Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Venres, 24 de agosto de 2012 Páx. 33907

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 14 de xuño de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de autorización de instalacións da rede de distribución de gas natural no termo municipal do Pereiro de Aguiar, promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2012/7-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, e no artigo 1 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regulan o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionaria: Gas Galicia SDG, S.A., con CIF: A15383284 e con enderezo para os efectos de notificacións na rúa Lisboa, s/n; Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes.

O 26 de marzo de 2012 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto das instalacións da rede de distribución de gas natural no termo municipal do Pereiro de Aguiar (Ourense), acompañada do preceptivo proxecto.

Ante esta solicitude, o 10 de abril de 2012, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, resolveu iniciar o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril.

A dita resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 30 de abril de 2012 e durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron outras solicitudes en concorrencia. En consecuencia, procede continuar co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada por Gas Galicia SDG, S.A.

Obxecto da petición: autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal do Pereiro de Aguiar (Ourense), e aprobación do correspondente proxecto de execución titulado Proxecto de autorización de instalacións de distribución de gas natural no Pereiro de Aguiar (Ourense).

Descripción das instalacións.

A subministración de gas natural realizarase desde unha conexión coa rede existente na rúa A Zamorana do parque empresarial de San Cibrao das Viñas, que se sitúa no límite dos termos municipais do Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas. Desde este punto de conexión, a rede continúa ata o polígono industrial do Pereiro de Aguiar en tubaxe de 200 mm de diámetro en dirección noroeste. Do ramal principal déixanse dúas derivacións, unha cara á zona da Medorra e outra cara á zona de Pedraio, ambas en tubaxe de 200 mm de diámetro. A rede adéntrase polo polígono industrial, distribúese polas súas rúas, e percorre a rúa principal en dirección norte ata chegar á urbanización Monterrei.

Esta rede de distribución, que aparece reflectida nos planos de planta de trazado incluídos no proxecto, deséñase para un rango de presión 2 < MOP (presión máxima de operación) ≤ 5 bar, en polietileno de alta densidade PE 100 SDR 17,6, de diámetro variable de 200, 110 e 90 mm, segundo necesidades. A lonxitude prevista para a rede proxectada é aproximadamente de 8.386 m.

Área de autorización: a solicitude de autorización administrativa afecta o termo municipal do Pereiro de Aguiar, na provincia de Ourense.

Orzamento: trescentos oitenta e dous mil catorce euros con sesenta e catro céntimos (382.014,64 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan presentar as súas alegacións no prazo de vinte (20) días a partir da data de publicación desta resolución. Poderán examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas; Edificio Administrativo San Caetano, en Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria, na rúa Curros Enríquez, 1-4º, 32003 Ourense.

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas