Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 3 de agosto de 2012 Páx. 31085

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 162/2012, do 7 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribue á nosa comunidade autónoma no seu artigo 27.27 a competencia exclusiva en materia de casinos, xogos e apostas e, en virtude de tal atribución, aprobouse a Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

As apostas están previstas na citada Lei 14/1985, do 23 de outubro, que recolle no seu artigo 6 como unha modalidade de xogo que pode ser autorizado na nosa comunidade autónoma as «apostas que estean debidamente autorizadas e sexan expresión ou consecuencia dunha actividade deportiva». Non obstante, a pesar de tal previsión e das continuas referencias ás apostas na dita lei, ata o de agora carecía esta dun desenvolvemento normativo específico, posto que nin sequera o Decreto 166/1986, do 4 de xuño, polo que se aproba o Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia, contiña unhas regras básicas para a práctica das apostas deportivas e limitábanse a enumerar como un dos xogos incluídos no devandito catálogo as apostas hípicas.

Coa finalidade de poñer fin a esta falta de cobertura normativa, apróbase este decreto, que pretende, deste xeito, cubrir un importante baleiro mediante a regulamentación dunha actividade que se atopa en auxe e que, igual que acontece en diferentes países europeos, está a adquirir no noso contorno unha crecente importancia económica e unha cada vez máis intensa repercusión social.

Neste senso cómpre sinalar que a evolución deste fenómeno e o seu referido impacto económico e social motivou a apertura dun proceso de elaboración e aprobación de normas específicas por outras moitas comunidades autónomas, o cal contribuíu a converter nunha tarefa inaprazable para a nosa comunidade a aprobación dunha norma que abordase axeitadamente a dimensión das apostas.

O regulamento que se aproba mediante este decreto pretende regular as apostas deportivas en Galicia cunha visión integradora das distintas modalidades de apostas que poden recaer sobre acontecementos deportivos, pero sempre respectando uns límites tanto subxectivos –persoas que teñen prohibida a formalización de apostas– como obxectivos –eventos sobre os cales se prohibe a realización de apostas– co obxectivo de velar tanto polo respecto aos dereitos e liberdades recoñecidos na Constitución española de 1978 como de velar pola saúde e polos dereitos dos consumidores e usuarios.

O regulamento que se aproba mediante este decreto consta de sesenta e oito artigos e estrutúrase nun título preliminar e seis títulos.

O título preliminar contén as disposicións xerais da norma. Cómpre destacar de entre estas disposicións a inclusión dun artigo que recolle as definicións necesarias para unha mellor comprensión dos termos propios da materia regulada e as disposicións referidas á tipoloxía das apostas e á dobre limitación das apostas referida. Así mesmo, recóllese neste título preliminar a creación do Rexistro de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia, con explicación da súa estrutura e os efectos da inscrición por parte das empresas interesadas.

O título I, «Da Inscrición de empresas comercializadoras e explotadoras de apostas, empresas fabricantes e importadoras», prevé a necesidade de que as empresas que estean interesadas en comercializaren e explotaren as apostas ou fabricaren ou importaren material de apostas sexan autorizadas previamente pola dirección xeral competente en materia de xogo. Neste sentido inclúense neste título todos os requisitos que as ditas empresas deben cumprir e a documentación que deben achegar xunto coa súa solicitude, deseñando o procedemento que se deberá seguir para a concesión das referidas autorizacións e o réxime xurídico (vixencia, modificación e extinción) destas.

O título II, «Do réxime de homologación do material para a práctica das apostas e requisitos técnicos», recolle as condicións que deben concorrer necesariamente para que as empresas poidan acadar a homologación do material de apostas. así como o procedemento administrativo que deberá observar a dirección xeral competente en materia de xogo tanto para a homologación como para a posible cancelación da inscrición do material homologado.

Tamén se recollen neste título os requisitos técnicos que debe cumprir todo o material de apostas e, neste punto, o regulamento presta especial atención á necesidade de salvagarda da confidencialidade e á integridade das comunicacións, así como á prohibición de participación de menores de idade nas apostas e á protección de datos de carácter persoal.

Logo de artellar o réxime de requisitos técnicos xerais, o título II remata coa enumeración de requisitos específicos que deberán ser cumpridos por cada un dos principais elementos que compoñen o material de apostas, isto é, a unidade central de apostas, as máquinas de apostas e os boletos ou resgardos de apostas.

O título III, «Das apostas», regula os procedementos e as condicións de formalización das apostas, os límites cuantitativos nestas e a forma de proceder para o caso de que as apostas resulten aprazadas, suspendidas ou anuladas. Neste título, o regulamento detense especialmente en todo o que concirne aos premios mediante a promulgación dunhas regras básicas no tocante á repartición e pagamento de premios.

O título IV «Dos locais de apostas e das súas condicións» recolle os establecementos que se entenden autorizados para a formalización das apostas –tendas de apostas, casinos, bingos, salóns de xogo, recintos deportivos e feirais e locais de hostalaría– relacionando as condicións que se deben cumprir nos distintos espazos de apostas.

O título V, «Do persoal e das persoas usuarias», regula as prohibicións que recaen sobre o persoal das empresas comercializadoras e explotadoras de apostas e os dereitos das persoas usuarias de información, admisión e a formular queixas e reclamacións todo iso co afán de outorgar a máxima protección a aqueles que desexen participar nas apostas e crear un marco de xogo seguro e transparente.

Finalmente, o título VI, «Da inspección das apostas e do réxime sancionador», regula o control e a inspección da actividade das apostas e das empresas autorizadas, así como o réxime de infraccións e sancións, adaptando o catálogo de infraccións previsto na Lei 14/1985, do 23 de outubro ás especialidades que se suscitan no eido das apostas e trasladando o esquema procedemental sancionador trazado na dita lei coa mesma correlación entre infraccións e sancións previsto nesta.

Cabe mencionar, por último, que esta disposición foi sometida ao procedemento de información en materia de normas e regulamentacións técnicas e de regulamentos relativos aos servizos da sociedade da información, previsto na Directiva 98/34/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de xuño, modificada pola Directiva 98/48/CE, do 20 de xullo, así como no Real decreto 1337/1999, do 31 de xullo, que incorpora estas directivas ao ordenamento xurídico español.

Na súa virtude, por proposta do Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, oída a Comisión de Xogo de Galicia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xuño de dous mil doce,

dispoño:

Artigo único. Aprobación do Regulamento de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia

Apróbase o Regulamento de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia que se desenvolve a seguir.

Disposición adicional primeira. Límites ao número máximo de máquinas auxiliares de apostas en establecementos de hostalaría

1. Na Comunidade Autónoma de Galicia poderá concederse un máximo de 2000 autorizacións de instalación e localización de máquinas auxiliares de apostas en establecementos de hostalaría.

Como mínimo, o 80 por 100 das máquinas auxiliares de apostas, amparadas polas devanditas autorizacións, deberán de ser instaladas en locais de hostalaría que conten cunha autorización de instalación e localización, vixente, de máquina de xogo de tipo B.

2. Cada empresa autorizada para a comercialización e explotación das apostas terá dereito a un máximo de 600 autorizacións de instalación e localización de máquinas auxiliares de apostas en locais de hostalaría, e queda obrigada a abrir unha tenda de apostas por cada 100 máquinas auxiliares de apostas en locais de hostalaría que se lle autoricen. En todo caso, como mínimo, deberá abrir unha tenda de apostas conforme o disposto polo artigo 12.2.

3. No caso de que o número inicialmente solicitado de autorizacións de instalación e localización de máquinas auxiliares de apostas en hostalaría sexa superior ao máximo establecido no parágrafo primeiro, outorgaranse mediante rateo proporcional ao número solicitado por todas as empresas, ata o límite do número máximo por empresa establecido no parágrafo segundo.

Igual criterio será aplicable para a concesión das autorizacións de instalación e localización de máquinas auxiliares de apostas que sexan solicitadas no primeiro mes de cada ano, sempre que non se alcanzase aínda o número máximo de 2000 autorizacións de instalación e localización e o número máximo por empresa establecidos neste artigo.

Non obstante, non poderán solicitar novas autorizacións de instalación e localización de máquinas auxiliares de apostas as empresas que non tivesen instaladas todas as máquinas que lle fosen autorizadas ata a data.

Disposición adicional segunda. Revisión do número máximo de máquinas auxiliares de apostas en establecementos de hostalaría

O número máximo de máquinas auxiliares de apostas que cada empresa comercializadora e explotadora de apostas pode instalar en establecementos de hostalería a que se refire a disposición adicional primeira deste decreto poderá ser revisado, transcorridos dous anos desde a súa publicación, mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia.

As sucesivas revisións poderán, así mesmo, realizarse, transcorridos dous anos desde que se practicou a anterior, mediante orde da consellería competente en materia de xogo e apostas.

A modificación do número de máquinas axustarase a criterios de volume de xogo practicado e ás circunstancias conxunturais do mercado.

Disposición adicional terceira. Prazo de presentación de solicitudes das autorizacións de comercialización e explotación de apostas e de apertura de locais e instalación de espazos de apostas

1. As empresas que pretendan inscribirse no Rexistro de apostas como empresas comercializadoras e explotadoras que desexen solicitar autorizacións de instalación e localización de máquinas auxiliares de apostas en locais de hostalaría, deberán presentar as súas solicitudes de inscrición no Rexistro de apostas e de autorización de comercialización e explotación no prazo de tres meses que se contarán desde a entrada en vigor do regulamento que se aproba mediante este decreto. As referidas empresas deberán indicar nas ditas solicitudes o número de máquinas auxiliares de apostas que pretendan instalar en establecementos de hostalaría.

As empresas que non estean interesadas en solicitar as ditas autorizacións de instalación e localización, poderán inscribirse no Rexistro de apostas e solicitar a autorización de comercialización e explotación en calquera momento.

2. As empresas que soliciten ou desexen solicitar a autorización de comercialización e explotación de apostas fóra do prazo referido no parágrafo anterior ou que queiran aumentar o número concedido de autorizacións de instalación e localización de máquinas auxiliares de apostas en establecementos de hostalería deberán realizar as solicitudes no primeiro mes do ano natural seguinte ou seguintes.

3. As solicitudes de autorización correspondentes ás tendas de apostas e á instalación de espazos de apostas poderán presentarse simultaneamente ou con posterioridade á solicitude de autorización de comercialización e explotación de apostas.

Disposición derrogatoria única. Normas derrogadas

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Catálogo de xogos e apostas da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 166/1986, do 4 de xuño

Modifícase o Catálogo de xogos e apostas da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 166/1986, do 4 de xuño, nos termos que a seguir se indican:

O artigo 1, queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 1. O catálogo de xogos e apostas en Galicia previsto no artigo 21 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, comprende os seguintes:

1. Os exclusivos dos casinos de xogo.

2. O bingo.

3. As máquinas recreativas e de azar, tipo A, A especial, B e C.

4. As combinacións aleatorias.

5. As rifas.

6. As tómbolas.

7. As lotarías.

8. As apostas deportivas e de competición».

As variacións que se produzan no catálogo de xogos deberán efectuarse mediante un decreto do Consello da Xunta de Galicia.

O artigo 9 queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 9. As apostas deportivas e de competición.

Ás apostas deportivas e de competición seranlles de aplicación as normas xerais contidas no anexo II».

O título do anexo do catálogo de xogos de casinos da Comunidade Autónoma de Galicia incorporado ao Decreto 166/1986, do 4 de xuño, en virtude da súa modificación polo Decreto 177/2007, do 30 de agosto, queda redactado do seguinte modo:

«Anexo I

Incórporase o anexo que recolle as regras xerais de aplicación ás apostas deportivas e de competición, que queda redactado do seguinte modo.

Anexo II

I. Concepto de aposta

Enténdese por aposta a actividade pola que se arrisca unha cantidade de diñeiro en función do acerto ou non na predición dos resultados dun acontecemento previamente determinado, de desenlace incerto e alleo ás partes que interveñen na aposta, consistindo o eventual premio nunha cantidade en metálico.

Enténdese por aposta hípica o concurso de prognósticos sobre o resultado dunha ou varias carreiras de cabalos incluídas nos programas previamente establecidos pola entidade organizadora; entenderanse comprendidas dentro desta categoría as carreiras de galgos e, en xeral, aquelas en que participen animais.

II. Tipos de apostas

1. Atendendo á distribución dos ingresos obtidos polas apostas efectuadas ou sumas apostadas, as apostas poden ser de contrapartida, mutuas ou cruzadas:

a) Aposta de contrapartida é aquela en que o/a usuario/a aposta contra unha empresa autorizada, e o premio que obterá o/a apostante que acertase os resultados do acontecemento ao que se refire a súa aposta será o resultante de multiplicar o importe apostado polo coeficiente ou momio da aposta establecido pola empresa autorizada.

b) Aposta mutua é aquela en que unha porcentaxe da suma das cantidades apostadas se distribúe entre aqueles apostantes que tivesen acertado o resultado a que se refire a aposta.

c) Aposta cruzada é aquela en que unha empresa autorizada actúa como intermediaria e garante das cantidades apostadas entre terceiros, detraendo a comisión ou corretaxe autorizados que lle correspondan.

Nas apostas cruzadas os/as usuarios/as efectúan propostas de aposta, consistentes en prognósticos sobre o resultado de acontecementos pendentes de celebración, as cales se publicitan polo sistema a fin de que, eventualmente, poidan ser aceptadas por outros/as usuarios/as deste.

2. Considerando o seu contido, as apostas poden ser simples e combinadas ou múltiples:

a) Aposta simple é aquela en que se aposta por un só resultado dun único acontecemento.

b) Aposta combinada ou múltiple é aquela en que se aposta simultaneamente por dous ou mais resultados dun ou máis acontecementos.

3. Segundo o lugar onde se cumpran, as apostas poden ser internas ou externas:

a) Aposta interna é aquela que se realiza dentro do recinto ou lugar onde acontecen ou se celebran os acontecementos que son obxecto de aposta.

b) Aposta externa é a que se realiza fóra do recinto ou lugar onde acontecen ou se celebran os acontecementos que son obxecto de aposta.

Tamén terá a consideración de aposta externa a que se realice nun recinto ou lugar sobre acontecementos que se produzan ou se celebren noutro distinto, aínda cando se celebren naquel outros acontecementos que sexan, pola súa vez, obxecto de aposta, así como a formalizada na modalidade de xogo remoto.

4. Segundo o medio de formalización das apostas, estas poden ser presenciais ou non presenciais ou en modo remoto:

a) Apostas presenciais son as formalizadas coa presenza física da persoa usuaria a través de terminais de expedición ou máquinas auxiliares de apostas situadas nos establecementos autorizados.

b) Apostas non presenciais ou en modo remoto son as que se formalizan fóra dos establecementos autorizados, a través de medios electrónicos, en formato virtual, a través de medios interactivos e canles telemáticas.

III. Modalidades das apostas hípicas

1. Segundo o lugar de realización poden ser:

a) Considérase interna a aposta que se realiza dentro do recinto dun hipódromo, nas zonas habilitadas para tal fin, e respecto das carreiras de cabalos que se celebran nel.

b) Considérase externa a aposta que se realiza fóra do recinto dos hipódromos en locais debidamente autorizados, respecto das carreiras de cabalos que se celebren en calquera hipódromo, independentemente do lugar en que este se sitúe. Así mesmo, terá consideración de aposta externa a que se realice nos locais de apostas debidamente autorizados dun hipódromo, sobre as carreiras que se celebren nun hipódromo distinto daquel, e as que se realicen por medios informáticos ou interactivos autorizados en hipódromos ou locais de apostas autorizados, sempre que o seu ámbito de desenvolvemento, celebración ou comercialización non exceda o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Segundo o obxecto das apostas, calquera que sexa o seu lugar de realización, poderán ter as modalidades seguintes, sen prexuízo daquelas que propoña o/a solicitante e autorice o órgano competente en materia de ordenación e xestión do xogo:

a) Apostas simples son aquelas en que o prognóstico se limita a un ou dous cabalos, sexa nunha ou en dúas carreiras, e aquelas outras en que o prognóstico se refire a tres ou catro cabalos dunha mesma carreira.

Cando o prognóstico se limita a un só cabalo denomínase aposta sinxela. Esta admite dúas variantes: a gañador e a colocado.

A aposta a gañador consiste na designación do cabalo ao cal lle sexa atribuído o primeiro lugar ao establecerse o resultado definitivo da carreira. Poderá concertarse en calquera carreira en que participen, polo menos, tres cabalos de propietarios distintos.

A aposta a colocado consiste na designación dun cabalo ao cal lle sexa atribuída, ao establecerse o resultado definitivo da carreira, a seguinte colocación:

1. O primeiro ou o segundo lugar, cando o número de participantes da proba estea comprendido entre seis e dez cabalos, ambos os dous inclusive.

2. O primeiro, o segundo e o terceiro lugar, cando o número de participantes sexa de once ou máis cabalos.

Por conseguinte, en carreiras en que participan cinco ou menos de cinco cabalos non poderán concertarse apostas a colocado.

Se o prognóstico se refire a dous cabalos, e estes participan nunha mesma carreira, a aposta recibe o nome de aposta xemelga, e o de aposta dobre, cando os dous cabalos participan en dúas carreiras distintas.

A aposta xemelga pode ser reversible ou non reversible. Será reversible cando a proba reúne seis ou máis participantes e o acerto se limite a seleccionar os cabalos que ocupen o primeiro e segundo lugar, calquera que sexa a orde entre eles. A aposta xemelga será non reversible cando na carreira participen menos de seis cabalos, consistindo o prognóstico na designación dos dous primeiros clasificados na propia orde que se estableza como resultado definitivo da carreira.

A aposta recibirá o nome de trío ou cuarteto, segundo que o prognóstico se refira a tres ou catro cabalos que participen nunha mesma carreira.

b) Apostas combinadas son aquelas en que o prognóstico se formula sobre tres ou máis cabalos de carreiras distintas. Cando o prognóstico se refira a tres cabalos que participan cada un en carreiras distintas, a aposta denomínase tripla, e cando se efectúe sobre cinco cabalos, tamén de carreiras distintas, a aposta denomínase quíntupla.

Se o prognóstico selecciona seis cabalos agrupados en tres apostas xemelgas reversibles, correspondentes cada unha delas a carreiras distintas, a aposta denomínase tripla xemelga.

Denomínase quíntupla especial a aposta combinada consistente na designación de seis cabalos, correspondentes a seis carreiras distintas, consistindo o acerto na designación do respectivo cabalo gañador en cada unha delas. Tamén se denominará quíntupla especial a consistente na designación dos gañadores de cinco carreiras e o segundo de calquera delas, ou, o que é o mesmo, ademais dos gañadores de catro carreiras, a xemelga, non reversible da outra.

IV. Regras básicas das apostas

1. As apostas poderanse formalizar mediante máquinas de apostas ou a través do uso de procedementos informáticos, interactivos ou de comunicación a distancia.

Son máquinas de apostas aquelas destinadas especificamente á formalización deste tipo de actividade e poden ser de dous tipos: terminais de expedición, que son aquelas manipuladas por un operador da empresa ou do establecemento nas cales se atopen instalados ou máquinas auxiliares de apostas, que son aquelas operadas directamente polo público.

Conforme o que se dispoña na súa regulación específica, poderá autorizarse a comercialización e explotación das apostas a través de medios ou sistemas informáticos, interactivos ou de comunicación a distancia. O exercicio das ditas actividades requirirá a autorización correspondente da dirección xeral competente en materia de xogo e apostas, a cal se faculta para ditar cantas disposicións sexan necesarias ao respecto.

2. Entenderase validamente formalizada unha aposta cando a persoa apostante reciba o boleto ou resgardo acreditativo desta. O boleto ou resgardo é o comprobante ou soporte que acredita o seu posuidor como apostante, recolle os datos relativos á aposta realizada e á súa validación e serve como documento xustificativo para o cobramento da aposta gañadora, así como, se é o caso, para formular calquera reclamación sobre a aposta. O seu contido mínimo determinarase regulamentariamente.

3. O aboamento dos premios das apostas acertadas realizarase conforme as disposicións que se establezan regulamentariamente.

V. Regras específicas para as apostas hípicas

1. O obxecto do xogo é o acerto do prognóstico sobre o resultado da carreira ou carreiras sobre as cales se aposta.

2. Teñen a consideración de elementos de xogo os boletos, os sistemas e terminais para a súa expedición e control, e demais material de apostas.

3. O boleto é o documento que acredita a formalización dunha aposta. O seu contido e requisitos dependerán de cada modalidade de aposta.

4. A repartición de premios entre as apostas acertadas realizarase conforme as regras que para cada tipo ou modalidade de aposta se estableza».

Disposición derradeira segunda. Normas de desenvolvemento

Habilítase a consellería competente en materia de xogo e apostas para ditar todas aquelas normas de desenvolvemento necesarias para a aplicación do regulamento que se aproba mediante este decreto. En concreto, no prazo de tres meses a partir da entrada en vigor deste decreto aprobaranse, mediante orde, os modelos normalizados de solicitudes previstas no dito regulamento.

Disposición derradeira terceira. Control de acceso de persoas prohibidas e menores de idade

En tanto non se aprobe a norma autonómica reguladora correspondente, para os efectos do disposto no artigo 3 do regulamento que se aproba mediante este decreto, será de aplicación a normativa estatal en materia de interdición de acceso ao xogo.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xuño de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Regulamento de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia

TÍTULO PRELIMINAR. Disposicións xerais.

TÍTULO I. Da inscrición de empresas comercializadoras e explotadoras de apostas, empresas fabricantes e importadoras.

CAPÍTULO I. Inscrición de empresas comercializadoras e explotadoras de apostas.

CAPÍTULO II. Modificacións das condicións e extinción das autorizacións de comercialización e explotación.

CAPÍTULO III. Inscrición de empresas fabricantes e importadoras de material de apostas.

TÍTULO II. Do réxime de homologación do material para a práctica das apostas e requisitos técnicos.

CAPÍTULO I. Réxime de homologación.

CAPÍTULO II. Requisitos técnicos.

TÍTULO III. Das apostas.

CAPÍTULO I. A práctica das apostas.

CAPÍTULO II. Resultados e premios.

TÍTULO IV. Dos locais de apostas e das súas condicións.

CAPÍTULO I. Réxime dos establecementos autorizados para a comercialización e explotación de apostas.

CAPÍTULO II. Condicións comúns dos locais e espazos de apostas.

CAPÍTULO III .Práctica de apostas en locais de hostalaría.

TÍTULO V. Do persoal e das persoas usuarias.

CAPÍTULO I. Persoal.

CAPÍTULO II. Persoas usuarias.

TÍTULO VI. Da inspección das apostas e do réxime sancionador.

CAPÍTULO I. Inspección e control das apostas e das empresas autorizadas.

CAPÍTULO II. Infraccións e sancións.

TÍTULO PRELIMINAR
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. O regulamento que se aproba mediante este decreto ten por obxecto a regulación das apostas realizadas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia baseadas en actividades deportivas ou de competición, incluídas as apostas hípicas, con excepción das apostas mutuas deportivo-benéficas.

2. As disposicións deste regulamento serán aplicables:

a) Á autorización, organización e explotación das apostas e á súa comercialización, calquera que sexan os medios e os soportes que se utilicen para a súa práctica,

b) Aos lugares, locais e establecementos en que se practiquen as apostas.

c) Aos sistemas, materiais e instalacións utilizadas.

d) Ás actividades económicas que teñan relación con aquelas.

e) Ás empresas titulares das autorizacións de comercialización e explotación, ao seu persoal e aos/ás xogadores/as, así como ás empresas fabricantes e importadoras de material de apostas.

Artigo 2. Réxime xurídico

1. A práctica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia das apostas reguladas axustarase ás normas contidas na Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, no regulamento que se aproba mediante este fecreto, no Catálogo de xogos da Comunidade Autónoma de Galicia e a cantas disposicións de carácter xeral ou complementario lle resulten aplicables.

2. As relacións entre os organizadores, protagonistas ou provedores dos acontecementos sobre os cales versen as apostas e as empresas de apostas autorizadas pertencen ao ámbito do dereito privado.

3. Os acontecementos obxecto de apostas rexeranse, de ser o caso, pola súa regulamentación propia.

Artigo 3. Prohibicións

1. Terán prohibida a participación nas apostas reguladas neste regulamento:

a) Os/as menores de idade.

b) As persoas que voluntariamente teñan solicitado que lles sexa prohibido o acceso ao xogo, que o teñan prohibido por resolución xudicial ou que fosen declarados incapaces ou pródigos.

c) As persoas que presenten síntomas de embriaguez, intoxicación por drogas ou alienación mental.

d) As persoas que porten armas ou obxectos que poidan utilizarse como tales.

e) Os/as accionistas, partícipes ou titulares das empresas autorizadas para a organización e explotación das apostas, o seu persoal directivo e os/as seus/súas empregados/as.

f) Os/as directivos das entidades participantes no acontecemento obxecto das apostas.

g) Os/as deportistas, adestradores/as e participantes directos no acontecemento obxecto das apostas.

h) Os/as xuíces ou árbitros que exerzan as súas funcións no acontecemento obxecto das apostas, así como as persoas que resolvan os recursos contra as decisións daqueles.

i) Os/as funcionarios/as que teñan atribuídas funcións de inspección e control en materia de xogo na Comunidade Autónoma.

2. Nos supostos previstos nas letras e), f), g) h) e i) do número anterior, a prohibición de xogar estenderase aos cónxuxes ou persoas con que convivan, ascendentes e descendentes en primeiro grao.

3. Quedan prohibidas as seguintes apostas:

a) As que na súa propia formulación ou na dos acontecementos sobre os cales se formalicen atenten contra os dereitos e liberdades, en particular contra a dignidade das persoas, o dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

b) As que menoscaben a protección da xuventude e da infancia ou a das persoas con minusvalidez.

c) As que versen sobre acontecementos reservados á participación de menores de idade ou de persoas con minusvalideces psíquicas ou enfermidades mentais graves.

d) Aquelas outras que se fundamenten na comisión de delitos, faltas ou infraccións administrativas, en eventos prohibidos pola lexislación vixente ou en acontecementos de carácter político ou relixioso.

Artigo 4. Atribucións do órgano competente en materia de xogo

Corresponden ao órgano competente en materia de xogo as seguintes atribucións en relación coas apostas:

a) A xestión do Rexistro de apostas.

b) A concesión das autorizacións de comercialización e explotación.

c) A homologación do material de apostas.

d) O exercicio das funcións de inspección e control da actividade de apostas.

e) Calquera outra que lle poida ser atribuída en aplicación da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, do regulamento que se aproba mediante este decreto e das normas que o desenvolvan.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos do regulamento que se aproba mediante este decreto e da normativa que o desenvolva enténdese por:

a) Aposta: actividade pola que se arrisca unha cantidade de diñeiro en función do acerto ou non na predición dos resultados dun acontecemento previamente determinado, de desenlace incerto e alleo ás partes que interveñen na aposta, consistindo o eventual premio nunha cantidade en metálico.

b) Material de apostas: todos os elementos, equipamentos, programas, sistemas e, en xeral, todos os medios necesarios para a comercialización e explotación das apostas.

c) Máquinas de apostas: aquelas destinadas especificamente á formalización deste tipo de actividade. Poden ser de dous tipos: terminais de expedición, que son aquelas manipuladas por un operador da empresa ou do establecemento en que se atopen instalados, ou máquinas auxiliares de apostas, que son aquelas operadas directamente polo público.

d) Boleto ou resgardo de aposta: comprobante ou soporte que acredita o seu posuidor como apostante, recolle os datos relativos á aposta realizada e á súa validación e serve como documento xustificativo para o cobramento da aposta gañadora, así como, se é o caso, para formular calquera reclamación sobre a aposta.

e) Validación da aposta: entrega ou posta á disposición da persoa usuaria dun boleto ou resgardo da aposta realizada, garantía do seu rexistro e aceptación por unha empresa autorizada.

f) Formalización da aposta: realización, pagamento e validación da aposta.

g) Unidade central de apostas: conxunto composto polos elementos técnicos necesarios para rexistrar, totalizar e xestionar as apostas realizadas polos/as usuarios/as.

h) Importe máximo da aposta: cantidade máxima que pode formalizarse por cada aposta unitaria e tipo de aposta.

i) Fondo inicial: suma das cantidades apostadas en cada modalidade de aposta de carácter mutual.

l) Fondo repartible: cantidade destinada á repartición e pagamento de premios entre os/as apostantes gañadores/as das apostas de carácter mutual, resultante de aplicar ao fondo inicial a porcentaxe destinada a premios.

m) Dividendo: cantidade que corresponde ao/á apostante gañador/a dunha aposta unitaria de carácter mutual.

n) Coeficiente de aposta ou momio: cifra que determina a contía que corresponde pagar a unha aposta gañadora nas apostas de contrapartida ao ser multiplicada pola cantidade apostada.

ñ) Comisión ou corretaxe: porcentaxe que corresponde á empresa de apostas sobre o fondo inicial nas apostas mutuas e sobre o importe das cantidades gañadas nas apostas cruzadas.

o) Establecementos autorizados: locais ou espazos habilitados para a comercialización e práctica das apostas. Para estes efectos as tendas de apostas, os casinos, os bingos, os salóns de xogo, os recintos feirais e os recintos deportivos considéranse establecementos autorizados.

p) Espazo de apostas: área destinada á práctica e formalización das apostas nun establecemento autorizado.

q) Tenda de apostas: local preparado e autorizado exclusivamente para a explotación e práctica das apostas.

r) Locais de hostalaría: establecementos de hostalaría, bares, cafeterías, restaurantes e establecementos análogos

s) Comercialización das apostas: elaboración e implantación do proxecto de explotación das apostas, incluídos os establecementos, locais e elementos en que se proxecte a súa comercialización, o sistema informático, as normas que deben rexer a súa práctica, as garantías e a seguridade do sistema.

t) Explotación das apostas: desenvolvemento das actividades ordinarias de xestión e control da práctica e a comercialización das apostas, así como do pagamento dos premios.

Artigo 6. Tipos de apostas

1. Atendendo á distribución dos ingresos obtidos polas apostas efectuadas ou ás sumas apostadas, as apostas poden ser de contrapartida, mutuas ou cruzadas:

a) Aposta de contrapartida é aquela en que o/a usuario/a aposta contra unha empresa autorizada, na que o premio que obtén o/a apostante que tivese acertado os resultados do acontecemento a que se refire a súa aposta é o resultante de multiplicar o importe apostado polo coeficiente ou momio da aposta establecido pola empresa autorizada.

b) Aposta mutua é aquela en que unha porcentaxe da suma das cantidades apostadas se distribúe entre aqueles apostantes que tivesen acertado o resultado a que se refire a aposta.

c) Aposta cruzada é aquela en que unha empresa autorizada actúa como intermediaria e garante das cantidades apostadas entre terceiros, detraendo a comisión ou corretaxe autorizadas que lle corresponda.

Nas apostas cruzadas os/as usuarios/as efectúan propostas de aposta, consistentes en prognósticos sobre o resultado de acontecementos pendentes de celebración, as cales se publicitan polo sistema co fin de que, eventualmente, poidan ser aceptadas por outros/as usuarios/as deste.

2. En atención ao seu contido, as apostas poden ser simples e combinadas ou múltiples:

a) Aposta simple é aquela en que se aposta por un só resultado dun único acontecemento.

b) Aposta combinada ou múltiple é aquela en que se aposta simultaneamente por dous ou máis resultados dun ou máis acontecementos.

3. Segundo o lugar onde se cumpran, as apostas poden ser internas ou externas:

a) Aposta interna é aquela que se realiza dentro do recinto ou lugar onde acontecen ou se celebran os acontecementos que son obxecto de aposta.

b) Aposta externa é a que se realiza fóra do recinto ou lugar onde acontecen ou se celebran os acontecementos que son obxecto de aposta.

Tamén terá a consideración de aposta externa a que se realice nun recinto ou lugar sobre acontecementos que se produzan ou se celebren noutro distinto, aínda cando se celebren naquel outros acontecementos que sexan pola súa vez, obxecto de aposta, así como a formalizada na modalidade de xogo remoto.

4. Segundo o medio de formalización das apostas, estas poden ser presenciais ou non presenciais ou en modo remoto:

a) Presenciais son as que se formalizan coa presenza física da persoa usuaria a través de terminais de expedición ou máquinas auxiliares de apostas situadas nos establecementos autorizados.

b) Non presenciais ou en modo remoto, son as realizadas fóra dos establecementos autorizados, a través de medios electrónicos, en formato virtual, a través de medios interactivos e canles telemáticas.

Artigo 7. Rexistro de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia

1. As sociedades mercantís dedicadas á fabricación e importación de material de apostas, así como á comercialización e explotación de apostas que desenvolvan a súa actividade no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, deberán figurar inscritas no Rexistro de apostas de Galicia.

2. O rexistro, que será público, contará coas seguintes seccións:

a) Sección I: empresas fabricantes e importadoras.

b) Sección II: empresas comercializadoras e explotadoras.

c) Sección III: establecementos autorizados: tendas de apostas, bingos, salóns, casinos e recintos deportivos e feirais. Locais de hostalaría.

d) Sección IV: modelos de sistemas e máquinas de apostas.

3. Cada sección do Rexistro de apostas disporá de subseccións para inscribir as autorizacións que, segundo este regulamento, lle corresponda a cada tipo de empresa. Estas subseccións recollerán a evolución da situación xurídica de cada autorización e serán desenvoltas mediante unha orde da consellería competente en materia de xogo e apostas.

4. A inscrición no Rexistro de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia das empresas comercializadoras e explotadoras rexerase polo disposto no capítulo I do título I, mentres que ás empresas fabricantes e importadoras lles será de aplicación o disposto no capítulo III do título I.

TÍTULO I
Da inscrición de empresas comercializadoras e explotadoras de apostas,
empresas fabricantes e importadoras

CAPÍTULO I
Inscrición de empresas comercializadoras e explotadoras de apostas

Artigo 8. Requisitos das empresas

1. A comercialización e explotación das apostas requirirá a inscrición no Rexistro de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia. A dita inscrición practicarase logo de solicitude da entidade interesada e acordarase na resolución que autorice a comercialización e explotación das apostas na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As empresas que pretendan ser inscritas e obter a dita autorización deberán reunir os seguintes requisitos e condicións:

a) Estar constituídas baixo a forma xurídica de sociedade mercantil, de conformidade cos requisitos establecidos na lexislación mercantil vixente. O capital social deberá estar totalmente subscrito e desembolsado e será como mínimo de dous millóns de euros.

b) Ter como obxecto social a comercialización e explotación de apostas e o desenvolvemento de actividades conexas.

c) Ter a nacionalidade española ou a de calquera dos Estados membros da Unión Europea. A participación directa ou indirecta de capital estranxeiro axustarase ao establecido na lexislación vixente sobre investimentos estranxeiros en España.

d) Ter constituída e depositada a fianza a favor da dirección xeral competente en materia de xogo e apostas, co importe establecido no seguinte artigo.

e) Que as persoas socias non teñan antecedentes penais e non se atopen nalgunha das situacións que deben ser expresadas na declaración complementaria de conduta cidadá e que as persoas que ocupen cargo de administrador, directivo, xerente ou apoderado non estean condenadas mediante sentenza firme, dentro dos cinco anos anteriores á data de solicitude da autorización por delito de falsidade, contra a propiedade ou contra a Facenda pública, así como por calquera infracción penal derivada da xestión ou explotación de xogos non autorizados.

f) Acreditar solvencia económica e financeira.

g) Acreditar solvencia técnica e, en particular, dispoñer dun sistema informático seguro para a comercialización e explotación das apostas que garanta o correcto funcionamento destas nos termos recollidos no regulamento que se aproba mediante este decreto.

h) Atoparse ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social.

Artigo 9. Fianzas

1. As empresas comercializadoras e explotadoras de apostas deberán constituír a favor da dirección xeral competente en materia de xogo e depositar na Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia unha fianza que en ningún caso será inferior ao 25 por cento do capital social ou a 750 000 €. A dita fianza quedará afecta ao pagamento das sancións pecuniarias que o órgano competente en materia de xogo e apostas impoña ao/á titular da autorización para a comercialización e explotación das apostas, así como ao pagamento dos premios e os tributos que deban ser aboados como consecuencia da explotación destas.

2. A fianza poderá constituírse en metálico, ou mediante aval bancario ou de sociedade de garantía recíproca ou póliza de caución individual, e debe manterse pola integridade do seu importe durante a vixencia da inscrición no Rexistro de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de que se produza a diminución da contía da fianza, a dirección xeral competente en materia de xogos e apostas comunicarallo á empresa inscrita, que disporá dun prazo máximo de quince días para completala ou realizar as alegacións que coide oportunas en defensa dos seus intereses. O prazo de quince días contarase desde o día seguinte a aquel en que a empresa fose notificada e, transcorrido o dito prazo, a dirección xeral competente en materia de xogo e apostas resolverá declarando, de ser o caso, a extinción da autorización de comercialización e explotación e a cancelación da inscrición da empresa e procederá, así mesmo, á revogación das autorizacións de instalación e localización vixentes.

3. Poderá solicitarse e procederase á devolución da fianza, unha vez obtida a autorización da dirección xeral competente en materia de xogo e apostas, cando a empresa sexa dada de baixa do Rexistro de apostas. Non obstante, se existiren obrigas pendentes ou expedientes en trámite que afecten a fianza, só procederá autorizar a súa devolución parcial polo importe dispoñible. A solicitude presentarase en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén se poderá presentar electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es

Artigo 10. Solicitude de inscrición e autorización de comercialización e explotación

1. As empresas que pretendan inscribirse na sección segunda do Rexistro de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia e soliciten unha autorización para a comercialización e explotación de apostas deberán presentar a correspondente solicitude no modelo normalizado dirixida á dirección xeral competente en materia de xogo e apostas e acompañada da seguinte documentación:

a) Copia da escritura pública de constitución e dos estatutos sociais, así como a acreditación da súa inscrición no rexistro mercantil correspondente e a identidade e a acreditación da condición de representante da persoa asinante da solicitude.

b) Copia do número de identificación fiscal da sociedade.

c) Relación de persoas socias e copia autenticada do documento nacional de identidade ou número do dito documento acompañado da autorización para que sexa verificado pola Administración na base de datos de NIF do Ministerio do Interior, ou documento equivalente en caso de persoas estranxeiras. No caso das socias que sexan persoas xurídicas, copia da escritura pública da súa constitución.

d) Certificado de conduta cidadá nos termos previstos na Lei 68/1980, do 1 de decembro, de conduta cidadá, de cada unha das persoas socias.

e) Relación das persoas ás cales se conferise o poder de representación da empresa e copia autenticada do documento nacional de identidade delas ou número do dito documento acompañado da autorización para que sexa verificado pola Administración na base de datos de NIFs do Ministerio do Interior, ou documento equivalente en caso de persoas estranxeiras, así como o prazo da súa permanencia no cargo. No caso de que as persoas ás cales se conferise o poder de representación sexan persoas xurídicas, copia da escritura pública da súa constitución.

f) Identificación, así mesmo, dos membros da Xunta Directiva e do Consello de Administración, dos apoderados, se os houber, e dos cargos xerenciais e de dirección do negocio e declaración responsable de non teren sido condenadas, mediante sentenza firme, dentro dos cinco anos anteriores á data de solicitude da autorización, por delito de falsidade, contra a propiedade ou contra a Facenda pública, así como por calquera infracción penal derivada da xestión ou explotación de xogos non autorizados.

g) Orixinal do resgardo do depósito da fianza prevista no artigo anterior.

h) Un proxecto de explotación, integrado, polo menos, por:

1. Memoria explicativa da actividade da empresa con referencia aos aspectos organizativos, aos recursos dispoñibles, así como, se é o caso, á experiencia empresarial no sector do xogo e as apostas.

2. Memoria descritiva da comercialización e explotación das apostas proxectada, na cal deberán concretarse o tipo de acontecementos ou eventos obxecto destas e os sistemas, lugares, locais e establecementos, así como os medios ou procedementos que se pretendan utilizar para a organización, xestión, comercialización, difusión e control da actividade.

3. Plan de implantación, que deberá ser coherente e harmónico no seu conxunto e que, de ser o caso, deberá especificar o número dos locais de hostalaría en que se prevexa colocar máquinas auxiliares de apostas.

4. Plan de negocio, no cal se incluirán, polo menos, referencias á viabilidade do proxecto, programa e fases de implantación deste, plan de investimentos, postos de traballo previstos e plan de selección e formación do persoal.

5. Proposta das normas de organización e funcionamento das apostas, as cales deberán conter de forma clara e completa, con suxeición ao disposto neste regulamento, o conxunto de regras aplicables á formalización das apostas, límites cuantitativos establecidos, validez de resultados, apostas acertadas, repartición e aboamento de premios e caducidade do dereito ao cobramento destes, con suxeición, en todo caso, á normativa reguladora en materia de protección de consumidores, e as condicións xerais da contratación. En particular, enviarase un exemplar das condicións xerais de contratación que se aplicarán aos/ás usuarios/as.

6. Tecnoloxía, sistemas e elementos que se utilizarán, con especial referencia á seguridade do seu funcionamento e á seguridade da información.

7. Calidade e medidas de seguridade dos establecementos ou locais en que se prevexa comercializar as apostas.

i) Copia compulsada da alta do imposto de actividades económicas na epígrafe correspondente á actividade respecto da cal se solicita a autorización.

j) Certificados da Axencia Estatal da Administración Tributaria e da Tesouraría Territorial da Seguridade Social de estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social respectivamente. Para estes efectos, consideraranse cumpridas as ditas obrigas cando as débedas estean aprazadas, fraccionadas ou se tiver acordado a suspensión como consecuencia de impugnación, puntos estes que deberán acreditarse mediante a presentación dunha copia da resolución en que se concedan os aprazamentos ou fraccionamentos ou se acorde a suspensión.

O documento acreditativo de estar ao día no cumprimento das ditas obrigas tributarias poderá ser solicitado polo órgano competente en materia de xogo, se o solicitante achega a autorización expresa.

k) Resgardo acreditativo do pagamento da taxa administrativa correspondente.

2. A solicitude presentarase en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén se poderá presentar electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es

Artigo 11. Resolución

1. A dirección xeral competente en materia de xogo e apostas, logo das informacións e comprobacións que coide necesarias para constatar a concorrencia de todos os requisitos e condicións regulamentariamente establecidos, resolverá sobre a inscrición da empresa e o outorgamento da autorización de comercialización e explotación no prazo máximo de tres meses. O transcurso do dito prazo sen terse notificado resolución expresa lexitimará a interesada para entender estimada a súa solicitude por silencio administrativo.

2. A resolución que conceda a autorización conterá, polo menos, as seguintes especificacións:

a) Denominación, marca, de ser o caso, domicilio e capital social da empresa autorizada así como as persoas titulares do devandito capital.

b) Composición dos órganos de administración e dirección da empresa autorizada.

c) Acontecementos, eventos ou actividades obxecto das apostas.

d) Tipos de apostas que se comercializarán.

e) Límites cuantitativos de cada tipo de apostas.

f) Medios de formalización das apostas.

g) Sistemas técnicos que se van utilizar.

h) Número máximo de terminais e máquinas auxiliares de apostas que formarán parte do sistema. Así mesmo, no caso de que as apostas se realicen a través de medios de comunicación ou conexión a distancia ou interactivos, deberá constar o dominio ou outros elementos de identificación e acceso.

i) Regras de organización e funcionamento das apostas e condicións xerais de contratación aplicables.

3. A autorización administrativa deberá situarse en lugar visible ao público dentro dos locais e zonas de apostas. Cando a comercialización e explotación das apostas se realice mediante calquera medio de comunicación a distancia, abondará a mera referencia á autorización administrativa concedida.

4. En calquera caso, as empresas inscritas no Rexistro de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia virán obrigadas a remitir á dirección xeral competente en materia de xogo e apostas e, se for o caso, aos departamentos territoriais da consellería competente en materia de xogo e apostas, a información que expresamente lles sexa solicitada, relacionada coa súa actividade, na forma e prazo que expresamente se lles indique.

Artigo 12. Dereitos e obrigas do titular da autorización de comercialización e explotación

1. O outorgamento da autorización de comercialización e explotación de apostas facultará a entidade mercantil titular, sen prexuízo da necesidade de que dispoña de cantas outras licenzas e autorizacións lle sexan exixibles, para a comercialización e explotación das apostas na modalidade para a cal se concedese, nas condicións e cos límites eventualmente establecidos na autorización.

2. As empresas que obteñan a autorización da dirección xeral competente en materia de xogo para a comercialización e explotación de apostas disporán dun prazo máximo de dous anos para a apertura no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia de, cando menos, un local específico de apostas e, de ser o caso, para a instalación do 75 % das máquinas auxiliares de apostas que teñan autorizadas en locais de hostalaría.

3. Corresponderá ao titular da autorización para a comercialización e explotación das apostas, entre outras, o cumprimento das seguintes obrigas:

a) Validar as apostas realizadas polos/as usuarios/as e totalizar as cantidades apostadas por cada tipo de aposta.

b) Aplicar a porcentaxe destinada a premios, fixar o coeficiente de aposta ou aplicar a porcentaxe ou cantidade que se deba reter en concepto de comisión que corresponda, segundo a modalidade de aposta, calculando a cantidade pagaadoira como premio por cada aposta acertada.

c) Devolver as apostas anuladas.

d) Aboar as apostas acertadas.

e) Informar aos/as usuarios/as das normas de funcionamento das apostas.

f) Controlar a regularidade de todas as operacións e, en xeral, o cumprimento da normativa vixente.

g) Cumprir debidamente ante o órgano competente en materia de xogo con toda obriga de información derivada deste regulamento e a restante normativa de aplicación.

h) Elaborar un plan de medidas para a mitigación dos posibles efectos prexudiciais que poida producir o xogo sobre as persoas e incorporar regras básicas de política de xogo responsable o que suporá as seguintes obrigas: prestar a debida atención aos grupos en risco; proporcionar ao público a información necesaria para que se aposte de forma moderada, non compulsiva e responsable; e informar da prohibición de apostar aos menores de idade ou ás persoas que teñan prohibido o acceso ao xogo.

CAPÍTULO II
Modificacións das condicións e extinción das autorizacións
de comercialización e explotación

Artigo 13. Modificacións das condicións da autorización de comercialización e explotación de apostas

1. A modificación das condicións que se determinaron na concesión da autorización de comercialización e explotación ou dos elementos esenciais do proxecto de explotación achegado coa solicitude, incluído o aumento do número de locais ou máquinas de apostas autorizadas, dentro dos límites establecidos neste regulamento, requirirán da autorización do órgano competente en materia de xogo e apostas.

2. A solicitude de modificación deberá acompañarse, se for o caso, dunha memoria xustificativa da oportunidade da modificación solicitada e dunha actualización do proxecto de explotación que, no seu día, serviu para a concesión da autorización vixente. A solicitude presentarase en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén se poderá presentar electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es

3. O transcurso do prazo de tres meses sen terse notificado resolución expresa lexitimará a interesada para entender estimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 14. Modificacións societarias

1. As modificacións do capital social, a transmisión de accións e participacións societarias, así como os cambios dos/as administradores/as e apoderados e restantes membros dos órganos de dirección das empresas comercializadoras e explotadoras de apostas e, en xeral, toda modificación societaria que afecte os requisitos acreditados para o outorgamento da autorización de comercialización e explotación de apostas deberán ser comunicadas por escrito á dirección xeral competente en materia de xogo e apostas no prazo dun mes desde a súa efectiva materialización.

Os cambios de socios/as, administradores/as, apoderados/as, xerentes e demais membros da dirección das empresas titulares da autorización deberán vir acompañados dos documentos sinalados no artigo 10 deste regulamento para a solicitude de autorización inicial.

2. As ditas comunicacións presentaranse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén se poderá presentar electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es

Artigo 15. Vixencia da autorización de comercialización e explotación de apostas

1. As autorizacións para a comercialización e explotación das apostas terán unha duración indefinida, condicionada á permanencia do cumprimento dos requisitos legais que deron lugar á autorización. No caso de que se advirta calquera variación nas circunstancias que motivaron o outorgamento da dita autorización, a dirección xeral competente en materia de xogo e apostas porao en coñecemento da empresa titular, que disporá dun prazo de tres meses para emendar a variación observada. Transcorrido o dito prazo de tres meses sen que a titular atendese o requerimento realizado, procederá a extinción da autorización de acordo co previsto no artigo 17. Deste prazo de tres meses debe excluírse a obriga de reposición da fianza, para a cal se prevé un prazo específico no artigo 9.

2. Non obstante o disposto no parágrafo anterior, deberá procederse á revisión completa da autorización no ámbito administrativo cada cinco anos.

A revisión das autorizacións realizarase co obxecto de verificar a permanencia do cumprimento dos requisitos establecidos na normativa aplicable. A devandita revisión deberá se solicitada polo titular da autorización cunha anticipación mínima de seis meses á expiración do prazo correspondente, e debe acompañarse da documentación acreditativa do cumprimento de todos os requisitos exixidos normativamente.

Artigo 16. Transmisión da autorización de comercialización e explotación de apostas

A autorización para a comercialización e explotación de apostas será persoal e intransferible.

Artigo 17. Extinción da autorización de comercialización e explotación de apostas e cancelación da inscrición

1. Son supostos de extinción das autorizacións para a comercialización e explotación os seguintes:

a) O transcurso do período establecido para a súa revisión sen que esta se tivese solicitado.

b) A renuncia expresa do interesado manifestada por escrito.

c) Cando se incorra en falsidades, irregularidades ou inexactitudes esenciais nalgún dos datos contidos na solicitude de autorización ou de modificación desta.

d) Cando durante o período de vixencia da autorización se perda e, de ser o caso, non se emende algunha das condicións que determinou o seu outorgamento ou, en xeral, que lle resulten de aplicación.

e) A disolución da sociedade titular da autorización, a súa absorción por outra sociedade mercantil, o cesamento definitivo da actividade de obxecto de autorización ou a acreditación da falta do seu exercicio ininterrompidamente durante polo menos un ano.

f) Cando se impoña como sanción no correspondente procedemento sancionador.

g) A non apertura de, cando menos, unha tenda de apostas e, de ser o caso, a non instalación de, cando menos, o 75% das máquinas auxiliares de apostas que a empresa teña autorizadas en locais de hostalaría no prazo de dous anos, de conformidade co disposto no artigo 12.2.

Non concorrerá esta causa de extinción no caso de que antes de que transcorra o dito prazo a empresa renuncie expresamente a instalar a parte proporcional de máquinas auxiliares de apostas en locais de hostalaría que corresponda. Neste suposto o número de máquinas autorizadas a cuxa instalación renuncia acrecerá ao número de autorizacións dispoñibles para os efectos do disposto no artigo 55.

h) Cando se detecten anomalías substanciais continuadas na unidade central de apostas ou nos seus programas informáticos que dean como resultado inexactitudes ou falsidades nos datos relativos a apostas, cantidades apostadas, premios outorgados ou devolucións de apostas anuladas.

i) Cando non se repoñan as fianzas de conformidade co exixido no artigo 9.

2. A extinción da autorización de comercialización e explotación requirirá da resolución da dirección xeral competente en materia de xogo e, nos supostos previstos nas letras c), d), e), f) h) e i) do parágrafo anterior, a dita resolución irá precedida da audiencia ás persoas interesadas.

3. A extinción da autorización de comercialización e explotación implicará a cancelación da inscrición da empresa titular desta no Rexistro de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia.

CAPÍTULO III
Inscrición de empresas fabricantes e importadoras de material de apostas

Artigo 18. Requisitos das empresas

1. A fabricación ou importación de material de apostas requirirá a inscrición na sección I do Rexistro de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As empresas que pretendan ser inscritas deberán reunir os seguintes requisitos e condicións:

a) Estar constituída baixo a forma xurídica de sociedade mercantil, de conformidade cos requisitos establecidos na lexislación mercantil vixente. O capital social deberá estar totalmente subscrito e desembolsado e será como mínimo de 60.000 euros.

b) Ter como obxecto social a fabricación ou importación de material de apostas.

c) Ter a nacionalidade española ou a de calquera dous Estados membros da Unión Europea. A participación directa ou indirecta de capital estranxeiro axustarase ao establecido na lexislación vixente sobre investimentos estranxeiros en España.

d) Ter constituída e depositada unha fianza a favor da dirección xeral competente en materia de xogo, polo importe de 15.000 euros.

A fianza poderá constituírse en metálico ou mediante aval bancario ou de sociedade de garantía recíproca, e debe manterse, pola integridade do seu importe, durante a vixencia da inscrición no Rexistro de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A modificación e a devolución da fianza produciranse nos termos e coas condicións sinaladas no artigo 9.

Artigo 19. Solicitude de inscrición

1. As empresas fabricantes ou importadoras de material de apostas que pretendan inscribirse no Rexistro de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia deberán presentar a correspondente solicitude no modelo normalizado dirixida á dirección xeral competente en materia de xogo.

2. Coa solicitude deberase entregar, co fin de acreditar a concorrencia dos requisitos e condicións establecidos neste regulamento, a seguinte documentación:

a) Copia da escritura pública de constitución e estatutos sociais, así como a acreditación da súa inscrición no rexistro mercantil correspondente e a identidade e a acreditación da condición de representante da persoa asinante da solicitude.

b) Copia do número de identificación fiscal da sociedade.

c) Relación de persoas socias e copia autenticada do documento nacional de identidade ou número do dito documento acompañado da autorización para que sexa verificado pola Administración na base de datos de NIF do Ministerio do Interior, ou documento equivalente en caso de persoas estranxeiras. No caso de persoas socias que sexan persoas xurídicas, copia da escritura pública da súa constitución.

d) Certificado de conduta cidadá nos termos previstos na Lei 68/1980, do 1 de decembro, de conduta cidadá, de cada unha das persoas socias.

e) Orixinal do resgardo do depósito da fianza prevista no artigo 18.2.d).

f) Relación das persoas ás que se conferise o poder de representación da empresa e copia autenticada do documento nacional de identidade destes ou número do dito documento acompañado da autorización para que sexa verificado pola Administración na base de datos de NIFs do Ministerio do Interior, ou documento equivalente en caso de persoas estranxeiras, así como o prazo da súa permanencia no cargo. No caso de que as persoas ás que se conferise o poder de representación sexan persoas xurídicas, copia da escritura pública de constitución das mesmas.

g) Identificación, así mesmo, dos membros da xunta directiva e do consello de administración, dos apoderados, de habelos/as, e dos cargos xerenciais e de dirección do negocio e declaración responsable das persoas administradoras, directivas, xerentes ou persoas apoderadas de non teren sido condenadas, mediante sentenza firme, dentro dos cinco anos anteriores á data de solicitude da autorización, por delito de falsidade, contra a propiedade ou contra a Facenda pública, así como por calquera infracción penal derivada da xestión ou da explotación de xogos non autorizados.

h) Resgardo acreditativo do pagamento da taxa administrativa correspondente.

3. A solicitude presentarase en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén se poderá presentar electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es

Artigo 20. Resolución

1. A dirección xeral competente en materia de xogo, tras as informacións e comprobacións que considere necesarias para constatar a concorrencia de todos os requisitos e condicións regulamentariamente establecidos, resolverá sobre a inscrición da empresa fabricante ou importadora de material de apostas no prazo máximo de tres meses.

2. O transcurso do dito prazo sen terse notificado resolución expresa lexitimará a interesada para entender estimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 21. Modificación da inscrición

1. A modificación da documentación que deben achegar as empresas para a súa inscrición no Rexistro de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia requirirá unha comunicación dirixida á dirección xeral competente en materia de xogo, dentro do prazo dun mes desde que se producise. A dita comunicación presentarase en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén se poderá presentar electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es

2. A falta de comunicación dará lugar á incoación do correspondente expediente sancionador.

Artigo 22. Cancelación da inscrición

1. A permanencia da inscrición queda condicionada ao cumprimento dos requisitos legais e regulamentariamente exixidos no momento da solicitude da inscrición.

2. Son causas de cancelación da inscrición no Rexistro de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia os motivos seguintes:

a) Solicitude da empresa. Nestes casos manterase a inscrición dos correspondentes modelos que se atopasen en explotación no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Absorción por outra empresa de xogo como consecuencia dos efectos xurdidos dun acordo de fusión entre sociedades mercantís.

c) Incumprimento das obrigas que, sobre a constitución e ou mantemento da fianza, se establecen neste regulamento.

d) Desconformidade coa realidade dos datos achegados para a obtención da inscrición como empresa fabricante ou importadora de material de apostas.

e) Sanción de cancelación imposta no correspondente procedemento sancionador.

f) Modificacións empresariais que impidan o desenvolvemento da actividade para a cal a empresa está inscrita, por deixar de reunir ou carecer a empresa dos requisitos exixidos pola normativa vixente.

3. A cancelación da inscrición requirirá da resolución da dirección xeral competente en materia de xogo e nos supostos previstos nas letras c), d), e) e f) do parágrafo anterior a cancelación irá precedida da audiencia ás persoas interesadas.

TÍTULO II
Do réxime de homologación do material para a práctica das apostas
e requisitos técnicos

CAPÍTULO I
Réxime de homologación

Artigo 23. Condicións xerais de homologación

1. Só poderá ser obxecto de comercialización e explotación na Comunidade Autónoma de Galicia o material de apostas que se atope previamente homologado e inscrito na sección IV do Rexistro de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non obstante, poderán recoñecerse e inscribirse na sección IV do Rexistro de apostas de Galicia os modelos homologados por outras comunidades autónomas ou estados membros da UE, se prevén requisitos técnicos análogos aos previstos neste regulamento.

2. Unicamente poderán solicitar a homologación e inscrición do material de apostas aquelas empresas que se atopen debidamente inscritas na sección I do Rexistro de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Corresponde á dirección xeral competente en materia de xogo a homologación e inscrición de todo o material de apostas e, concretamente, dos sistemas, dos terminais para a expedición e control dos boletos e do demais material, elementos ou sistemas utilizados para a comercialización e explotación das apostas, incluídos aqueles sistemas ou instrumentos técnicos que permitan a formalización informática, interactiva ou a distancia das apostas.

4. Para tales efectos, enténdese por homologación o procedemento administrativo en virtude do cal a dirección xeral competente en materia de xogo certifica que o material de apostas que se pretende homologar e inscribir cumpre coas especificacións, características e requisitos técnicos establecidos mediante este regulamento e normativa de desenvolvemento.

Artigo 24. Ensaios previos e laboratorios de ensaio recoñecidos

1. Todos os modelos de sistemas e máquinas de apostas deberán ser sometidos, con anterioridade á súa homologación e inscrición, a un ensaio nunha entidade ou nun laboratorio acreditado, de acordo co protocolo de avaliación ou de probas establecido polo órgano competente. As entidades ou laboratorios autorizados emitirán o correspondente informe técnico de homologación, que verificará o cumprimento de todos os requisitos e aspectos técnicos exixidos no regulamento que se aproba mediante este decreto.

2. Son recoñecidos os laboratorios que conten con autorización administrativa doutras comunidades autónomas do Estado español e dos Estados membros da Unión Europea e do Espazo Económico Europeo para realizar ensaios sobre material de apostas, sempre que garantan o nivel de cumprimento técnico establecido neste regulamento.

Artigo 25. Solicitude de homologación e inscrición

1. As empresas fabricantes ou importadoras de material de apostas que pretendan homologar e inscribir o material de apostas no Rexistro de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia deberán presentar a correspondente solicitude no modelo normalizado dirixida á dirección xeral competente en materia de xogo.

2. A solicitude deberase acompañar, co fin de acreditar a concorrencia dos requisitos e condicións establecidos neste regulamento, da seguinte documentación:

a) Memoria de funcionamento, que precisará:

1. Nome comercial do material de apostas cuxa homologación e inscrición se solicita.

2. Nome da empresa fabricante ou importadora e número de rexistro.

3. Descrición do material de apostas.

b) Informe de ensaio realizado por un laboratorio acreditado que certifique o cumprimento dos requisitos e dos aspectos técnicos esixidos no regulamento que se aproba mediante este decreto.

c) Fotografías de 15 × 10 centímetros, nítidas e en cor, do material de apostas.

d) Declaración de conformidade CE, acreditativa de que o produto satisfai todos os requisitos esenciais das distintas directivas de aplicación.

e) Resgardo acreditativo do pagamento da taxa administrativa correspondente

f) En exemplar duplicado os planos da máquina e do seu sistema eléctrico.

3. A solicitude presentarase en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén se poderá presentar electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es

Artigo 26. Resolución de homologación e inscrición

1. Efectuada a comprobación do cumprimento das condicións e requisitos documentais exixidos, a dirección xeral competente en materia de xogo ditará e notificará a resolución que proceda en cada caso dentro do prazo de dous meses desde a presentación da solicitude.

2. Na inscrición do modelo especificarase a súa denominación, as súas características xerais e os datos de identificación da empresa fabricante ou importadora.

3. A inscrición do material de apostas no Rexistro de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia outorgará ás persoas que estean inscritas, como titulares para o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o dereito a fabricar ou importar o dito material de apostas que se axuste ás devanditas inscricións e cumpra os demais requisitos exixidos neste regulamento.

Artigo 27. Cancelación da inscrición

1. Logo da tramitación do correspondente procedemento con audiencia da empresa fabricante ou importadora de material de apostas, a dirección xeral competente en materia de xogo poderá acordar a cancelación da inscrición polas seguintes causas ou motivos:

a) Cando o solicite voluntariamente a empresa fabricante do modelo. Para estes supostos poderá seguir autorizándose a comercialización e explotación de apostas que utilice o material de apostas que se cancela, sempre que a empresa titular da autorización correspondente acredite, por calquera medio de proba admitido en dereito, que o dito material se adquiriu con anterioridade á data da solicitude de cancelación do rexistro cursada pola empresa fabricante e que se comprometa, así mesmo, expresamente a respectar os dereitos da empresa fabricante en relación con marcas e patentes.

b) Sen prexuízo das sancións que, de ser o caso, corresponda impoñer, cando se constate tras a súa inscrición que o modelo ou, de ser o caso, a súa modificación, non reúnen os requisitos e condicións técnicas exixibles.

c) O coñecemento posterior por parte da dirección xeral competente en materia de xogo, de falsidades, irregularidades e inexactitudes esenciais na solicitude ou na documentación achegada, sen prexuízo das sancións que se impoñan.

2. A dirección xeral competente en materia de xogo ditará e notificará a resolución que proceda adoptar en cada caso dentro de prazo máximo de tres meses, que se contarán desde a data de iniciación do correspondente procedemento de cancelación, salvo nos casos que, conforme o réxime sancionador aplicable nesta materia, se adopte a cancelación do modelo e inhabilitación da empresa fabricante na resolución que se dite para tales efectos no correspondente procedemento sancionador.

CAPÍTULO II
Requisitos técnicos

Artigo 28. Conformidade e supervisión de materiais

1. A unidade central de apostas, as máquinas de apostas, os boletos ou resgardos de aposta, así como o formato e contido do dominio e os sistemas que se vaian utilizar no suposto de comercializarse as apostas como xogo electrónico e, en xeral, todos os sistemas, materiais e instalacións necesarios para a xestión e explotación das apostas, deberán corresponderse con modelos ou tipos homologados ou ter superado as probas de conformidade ás que sexan sometidos para a verificación da súa suxeición á normativa vixente e cumprir coa normativa vixente en materia de consumidores e usuarios.

2. Os sistemas, materiais e instalacións complementarios ou auxiliares e, en xeral, todos os que non teñan unha relación directa co desenvolvemento do xogo serán así mesmo supervisados polo órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de xogo e apostas.

3. Para os efectos previstos nos apartados anteriores, os titulares das autorizacións de comercialización e explotación de apostas estarán obrigados a facilitar a documentación ou a soportar a realización das comprobacións que procedan e, no seu caso, a prestar o apoio preciso aos/ás axentes designados/as pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para a execución destas.

Artigo 29. Requisitos xerais do sistema

O sistema utilizado para a comercialización e explotación das apostas deberá permitir, polo menos:

1. Analizar os riscos e a continuidade do negocio, así como determinar e emendar as súas vulnerabilidades.

2. Salvagardar en todo caso a confidencialidade e a integridade das comunicacións co apostante e entre os diferentes compoñentes do sistema informático, a autenticidade das apostas e o seu cómputo, o control do seu correcto funcionamento e, en xeral, o cumprimento da normativa vixente en materia de xogo e apostas.

3. Afianzar a efectividade da prohibición da participación de menores, así como a protección dos datos de carácter persoal, nas canles non presenciais.

4. Dispoñer de mecanismos de trazabilidade sobre o rexistro das operacións de apostas realizadas, garantindo a súa integridade e a súa asociación a fontes de tempo fiable, así como de mecanismos de autenticación ligados á explotación do sistema informático e de dispositivos físicos que garantan o control de acceso aos compoñentes do sistema informático só ao persoal autorizado.

Artigo 30. Unidade central de apostas

1. O titular da autorización dispoñerá dunha unidade central de apostas que deberá poder xestionar todos os equipamentos e usuarios/as conectados/as a esta, garantindo en todo caso o correcto funcionamento e a explotación das apostas.

2. A configuración da unidade central de apostas permitirá que se poidan comprobar en calquera momento as operacións de apostas e os seus resultados, así como reconstruír de forma fiel as transaccións realizadas, impedindo calquera modificación ou alteración das operacións realizadas.

3. O acceso á unidade central de apostas requirirá a adopción de medidas de control que permitan rexistrar todas as actuacións ou operacións realizadas nela e utilizar mecanismos de autenticación dos operarios.

4. O titular da autorización deberá dispoñer dunha réplica da súa unidade central de apostas, que permita configurar un sistema redundante, preparado para continuar a explotación das apostas no suposto de que a unidade principal quedase fóra de servizo por calquera causa, nas mesmas condicións e coas mesmas garantías de seguridade.

5. Tanto a unidade central de apostas coma a súa réplica estarán sometidas ao control e vixilancia da empresa titular da autorización.

6. A unidade central de apostas incorporará conexións informáticas seguras e compatibles cos sistemas informáticos dos órganos competentes en materia de xogo e apostas e de facenda da Comunidade Autónoma de Galicia, para o control e seguimento en tempo real do estado das apostas, dos importes validados e dos premios outorgados, así como da devolución, se é o caso, das apostas anuladas.

7. As máquinas de apostas estarán conectadas á unidade central de apostas, o que permitirá a realización e a validación das apostas, e emitirán para o efecto o correspondente boleto ou resgardo de aposta.

Artigo 31. Máquinas de apostas

1. As máquinas de apostas serán automáticas e estarán preparadas para a formalización da aposta, xestión de tarxetas de cobramento e pagamento, se é o caso, e para o desenvolvemento de todas as súas funcionalidades.

2. Con carácter previo á súa comercialización, a empresa fabricante ou importadora deberá gravar de forma indeleble, abreviada e visible nunha placa pegada ao moble ou carcasa que forma o corpo principal, no panel frontal da mesma, os seguintes datos:

a) Nome e código de inscrición da empresa fabricante ou importadora no Rexistro de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Código de inscrición do modelo na sección correspondente no Rexistro de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Marcación CE.

d) Serie e número da máquina.

Así mesmo, o órgano competente en materia de xogo poderá establecer, con carácter complementario, outra marcas de fábrica que faciliten a identificación por medios tecnolóxicos, tales como códigos de barras ou similares, así como, se é o caso, aqueles datos de memorias, microprocesadores ou compoñentes que determinen o funcionamento da máquina.

Artigo 32. Requisitos específicos das máquinas auxiliares de apostas

1. Deberá facerse constar nelas, con claridade e de forma visible, a prohibición de participación nas apostas por menores de idade, así como que o xogo pode producir adicción ou ludopatía.

2. As máquinas auxiliares de apostas non poderán satisfacer en moeda ou papel moeda o importe dos premios obtidos sendo válido, non obstante, calquera outro medio de pagamento admitido en dereito que non supoña custo ningún para o/a usuario/a.

3. O número máximo de máquinas auxiliares que se poden instalar en cada establecementos será o seguinte:

a) En tendas de apostas: 12 máquinas auxiliares por tenda.

b) En espazos de apostas en salóns de xogo, bingos e casinos: 5 máquinas auxiliares por establecemento.

c) En locais de hostalaría: unha máquina auxiliar por cada local de acordo co establecido no artigo 54.

d) En recintos deportivos e feirais: unha máquina auxiliar por cada 500 prazas de capacidade.

Artigo 33. Requisitos dos boletos ou resgardos de aposta

1. As empresas autorizadas deberán incorporar nos boletos ou resgardos de aposta medidas de seguridade e garantías de autenticidade e antifraude, xa sexa mediante a utilización de calidades de papel non estándar, marcas de auga, tintas de seguridade, microtexto ou, en xeral, calquera outro dispositivo que estea dispoñible tecnoloxicamente e se adecue ao uso pretendido.

2. O boleto ou resgardo acreditará como mínimo os seguintes datos:

a) A identificación da empresa autorizada para a comercialización e explotación das apostas, con indicación do seu número de identificación fiscal e do número de inscrición no Rexistro de apostas da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A identificación da máquina de apostas en que se realizase a aposta.

c) Evento ou eventos ou acontecementos sobre os cales se aposta.

d) Modalidade e importe da aposta realizada.

e) Coeficiente da aposta, se é o caso.

f) Prognóstico realizado.

g) Hora, día, mes e ano de formalización da aposta.

h) Número ou combinación alfanumérica e código de barras que permita identificar o boleto ou resgardo con carácter exclusivo e único.

3. O boleto ou resgardo deberá conter unha advertencia alusiva a que o uso indebido do xogo pode xerar adicción ou ludopatía.

TÍTULO III
Das apostas

CAPÍTULO I
Práctica das apostas

Artigo 34. Formalización das apostas

1. As apostas poderán formalizarse en modo presencial ou non presencial.

2. As empresas poderán ofrecer aos/as usuarios/as a posibilidade de formalizaren as apostas mediante o emprego da sintura electrónica ou, se é o caso, outros medios análogos que sirvan para acreditar a identidade persoal do/a usuario/a, de conformidade co establecido na Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica.

Artigo 35. Realización das apostas en modo presencial

1. Para a súa realización as apostas deberán formalizarse validamente, o que se poderá facer a través dos servizos ofrecidos nos mostradores ou xanelas dos establecementos autorizados dotados de terminais de expedición ou directamente polo/a usuario/a mediante a utilización de máquinas auxiliares de apostas.

2. As apostas formalizaranse validamente en tanto se encontren operativas as máquinas de apostas e entenderase que estará formalizada validamente unha aposta cando o/a apostante reciba o boleto ou resgardo acreditativo.

3. No caso de apostas mutuas, a formalización das apostas deberá producirse en todo caso antes do comezo dos acontecementos ou eventos obxecto destas, e debe bloquearse automaticamente nas máquinas de apostas a posibilidade de validación de novas apostas sobre aqueles no momento sinalado pola empresa autorizada para o peche.

4. De tratarse de apostas de contrapartida ou cruzadas, as máquinas de apostas deberán bloquear a posibilidade de validar apostas antes da finalización do acontecemento ou evento obxecto de aposta.

Artigo 36. Realización de apostas en modo non presencial ou remoto

1. Conforme o que se dispoña na súa regulación específica, a dirección xeral competente en materia de xogo e apostas poderá autorizar a comercialización e explotación das apostas a través de medios ou sistemas informáticos, interactivos ou de comunicación a distancia.

2. O procedemento para a formalización de apostas en modo remoto deberá desenvolverse en condicións de seguridade máximas para o/a usuario/a que, entre outras cousas, garantan a autenticidade do/a receptor/a, a confidencialidade e a integridade nas comunicacións.

3. A recolla de datos persoais dos/as usuarios/as, o tratamento da información e a súa utilización posterior deberán suxeitarse á lexislación vixente en materia de protección de datos.

4. En todo caso, a explotación de apostas en modo non presencial axustarase á súa regulación específica, ás disposicións deste regulamento, á normativa que o desenvolva e, se for o caso, á ordenación do xogo electrónico practicado remotamente a través de medios ou sistemas interactivos, telemáticos ou de comunicación a distancia.

Artigo 37. Límites cuantitativos das apostas

1. A unidade máxima de aposta será de 100 € para as apostas mutuas e de contrapartida e de 600 € para as cruzadas. Nos locais de hostalaría o importe máximo da aposta será en todo caso de 20 €.

2. Non obstante, facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de xogo para modificar os límites previstos no parágrafo anterior.

Artigo 38. Aprazamento, suspensión ou anulación dos acontecementos obxecto das apostas

1. A empresa deberá regular nas normas de organización e funcionamento das apostas as condicións que rexerán sobre as apostas formalizadas no suposto de que a celebración dun ou máis dos acontecementos sobre cuxos resultados se tivesen formalizado aquelas resulte aprazada, suspendida ou anulada.

2. En todo caso, os resultados do acontecemento consideraranse nulos se o aprazamento ou a suspensión superan o período máximo que nas citadas normas de organización e funcionamento se establecese para os efectos da validez dos resultados producidos neste. Así mesmo, cando un acontecemento sexa anulado os resultados deste consideraranse tamén nulos.

3. As empresas autorizadas deberán recoller nas ditas normas de organización e funcionamento o modo de proceder no caso de que non se celebre ou se anule algún dos eventos previstos cando se tivese formalizado unha aposta combinada ou múltiple. En todo caso para o cálculo do coeficiente ou momio resultante nunha aposta combinada ou múltiple de contrapartida na cal se incluísen prognósticos anulados, aplicarase o coeficiente un a cada un dos prognósticos anulados.

Artigo 39. Devolución do importe das apostas anuladas

1. Se, por calquera circunstancia, unha aposta for anulada, a empresa autorizada devolverá ás persoas usuarias o importe íntegro da aposta, unha vez que se teña constancia da devandita anulación, sen prexuízo das responsabilidades que resultaren exixibles no caso de que a anulación fose debida a causas imputables á devandita empresa autorizada. As devolucións destes importes realizarase nos termos establecidos para o aboamento de premios no artigo 43.

2. No caso das apostas múltiples ou combinadas, a empresa autorizada informará previamente as persoas usuarias sobre a forma de proceder para o caso de que un ou varios dos resultados dos acontecementos sobre os cales se formalizou a aposta resulten anulados.

CAPÍTULO II
Resultados e premios

Artigo 40. Validez dos resultados

1. Sen prexuízo do establecido no artigo 29, a empresa autorizada deberá establecer igualmente nas normas de organización e funcionamento das apostas as condicións nas que se considerará válido o resultado dos acontecementos obxecto destas, así como as regras aplicables no suposto de que un resultado dado por válido nun primeiro momento, sexa modificado posteriormente.

2. Corresponderá á empresa autorizada dar publicidade dos resultados válidos nos locais e espazos de apostas e a través dos medios ou sistemas interactivos ou de comunicación a distancia empregados para a realización das apostas.

Artigo 41. Apostas premiadas

Entenderase que unha aposta resultou premiada cando os prognósticos contidos nela coincidan co resultado considerado válido, segundo as normas de organización e funcionamento das apostas establecidas pola empresa autorizada.

Artigo 42. Repartición de premios

1. Nas apostas mutuas, o fondo repartible non será inferior ao 65 por 100 do fondo inicial e rexerán para a repartición as seguintes regras:

a) O dividendo por aposta unitaria será a cantidade resultante de dividir o fondo destinado a premios entre o número de apostas unitarias acertadas. Nas divisións que se realicen para determinar calquera premio por aposta unitaria calcularase o cociente enteiro con dous decimais, e deberán levarse a cabo as operacións de redondeo, se é o caso, por exceso ou defecto, segundo corresponda.

b) En caso de non haber acertantes nunha aposta mutua sobre un determinado acontecemento, o fondo destinado a premios acumularase a un fondo de idéntica natureza dunha aposta de igual modalidade sobre un acontecemento similar posterior que determine a empresa autorizada, logo da comunicación ao órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de xogo e apostas.

2. Nas apostas de contrapartida, o premio por aposta obterase multiplicando o coeficiente validado previamente pola empresa autorizada polo importe apostado, sen prexuízo de que:

a) Cando os resultados do acontecemento ou acontecementos sobre os cales se tivesen realizado os prognósticos dunha aposta permitan dar como acertantes dous ou máis prognósticos distintos e, como consecuencia diso, resultaren premiadas as apostas formalizadas sobre cada un deles, o coeficiente ou momio da aposta poderá ser modificado seguindo as regras que para o efecto fosen establecidas pola empresa autorizada nas súas normas de organización e funcionamento.

b) Cando un ou máis dos prognósticos dunha aposta resulten anulados, o coeficiente ou momio aplicable para a determinación do premio obtido calcularase conforme ao establecido no número 3 do artigo 38.

3. Nas apostas cruzadas, o premio consistirá na cantidade apostada por cada xogador/a logo da detracción da comisión sobre as apostas gañadoras que, de ser o caso, a empresa comercializadora e explotadora teña autorizada, a cal non poderá exceder do 5 por cento do importe das ditas apostas.

Artigo 43. Pagamento de apostas premiadas

1. O tempo necesario para a realización das operacións de repartición de premios non excederá vinte e catro horas contabilizadas a partir da determinación da validez dos resultados do acontecemento obxecto de aposta.

2. O aboamento das apostas premiadas realizarase, mediante o emprego de medios legais de pagamento, na forma establecida nas normas de organización e funcionamento das apostas da empresa de apostas autorizada.

3. Sen prexuízo do anterior, o cobramento dos premios deberá realizarse sen custo ningún para o/a usuario/a nas tendas de apostas, así como noutros lugares que a empresa autorizada poida dispoñer, logo da presentación do boleto ou resgardo correspondente unha vez que finalicen as operacións de repartición de premios, sen prexuízo de que eventualmente se lle poidan ofrecer ao/a xogador/a alternativas de cobro suxeitas ao pagamento de comisións ou gastos de xestión que serán de libre aceptación para este.

4. As empresas autorizadas comunicarán ao órgano competente da administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia, nos prazos e forma que determine a consellería competente en materia de facenda mediante orde, a relación dos premios cuxo importe sexa igual ou superior á cifra determinada na dita orde consignando, ademais, a identidade (nome, apelidos e número de identificación fiscal) daqueles/as xogadores/as que percibisen os devanditos premios, os cales serán, así mesmo, advertidos desta circunstancia.

Artigo 44. Caducidade do dereito ao cobramento de premios

O dereito ao cobramento dos premios non caducará antes dos tres meses desde a data da súa posta á disposición do/a usuario/a conforme o establecido no artigo anterior.

Artigo 45. Depósito e custodia dos boletos

1. Os boletos premiados, unha vez satisfeito o importe dos premios a través de calquera punto de venda, quedarán invalidados.

2. A empresa autorizada conservará os boletos premiados á disposición dos órganos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia competente en materia de xogo e apostas e de facenda, para a súa comprobación, resolución de incidencias e cotexo cos datos que consten nas declaracións tributarias, durante o período de prescrición determinado pola normativa tributaria dos tributos que gravan as ditas actividades e os seus premios.

TÍTULO IV
Dos locais de apostas e das súas condicións

CAPÍTULO I
Réxime dos establecementos autorizados para a comercialización
e explotación de apostas

Artigo 46. Establecementos autorizados para a comercialización de apostas

A comercialización de apostas poderá levarse a cabo nas condicións establecidas neste regulamento nas tendas de apostas, nos salóns de xogo, bingos e casinos, nos locais de hostalaría autorizados especificamente, e nos recintos nos que se celebren acontecementos deportivos e actividades feirais.

Artigo 47. Tendas de apostas

1. Sen prexuízo da disposición dos permisos e licenzas que sexan legalmente exixibles para a súa apertura, as tendas de apostas deberán ser autorizadas pola dirección xeral competente en materia de xogos e apostas.

2. As tendas de apostas deberán contar cunha superficie útil non inferior a 50 metros cadrados dedicada especificamente á actividade das apostas, excluídas, de ser o caso, a superficie dedicada a oficinas, aseos, almacéns e calquera outras non asignadas directamente a aquela actividade.

Deberá existir un largo mínimo de 1,20 metros nos corredores e contar cun servizo de control de entrada que impida o acceso ás persoas que o teñan prohibido, incluídos os/as menores de idade.

3. As solicitudes de autorización de tendas de apostas polas empresas autorizadas para a comercialización e explotación de apostas deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Documento que acredite a dispoñibilidade do local por calquera título válido en dereito.

b) Planos de situación do establecemento, de localización en relación co edificio no que se integra e coas vías e edificios próximos, e de planta/s a escala 1/100 na súa configuración anterior ao seu acondicionamento e tras a súa proxectada adecuación, incluída a súa distribución, todos estes cotados. Nos ditos planos, que deberán ser subscritos por persoal técnico competente, deberá colocarse o servizo de admisión e as máquinas de apostas e xustificarse un largo mínimo de 1,20 metros de todos os corredores.

c) Licenza municipal de apertura e funcionamento, ou acreditación de tela solicitada.

d) Xustificante acreditativo do pagamento da taxa administrativa correspondente.

As solicitudes presentarase en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén se poderá presentar electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es

4. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de tres meses que se contarán desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. O vencemento do prazo sen que se ditase e se notificase a resolución expresa lexitimará a persoa interesada para entender estimada a solicitude por silencio administrativo.

Con carácter previo á resolución, a Inspección de xogo efectuará visita ao local aos efectos de verificar que cumpre as características e requisitos relativos ao xogo que se establecen neste regulamento.

5. A vixencia da autorización estenderase, mentres siga vixente a autorización de comercialización e explotación das apostas outorgada á empresa de apostas autorizada.

6. As tendas de apostas poderán dispoñer dun servizo de bebidas, destinado aos/as seus/súas usuarios/as, que reúna as características establecidas para os dos salóns de xogo, separado do espazo habilitado para apostas, e cuxa superficie non poderá exceder o 50 por cento da superficie total dedicada ao xogo. A zona de barra non será computable para os efectos de determinar a capacidade do local. O servizo de bar non poderá dispoñer de servizo de terraza en vía pública.

7. En ningún caso se autorizará a instalación de tendas de apostas a menor distancia de 150 metros dos accesos normais de entrada ou saída de centros que impartan ensino a menores de idade, ou cando exista outro espazo de apostas, xa autorizado ou en tramitación, a unha distancia inferior a 300 metros do que se pretende instalar, agás que se trate dun espazo de apostas autorizado no interior dun recinto deportivo.

Artigo 48. Espazos de apostas en salóns de xogo, bingos e casinos

1. Poden autorizarse espazos de apostas nos salóns de xogo, bingos e casinos.

2. A superficie destinada ao espazo de apostas deberá constituír unha zona funcionalmente diferenciada e nela as máquinas de apostas deberán estar colocadas de forma que non obstaculicen a circulación polos corredores, que deberán ter un largo mínimo de 1,20 metros.

Artigo 49. Autorización de instalación de espazos de apostas en salóns de xogo, bingos e casinos

1. A solicitude de autorización para a instalación de espazos de apostas en salóns de xogo, bingos e casinos deberá ser formulada pola empresa autorizada para a comercialización e explotación de apostas.

2. Na solicitude, que se axustará ao modelo normalizado, deberá indicarse o número de terminais e máquinas auxiliares que se pretende instalar:

Coa solicitude achegarase:

a) Documento de conformidade asinado pola empresa autorizada para a comercialización e explotación de apostas e a persoa titular do establecemento

b) Un plano do local, subscrito por persoal técnico competente, no cal se indique o seguinte: a zona do recinto onde se vaia situar a zona de apostas, a escala 1/100, a situación tanto dos terminais de expedición coma das máquinas auxiliares de apostas, o largo dos corredores (que non poderá ser inferior a 1,20 metros) e a zona en que está situado o servizo de control de entrada.

c) Resgardo acreditativo do pagamento da taxa administrativa correspondente.

A solicitude presentarase en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén se poderá presentar electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses, que se contarán dende a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente en materia de apostas.

4. A autorización terá o mesmo período de vixencia que o da concedida á empresa autorizada correspondente para a comercialización e explotación de apostas, sen prexuízo da súa extinción por variación dalgunha das circunstancias que motivaron a súa concesión.

Artigo 50. Salóns de xogo con espazo de apostas

1. O réxime de apostas aplicable nos salóns de xogo que non conten cun servizo de admisión que impida o acceso ás persoas inscritas no rexistro de prohibidos será o mesmo que o previsto no artigo 37.1 para os locais de hostalaría.

2. O servizo de bebidas do salón de xogo, se existir, será compartido e dará servizo a todos os/as usuarios/as deste, incluídos os da zona de apostas.

Artigo 51. Espazos de apostas en recintos deportivos e feirais

1. Nos recintos onde se celebren acontecementos deportivos poderase autorizar a habilitación de espazos e a instalación de máquinas de apostas para a comercialización e explotación de apostas internas ou externas durante a celebración daqueles.

2. Así mesmo, só con carácter temporal, poderá autorizarse a habilitación de espazos de apostas e a comercialización de apostas internas ou externas en recintos feirais con ocasión da celebración dunha actividade feiral relacionada directamente con actividades deportivas durante o desenvolvemento destas.

3. A superficie destinada ao espazo de apostas deberá constituír unha zona diferenciada, deberá contar cun control de entrada que impida o acceso a aqueles que o teñen prohibido e, nela, as máquinas de apostas deberán estar colocadas de forma que non obstaculicen a circulación polos corredores, que deberán ter un largo mínimo de 1,20 metros.

4. A comercialización e explotación das apostas a que se refiren os apartados 1 e 2 corresponderá sempre a unha empresa inscrita como empresa comercializadora e explotadora de apostas

5. A solicitude de autorización para a comercialización e explotación de apostas será presentada por unha empresa autorizada para a comercialización e explotación de apostas, acompañada da seguinte documentación:

a) Contrato ou convenio subscrito pola empresa comercializadora e explotadora autorizada coa persoa organizadora da actividade consentindo a realización de apostas.

b) Planos ás escalas adecuadas subscritos por persoal técnico competente para definir xustificadamente as características das solucións incorporadas ao proxecto. Estes planos serán os seguintes:

– Un plano de situación do recinto.

– Un plano do local en que se reflicta o seguinte: a súa distribución, a zona do recinto onde se vaia situar a zona de apostas, a escala 1/100, a situación das máquinas de apostas, o ancho dos corredores (que non poderá ser inferior a 1,20 metros) e a zona en que estea situado o servizo de control de entrada.

c) Resgardo acreditativo do pagamento da taxa administrativa correspondente.

A solicitude presentarase en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén se poderá presentar electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es

6. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de tres meses, que se contarán desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

O vencemento do prazo sen que se ditase e se notificase a resolución expresa lexitimará a persoa interesada para entender estimada a solicitude por silencio administrativo.

7. No relativo ao período de vixencia das autorizacións, estenderase este inicialmente polo tempo que reste ata o vencemento da autorización de comercialización e explotación de apostas outorgada á empresa de apostas autorizada e vixente ao tempo da presentación da solicitude, e renovarase automaticamente nas sucesivas renovacións daquela, por igual período de vixencia, agás no relativo á autorización concedida no suposto recollido no número 2 deste artigo, que terá unha duración idéntica á da actividade feiral de que se trate.

CAPÍTULO II
Condicións comúns dos locais e espazos de apostas

Artigo 52. Condicións comúns das tendas e espazos de apostas

1. As tendas de apostas, así como os establecementos autorizados dotados de espazos de apostas, deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Ter colocado na entrada e de forma visible un letreiro ou rótulo con indicación do seu carácter de tenda ou espazo de apostas.

b) Exhibir unha referencia á autorización administrativa que ampara a explotación das apostas na forma establecida no artigo 11.3 deste regulamento.

c) Facer constar de forma visible desde todos os puntos de validación anuncios con lendas de advertencia da prohibición de que realicen apostas menores de idade, así como de que a práctica abusiva de xogos e apostas pode producir adicción ou ludopatía.

Nas máquinas auxiliares de apostas estes anuncios poderán ser representados de xeito virtual na súa pantalla, e quedarán á vista do público cando a máquina estea en repouso.

2. Os referidos locais poderán dispoñer, así mesmo, de pantallas ou paneis electrónicos que ofrezan información sobre as apostas e os acontecementos que sexan obxecto destas, de ser o caso, coas limitacións establecidas neste regulamento.

3. Os requisitos establecidos nas letras b) e c) do número 1 serán, así mesmo, exixibles aos locais de hostalaría autorizados para a instalación de máquinas auxiliares de apostas.

4. Nos establecementos autorizados existirá á disposición das persoas que o soliciten:

a) Un exemplar da Lei reguladora do xogo e apostas da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Un exemplar do regulamento que se aproba mediante este decreto.

c) Un libro de incidencias e reclamacións.

5. A persoa titular da consellería competente en materia de xogo poderá establecer outras condicións que deban reunir os locais e as zonas de apostas situadas en establecementos autorizados para a comercialización e explotación de apostas.

Artigo 53. Horario

1. Os límites horarios de apertura e peche das tendas de apostas serán os establecidos para os salóns de xogo pola normativa vixente en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas.

2. A devandita normativa será, así mesmo, de aplicación para o resto de establecementos autorizados con excepción dos casinos, que se rexerán polo determinado na autorización correspondente.

CAPÍTULO III
Práctica de apostas en locais de hostalaría

Artigo 54. Locais de hostalaría

1. Nos locais de hostalaría unicamente poderá instalarse unha máquina auxiliar de apostas, logo do outorgamento da correspondente autorización de instalación e localización.

2. Non poderán instalarse máquinas auxiliares de apostas nos locais de hostalaría que se encontren nalgunha das situacións seguintes:

a) Os situados en estacións de ferrocarril e transporte público, aeroportos, mercados, centros comerciais ou similares se o local non se encontra pechado e illado do público xeral ou de paso.

b) Os situados en terrazas ou zonas que sexan de ocupación de vías públicas.

c) Que sexan locais específicos para menores de idade.

3. Os locais regulados neste artigo que pretendan contar con máquinas auxiliares de apostas deberán evitar o acceso de menores de idade delas.

4. Os locais que conten cunha máquina auxiliar de apostas non poderán instalar pantallas especificamente destinadas ao seguimento polas persoas apostantes dos acontecementos obxecto das apostas ou dos seus resultados, ben que poderán dispoñer de televisión, conforme aos usos e costumes, para o seguimento da programación polos/as usuarios/as do establecemento.

5. A información ás persoas usuarias que establece o artigo 58 ofrecerase a través dos monitores das máquinas auxiliares de apostas, e queda prohibida a colocación de indicacións ou carteis no interior do local destinados a facilitar calquera tipo de información sobre a práctica de apostas.

Prohíbese, así mesmo, a utilización de sinais luminosos ou acústicos como reclamo de atención dirixido ás persoas que se encontren no interior do establecemento.

6. Prohíbese expresamente a colocación de calquera tipo de rótulo ou indicación no exterior do local que indique a posibilidade de practicar apostas no interior.

7. Nos locais de hostalaría existirán á disposición do público unhas follas de reclamacións que serán seladas e dilixenciadas polo órgano competente en materia de xogo.

Artigo 55. Autorización de instalación e localización de máquinas auxiliares de apostas

1. A autorización de instalación e localización é o documento administrativo dilixenciado pola xefatura territorial competente que ampara o dereito á instalación dunha máquina auxiliar de apostas nun determinado local de hostalaría.

2. A instalación dunha máquina auxiliar de apostas nun local de hostalaría que conte cunha autorización de instalación e localización para máquina de tipo B vixente requirirá a solicitude previa da autorización de instalación e localización, á cal se xuntará un documento conforme o modelo normalizado asinado conxuntamente pola empresa titular da autorización de comercialización e explotación de apostas, pola persoa titular do negocio e pola empresa operadora de máquinas de tipo B.

A instalación dunha máquina auxiliar de apostas nun local de hostalaría que non conte cunha autorización de instalación e localización para máquina de tipo B vixente requirirá a solicitude previa da autorización de instalación e localización, á que se xuntar un documento conforme ao modelo normalizado asinado conxuntamente pola empresa titular da autorización de comercialización e explotación de apostas e polo titular do negocio.

3. Corresponde á empresa comercializadora e explotadora solicitar á xefatura territorial da consellería competente en materia de xogos e apostas da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondente ao lugar en que se atope o local, a autorización de instalación e localización.

Nesta autorización faranse constar, polo menos, os seguintes datos:

a) Os datos do establecemento e da persoa titular.

b) Os datos da empresa comercializadora ou explotadora titular da máquina que se vai a instalar e, se for o caso, da empresa operadora de máquinas de tipo B.

c) A data da autorización de instalación e a localización da máquina nun establecemento concreto e o seu vencemento.

4. Xunto coa solicitude deberanse achegar, ademais, os seguintes documentos:

a) Fotocopia do DNI da persoa titular do establecemento, no caso de que se trate dunha persoa física, ou do número de identificación fiscal, da escritura pública de constitución, así como do DNI da persoa representante, no caso de tratarse dunha persoa xurídica.

b) Fotocopia do DNI da persoa representante da empresa comercializadora e explotadora de apostas e, de ser o caso, da persoa representante da empresa operadora de máquinas B.

c) Fotocopia da solicitude de licenza municipal de apertura ao nome da persoa titular do establecemento.

d) Copia do documento polo cal se acredite a realización dunha actividade económica de hostalaría no local.

e) Documento acreditativo da titularidade ou dispoñibilidade do local.

f) Documento de conformidade asinado pola persoa titular do local, pola empresa comercializadora e explotadora e, de ser o caso, pola empresa operadora de máquinas de tipo B.

g) Resgardo acreditativo do pagamento da taxa administrativa correspondente.

A solicitude presentarase en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén se poderá presentar electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es

5. A autorización de instalación e localización incorporarase á máquina auxiliar de apostas na súa parte frontal ou lateral.

6. A autorización de instalación e localización terá o mesmo período de vixencia que o da concedida á empresa autorizada correspondente para a comercialización e explotación de apostas sen prexuízo da súa extinción por variación dalgunha das circunstancias que motivaron a súa concesión.

Artigo 56. Comunicación de instalación de máquinas auxiliares

1. A comunicación de instalación é o documento polo cal se pon en coñecemento da consellería competente en materia de xogo e apostas a instalación dunha máquina auxiliar de apostas nun establecemento autorizado e incorporarase á máquina na súa parte frontal ou lateral.

2. A instalación, desinstalación ou cambio de situación das máquinas auxiliares de apostas pola empresa autorizada deberá ser previamente comunicada aos servizos territoriais correspondentes da consellería competente en materia de xogo.

3. A xefatura territorial da consellería competente en materia de xogo e apostas dilixenciará a comunicación de instalación mediante a anotación da data de alta e o selo do organismo, trámite sen o cal a citada comunicación non amparará a instalación, desinstalación ou cambio de situación da máquina.

4. A dilixenciación da comunicación de instalación poderá emitirse mediante presentación directa na xefatura territorial da consellería competente en materia de xogo e apostas ou por vías telemáticas.

TÍTULO V
Do persoal e das persoas usuarias

CAPÍTULO I
Persoal

Artigo 57. Persoal dos establecementos autorizados para a comercialización e explotación de apostas

1. Ao persoal dos establecementos autorizados para a comercialización e explotación das apostas estaralles prohibido:

a) Conceder préstamos ou créditos, ou permitir que se outorguen, aos/as xogadores/as.

b) Utilizar as máquinas de apostas instaladas naqueles, agás cando a devandita utilización se realizase en auxilio ou axuda dos/as usuarios/as destas.

2. O persoal dos establecementos de hostalaría de ningún modo poderá satisfacer, nin directa nin indirectamente, o pagamento dos premios obtidos.

CAPÍTULO II
Persoas usuarias

Artigo 58. Información ás persoas usuarias das normas de funcionamento

1. Nas tendas ou espazos de apostas deberán expoñerse de forma visible ao público información sobre os acontecementos obxecto das apostas, as normas de funcionamento e organización destas, as súas contías mínimas e máximas, os horarios e límites de admisión de prognósticos, así como as demais condicións a que se suxeite a formalización das apostas e a repartición e aboamento de premios.

2. Nos devanditos locais ou espazos haberá, así mesmo, folletos gratuítos á disposición dos/as apostantes nos cales se recolla a mención expresa da prohibición da participación de menores de idade e de que a práctica abusiva de xogos e apostas pode producir adicción ou ludopatía. Ademais, poñeranse á disposición dos/as clientes/as, en lugar visible, folletos ou información sobre os lugares onde acudir en caso de que se detecte algún tipo de patoloxía relacionada co xogo.

3. No caso de que as apostas se realicen en modo electrónico, o sistema deberá informar de forma clara sobre os puntos sinalados nos números 1 e 2.

Artigo 59. Queixas e reclamacións.

1. As persoas usuarias terán dereito a formalizar as súas queixas e as súas reclamacións da forma máis sinxela e rápida posible sendo de aplicación o previsto no Decreto 375/1998, do 23 de decembro, polo que se regulan as follas de reclamacións de consumidores e usuarios, con relación aos aspectos de información e protección ao consumidor non recollidos polo regulamento que se aproba mediante este decreto.

2. As reclamacións que os/as usuarios/as desexen formular reflectiranse, mediante dilixencias referenciadas, no libro de incidencias e reclamacións axustado a modelo normalizado.

Os libros de incidencias e reclamacións, encadernados e foliados, serán dilixenciados previamente pola dirección xeral competente en materia de xogo e en cada folla farase constar a data e a hora en que se produce. As dilixencias de incidentes e reclamacións serán asinadas por persoa responsable do establecemento e as de reclamacións, ademais, por quen formula a reclamación, pois sen o seu nome, sinatura e documento nacional de identidade carecerán de valor. Unha copia da dita dilixencia deberá remitirse á dirección xeral competente en materia de xogo no prazo de tres días a partir da data en que fose emitida.

3. Nos espazos de apostas, os libros de incidencias e reclamacións xa existentes para a actividade principal serán válidos para as reclamacións do dito espazo de apostas e calquera usuario/a poderá requirilo para formular as súas queixas e reclamacións.

Artigo 60. Dereito de admisión

Os titulares dos locais ou zonas de apostas poderán exercer o dereito de admisión de conformidade coa normativa que resulte de aplicación. En todo caso, o dereito de admisión deberá ser exercido de forma obxectiva e non discriminatoria.

TÍTULO VI
Da inspección das apostas e do réxime sancionador

CAPÍTULO I
Inspección e control das apostas e das empresas autorizadas

Artigo 61. Inspección e control das apostas e das empresas autorizadas

1. As empresas titulares das autorizacións de comercialización e explotación estarán obrigadas a facilitar á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a información que esta solicite para o exercicio das súas funcións de control, coordinación e estatística.

2. As referidas empresas e o persoal ao seu servizo, así como o das tendas ou espazos onde se realicen as apostas, estarán, así mesmo, obrigados a facilitar en calquera momento o acceso dos/as axentes designados/as pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ás súas dependencias e aos establecementos autorizados para a práctica das apostas e a soportar a realización por estes das verificacións e comprobacións que coiden oportunas. Neste sentido terán a obriga de facilitarlles a información e a documentación que requiran para levar a cabo a inspección, e a prestarlles o auxilio necesario para o axeitado desempeño das súas funcións.

3. Se o órgano competente en materia de xogo llo require, cada dous anos, as empresas titulares da autorización deberán presentarlle unha auditoría informática externa que comprenda a análise e a comprobación do cumprimento das condicións exixidas para a concesión da autorización.

Artigo 62. Actuacións inspectoras

1. O resultado das inspeccións deberá reflectirse nas pertinentes actas, que terán a condición de documento público e farán proba, salvo que se acredite o contrario, dos feitos e circunstancias que a motiven.

2. Na acta consignaranse os feitos ou circunstancias obxecto da inspección e será asinada polo persoal inspector que a emita e pola persoa responsable da empresa fiscalizada ou establecemento inspeccionado quen poderá facer constar na acta as observacións que consideren convenientes. Entregarase copia da acta á persoa referida deixando constancia, de ser o caso, da súa negativa a asinala ou a estar presente no desenvolvemento da inspección.

CAPÍTULO II
Infraccións e sancións

Artigo 63. Infraccións e sancións

1. Constituirán infraccións administrativas, nos termos fixados na Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, as accións ou omisións que contraveñan o réxime establecido, para as máquinas de apostas e tendas de apostas e demais establecementos autorizados, así como locais de hostalaría, tipificados na devandita lei e neste regulamento.

2. As infraccións clasifícanse en moi graves, graves e leves.

Artigo 64. Infraccións moi graves

Terán a cualificación de infraccións moi graves as tipificadas no artigo 28 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, e especialmente:

a) A comercialización e explotación das apostas mediante máquinas de apostas sen posuír todas as autorizacións legal e regulamentariamente previstas.

b) Utilizar material de apostas non homologado ou non autorizado ou substituír fraudulentamente o material de apostas.

c) Distribuír, vender, comercializar, explotar ou instalar máquinas de apostas non inscritas no Rexistro de apostas a que se refire este regulamento ou por persoas ou empresas non autorizadas para comercializaren ou explotaren apostas.

d) Autorizar ou permitir a menores de idade a formalización de apostas.

e) A utilización de documentos non conformes coa realidade para obter os permisos ou autorizacións necesarios, cando non constitúa delito.

f) A carencia dos documentos necesarios para a comercialización e explotación de apostas.

g) A comercialización e a explotación de apostas mediante máquinas en recintos distintos dos autorizados.

h) O feito de superar os límites máximos de apostas permitidos para cada tipo de aposta e establecemento.

i) Conceder empréstitos ás persoas xogadoras nos lugares en que se formalicen as apostas.

j) A inexistencia das medidas de seguridade dos locais exixidas na autorización de instalación ou permiso de apertura ou o non funcionamento destas cando poida afectar a seguridade das persoas.

k) Calquera acción ou omisión que, significando unha alteración ou modificación substancial do disposto neste regulamento ou que fose de aplicación, sexa determinante de defraudación ou engano.

Artigo 65. Infraccións graves

Terán a cualificación de infraccións graves as tipificadas no artigo 29 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, e especialmente:

a) A cesión, por calquera título, de autorizacións para a comercialización e explotación das apostas

b) Calquera acción de carácter publicitario das apostas que infrinxa as normas regulamentarias.

c) A negativa a exhibir ante o persoal do corpo de Inspección de Xogo ou axentes da autoridade competente os documentos acreditativos das autorizacións administrativas correspondentes, así como non abrir ou mostrar a estes as máquinas ou material de apostas.

d) As actitudes de coacción ou intimidación sobre persoas xogadoras no caso de protestas ou reclamación.

e) Non facilitar aos órganos competentes a información necesaria para o axeitado control das actividades das apostas, conforme as disposicións da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia.

f) A admisión de máis persoas xogadoras do que permita o capacidade do local.

Artigo 66. Infraccións leves

Terán a cualificación de infraccións leves as tipificadas no artigo 30 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia e, especialmente, todas as previstas na citada lei e disposicións regulamentarias que, non estando comprendidas nos artigos 28 e 29 dela, non produzan prexuízos a terceiros nin beneficios ao infractor tales como:

a) O incumprimento das regras sobre formalizacións das apostas previstas nos artigos 35 e 36.

b) As faltas de comunicación en forma e prazo nos supostos considerados neste regulamento, sempre que non estean tipificados como falta grave ou moi grave.

c) O non mantemento dos boletos premiados á disposición dos órganos competentes da Administración da Comunidade Autónoma durante o prazo a que se refire o artigo 45.2 do presente decreto.

d) A instalación nos locais de hostalaría de pantallas específicamente destinadas ao seguimento polas persoas apostantes dos acontecementos obxecto das apostas ou dos seus resultados de acordo co disposto polo artigo 54.4.

e) A colocación no interior dos locais de hostalaría de indicacións ou carteis destinados a facilitar calquera tipo de información sobre a práctica das apostas ou a colocación de calquera tipo de rótulo ou indicación no exterior do local que indique a posibilidade de practicar apostas no interior.

f) O incumprimento das condicións comúns ás tendas e espazos de apostas previstas no artigo 52.

g) O incumprimento das prohibicións do artigo 57.

h) O incumprimento das obrigas de información ás persoas usuarias recollidas no artigo 58.

i) Que a documentación incorporada á máquina estea parcialmente tapada.

l) O incumprimento de calquera outra obriga prevista neste regulamento e normativa de desenvolvemento.

Artigo 67. Sancións

1. As infraccións moi graves serán sancionadas con multa superior a 18.000 euros ata 100.000 euros, que poderá elevarse ata 600.000 euros no caso de reincidencia ou segundo as contías xogadas, os beneficios obtidos ou a incidencia social.

Como sanción accesoria poderá, ademais, retirarse temporal ou definitivamente a autorización concedida e proceder á clausura do establecemento autorizado ou local onde se practiquen as apostas. No suposto de revogación da autorización ou clausura definitiva como establecemento autorizado ou local con espazo de apostas, non poderán concederse, ata transcorridos cinco anos, novas autorizacións para calquera das actividades previstas neste regulamento ás mesmas empresas. Así mesmo poderá, de ser o caso, decretarse a destrución da máquina ou do material de apostas.

2. As infraccións cualificadas como graves serán castigadas con multa superior a 3.000 euros ata 18.000 euros.

3. As infraccións leves serán sancionadas a primeira vez con apercibimento. Se a falta implica unha deficiencia técnica requirirase o infractor para que proceda á súa rectificación inmediata. Se o requirimento non fose atendido ou se reiterase ou persistise na infracción, imporáselle unha multa de 1.000 euros ata 3.000 euros.

4. A sanción levará consigo a devolución dos beneficios ilicitamente obtidos, segundo os casos, á Administración ou ás persoas directamente prexudicadas.

5. Para os efectos deste regulamento, das infraccións cometidas por empresas serán responsables solidarias as persoas xerentes e administradoras destas.

Artigo 68. Tramitación dos expedientes sancionadores

1. A resolución dos expedientes sancionadores correspóndelle:

a) Á persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de xogos e apostas, cando a sanción consista nunha multa de ata 60.000 euros e/ou na retirada da autorización concedida ou na clausura do local por un período máximo de tres anos.

b) Á persoa titular da consellería competente en materia de xogos e apostas, cando a sanción consista nunha multa superior a 60.000 euros ata 300.000 euros e/ou na retirada da autorización concedida ou na clausura do local por un período máximo de cinco anos.

c) Ao Consello da Xunta de Galicia, cando a sanción consista en multa superior a 300.000 euros e/ou na retirada definitiva da autorización ou clausura tamén definitiva do local.

2. A potestade sancionadora exercerase seguindo o procedemento establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na súa normativa de desenvolvemento. En todo caso, o prazo para ditar e notificar resolución expresa será dun ano desde a data do acordo de iniciación.

3. Iniciado o expediente sancionador por falta grave ou moi grave, a autoridade competente para resolvelo poderá decretar, como medida provisional, o comiso do material de apostas relacionado coa infracción.

Cando o persoal inspector proceda a levantar acta por infraccións que poidan ter este carácter de grave ou moi grave e se considere conveniente para os efectos probatorios, este poderá realizar a precintaxe das máquinas, efectos ou instrumentos, reflectindo a devandita circunstancia na acta, así como as razóns que a motivaron.

A Administración dispón dun prazo de 30 días naturais para confirmar ou modificar esta medida provisional. Transcorrido o prazo, sen efectuar a oportuna notificación á empresa operadora ou ao titular do local, indistintamente, quedará enervada a devandita medida provisional, sen prexuízo de que poida adoptarse posteriormente.