Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 10 de agosto de 2012 Páx. 32319

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2012, da Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión dun posto de persoal licenciado sanitario e de dous postos de persoal diplomado sanitario.

De conformidade co establecido no artigo 7.j) da Orde do 28 de setembro de 2011 pola que se desenvolve a estrutura organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés e se delegan competencias nos seus órganos directivos.

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo procedemento de libre designación, dun posto de persoal licenciado sanitario –xefatura de unidade de atención primaria para a unidade de atención primaria de Sotomaior–, e de dous postos de persoal diplomado sanitario –coordinador de enfermaría de atención primaria dos servizos de Bueu e de Caldas de Reis–.

Segundo. As retribucións dos postos ofertados serán as que correspondan de acordo coa orde pola que se ditan instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica vixente.

Terceiro. As solicitudes e a súa correspondente documentación anexa, para participar nesta convocatoria presentaranse, preferentemente, no Rexistro Xeral do Complexo Hospitalario de Pontevedra, sito no Hospital Provincial de Pontevedra. Poderán, así mesmo, presentarse a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de quince días, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. As bases íntegras da convocatoria estarán expostas nos taboleiros de anuncios da Xerencia da Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, así como na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Pontevedra, 9 de xullo de 2012

José Manuel González Álvarez
Xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés