Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Mércores, 5 de setembro de 2012 Páx. 35212

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 22 de agosto de 2012 pola que se publican os estatutos que rexerán o funcionamento do Consorcio Local Conca do Lérez, integrado polos concellos de Cerdedo, Cotobade, Forcarei e Campo Lameiro.

O procedemento para a aprobación dos estatutos dun consorcio local está regulado nos artigos 138 a 141 da Lei 5/1997, do 2 de xullo, de Administración local de Galicia.

Examinada a documentación, considérase que a tramitación para a aprobación dos estatutos do Consorcio Conca do Lérez seguiu o procedemento legalmente previsto.

Constituída a comisión xestora, con data do 16 de marzo de 2012 aprobou inicialmente o proxecto de estatutos.

Posteriormente foron obxecto de información pública coa súa publicación no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra núm. 48, do 26 de abril de 2012. O Grupo Municipal Socialista de Cotobade presentou alegacións ao proxecto de estatutos.

A Deputación Provincial de Pontevedra emitiu informe o 25 de maio de 2012.

A comisión xestora na xuntanza do 1 de xuño de 2012 admitiu as consideracións formuladas pola deputación provincial e aprobou definitivamente os estatutos do Consorcio Conca do Lérez.

A Dirección Xeral de Administración Local emitiu informe favorable o 8 de xuño de 2012 sobre o proxecto de estatutos.

O Pleno do Concello de Cerdedo aprobou por maioría absoluta do número legal de membros da corporación os estatutos, na sesión ordinaria do 22 de xuño de 2012.

O Pleno do Concello de Cotobade, en sesión ordinaria do 21 de xuño de 2012, aprobou os estatutos por maioría absoluta dos seus membros.

O Pleno do Concello de Forcarei aprobou por maioría absoluta do número legal de membros da corporación, na sesión ordinaria do 21 de xuño de 2012, os estatutos.

O Pleno do Concello de Campo Lameiro, en sesión ordinaria do 18 de xuño de 2012, aprobou por maioría absoluta do número legal de membros da corporación os estatutos do Consorcio Conca do Lérez.

Por todo o exposto e de conformidade co artigo 141.2 da Lei 5/1997, do 2 de xullo, de Administración local de Galicia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único

Publicar os estatutos do Consorcio Local Conca do Lérez que se xuntan a esta orde no anexo.

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Consorcio Local Conca do Lérez

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Denominación, composición e natureza

Coa denominación de Consorcio Conca do Lérez e integrado polos concellos de Campo Lameiro, Cerdedo, Cotobade e Forcarei constitúese un consorcio local, ao abeiro do establecido nos artigos 149 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e na lexislación básica estatal, con personalidade xurídica propia e capacidade para o cumprimento dos fins específicos establecidos nestes estatutos.

Se é o caso, e conforme o trámite administrativo que proceda, poderán forman parte deste Consorcio outras administracións públicas de ámbito local ou provincial.

Na súa calidade de ente público local de base asociativa ten a condición de entidade local non territorial, con personalidade xurídica propia e plena capacidade xurídica e de obrar para crear, instalar ou xestionar servizos e actividades de interese local e común, para conseguir e realizar as finalidades públicas que constitúen o seu obxecto, entendendo como servizos públicos locais cantos tendan á consecución dos fins sinalados como da competencia das entidades consorciadas.

Artigo 2. Sede

A sede situarase na casa consistorial da entidade local a que en cada momento corresponda a Presidencia.

Artigo 3. Ámbito territorial

O ámbito territorial onde o Consorcio desenvolverá os seus fins abrangue o territorio dos concellos que forman parte del.

Capítulo II
Obxecto e competencia

Artigo 4. Obxecto e fins

O obxecto ou fins do Consorcio serán:

a) Planificación e formulación de estratexias en defensa do territorio dos municipios integrantes e dos seus habitantes.

b) Colaboración para garantir ou ampliar a prestación de servizos sociais.

c) A posta en valor do patrimonio cultural, natural e ambiental, así como a promoción turística.

d) A xestión de infraestruturas e servizos en que, afectando aos concellos consorciados, se acredite que a súa xestión supramunicipal supoña una maior eficacia ou eficiencia na súa prestación.

e) O estudo e xestión de iniciativas de desenvolvemento socioeconómico supramunicipal, e a procura de liñas de axuda para estas.

Artigo 5. Capacidade e funcións

1. O Consorcio realizará as súas actividades en nome propio e para o establecemento, conservación, prestación e desenvolvemento dos fins expresados no artigo anterior, e disporá, para tales efectos, de plena competencia, polo que os acordos ou resolucións que adopten os seus órganos de goberno obrigarán a todas as entidades consorciadas.

2. Para o cumprimento dos seus fins, o Consorcio Conca do Lérez exercerá as seguintes funcións:

a) Representar os intereses dos concellos asociados naqueles ámbitos obxecto da actividade do Consorcio.

b) Concorrer á convocatoria de subvencións ou axudas públicas.

c) A formalización de calquera tipo de contratos.

d) As demais que sexan necesarias para a realización dos seus fins.

Capítulo III
Órganos de goberno e administración

Artigo 6. Órganos de goberno

Serán órganos de goberno do Consorcio: o Pleno, o presidente, a Xunta de Goberno e o vicepresidente.

Artigo 7. O Pleno. Composición

Comporán o Pleno, os presidentes das entidades consorciadas máis un terzo dos membros de cada unha destas, elixidos por cada pleno respectivo por proposta dos grupos políticos, de forma proporcional á representatividade dos referidos grupos políticos en cada unha das entidades locais que integran o Consorcio.

Artigo 8. Competencias do Pleno

1. Corresponden ao Pleno do Consorcio, por analoxía, cantas competencias sexan atribuídas ao Pleno dos concellos pola normativa vixente en materia de réxime local e sexan de aplicación ao Consorcio para a consecución dos seus fins.

2. Das atribucións indicadas teñen carácter delegable no presidente ou na Xunta de Goberno as previstas na LBRL e na Lei de Administración local de Galicia.

Artigo 9. O presidente

O Pleno do Consorcio elixirá, por maioría simple, o presidente.

Artigo 10. Competencias do presidente

1. O presidente, ademais de desempeñar a representación do Consorcio, terá por analoxía cantas atribucións son conferidas ao alcalde pola normativa de réxime local para a consecución dos fins do Consorcio, inclusive o exercicio das acción xudiciais e administrativas, e a defensa do Consorcio nas materias da súa competencia, incluso cando as tivese delegado noutro órgano; e, en caso de urxencia, en materias de competencia do Pleno, neste suposto, dándolle conta a este na primeira sesión que realice para a súa ratificación.

2. Das atribucións que competen ao presidente teñen carácter delegable na Xunta de Goberno as previstas na LBRL e na LALGA.

Artigo 11. O vicepresidente

1. O Pleno do Consorcio elixirá, por maioría simple, o vicepresidente.

2. O vicepresidente substituirá o presidente nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

3. Asumirá, así mesmo, as funcións que lle poidan encomendar o presidente e a Xunta de Goberno nas súas competencias, dentro das posibilidades de delegación que estableza a normativa vixente.

Artigo 12. Duración do mandato

1. Os órganos de goberno do Consorcio serán renovados coa mesma periodicidade que as entidades locais territoriais. Todos os membros dos órganos de goberno do Consorcio continuarán en funcións, unha vez disoltas as corporacións e mentres non se constitúan as novas, ata a constitución de novo destes órganos.

2. A constitución dos novos órganos de goberno terá lugar no prazo máximo de sesenta días despois da constitución das novas corporacións.

3. A perda da condición de membro dun dos entes consorciados suporá o cesamento como membro dos órganos de goberno do Consorcio.

Artigo 13. Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno asistirá o presidente, estará formada por cada un dos alcaldes ou presidentes das entidades locais que integran o Consorcio, e asumirá as competencias que lle deleguen o Pleno ou o presidente.

Capítulo IV
Réxime xurídico e funcionamento

Artigo 14. Sesións

1. O Pleno realizará sesión ordinaria cada seis meses. Poderanse realizar sesións extraordinarias mediante convocatoria do presidente, ben por decisión propia ou cando o solicite a cuarta parte, polo menos, do número legal de membros do Pleno do Consorcio.

2. A Xunta de Goberno realizará sesión ordinaria unha vez ao mes, e extraordinaria, cando así se precise.

3. A convocatoria, réxime das sesións e actas dos órganos colexiados do Consorcio axustarase ao disposto na normativa vixente.

4. A asistencia aos órganos de goberno do Consorcio non comportará ningunha indemnización ou axuda de custo polo dito concepto.

Artigo 15. Réxime de acordos

1. O Pleno adoptará os seus acordos por maioría simple, agás aqueles supostos que indica o artigo 47 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e demais que por lei ou nestes estatutos requira maioría especial.

A adopción de acordos neste órgano prodúcese mediante votación ordinaria, e a cada un dos membros corresponde un voto.

En caso de empate, efectuarase unha nova votación e, se persiste o empate, decidirá o voto que emitise o presidente, como voto de calidade.

Artigo 16. Vinculación dos acordos

Os acordos adoptados en cumprimento dos fins do Consorcio vincularán todas as entidades que o integran, salvo que requiran expresa ratificación de cada un dos entes consorciados, que procederá nos seguintes supostos:

– A disolución do Consorcio.

– A admisión de novos membros ou a separación dalgún.

– A modificación dos estatutos.

– A modificación das achegas das entidades integrantes.

Artigo 17. Réxime xurídico

1. O réxime xurídico aplicable á organización, funcionamento, acordos e resolucións dos órganos do Consorcio axustarase ao disposto na normativa de réxime local.

2. Os actos dos diferentes órganos do Consorcio ditados no ámbito das súas competencias porán fin á vía administrativa nos casos que dispón o artigo 109 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A publicación dos acordos e resolución do Consorcio farase nos taboleiros de anuncios das entidades consorciadas, e nos boletíns e diarios oficiais cando así o estableza a lexislación aplicable.

Capítulo V
Dereitos e deberes dos entes consorciados

Artigo 18. Dereitos dos entes consorciados

Os entes consorciados terán, entre outros, os seguintes dereitos:

a) Participar nos órganos do Consorcio.

b) Participar e ser informados das actividades do Consorcio.

c) Participar, en caso de disolución, na liquidación do seu patrimonio.

Artigo 19. Deberes dos entes consorciados

Os entes consorciados terán os seguintes deberes:

a) Cumprir os presentes estatutos e os acordos do Consorcio, así como colaborar na consecución dos seus fins.

b) Colaborar economicamente no seu financiamento.

Capítulo VI
Persoal

Artigo 20. Persoal funcionario, laboral e eventual

Para o desenvolvemento das funcións e traballos administrativos, o Consorcio poderá contar con persoal propio, segundo se especifique no cadro de persoal que se aprobe anualmente xunto co orzamento do Consorcio, con suxeición ao establecido na lexislación de réxime local, na lexislación básica estatal e na normativa autonómica de aplicación.

Artigo 21. Secretario, interventor e tesoureiro

Os postos de secretario, interventor e tesoureiro crearanse e clasificaranse como propios e independentes, de conformidade co establecido na Lei 7/2007, do 12 de abril, no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, e restante normativa específica.

Artigo 22

Integran o persoal adscrito os funcionarios e o persoal laboral das entidades consorciadas que presten os seus servizos no Consorcio.

Capítulo VII
Facenda

Artigo 23. Orzamento

O Pleno aprobará anualmente un orzamento único, axustado na súa elaboración, forma e desenvolvemento, ás disposicións que rexen na lexislación de réxime local.

Artigo 24. Recursos

A facenda do Consorcio estará constituída polos seguintes recursos:

a) Ingresos que procedan das achegas ordinarias e extraordinarias dos concellos ou administracións públicas consorciadas.

b) As subvencións que se reciban doutras administracións.

c) Os demais previstos no artigo 146 da LALGA.

Capítulo VIII
Duración do Consorcio, modificación dos estatutos, separación
e incorporación de membros, e disolución do Consorcio

Artigo 25. Duración

O Consorcio terá unha duración indefinida, sempre e cando se manteñan os obxectivos para os que foi creado.

Artigo 26. Disolución

1. A disolución do Consorcio poderá ter lugar polas seguintes causas:

– Por disposición legal.

– Por acordo do Pleno co quórum establecido nestes estatutos.

– Por desaparición do fin para o que se constituíu.

– Por separación dun dos seus membros se implica a imposibilidade do cumprimento dos fins do Consorcio.

2. O procedemento de disolución regularase de conformidade co previsto na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

3. A disolución do Consorcio comporta a liquidación do seu patrimonio e a adxudicación dos seus bens e persoal ás entidades integrantes en proporción ás súas respectivas achegas.

Para estes efectos crearase unha comisión liquidadora que fará un inventario de bens, servizos e dereitos do Consorcio, cifrará os seus recursos, cargas e débedas e relacionará o seu persoal e proporá ao Pleno do Consorcio a oportuna distribución ou integración deles nos entes consorciados, de conformidade cos datos que serviron para a formación do patrimonio. A proposta de liquidación para ser aprobada requirirá o voto favorable da maioría absoluta do Pleno. Unha vez aprobada, a proposta será vinculante para os entes consorciados.

Artigo 27. Modificación dos estatutos

Para a modificación dos estatutos seguirase o procedemento previsto no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Artigo 28. Incorporación de membros

1. A incorporación de novos membros ao Consorcio comportará a modificación dos estatutos conforme o disposto no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. A dita incorporación pódeo ser para os servizos que determine o concello que se adhira, entre os servizos previstos no artigo 4.

Artigo 29. Separación de membros

1. A separación dunha entidade consorciada suporá a modificación dos estatutos conforme o artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. No suposto de que unha entidade consorciada decida, unilateralmente, separarse do Consorcio deberá manifestalo cun ano de antelación, contado desde a correcta comunicación ao Consorcio do acordo de separación. Será requisito necesario que o membro que inste a separación se atope ao día das súas obrigas financeiras e económicas, debendo cumprir cos compromisos contraídos durante o tempo de permanencia; tanto nos gastos correntes como nas operacións de crédito concertadas a longo prazo que tivesen como obxecto o pagamento dos gastos producidos durante o tempo que a entidade consorciada que se separe aínda pertencese ao Consorcio.

Dereito supletorio.

En todo o non previsto nestes estatutos será de aplicación a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora de bases do réxime local, regulamentos, e demais normativa aplicable.