Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 7 de agosto de 2012 Páx. 31457

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 26 de xullo de 2012 pola que se acorda a cesión de uso dunha embarcación propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia á entidade Asociación Liga Noroeste.

O artigo 27.22 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva en materia de promoción deportiva e da adecuada utilización do lecer.

No artigo 6 do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, establécese que a Secretaría Xeral para o Deporte é o órgano superior da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de deporte, sen prexuízo das demais competencias que teña legal ou regulamentariamente establecidas. Segundo establece o artigo 1 do mesmo decreto, a Secretaría Xeral para o Deporte depende funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

A Asociación Liga Noroeste é unha asociación privada con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e con plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, que son, como estatutariamente se establece, a práctica e fomento do remo tradicional polos seus asociados, sen ánimo de lucro, para o cal organizan todo tipo de actividades que contribúan ao seu progreso e desenvolvemento. A citada asociación está inscrita no Rexistro Xeral de Asociacións da Xunta de Galicia co nº 11882 e organiza a competición Liga Galega de Traiñeiras en que participan diversos clubs de remo da CC.AA. de Galicia.

A Asociación Liga Noroeste con CIF G36497782 solicitou a través de escrito con data de entrada no rexistro da Secretaría Xeral para o Deporte do 29 de xuño de 2012 a cesión de uso dun catamarán propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia para apoio técnico nas competicións incluídas na Liga Galega de Traiñeiras, organizadas pola citada asociación.

O artigo 82 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que os bens e dereitos patrimoniais da Comunidade Autónoma de Galicia poden ser cedidos gratuitamente para a realización de fins de utilidade pública ou interese social a entidades sen ánimo de lucro, sempre que a súa afectación ou explotación non se considerase previsible.

No artigo 96 bis do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, disponse que se a cesión fora só de uso do ben poderá outorgarse por un prazo máximo de cinco anos, prorrogables por períodos sucesivos de igual duración.

De acordo co disposto polo artigo 83 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, a cesión dos bens mobles do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia é competencia do titular da consellería que posúa a adscrición do ben.

Polo tanto, vista a solicitude presentada pola Asociación Liga Noroeste, entidade sen ánimo de lucro con fins de interese social como é a práctica e fomento dunha actividade deportiva e visto que por parte da Secretaría Xeral para o Deporte non se xulga necesaria a súa explotación, no uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase a cesión de uso por un período de cinco anos, a favor da entidade Asociación Liga Noroeste da seguinte embarcación:

Nome: Cata Xunta.

Ano de construción: 2010.

Modelo: catamarán Graünner.

Motor: Evinrude modelo E40DS, nº de serie 05304959 de CE 11/2010 de 29,4 kW, 40 CV.

Casco: FV.

Matrícula: 8ª SE-2-1-12.

NIB: 39 63 95.

Dimensións: eslora: 6,75 metros; manga: 2,75 metros.

Artigo 2

A cesión de uso sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

1. A embarcación obxecto de cesión destinarase ao apoio técnico nas competicións incluídas na Liga Galega de Traiñeiras, organizadas pola asociación cesionaria.

2. Esta cesión é de carácter gratuíto e ten por obxecto exclusivamente o uso dos bens cedidos.

3. A cesión implica para o cesionario a obriga de destinar os bens exclusivamente ao fin expresado neste acordo, na forma e coas condicións que nel se expresen, sen que poida destinarse a outros fins, públicos ou privados.

4. De conformidade co establecido no artigo 96 bis do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a cesión outorgarase polo prazo máximo de cinco anos, prorrogable por períodos sucesivos, de igual duración, se así o acorda expresamente a Administración cedente, logo da petición do cesionario con anterioridade ao vencemento do período anterior, quedando excluída a tácita recondución.

5. A entidade cesionaria é responsable do correcto uso dos bens cedidos e da adopción de todas as medidas precisas para a súa adecuada conservación e custodia.

6. Corresponde á consellería competente en materia de patrimonio verificar a aplicación dos bens ao fin para o que foron cedidos, para o cal pode adoptar cantas medidas sexan necesarias segundo dispón o artigo 85 da Lei 5/2011, do 30 de setembro.

7. Os gastos de todo tipo que xeren os bens obxecto da cesión ou o seu transporte, utilización ou conservación serán en todo caso por conta da entidade beneficiaria dela, incluído a subscrición do correspondente seguro obrigatorio para a embarcación cedida.

8. Serán por conta do cesionario o detrimento e a deterioración sufridos polos bens cedidos, sen que sexan indemnizables os gastos en que incorra para cumprir as cargas ou condicións impostas.

9. Se os bens cedidos non se aplican ao fin sinalado ou deixan de estalo con posterioridade, se se descoidan ou se utilizan con grave quebrantamento ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión, e os bens reverterán á administración cedente.

Artigo 3

A devandita cesión formalizarase mediante acta subscrita pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica desta consellería e o representante legal da Asociación Liga Noroeste e deberá constar nela o acordo de cesión e a aceptación por parte do cesionario.

Disposición derradeira primeira

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a través da Secretaría Xeral Técnica realizará os trámites necesarios para a efectividade desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza