Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Luns, 13 de agosto de 2012 Páx. 32500

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 8 xuño de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se declara a utilidade pública, en concreto, do parque eólico Muxía I (1ª e 2ª fase), promovido por Desarrollos Eólicos, S.A. e situado no concello de Muxía (expediente IN661A 9/2004).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Desarrollos Eólicos, S.A., relativo á declaración, en concreto, da utilidade pública do parque eólico de Muxía I (1ª e 2ª fase), resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Por Resolución do 6 de maio de 2004 (DOG nº 100, do 26 de maio), da Consellería de Innovación, Industria e Comercio, publicouse a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 22 de xaneiro de 2004 (DOG nº 18, do 28 de xaneiro), entre as que se inclúe a do parque eólico Muxía I-1ª fase, para unha potencia máxima de 13,5 MW.

Segundo. Por Resolución do 29 de xaneiro de 2007 (DOG nº 26, do 6 de febreiro), da Consellería de Innovación e Industria, publicouse a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 22 de maio de 2006 (DOG nº 102, do 30 de maio), entre as que se inclúe a do parque eólico Muxía I-2ª fase, para unha potencia máxima de 32,2 MW.

Terceiro. Por Resolución do 17 de decembro de 2009, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, autorizouse a relocalización de potencia entre os parques eólicos Muxía I-1ª fase, Muxía I-2ª fase, Muxía II e Fontesilva, dentro do Plan eólico estratéxico da sociedade Desarrollos Eólicos, S.A., quedando o parque eólico Muxía I (1ª e 2ª fase) cunha potencia de 46,00 MW.

Cuarto Con data do 24 de febreiro de 2010, Desarrollos Eólicos, S.A., presenta solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, declaración, en concreto, de utilidade pública e recoñecemento de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica das instalacións do parque eólico Muxía I (1ª e 2ª fase), para unha potencia total de 46,00 MW, de acordo co establecido no Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinto. Por Acordo do 10 de maio de 2010, do Departamento Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e estudo de impacto ambiental do do parque eólico Muxía I (1ª e 2ª fase) no concello de Muxía. O devandito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 27 de maio, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 2 de xuño e no xornal La Voz de Galicia do 26 de maio, permanecendo exposto, así mesmo, no taboleiro de edictos do Concello de Muxía.

Sexto. Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

  1. Con data do 7 de xuño de 2010, Francisco Fandiño Liñeiro alega que dado o tempo transcorrido desde a primeira admisión de Muxía se deberían revisar o prezo a pagar polos terreos.
  2. Con data do 9 de xuño de 2010, Mª Carmen Lucas Paz informa do falecemento da notificada Marina Paz Álvarez, achegando nome e enderezos dos herdeiros.
  3. Con data do 11 de xuño de 2010, Pilar García García presentou alegación sobre a superficie de afectación da utilidade pública, é a inexactitude da planimetría catastral.
  4. Con data do 14 de xuño de 2010, David Areas Leira presentou alegación onde fai constar os prexuízos que poida ocasionar a instalación, do parque eólico, nunha granxa de coellos da súa propiedade.
  5. Con data do 14 de xuño de 2010, José Villar Lema presentou alegación en que se recollen as posibles afeccións do parque eólico aos animais dunha granxa da súa propiedade, e comunica que é propietario xunto coa súa esposa dos predios 92, 90, 91, 83 e 84.
  6. Con data do 15 de xuño de 2010, Manuel, Rosa Mª e Mª Dolores Canosa Fandiño presentaron alegación en que comunican que se os considere como interesados no expediente de expropiación e valoración, como herdeiros dos predios a nome de Matilde Fandiño Moreira.
  7. Con data do 16 de xuño de 2010, Eladio Manuel Currás Caamaño e Laura Selvita Caamaño López presentaron alegación onde fan constar o cambio de titularidade do predio notificada a Manuel Currás Pereira, asi mesmo alegan en relación coas servidumes que afectan os seus predios, coa valoración dos perxuízos que poida ocasionar as servidumes e co impacto que no ambiente supón a implantación do proxecto.
  8. Con data do 16 de xuño de 2010, Humberto Louzán Touriñán notificou que devolve a notificación recibida por non considerarse titulares do predio.
  9. Con data do 18 de xuño de 2010, José Antonio Soneira Noya presentou alegación relativa a titularidade, asi mesmo alega por estar desconforme coa superficie a expropiar e a superficie afectada no proxecto sectorial.
  10. Con data do 18 de xuño de 2010, Manuel Perfecto e María del Pilar Martínez Senra presentaron alegación en que fan constar que non se xustifica no proxecto a urxente ocupación.
  11. Con data do 18 de xuño de 2010, Ramón Martínez Méndez presentou escrito no que comunica o cambio de titularidade do predio a nome dos seus fillos.
  12. Con data do 21 de xuño de 2010, Francisco Canosa Pérez presentou alegacións contra o parque eólico baseada nos impactos ambientais, paisaxísticos, sobre os recursos hidrolóxicos, no patrimonio arqueolóxico e socioeconómico, así como respecto á normativa urbanística e na inexistencia de interese social ou de utilidade pública na execución do proxecto.
  13. Con data do 25 de xuño de 2010, Mª Purificación Touriñán Albarellos solicita que se paralice o proceso expropiatorio, xa que se atopa pendente de resolución dun expediente aberto ante a Xerencia do Catastro pola desaparición dos datos catastrais de predios da súa titularidade.

Sétimo. Mediante Resolución do 26 de decembro de 2011, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou administrativamente, aprobou o proxecto de execución e recoñeceu a condición de instalación acollida ao réxime especial de producion de enerxía eléctrica do parque eólico Muxía I (1ª e 2ª fase).

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Consellería de Economía e Industria é a competente para resolver este procedemento, con fundamento no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, en relación co artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que atribúe á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de industria, seguridade industrial, solo industrial, metroloxía, metais preciosos, enerxía e minas, co artigo 27 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpriuse o establecido na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no antedito Decreto 302/2001, do 25 de outubro, en relación coa disposición transitoria cuarta da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. Polo que respecta ás alegacións presentadas, examinado o contido destas e as contestación efectuadas pola empresa promotora, cómpre manifestar o seguinte:

– Con respecto aos posibles erros nas servidumes das parcelas afectadas pola instalación do proxecto, así como a idoneidade da declaración da urxente ocupación, non procede nesta fase da tramitación, correspondéndose coa fase de declarada a utilidade pública, en concreto.

– Con respecto aos posibles erros na titularidade dos predios afectados pola instalación do proxecto, cabe dicir que a empresa beneficiaria tomará razón daqueles, non obstante será durante o levantamento de actas, acto ao que serán oportunamente convocados, o momento en que poden demostrar a súa titularidade, achegando a documentación acreditativa necesaria.

– En relación coas alegacións presentadas de carácter ambiental e de impacto socioeconómico, cabe indicar que o proxecto do parque eólico conta xa con declaración de impacto ambiental, onde estes efectos xa están avaliados.

– Así mesmo, en relación coas alegacións presentadas para a valoración das afeccións nos predios, debemos indicar que non procede nesta fase da tramitación, correspondéndose coa fase do xustiprezo unha vez declarada a utilidade pública, en concreto.

De acordo con todo o anterior

RESOLVO:

Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico Muxía I (1ª e 2ª fase), segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, conforme o establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas