Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Xoves, 23 de agosto de 2012 Páx. 33774

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Traballo e Benestar

ANUNCIO do 6 de agosto de 2012, da Secretaría Xeral de Política Social, polo que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a habilitación de entidades colaboradoras de adopción internacional en Kirguizistán e Kazakhistán.

De conformidade co disposto no artigo 98.2 do Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia, para a habilitación de entidades colaboradoras de adopción internacional será preciso recorrer á convocatoria pública cando sexa necesario reducir o número de entidades habilitadas para o mesmo país, e seleccionar, entre as que reúnan todos os requisitos, as que ofrezan maiores garantías de calidade e respecto aos principios internacionais que deben rexer a adopción.

Kirguizistán e Kazakhistán son dous países nos cales está previsto iniciar a tramitación de adopcións internacionais por parte de España. Os devanditos países manifestaron o seu interese en acreditar un número limitado de entidades por cada país. Kirguizistán ten previsto acreditar só tres entidades en España e Kazakhistán entre dúas e catro.

Coa finalidade de elixir un número reducido de entidades para tramitar os expedientes de adopción internacional nos ditos países, por acordo da Comisión Interautonómica de Directores Xerais de Infancia decidiuse abrir nas comunidades autónomas un proceso de presentación de solicitudes e valoración inicial dos proxectos que presenten as distintas entidades.

En cumprimento do devandito acordo, as entidades colaboradoras en adopción internacional interesadas en ser habilitadas en Galicia para tramitaren adopcións con Kirguizistán e/ou Kazakhistán deberán formalizar as súas solicitudes de habilitación, de conformidade co disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, antes do día 10 de setembro de 2012.

As solicitudes presentaranse no modelo dispoñible na guía de procedementos da páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es), procedemento BS 401D, e deberáselles xuntar de toda a documentación exixida no Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, e relacionada no modelo de solicitude. Dirixiranse á Secretaría Xeral de Política Social da Consellería de Traballo e Benestar e poderanse presentar por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Entre todas as propostas presentadas en España, a Comisión Interautonómica de Directores Xerais de Infancia elixirá as entidades que poderán ser acreditadas polas comunidades autónomas.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2012

Coro Piñeiro Vázquez
Secretaria xeral de Política Social