de setembro de 2012, do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, pola que se acorda a destrución da documentación xustificativa dos méritos curriculares presentados polos solicitantes que concorreron á convocatoria de 2006, de avaliación e informe previos á contratación do profesorado universitario.

A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) encóntrase actualmente nunha situación en que a xeración dunha excesiva documentación administrativa implica importantes complicacións para a súa conservación e arquivo, tendo en conta a carencia de recursos tanto físicos como humanos dispoñibles para albergala. A isto debemos engadir que moita desa documentación non precisa ser conservada, porque ten un valor efémero dentro da Administración. Esta realidade implica a necesidade de adoptar decisións respecto á valoración da documentación xerada, para a súa destrucción ou conservación.

En coherencia, na xuntanza do Consello de Dirección do 1 de xuño de 2012 acordouse a destrución da documentación xustificativa de méritos curriculares presentada nos procedementos de acreditación cando transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento correspondente. De conformidade co exposto,

DISPONSE:

Primeiro. A ACSUG procederá á destrución da documentación xustificativa dos méritos curriculares presentados polos solicitantes xunto coas súas solicitudes na convocatoria de avaliación e informe previos á contratación do profesorado universitario do 2006, publicada mediante a Resolución do 31 de maio de 2006 (DOG do 7 de xuño de 2006).

Segundo. Todos aqueles interesados que participasen no procedemento citado no número anterior poderán solicitar a retirada da documentación a que se fai referencia desde o día seguinte á publicación desta resolución no DOG ata o 11 de outubro de 2012. A partir desta data xa non poderá solicitarse a retirada da documentación, e procederase á súa destrución de acordo coas directrices establecidas pola lexislación de aplicación en materia de patrimonio e de protección de datos de carácter persoal.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2012

María Patrocinio Morrondo Pelayo
Presidenta do Consello de Dirección da Axencia para a Calidade do Sistema
Universitario de Galicia