Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 3 de agosto de 2012 Páx. 31177

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 23 de xullo de 2012 pola que se fai pública a aprobación do Regulamento de servizo do treito Alto de Santo Domingo-Ourense (AG-53 e AG-54) da autoestrada Santiago-Ourense.

En cumprimento do disposto no número 39 do Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a sociedade publica Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense, S.A. –na actualidade Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.U.–, polo que se regula a construción, conservación e explotación do treito Alto de Santo Domingo-Ourense da autoestrada Santiago-Ourense, asinado o 17 de xuño de 2005, mediante Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas do 17 de xullo de 2012 foi aprobado o Regulamento de servizo que a seguir se publica para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2012

Ethel Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO
Regulamento de servizo do tramo Alto de Santo Domingo-Ourense
(AG-53 e AG-54) da autoestrada Santiago-Ourense

Título Preliminar
Normas xerais

Este regulamento regula a prestación do servizo do treito Alto de Santo Domingo-A52 (AG-53 e AG-54) da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense, en diante «vías obxecto deste regulamento», de conformidade cos termos establecidos no Acordo entre o Ministerio de Fomento e a Xunta de Galicia do 23 de decembro de 2002 para a construción da segunda fase da autoestrada entre Ourense e Santiago de Compostela, no Decreto 432/2003, do 5 de decembro, no Decreto 193/2007, do 4 de outubro, no Decreto 300/2008, do 30 de decembro, no Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a sociedade pública Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense S.A., polo que se regulan a construción, conservación e explotación do tramo Alto de Santo Domingo-Ourense da autoestrada Santiago-Ourense, asinado o 17 de xuño de 2005, e no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 31 de marzo de 2011, polo que se autorizou a absorción da Sociedade Pública Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense, S.A.U. pola Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.U., en diante «SPI Galicia».

Os preceptos deste regulamento serán de obrigatoria observancia para todos os usuarios destas vías e para SPI Galicia, e vinculan igualmente a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

O persoal ao servizo de SPI Galicia e vinculado á conservación, mantemento e explotación das vías obxecto deste regulamento, en diante «persoal ao servizo de SPI Galicia», está obrigado a velar polo máis exacto cumprimento de canto se determina neste regulamento.

O servizo nas vías obxecto deste regulamento será prestado en condicións de absoluta normalidade, garantindo a súa utilización polos usuarios de acordo cos principios de igualdade, universalidade e non-discriminación, e suprimindo, no tempo máis curto posible, as causas que orixinen molestias, inconvenientes ou perigosidade para os usuarios das vías, salvo que a adopción das medidas que produzan estes efectos obedezan a razóns de seguranza e/ou urxente reparación ou reposición.

O tráfico de vehículos é absolutamente preferente a calquera outro fin.

O servizo nas vías deberá prestarse ininterrompidamente, durante as vinte e catro horas do día, salvo supostos excepcionais debidos a caso fortuíto ou de forza maior.

O servizo que presta SPI Galicia considérase servizo público para os efectos de fixar os servizos mínimos por parte da autoridade competente, e que deberá cumprir SPI Galicia.

No Centro de Conservación e Explotación, situado no enlace de Cea (saída 74), SPI Galicia disporá de follas de reclamacións nas cales os usuarios poderán formular as que consideren oportunas.

As devanditas follas serán as facilitadas pola Administración competente en materia de consumo. Coa frecuencia que indique a Delegación da Xunta de Galicia nas Sociedades Galegas Concesionarias de Autoestradas de Peaxe, en diante «Delegación da Xunta de Galicia», e independentemente da facultade de exame directo por esta das mencionadas follas, SPI Galicia deberá darlle traslado das reclamacións formuladas, xuntando o seu propio informe sobre estas e indicando as medidas adoptadas, de ser o caso. Así mesmo, SPI Galicia deberá formular contestación ao usuario sobre a reclamación, a súa admisibilidade e medidas adoptadas, de ser o caso, en función daquela. Esta contestación tamén será obxecto de traslado á Delegación da Xunta de Galicia.

Sen prexuízo do mencionado no punto anterior, os usuarios das vías obxecto deste regulamento poderán elevar á Delegación da Xunta de Galicia calquera reclamación que, ao seu criterio, non fose debidamente atendida por SPI Galicia. A Delegación da Xunta de Galicia, segundo proceda, resolveraa directamente ou procederá a remitirlla ao órgano da Administración a que corresponda a súa resolución.

Título I
Da circulación

Capítulo I
Normas aplicables e prestación do servizo

A circulación polas vías obxecto deste regulamento estará regulada polo contido ao respecto no Regulamento xeral de circulación, aprobado polo Real decreto 1428/2003, do 21 de novembro, o Regulamento xeral de vehículos, aprobado polo Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro, o texto articulado da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos de motor e seguranza viaria, aprobado polo Real decreto lexislativo 339/1990, do 2 de marzo, e demais disposicións de carácter xeral sobre a materia e, con carácter complementario, polo que se dispón neste regulamento.

A vixilancia da circulación, o tráfico e o transporte polas vías obxecto deste regulamento será exercida pola Agrupación de Tráfico da Garda Civil, sen prexuízo da que poida exercer con carácter auxiliar ou en ausencia das forzas daquelas unidades o persoal ao servizo de SPI Galicia. No exercicio destas funcións, e dentro do establecido ao respecto na normativa vixente, este persoal terá o carácter de axente da autoridade e poderá adoptar as medidas necesarias verbo da regulación do tráfico, formulando as denuncias procedentes.

O persoal ao servizo de SPI Galicia acreditará a súa condición mediante o uso do uniforme ou distintivo ou a exhibición dun documento que permita aos usuarios das vías recoñecer a súa función.

En cumprimento da mencionada actividade supletoria o persoal ao servizo de SPI Galicia porá especial coidado en impedir o acceso e, no seu defecto, a circulación por estas vías a aqueles vehículos dos cales se sospeite fundadamente que non reúnen as condicións adecuadas para circularen por elas, adoptando as medidas que coide precisas para facer cesar a anormalidade.

No caso de discrepancia do usuario, ordenará o aparcamento do vehículo nun lugar idóneo e solicitará a presenza das forzas de vixilancia, que adoptarán as disposicións oportunas.

Cando un vehículo non autorizado sexa localizado na zona de circulación a el prohibida, será obrigado a abandonar as vías pola saída máis próxima. En todo caso, se a presenza do vehículo non autorizado for detectada polo persoal ao servizo de SPI Galicia, cursará aviso inmediato á Agrupación de Tráfico da Garda Civil e procederá, con carácter precautorio, á inmobilización do vehículo nun lugar que non ofreza perigo para a circulación, todo isto sen prexuízo das sancións que correspondan e das responsabilidades en que puider incorrer o condutor e o propietario do vehículo non autorizado.

Os condutores e propietarios dos mencionados vehículos serán responsables dos danos propios ou a terceiros e daqueloutros que poidan ocasionar ás vías e ás súas instalacións.

As prohibicións anteriormente sinaladas non afectarán os vehículos que para realizar obras ou traballos de conservación, mantemento ou explotación nas vías obxecto deste regulamento necesiten circular por elas, que deberán dispor da sinalización e balizamento oportunos.

Naquelas situacións meteorolóxicas e ambientais que representen diminucións de seguranza da circulación (néboa, choiva, xeo etc.), os usuarios están obrigados, de acordo co establecido no artigo 45 do Regulamento xeral de circulación, a extremaren as precaucións na condución dos seus vehículos. Así mesmo, están obrigados a seguir as instrucións dos axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e, de ser o caso, do persoal ao servizo de SPI Galicia, sen que poida imputarse a este último ningunha responsabilidade polos danos ou accidentes que puideren producirse a causa da súa inobservancia.

Nos casos de existencia e previsión de xeo, neve ou sarabia, SPI Galicia efectuará baixo o seu criterio e responsabilidade os tratamentos superficiais preventivos e curativos que considere necesarios para mellorar as condicións de circulación. En situacións de emerxencia e perigosidade, SPI Galicia poderá impor restricións de circulación, pero adoptando as medidas necesarias que garantan a seguranza dos usuarios e permitan alcanzar, no menor tempo posible, condicións de absoluta normalidade. Destas restricións dará conta á Agrupación de Tráfico da Garda Civil, ao inspector de Explotación e ao persoal facultativo dependente deste, designado pola Axencia Galega de Infraestruturas, en diante «persoal de Inspección de Explotación».

A actuación no caso de accidente de circulación corresponde aos axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, sen prexuízo do respecto ás funcións e competencias da autoridade xudicial.

Se por accidente, avaría, malestar físico dos seus ocupantes ou outra causa tiver que inmobilizarse un vehículo en que a súa presenza ou a da súa carga supoña un obstáculo á libre circulación ou represente un perigo para esta, especialmente por ocupar a calzada ou a beiravía, o usuario actuará segundo a normativa vixente, adoptando as medidas precisas para a súa retirada do lugar e, mentres tanto, as adecuadas de sinalización para que poida ser advertido polos demais usuarios.

Independentemente do anterior e tan axiña como o persoal ao servizo de SPI Galicia teña coñecemento do feito, arbitrará os medios necesarios para a retirada inmediata do vehículo e/ou a carga se non o fixer o usuario, salvo que se trate de materias perigosas.

No caso de que se precisen medios especiais, tales como guindastres de gran tonelaxe, góndolas etc., SPI Galicia facilitará a comunicación coas dispoñibles na zona.

Se esta retirada non for posible de forma inmediata, a custodia dos vehículos e/ou a súa carga e a regulación da circulación corresponderá á Agrupación de Tráfico da Garda Civil ou outras forzas de vixilancia, ata a chegada dos medios solicitados para retirar os obstáculos, para os efectos de facilitar a operación e garantir a seguranza dos restantes usuarios das vías.

Cando o vehículo ou a súa carga, por accidente, traslado provisional ou outra causa, quede fóra da calzada ou beiravía, pero dentro da zona de dominio, sen afectar a circulación, corresponde ao propietario a súa retirada. SPI Galicia colaborará coa Dirección Xeral de Tráfico na localización do propietario para exixirlle esta obriga.

Con independencia do anterior, a Agrupación de Tráfico da Garda Civil comunicará os feitos ocorridos á Xefatura Provincial de Tráfico e ao alcalde do termo municipal en que estea o vehículo, co fin de dar cumprimento ao establecido na Orde ministerial do 14 de febreiro de 1974 sobre retirada e depósito de automóbiles abandonados e calquera outra que resulte de aplicación.

Soamente en caso de emerxencia poderán circular os peóns polas beiravías.

Os condutores de vehículos que circulen polas vías deberán facer caso omiso das peticións de pasaxe que reciban en calquera tramo delas.

Os condutores ou pasaxeiros que por avaría mecánica, accidente ou outra causa desexan solicitar axuda a través do sistema dos postes do socorro, circularán exclusivamente pola beiravía ata o poste máis próximo.

O persoal ao servizo de SPI Galicia e calquera outro persoal no exercicio dos labores de inspección, mantemento, conservación ou explotación poderán circular a pé polas vías sempre que sexa estritamente indispensable para a prestación do correspondente servizo e adopte as medidas oportunas para non comprometer a súa propia seguranza nin a de ningún usuario.

Capítulo II
Suspensións e restricións de tráfico

A Axencia Galega de Infraestruturas poderá acordar a desviación do tráfico, pola totalidade ou parte das vías obxecto deste regulamento, se por exixencias técnicas ou de seguranza viaria resultar necesaria a imposición de limitacións á circulación noutros tramos ou parte da rede de estradas.

Dadas as circunstancias, SPI Galicia deberá adoptar as medidas pertinentes para a súa posta en práctica e comunicar a restrición e os desvíos acordados ás autoridades competentes en materia de tráfico, circulación de vehículos de motor e seguranza viaria, co obxecto de que adecúen as medidas de vixilancia, disciplina e regulación do tráfico e manteñan actualizada a información que sobre as vías ofrezan aos usuarios.

SPI Galicia deberá estudar a adopción con carácter previo das medidas máis adecuadas para aquelas situacións estacionais previsibles en que a intensidade do tráfico poida influír negativamente na fluidez e seguranza da circulación.

En situacións de especial perigosidade, SPI Galicia poderá adoptar as medidas que coide máis convenientes, dando conta inmediata e detallada delas ao persoal de inspección de Explotación e a todos aqueles órganos administrativos competentes.

No caso de saturación ou doutra circunstancia que faga conveniente limitar o acceso ás vías obxecto deste regulamento ou adopción dalgún tipo de medida temporal ou transitoria para garantir a seguranza e a fluidez do tráfico, SPI Galicia estudará a máis adecuada en colaboración co persoal de Inspección de Explotación e coa Dirección Xeral de Tráfico.

SPI Galicia colaborará en todos os casos nas medidas adoptadas conducentes a producir as mínimas interferencias na libre e normal circulación polas vías e as de emerxencia para lograr o restablecemento inmediato do servizo.

Cando SPI Galicia considere que as condicións, situacións ou exixencias técnicas dalgún punto das vías obxecto deste regulamento requiren a suspensión do tráfico para todas ou algunhas categorías de vehículos ou a ocupación transitoria de parte ou da totalidade dunha ou ambas as dúas calzadas, solicitará a correspondente autorización da Axencia Galega de Infraestruturas, a través da Delegación da Xunta de Galicia, expoñendo as causas e o alcance das medidas que se adoptarán e dando conta á Dirección Xeral de Tráfico, logo de informe do persoal da Inspección de Explotación.

No caso de que a situación prevista no parágrafo anterior revista carácter de inaprazable por razóns de urxente reparación, condicións meteorolóxicas, falta de seguranza, accidentes, caso fortuíto ou forza maior, SPI Galicia poderá levar a cabo a suspensión do tráfico, dando conta inmediata das causas que xustifiquen esta medida á Axencia Galega de Infraestruturas, a través da Delegación da Xunta de Galicia, ao persoal da Inspección de Explotación, á Agrupación de Tráfico da Garda Civil e á Dirección Xeral de Tráfico.

SPI Galicia deberá comunicar con anticipación suficiente á Dirección Xeral de Tráfico e ao persoal da Inspección da Explotación as restricións que sexa necesario impor á circulación polas vías obxecto deste regulamento e, en caso de que as ditas restricións sexan imprevisibles, dará conta delas tan axiña como teña coñecemento de que se producisen.

Ao transporte de mercadorías perigosas seralle de aplicación a normativa contida no Real decreto 551/2006, do 5 de maio, pola que se regulan as operacións de transporte de mercadorías perigosas por estrada en territorio español e o ADR (Acordo europeo sobre transporte internacional de mercadorías perigosas por estrada) e calquera outra que resulte de aplicación.

No caso de accidentes observarase o que dispón o Real decreto 387/1996, do 1 de marzo, polo que se aproba a Directriz básica de planificación de protección civil, contando para iso co disposto nas fichas de intervención dos servizos operativos en situacións de emerxencia, aprobadas pola Orde do Ministerio de Interior do 28 de outubro de 2004.

A consellería por si ou por petición de SPI Galicia poderá establecer limitacións horarias no paso de mercadorías perigosas por determinadas estruturas para mellorar a seguranza do dito transporte e a da infraestrutura viaria. Os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil que exerzan a vixilancia da circulación nas vías ou, na súa ausencia, o persoal ao servizo de SPI Galicia, poderán adoptar as medidas complementarias de seguranza que as condicións de tráfico e da circulación requiran, e poderá ordenar detencións obrigatorias de curta duración aos vehículos que transporten mercadorías perigosas, ou ao resto dos vehículos, co fin de diminuír o risco que a circulación daqueles puider comportar para o resto dos usuarios.

Os transportes cualificados como especiais pola lexislación vixente deberán proverse, para a utilización das vías obxecto deste regulamento, das autorizacións especiais outorgadas pola autoridade competente.

Para a obtención das correspondentes autorizacións para circular polo itinerario solicitado, a Axencia Galega de Infraestruturas remitirá copia da solicitude a SPI Galicia, quen, de non existir inconveniente por tamaño ou outros motivos, emitirá informe favorable á concesión da autorización, onde constará o día, a hora e as condicións do paso do transporte especial.

Ao seu paso polas vías, atenderá especialmente ás indicacións que se lle fagan e utilizará as vías que se sinalen, e exhibirá, en caso de requirimento, as autorizacións outorgadas.

O transportista será responsable dos danos manifestos ou ocultos e dos prexuízos de todo tipo que puideren producirse na infraestrutura, usuarios ou terceiros, como consecuencia de non respectar as limitacións de peso, dimensións ou outras características declaradas ao solicitar a correspondente autorización e que non figuren nela, e sempre sen prexuízo da responsabilidade de tipo xeral establecida neste regulamento.

Así mesmo, o transportista deberá aboar a totalidade dos gastos que ocasione tanto o paso pola infraestrutura como os posibles estudos e as obras que foren precisas para acceder á súa solicitude.

A Axencia Galega de Infraestruturas poderá exixir a constitución dunha fianza ou aval para cubrir o custo dos posibles danos e prexuízos e dos traballos que for necesario realizar para permitir o paso do transporte especial.

Capítulo III
Danos e perdas

Os usuarios estarán obrigados a facer uso debido das vías e das súas instalacións, utilizándoas única e exclusivamente para os fins a que están destinadas. Todo usuario das vías será responsable dos danos e perdas que se causen aos seus bens, dentro dos límites dos terreos destinados directa ou indirectamente ao seu servizo. Moi especialmente, deberán respectar as instalacións e facer o uso debido delas.

As persoas que causen dano ou deterioración en calquera daqueles elementos, aínda que sexa involuntariamente, están obrigadas a poñelo en coñecemento das forzas da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e do persoal ao servizo de SPI Galicia.

Así mesmo, estarán obrigadas a comunicar a SPI Galicia e á Agrupación de Tráfico da Garda Civil de inmediato os accidentes ou incidentes que sufriron ou en que se viron involucradas con ocasión de circularen polas vías.

Sen prexuízo da responsabilidade que corresponda a SPI Galicia, os usuarios deberán contribuír a manter o estado de limpeza das vías e das súas instalacións mentres circulan e cando están parados, evitando tirar obxectos, desperdicios, lixo, papeis etc. O incumprimento desta obriga poderá ser obxecto de denuncia por parte de SPI Galicia ás autoridades competentes.

TÍTULO II
Policía e conservación

Capítulo I
Policía

SPI Galicia procurará a perfecta aplicación nas vías de toda a normativa que proceda sobre uso de estradas e a que afecte as súas zonas de dominio, servidume e afección, e avisará a autoridade competente da comisión das infraccións que advirta.

As obras doutros organismos ou de particulares que afecten as vías obxecto deste regulamento, as súas instalacións ou a circulación por elas someteranse, antes de autorizarse a súa iniciación, a informe de SPI Galicia.

No seu informe SPI Galicia poderá establecer as condicións que deberán ser impostas ao peticionario no caso de proceder á autorización da solicitude sempre que a actuación solicitada afecte directamente algún parámetro que, de conformidade co Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a sociedade pública Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense, S.A., asinado o 17 de xuño de 2005, sexa responsabilidade de SPI Galicia.

Outorgada pola Axencia Galega de Infraestruturas a autorización pertinente, que deberá ser notificada a SPI Galicia, o organismo ou particular que vai realizar as obras, antes da súa iniciación e polo menos con 48 horas de anticipación, dirixirase a SPI Galicia, para que, á vista das circunstancias particulares, especialmente as referidas ao tráfico, fixe as datas e as horas, medidas de seguranza, sinalización e demais aspectos relacionados coa execución das obras.

Rematadas as actuacións de terceiros e de forma previa á devolución das fianzas por parte da Axencia Galega de Infraestruturas, esta solicitará de SPI Galicia a súa conformidade respecto ao completo cumprimento das condicións da autorización.

As estradas e camiños afectados pola construción das vías obxecto deste regulamento, unha vez repostos, entregaranse de novo aos titulares de que dependan.

Capítulo II
Conservación da vía

SPI Galicia estará obrigada a efectuar os traballos de reparación necesarios para manter as vías en perfectas condicións de utilización, suprimindo as causas que produzan molestias e inconvenientes ao usuario e evitando todo o que poida representar perigo para a circulación.

SPI Galicia manterá en perfecto estado as vías obxecto deste regulamento e as súas instalacións anexas, dentro das normais condicións de pulcritude e coidados estéticos, con estrita suxeición ao establecido no Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a sociedade pública Alto de Santo Domingo-Ourense, S.A., asinado o 17 de xuño de 2005, e tendo en conta as indicacións que sobre o particular lle fagan os servizos competentes, cos cales colaborará activamente.

SPI Galicia está obrigada a conservar as vías en condicións de utilización e funcionamento, e procederá á inmediata reparación daqueles elementos que se deterioren polo uso.

SPI Galicia deberá reparar todos os danos producidos por causa de accidente e repoñer os elementos inutilizados, con independencia de formular, cando proceda, a correspondente reclamación de danos e perdas.

En atención ao sinalado nos artigos anteriores, SPI Galicia deberá dotar o seu servizo de conservación dos medios necesarios para efectuar as correspondentes reparacións no menor tempo posible e durante as horas en que sexa mínima a perturbación aos usuarios. O persoal pertencente a este servizo disporá de maquinaria e ferramentas adecuadas para desenvolver a súa función e dos elementos de sinalización necesarios para garantir a seguranza tanto dos usuarios das vías como do referido persoal durante a execución das obras de conservación.

Para as actuacións de carácter urxente, concentraranse todos os medios dispoñibles e solicitaranse, se é preciso, a terceiros para a máis eficaz e rápida solución da anormalidade.

As obras que se realicen para manter as vías en perfectas condicións de utilización realizaranse de forma que se limiten ao máximo as molestias e inconvenientes aos usuarios e se evite todo o que poida representar perigo para a circulación.

Para a realización de obras que exixan a implantación de restricións de circulación, SPI Galicia deberá comunicalo ao persoal de Inspección de Explotación, polo menos con 10 días de anticipación. Se a importancia ou a duración das restricións o requiren, deberase solicitar a autorización da Axencia Galega de Infraestruturas para iniciar as obras, indicando a necesidade da restrición que se impón, a sinalización prevista e a información previa ao usuario que se prevé dar. Neste caso, SPI Galicia comunicará á Dirección Xeral de Tráfico as restricións previstas e as datas da súa implantación.

SPI Galicia será a responsable ante a consellería da sinalización das obras e, de ser o caso, da información previa ao usuario que sexa necesaria e das normas de seguranza aplicadas, aínda que as obras sexan realizadas por terceiros e sen prexuízo das responsabilidades destes.

A sinalización relativa ás obras que afecten o tráfico, tales como valados, conos, avisos, sinais, bosquexos etc., aplicaranse de acordo coa normativa vixente en materia de circulación e sinalización, coas instrucións da Axencia Galega de Infraestruturas e coas indicacións do persoal de Inspección de Explotación.

A Axencia Galega de Infraestruturas, a través do persoal da Inspección de Explotación, será a competente para exixir a adopción das medidas por parte de SPI Galicia conducentes a producir as mínimas interferencias na libre e normal circulación nas vías obxecto deste regulamento. Estas medidas poderán referirse á fixación de horarios e datas, sinalización, balizamento, prazo máximo de execución, medidas de seguranza, obras complementarias e calquera outra que a citada axencia coide conveniente, sen prexuízo das responsabilidades que puideren, de ser o caso, derivarse para SPI Galicia fronte a terceiros.

Título III
Servizos ao usuario

Capítulo I
Preceptos xerais

SPI Galicia coidará moi especialmente de dotar as vías daqueles medios e servizos que poidan contribuír máis eficazmente a satisfacer as necesidades do tráfico e as conveniencias dos usuarios.

Por solicitude dos usuarios afectados, SPI Galicia colaborará na busca dun servizo de asistencia mecánica de urxencia.

Para cumprir co preceptuado no parágrafo anterior, SPI Galicia virá obrigada a prestar o adecuado servizo de información ao usuario e a manter a área de conservación e explotación, coas instalacións e servizos necesarios para desenvolver as funcións asignadas.

Capítulo II
Sinalización e elementos complementarios

As vías obxecto deste regulamento estarán dotadas da sinalización horizontal e vertical que determinen os proxectos ou instrucións aprobados pola Axencia Galega de Infraestruturas e demais normas vixentes, e corresponde ao usuario a súa estrita observancia, de acordo co que, en cada caso, estableza a normativa vixente en materia de circulación, e será o usuario o responsable dos danos a SPI Galicia ou a terceiros que deriven da súa inobservancia.

A sinalización existente no exterior das vías obxecto deste regulamento, salvo a das propias interseccións de accesos a estas, será atendida polo órgano titular da estrada en que están situadas.

Cando se produzan situacións de emerxencia derivadas de accidentes, fenómenos meteorolóxicos e ambientais (neve, xeo, sarabia, choiva etc.), obstáculos na calzada etc., a implantación da sinalización nas vías poderá realizala SPI Galicia, sen prexuízo da actuación de emerxencia que compete á Agrupación de Tráfico da Garda Civil.

En todos os casos, a mencionada sinalización estará de acordo coas normas e instrucións vixentes en materia de circulación e sinalización.

Nos casos de circulación especial, o usuario deberá respectar a sinalización de emerxencia ou excepcional, que ten carácter preferente respecto á normal das vías e os seus accesos.

Constituíndo os accesos ás vías unha zona de transición entre distintos réximes de circulación, os usuarios deberán prestar especial atención á sinalización establecida, así como a calquera indicación que puider eventualmente determinarse.

Os elementos complementarios como barreiras de seguranza, balizamento, valados de cerramento ou separación, iluminación, plantacións etc., axustaranse á normativa vixente.

Non obstante, cando as necesidades do tráfico ou da súa seguranza exixan, a xuízo da Axencia Galega de Infraestruturas, melloras, ampliacións e incluso novas instalacións de elementos complementarios, SPI Galicia está obrigada a cumprir as instrucións que a axencia dite ao respecto.

Capítulo III
Información

Con independencia do cumprimento da normativa respecto da sinalización dentro das vías obxecto deste regulamento para regular e facilitar a circulación por elas, SPI Galicia facilitará ao usuario aquelas indicacións, noticias e informacións que poidan resultar máis eficaces en beneficio da seguranza e fluidez do tráfico e para lograr o uso máis adecuado das vías. Para estes efectos, poderá facer uso de carteis e sinais, previamente aprobados pola Axencia Galega de Infraestruturas, e de calquera outro medio que a axencia ou SPI Galicia consideren idóneo para estes fins. Todos estes sistemas serán coherentes cos instalados pola Dirección Xeral de Tráfico.

Sempre que se realicen obras ou se produza calquera outro evento que poida afectar as condicións normais da circulación, SPI Galicia está obrigada a informar, ademais de á Delegación da Xunta de Galicia, ao persoal de Inspección de Explotación, á Dirección Xeral de Tráfico e aos usuarios, coa suficiente anticipación para que estes poidan elixir o itinerario co adecuado coñecemento, mediante a colocación dos oportunos carteis que indiquen tal situación, polo menos no tronco das vías, antes da saída inmediatamente anterior ao tramo afectado e no enlace que dá acceso ao tramo afectado, no lugar adecuado que permita ao usuario optar polo itinerario alternativo.

A Axencia Galega de Infraestruturas poderá requirir que SPI Galicia instale, á súa custa, sinais, carteis ou paneis coa finalidade de facilitar aos usuarios información e indicacións máis eficaces en beneficio da seguranza e fluidez do tráfico, completar a información aos usuarios, evitar posibles confusións, así como para lograr un uso máis adecuado das vías obxecto deste regulamento.

Os carteis e o seu contido deberán ter as dimensións adecuadas para resultaren lexibles polos condutores desde o interior dos seus vehículos.

SPI Galicia non poderá realizar nin explotar ningunha publicidade das vías obxecto do regulamento, nin publicar folletos, notas informativas ou calquera outro material que conteña datos ou información en relación con estas, sen autorización expresa da Axencia Galega de Infraestruturas.

Considerarase de preferente interese toda a información destinada a facilitar recomendacións aos usuarios para unha mellor utilización das vías e as súas instalacións que permitan crear neles hábitos que contribúan a mellorar a seguranza viaria.

Capítulo IV
Área de conservación e explotación e postes de socorro SOS

SPI Galicia disporá das instalacións necesarias para o mantemento, conservación e explotación das vías obxecto deste regulamento. As mencionadas instalacións incluirán edificacións adecuadas para situar talleres, oficinas, garaxes para vehículos, equipamentos e maquinaria que se precisen para a conservación, mantemento e explotación das vías.

SPI Galicia manterá constantemente en situación de servizo as instalacións e medios situados na área de conservación e explotación que sexan indispensables para manter a circulación en condicións óptimas, de acordo coas prescricións contidas neste regulamento.

Para a adecuada prestación do servizo, a área de conservación e explotación das vías estará convenientemente comunicada cos restantes servizos das vías, persoal, equipamentos e maquinaria de traballo.

O sistema de comunicacións só pode ser utilizado polo persoal ao servizo de SPI Galicia ou por quen este autorice coa finalidade exclusiva de xestión das vías. Especialmente, deberá ser utilizado para atender e coordinar as actuacións en casos de accidentes, emerxencia e auxilio, supletoria e complementariamente co sistema de seguranza.

O acceso á área de conservación e explotación estará limitado ás persoas afectas ou relacionadas coas vías obxecto deste regulamento, que poderán manobrar e aparcar libremente coas precaucións adecuadas e cumprindo a normativa de circulación.

Non está permitido o acceso dos usuarios á área de conservación e explotación, salvo para formularen reclamacións e en casos excepcionais. Nestes casos, os usuarios aparcarán o seu vehículo na zona reservada para visitas e dirixiranse camiñando directamente ao Centro de Conservación e Explotación.

Os vehículos de SPI Galicia, os das empresas que prestan servizos nas vías, os da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e os do persoal de Inspección de Explotación poderán acceder a toda a vía, incluso á área de conservación e explotación, en todos os casos, manobrando e aparcando libremente, coas precaucións adecuadas e cumprindo a normativa de circulación.

O Centro de Conservación e Explotación estará atendido de forma permanente durante as 24 horas do día por persoal suficiente e cualificado, para os efectos da perfecta organización de todas as operacións das vías e, en especial, para arbitrar os medios necesarios en caso de emerxencia, accidente, solicitude de auxilio etc.

Deberá poder establecerse comunicación co persoal da Inspección de Explotación, coa Agrupación de Trafico da Garda Civil e coa Dirección Xeral de Tráfico co fin de intercambiar a información que se considere necesaria, ou sexa preceptiva, respecto á circulación, accidentes, estados das vías etc.

O Centro de Conservación e Explotación deberá facilitar información do estado das vías, condicións de circulación etc. que lle requira a Axencia Galega de Infraestruturas e a Dirección Xeral de Tráfico.

Os postes de socorro disporán dos dispositivos adecuados para transmitir as chamadas de auxilio, así como para indicar nos sistemas de control a localización exacta do lugar de chamada e calzada correspondente, e das correspondentes instrucións de utilización e indicador de ser recibida a chamada no sistema de control.

Os usuarios das vías están obrigados á correcta utilización dos postes de socorro. O seu uso indebido, logo de formulación da correspondente denuncia, dará lugar, de ser o caso, á exixencia das responsabilidades pertinentes.

Capítulo V
Asistencia de auxilio ao usuario

As peticións de auxilio por parte do usuario poden realizarse:

Por medio dos postes de socorro.

Por medio da Agrupación de Tráfico da Garda Civil.

A través do persoal e doutros medios ao servizo de SPI Galicia.

Por medio de teléfonos móbiles.

Por calquera outro medio idóneo, adaptado ás circunstancias e que garanta a seguranza dos restantes usuarios das vías.

Sempre que sexa posible, o vehículo deberá estacionarse fóra da calzada. No caso de necesidade deterase na beiravía dereita e, cando non sexa posible, excepcionalmente na beiravía esquerda, ou, de ser o caso, no medianil.

As peticións de auxilio, que serán atendidas de forma permanente, prestaranse por rigorosa orde de recepción, salvo naqueles casos en que prime a gravidade ou en que unha maior eficacia do servizo aconselle unha reordenación dependendo das circunstancias que concorran na circulación, meteoroloxía etc.

Título IV
Réxime económico

Capítulo I
Peaxe

A peaxe é a contraprestación económica mensual que percibirá SPI Galicia, calculada en función da utilización das vías, segundo o establecido no Decreto 193/2007, do 4 de outubro, polo que se regulan os termos da xestión do treito Alto de Santo Domingo-enlace de Cea e no Decreto 300/2008, do 30 de decembro, polo que se regulan os termos da xestión do treito do enlace de Cea-A52.

Disposición derradeira

Se con posterioridade á data de aprobación deste regulamento foren promulgadas polos órganos competentes disposicións que contradigan ou modifiquen algúns dos seus preceptos, e sen prexuízo da súa inmediata aplicación, SPI Galicia solicitará da Axencia Galega de Infraestruturas as adaptacións precisas.