Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 7 de agosto de 2012 Páx. 31439

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 163/2012, do 26 de xullo, polo que se derrogan o Decreto 290/1992, do 8 de outubro, polo que se modifica a composición e funcións da Comisión de Informática da Xunta de Galicia e o Decreto 275/1997, do 1 de outubro, polo que se crea a Subcomisión de Informática Educativa.

Ao abeiro da autorización contida na disposición adicional terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, aprobouse o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos (en diante, Amtega), configurándoa como a axencia pública autonómica que ten por obxecto a definición, desenvolvemento e execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia relativa a tecnoloxías da información e comunicacións, así como innovación e desenvolvemento tecnolóxico.

Segundo o previsto na disposición adicional primeira (Constitución da Amtega e supresión da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica).

«2. A Amtega asume as competencias e medios materiais que na actualidade lle corresponden á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que quedará suprimida no momento da constitución efectiva da Amtega».

Na disposición adicional cuarta (Adscrición de órganos e postos de traballo doutras consellerías ou entidades públicas) establécese que:

«A Amtega asumirá progresivamente, de conformidade co plan para a posta en marcha da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia e para a integración dos servizos tecnolóxicos da Xunta de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 21 de xullo de 2011, e de acordo co disposto na disposición transitoria terceira deste decreto, a prestación de servizos en materia de tecnoloxías da información e comunicacións ás consellerías da Administración xeral da Comunidade Autónoma e ás entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, de conformidade cos decretos que sexan aprobados para tales efectos. Nos decretos indicados, nos cales se regulará o exercicio das competencias necesarias para levar a cabo a prestación antedita, estableceranse as oportunas adaptacións das correspondentes estruturas orgánicas e incluirase a previsión do persoal funcionario, estatutario e persoal laboral da Xunta de Galicia que quedará adscrito á Amtega».

Así mesmo, a disposición transitoria terceira (Adscrición progresiva de servizos e persoal TIC) establece que:

«Os servizos, recursos económicos e persoal de tecnoloxías da información e comunicación das distintas consellerías e entidades públicas delas dependentes adscribiranse progresivamente á Amtega no prazo máximo de catro anos. Para estes efectos, os órganos competentes en cada caso ditarán as normas que resulten precisas para tal fin».

Con base nas consideracións anteriores, tendo en conta as competencias e funcións atribuídas á Amtega no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, resulta innecesario o mantemento da Comisión de Informática da Xunta de Galicia.

De conformidade co exposto, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de xullo de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único

Derróganse o Decreto 290/1992, do 8 de outubro, polo que se modifica a composición e funcións da Comisión de Informática da Xunta de Galicia, e o Decreto 275/1997, do 1 de outubro, polo que se crea a Subcomisión de Informática Educativa.

Disposición adicional única

A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ditará as instrucións que resulten precisas para evitar que as distintas intervencións delegadas fiscalicen expedientes relativos a adquisicións de elementos, equipamentos, sistemas ou servizos informáticos e demais relativos ás tecnoloxías da información e comunicacións, provenientes de consellerías e entidades cuxos servizos, recursos económicos e persoal de tecnoloxías da información e comunicación fosen adscritos á Amtega.

Disposición transitoria única

As consellerías e entidades públicas instrumentais cuxos servizos en materia de tecnoloxías de información e comunicación non fosen asumidos pola Amtega, deberán remitir á dita axencia pública autonómica, antes da súa aprobación polo órgano competente, as propostas de adquisición de elementos, equipamentos, sistemas ou servizos informáticos, así como os pregos dos correspondentes expedientes de contratación, coa finalidade de solicitar o seu informe preceptivo sobre a adecuación destes á política da Xunta de Galicia relativa a tecnoloxías da información e comunicacións.

Exceptúanse da obriga de solicitar o informe aos expedientes que teñan a condición de gasto menor.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xullo de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza