Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 7 de agosto de 2012 Páx. 31442

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 2 de agosto de 2012 pola que se desenvolve a regulación das certificacións e xustificacións trimestrais establecidas no Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

O artigo 24 da nosa Constitución garante o dereito fundamental a obteren a tutela efectiva dos xuíces e tribunais a todas as persoas no exercicio dos seus dereitos e intereses lexítimos, así como tamén á defensa e mais á asistencia de letrado. Este dereito fundamental compleméntase co disposto no artigo 119 da Carta Magna, onde se establece que a xustiza será gratuíta cando así o dispoña a lei e, en todo caso, respecto de quen acredite insuficiencia de recursos para litigar.

Coa entrada en vigor da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, esta materia foi obxecto dunha fonda reforma e a Comunidade Autónoma galega, como consecuencia do Real decreto 2166/1994, do 4 de novembro, polo que lle foron transferidas pola Administración do Estado os medios materiais e económicos para o funcionamento da Administración de xustiza, entre os cales se atopa o aboamento da compensación económica aos colexios de avogados e de procuradores dos tribunais polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta, realizou o desenvolvemento normativo da dita Lei 1/1996, nun primeiro momento a través do Decreto 146/1997 e, posteriormente, coa pertinente reforma deste para a súa necesaria adaptación ao contexto actual, mediante o vixente Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, modificado polo Decreto 138/2012, do 21 de xuño.

Co obxectivo de mellorar a calidade deste servizo público, modernizando, ademais, a súa xestión a través do preceptivo emprego e aplicación das novas técnicas e medios electrónicos e telemáticos, o pasado 9 de xuño de 2011, en desenvolvemento dos artigos 47 e 48 do citado texto, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza dita a orde que aproba o formato en que os colexios de avogados e procuradores de Galicia deben remitir a xustificación trimestral da aplicación da compensación económica; procede agora, tras a modificación regulamentaria, tanto a adaptación da citada orde a este novo texto normativo como realizar o desenvolvemento do seu artigo 44, coa finalidade de establecer os ficheiros que os colexios profesionais deberán remitir xunto coa certificación trimestral a que fai referencia o citado artigo.

Polo exposto, e ao abeiro da disposición derradeira primeira do citado Decreto 269/2008, que autoriza a persoa titular da consellería competente en materia de xustiza para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste,

DISPOÑO:

Primeiro

1. As certificacións que os colexios de avogados e procuradores deben remitir trimestralmente á Dirección Xeral de Xustiza de acordo co establecido no artigo 44 do Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia, deberán vir acompañadas dun ficheiro electrónico en formato XML que recolla a relación desagregada das actuacións realizadas polos profesionais durante ese período nas cales exista recoñecemento expreso do dereito de asistencia xurídica gratuíta, así como das realizadas en períodos anteriores cuxo recoñecemento expreso do dereito pola correspondente comisión tivese lugar durante este último trimestre, e estivesen incluídas na certificación, individualizando as asistencias letradas realizadas e os asuntos de xustiza gratuíta asumidos por cada profesional.

As certificacións deberán vir acompañadas, así mesmo, dun ficheiro que recolla as compensacións e reintegros realizados nese período.

2. Estes ficheiros deberán cumprir coa estrutura definida no ficheiro XSD que estará dispoñible para súa descarga na seguinte URL: http://axg.xunta.es na parte de instrucións técnicas.

Segundo

1. O ficheiro informático que conteña a relación desagregada das asistencias letradas realizadas e os asuntos de xustiza gratuíta asumidos por cada profesional cuxos beneficiarios teñan recoñecido o dereito pola correspondente comisión de Asistencia Xurídica Gratuíta, indicará os datos seguintes:

– Para as asistencias letradas: período, colexio, colexiado, data da actuación, expediente SOX, expediente AXG, número de atestado ou telefonema, tipo de delito, centro de detención, procedemento baremo, datos do solicitante, importe e data da resolución de recoñecemento do dereito á xustiza gratuíta.

– Para os asuntos de xustiza gratuíta asumidos por cada profesional: período, colexio, colexiado, data da actuación, expediente SOX, expediente AXG, órgano xudicial, procedemento xudicial, procedemento baremo, datos do solicitante, importe e data da resolución de recoñecemento do dereito á xustiza gratuíta.

2. O ficheiro que recolla as compensacións e reintegros realizados nese período indicará os datos seguintes:

– Período, colexio, colexiado, expediente SOX, expediente AXG, procedemento baremo, importe compensado ou reintegrado, trimestre en que se liquidou a compensación e motivo da compensación ou reintegro.

Terceiro

1. Os datos contidos na certificación e nos ficheiros informáticos contrastaranse cos datos que consten nas correspondentes comisións de xustiza gratuíta e, de seren detectadas discrepancias, concederase un prazo máximo de cinco días hábiles ao colexio profesional respectivo para os efectos de que proceda á rectificación destes, de ser o caso, expedindo unha nova certificación.

2. Os colexios profesionais, como entidades colaboradoras na distribución das compensacións económicas, están suxeitos ás regras e ás obrigas establecidas no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, así como na Lei 9/2007, do 13 de junio, de subvencións de Galicia, e no seu Regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009.

En particular, os colexios profesionais deberán comprobar o cumprimento dos requisitos determinantes do pagamento das compensacións económicas, así como a realización da actuación obxecto destes pagamentos.

Para estes efectos, os profesionais deberán presentar no respectivo colexio a documentación acreditativa da actuación profesional realizada, cando exista recoñecemento expreso do dereito pola correspondente comisión de xustiza gratuíta, dentro dos tres meses seguintes á respectiva intervención, de conformidade co previsto no artigo 41.3 do Decreto 269/2008.

Cuarto

1. A xustificación da aplicación dos fondos recibidos a que se refire o artigo 47 do Decreto 269/2008 será remitida trimestralmente polos colexios de avogados e procuradores de Galicia á Dirección Xeral de Xustiza nun ficheiro electrónico en formato XML.

2. Estes ficheiros deberán cumprir coa estrutura definida no ficheiro XSD que estará dispoñible para súa descarga na seguinte URL: http://axg.xunta.es na parte de instrucións técnicas.

Quinto

1. Cada ficheiro informático de xustificación deberá conter a relación detallada das quendas de garda ou, se procede, das asistencias letradas ao detido efectuadas por cada letrado ou procurador, así como tamén dos asuntos de xustiza gratuíta asumidos por cada letrado, nos cales exista recoñecemento expreso do dereito pola correspondente comisión, con indicación dos datos seguintes:

– Para as asistencias letradas: período, colexio, colexiado, data da actuación, expediente SOX, expediente AXG, número de atestado ou telefonema, tipo de delito, centro de detención, procedemento baremo, datos do solicitante, importe bruto, IRPF e data da resolución de recoñecemento do dereito á xustiza gratuíta.

– Para os asuntos da quenda de oficio: período, colexio, colexiado, data da actuación, expediente SOX, expediente AXG, órgano xudicial, procedemento xudicial, procedemento baremo, datos do solicitante, importe bruto, IRPF e data da resolución de recoñecemento do dereito á xustiza gratuíta.

2. Ademais do ficheiro informático, os colexios profesionais deberán achegar canda a xustificación trimestral os documentos establecidos nos puntos c), d), e) e f) do artigo 48.1 do decreto.

Sexto

1. O envío dos ficheiros que acompañan a certificación, así como dos ficheiros de xustificación, deberá realizarse a través do servizo web, que permitirá aos sistemas informáticos dos colexios profesionais de avogados e procuradores comunicarse coa oficina virtual de asistencia xurídica gratuíta para a súa remisión.

2. As instrucións técnicas, as táboas de códigos e máis a estrutura dos ficheiros estarán dispoñibles para a súa descarga na seguinte URL: http://axg.xunta.es na parte de instrucións técnicas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde e, en particular, a Orde do 9 de xuño de 2011, pola que se aproba o formato en que os colexios de avogados e procuradores deben remitir a xustificación trimestral da aplicación da compensación económica establecida no Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día 20 de setembro de 2012.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza