Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Xoves, 30 de agosto de 2012 Páx. 34656

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 20 de agosto de 2012 pola que se autoriza o bacharelato de persoas adultas na modalidade semipresencial no centro público de educación e promoción de adultos de Teixeiro (Curtis).

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece no seu artigo 5.1 que todas as persoas deben ter a posibilidade de se formar ao longo da vida, dentro e fóra do sistema educativo, co fin de adquirir, actualizar, completar e ampliar os seus coñecementos, así como as súas capacidades, habilidades, aptitudes e competencias, para o seu desenvolvemento persoal e profesional.

Ademais, no seu artigo 5.2 establece que o sistema educativo ten como principio propiciar a educación permanente. Para tal efecto, debe preparar o alumnado para aprender por si mesmo e facilitar ás persoas adultas a súa incorporación ás diferentes ensinanzas, favorecendo a conciliación da aprendizaxe con outras responsabilidades e actividades.

Así, o Decreto 116/2007, do 31 de maio, polo que se crean centros públicos de educación e promoción de adultos con sede nos centros penitenciarios de Galicia, creou o centro público de educación e promoción de adultos de Teixeiro.

Na Orde do 11 de xuño de 2010 pola que se autorizan as ensinanzas de educación para persoas adultas, nas modalidades presencial e a distancia, en centros específicos de educación e promoción de adultos e institutos de educación secundaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, autorizáronse no centro de educación e promoción de adultos de Teixeiro as ensinanzas básicas iniciais, a educación secundaria para persoas adultas e o castelán e galego para inmigrantes.

Dado o número significativo de internos do centro que seguen estudos de bacharelato, e de acordo coas competencias que ten conferidas a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Artigo 1

Autorizar as ensinanzas de bacharelato para persoas adultas nas modalidades de Ciencias e Tecnoloxía e Humanidades e Ciencias Sociais (na modalidade semipresencial) no centro de educación e promoción de adultos de Teixeiro (Curtis), desde o curso escolar 2012-2013.

Disposición derradeira primeira

Autorízanse a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa e á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar as medidas necesarias para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2012

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria