Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Venres, 31 de agosto de 2012 Páx. 34856

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 8 de agosto de 2012 pola que se encomendan ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar as xestións para a construción de escolas infantís 0-3 nos concellos de Ames, O Corgo, Muros, Oroso, Pazos de Borbén, Ponteareas, Pontedeume, O Porriño, Salvaterra de Miño, Touro, Vilanova de Arousa e Xinzo de Limia.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 23 de decembro de 2009 o Ministerio de Educación e a Comunidade Autónoma de Galicia subscribiron un convenio de colaboración para a creación de prazas de primeiro ciclo de educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia dentro do Plan Educa3, iniciado no ano 2008 coa sinatura dun primeiro convenio de colaboración do 23 de decembro de 2008.

O Consello de Ministros aprobou o 30 de marzo de 2010 o acordo polo que se aproban os criterios de distribución do crédito, así como a distribución resultante para a aplicación no ano 2010 do Plan de extensión e impulso do primeiro ciclo de educación infantil Educa3, aprobados pola Conferencia Sectorial de Educación.

Ambas as dúas partes consideraron necesario continuar coa extensión do Plan de financiamento de prazas públicas do primeiro ciclo de educación infantil no marco do Plan Educa3 mantendo o obxectivo común de incrementar a oferta de prazas públicas do primeiro ciclo de educación infantil. O dito plan fará posible o obxectivo previsto de modo que se atenda á demanda crecente das familias de ter acceso a unha educación de calidade que compatibilice a atención ás/aos nenas/os coas necesidades de conciliación da vida familiar e laboral.

Por todo isto, con base na cláusula décima do citado convenio, asinouse o 27 de decembro de 2010 unha addenda ao convenio de colaboración pola cal o Ministerio de Educación achega no ano 2010 á Comunidade Autónoma de Galicia a cantidade de 5.276.696 euros para a creación e posta en funcionamento das escolas infantís na Comunidade Autónoma de Galicia, con cargo á aplicación orzamentaria 18.04.322A.453.02 dos orzamentos xerais do Estado para 2010. A Comunidade Autónoma de Galicia, a Administración da que dependa cada escola infantil, ou ambas as dúas, achegarán polo menos a cantidade de 5.276.696 euros coa mesma finalidade.

Segundo. O instrumento previsto para a xestión integral das escolas infantís da Comunidade Autónoma de Galicia, nos concellos que o solicitaron, é o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, integrado pola Xunta de Galicia, 272 concellos galegos e 4 mancomunidades, que é a fórmula xurídica escollida para unha xestión moderna e innovadora dos servizos sociais.

Algunha das vantaxes deste modelo é a de que se poida garantir a prestación de servizos de calidade con niveis suficientes de cobertura, a flexibilización do acceso e do uso dos recursos sociais e a mellora dos dispositivos de coordinación. Igualmente, redundará en beneficio da eficiencia e da eficacia no desenvolvemento das competencias propias da Xunta de Galicia, tanto na planificación coma na programación, na ordenación e na coordinación do Sistema Galego de Benestar. Trátase dun sistema de servizos que ten por obxectivo cohesionar e artellar socialmente o país, con intervencións dirixidas a consolidar o noso tecido sociocomunitario, reforzando os vencellos sociais e combatendo os procesos de desestruturación territorial e social que os debilitan.

Os estatutos do Consorcio establecen con carácter singular a atención na xestión integral das escolas infantís en Galicia. As escolas infantís son aqueles equipamentos que, calquera que sexa a súa denominación, organizan o coidado das/os nenas/os no seo dun grupo co fin de contribuír ao seu benestar e ao seu proceso evolutivo, facilitando a conciliación da vida laboral e familiar das familias mediante a súa garda e custodia.

O Consorcio conta para iso cun proxecto educativo asistencial de calidade para a atención á infancia con idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos, que busca adaptarse ao concepto de familia do século XXI e permitir a conciliación da vida laboral e persoal da cidadanía galega ao tempo que facilita a súa inserción no mercado laboral.

Este é un ambicioso proxecto que busca superar as desigualdades territoriais e diminuír as diferenzas entre a Galicia urbana e a rural, con presenza en calquera punto do territorio independentemente do tamaño do concello e sen que dependa da disposición política do goberno municipal ou da capacidade orzamentaria daquel. Desta maneira, garántese que se impartirá o mesmo proxecto educativo en todas as escolas infantís.

Quérese, así, mellorar a oferta educativa e pedagóxica, cun proxecto de calidade vertebrado pola identidade e que terá como valores fundamentais a tolerancia, o respecto e a imaxinación á hora de educar os nenos e as nenas que son o presente e o futuro do século XXI.

A todo isto contribuirá a creación das novas escolas infantís de Galicia, co obxecto de integrar e potenciar a moi feble oferta existente, insuficiente para cubrir a demanda e as necesidades galegas.

Terceiro. Consonte o anteriormente exposto, os concellos de Ames, O Corgo, Muros, Oroso, Pazos de Borbén, Ponteareas, Pontedeume, O Porriño, Salvaterra de Miño, Touro, Vilanova de Arousa e Xinzo de Limia solicitaron a dotación deste equipamento ao abeiro da addenda para o ano 2010 do Plan Educa3.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Consellería de Traballo e Benestar é o departamento da Administración autonómica a que corresponden, entre outras, as competencias en materia de familia, de conformidade co Decreto 109/2012, do 22 de marzo (DOG número 73, do 17 de abril), polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar. En consecuencia, corresponden a este departamento as funcións correspondentes á xestión das políticas autonómicas en materia de acción social de apoio á familia, segundo o disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, e na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

Segundo. O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (CGSIB), segundo dispón o artigo 3.1 dos seus estatutos de creación, aprobados pola Resolución do 4 de xullo de 2006, da Secretaría Xeral e de Relacións Institucionais, é unha entidade de dereito público, de carácter interadministrativo, con personalidade xurídica propia diferente da dos entes consorciados, dotada de plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins. Exercerá, de acordo co artigo 7, a competencia para a determinación e/ou execución, en colaboración cos concellos, se é o caso, das obras de construción, mellora, reforma ou adaptación das instalacións que poidan ser necesarias para a prestación dos servizos sociais, con especial atención á xestión integral das escolas infantís e na atención educativa e asistencial aos menores de 3 anos.

Terceiro. O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar (CGSIB) adscríbese ao órgano competente en materia de servizos sociais consonte o disposto nas cláusulas primeira e quinta da Resolución do 4 de xullo de 2006, tendo en conta que a súa misión principal é a participación na dirección, avaliación e control da xestión dos servizos sociais de ámbito local, resultando a súa adscrición actual, por razón da materia, á Consellería de Traballo e Benestar, para os efectos do disposto polo artigo 56 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico.

Os órganos reitores do CGSIB atópanse baixo o poder de decisión da Administración xeral da Comunidade Autónoma segundo o establecido no capítulo III dos estatutos (artigos 9 a 15).

Así mesmo, na Resolución do 4 de xullo de 2006, a Xunta de Galicia realiza a achega maioritaria para sufragar os medios necesarios para a súa constitución e primeiro establecemento, recolléndose desde entón nas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia de cada ano, dentro das aplicacións da Consellería de Traballo e Benestar, os créditos necesarios para financiar maioritariamente o funcionamento deste ente instrumental.

Esta adscrición determina que, segundo os artigos 47 e 95 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, e para os efectos previstos nos artigos 4.1.n) e 24.6 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, o CGSIB poida ser considerado medio propio e servizo técnico da Consellería de Traballo e Benestar.

Cuarto. O artigo 8 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, prevé a realización de encomendas de xestión a outros órganos da mesma Administración ou entidade que a encomendante por razóns de eficacia.

O CGSIB resulta que é o instrumento máis axeitado para a realización dunha encomenda intra subxectiva, mediante resolución da consellería de adscrición da entidade.

A encomenda de execución non supón unha cesión da titularidade das competencias nin dos elementos substantivos do seu exercicio e resultará de obrigado cumprimento para o CGSIB, debendo executarse de acordo coas instrucións que para o efecto lle formule a Consellería de Traballo e Benestar, quen tamén desempeñará as máis amplas facultades de supervisión respecto das actividades que vaia desenvolver o ente encomendado.

De conformidade co previsto no artigo 4.1 do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, a relación existente entre a Consellería de Traballo e Benestar e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, consonte a presente encomenda de xestión, é unha relación xurídica excluída do ámbito da citada lei. Sen prexuízo do anterior, o CGSIB, como poder adxudicador, deberá observar o estrito cumprimento das prescricións establecidas no Real decreto lexislativo 3/2011 na execución das actuacións obxecto desta encomenda.

Finalmente, segundo prevé o artigo 8.4 da Lei 16/2010, para a efectividade da encomenda, o instrumento en que se formalice deberá ser publicado no Diario Oficial de Galicia; así mesmo, para os efectos do artigo 8.5 desta norma, deberá ser publicada na web institucional da Consellería de Traballo e Benestar e do CGSIB.

En consideración ao anteriormente exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Encomendar ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar a realización das actuacións necesarias para a construción e posta en funcionamento das escolas infantís incluídas no marco do Plan Educa3.Ano 2010, nos concellos e co número de prazas que a continuación se relacionan:

Concello

Nº de prazas da escola infantil

Ames

82

O Corgo

20

Muros

41

Oroso

41

Pazos de Borbén

41

Ponteareas

74

Pontedeume

74

O Porriño

61

Salvaterra de Miño

61

Touro

20

Vilanova de Arousa

30

Xinzo de Limia

61

Segundo. As funcións encomendadas, de acordo coas condicións establecidas no convenio de colaboración entre o Ministerio de Educación e a Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento de prazas públicas do primeiro ciclo de educación infantil no marco do Plan Educa3.Ano 2010, son as seguintes:

a) Desenvolver os convenios de colaboración cos entes locais consorciados en que se van crear as infraestruturas, en que se establezan as condicións necesarias para a execución e posterior xestión do equipamento. Con carácter previo á formalización de cada convenio deberá obter o testemuño do acordo adoptado polo órgano municipal competente sobre os seguintes aspectos:

1. O compromiso da posta á disposición, libres de cargas e gravames, de todos os terreos necesarios, con usos urbanísticos, para a normal execución das obras, así como os correspondentes permisos e autorizacións necesarios para levalas a cabo, sen prexuízo de que a efectiva dispoñibilidade destes deberá acreditarse con anterioridade á adxudicación da obra.

2. Certificación da inclusión nos orzamentos do concello do importe correspondente ao 40 % do custo da actuación.

Sen prexuízo do anterior, para o suposto de que a actuación sexa obxecto de execución en varias anualidades, a certificación incluirá polo menos o importe correspondente ao 40 % do custo da primeira anualidade. Así mesmo, co obxecto de garantir o importe correspondente ás anualidades futuras, presentará o compromiso de incluír as devanditas consignacións nos orzamentos correspondentes.

3. O compromiso expreso do concello de asumir os gastos de funcionamento do equipamento unha vez construído.

b) Solicitar de calquera administración pública, organismo ou institución, cantas autorizacións e permisos administrativos sexan precisos para a execución da encomenda.

c) Licitar as obras de construción das escolas infantís relacionadas nesta encomenda, así como a dirección destas e ocuparse de todas as actuacións relativas á súa tramitación.

d) Promover a remoción dos obstáculos e dificultades tanto técnicos como administrativos e instar o cumprimento das obrigas das empresas, contratistas e terceiros en xeral cuxa actividade sexa necesaria para a execución da encomenda.

e) Informar por iniciativa propia ou por petición da Consellería de Traballo e Benestar sobre o estado de execución da encomenda, as dificultades existentes, as modificacións que sexan precisas e calquera outra circunstancia que resulte pertinente.

Terceiro. A xestión que realizará o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar comprenderá as actuacións materiais e xurídicas necesarias, dentro dos límites contidos nos seus estatutos, podendo contratar con terceiros as actuacións encomendadas. Neste último caso, a actuación axustarase ao disposto no texto refundido da Lei de contratos do sector público.

Cuarto. O importe destinado pola Consellería de Traballo e Benestar para a realización das actividades encomendadas será de 3.291.572 euros (IVE incluído) que se distribuirán en dúas anualidades, 1.677.732 euros no ano 2012 e 1.613.840 no ano 2013 e financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 12.08.312B.742.08.

Ademais da achega da Consellería de Traballo e Benestar á execución da encomenda, estará cofinanciada polas entidades locais ata acadar unha tarifa máxima, incluída a achega da consellería, de 10.000 euros por praza creada, que é o límite establecido pola comisión de seguimento do convenio de colaboración asinado o 23 de decembro de 2009 entre o Ministerio de Educación e a Comunidade Autónoma de Galicia.

As escolas obxecto deste convenio cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional serano nun máximo do 80 %, no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 6, tema prioritario 77.

Tanto o Consorcio como, se é o caso, as empresas adxudicatarias estarán obrigados a cumprir as obrigas de información e publicidade comunitaria establecidas nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, e no artigo 1, números 1) e 2) do Regulamento (CE) nº 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009.

Quinto. O aboamento dos importes incluídos nesta encomenda efectuarase na parte proporcional que corresponda ás dotacións da Consellería de Traballo e Benestar en relación co gasto total executado, contra xustificación do gasto efectivamente realizado que será formalizada mediante certificación do gasto do órgano que teña atribuída, no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, as correspondentes facultades de control, e acompañarase das certificacións de obra e facturas orixinais debidamente conformadas, así como dos xustificantes dos pagamentos efectuados.

Sexto. Esta encomenda estará vixente desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de decembro de 2013, e pode ser prorrogada sempre que a súa finalidade non estea cumprida na data de finalización desta e o Ministerio de Educación autorice a prórroga do prazo para a execución do convenio asinado coa Xunta de Galicia para o desenvolvemento do Plan Educa3.Ano 2010.

Sétimo. Concederase un anticipo do 50 % do importe da anualidade correspondente logo de solicitude do CGSIB e unha vez que teña adquirida eficacia a presente encomenda.

Oitavo. Esta encomenda resolverase anticipadamente nos seguintes casos:

a) Cumprimento do seu obxecto antes da data establecida para a súa finalización.

b) Imposibilidade de realización das actividades encomendadas.

c) Incumprimento dalgunha das obrigas ou actividades encomendadas ou dos prazos previstos.

d) Revogación por resolución motivada do órgano encomendante.

e) As demais previstas na lexislación vixente.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2012

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar