Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Venres, 27 de xullo de 2012 Páx. 30084

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2012, da Dirección Xeral de Tributos, pola que se somete a información pública o proxecto de orde pola que se modifica a Orde do 28 de decembro de 2011, pola que se aproban os prezos medios no mercado de determinados inmobles rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2012.

O artigo 57 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria sinala os medios que a Administración tributaria pode utilizar para calcular o valor das rendas, produtos, bens e demais elementos determinantes da obriga tributaria, entre os que cita, na súa letra c), o de prezos medios no mercado. En idéntico sentido pronúnciase o artigo 59 da Lei 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008. Esta mesma lei detalla no seu artigo 61.1, cal debe de ser a forma e o contido da norma que desenvolva este medio de valoración.

A Orde da Consellería de Facenda do 28 de decembro de 2011, pola que se aproban os prezos medios no mercado de determinados inmobles rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2012, desenvolveu o medio de comprobación de prezos medios no mercado para que poida ser utilizado na aplicación dos tributos xestionados por esta Comunidade Autónoma, cuxa base impoñible sexa o valor real dos bens inmobles. Así, establécese un criterio de valoración obxectivo, común e homoxéneo en todo o territorio, explicándose con detalle o sistema de cálculo utilizado.

O obxectivo desta nova orde é actualizar os prezos recollidos nos anexos da Orde do 28 de decembro de 2011.

De conformidade co disposto no artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, cando o contido e a repercusión da disposición o aconsellen será sometida a información pública.

Na súa virtude,

RESOLVO:

Someter a información pública, por un prazo de 15 días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución, o proxecto de orde pola que se modifica a Orde do 28 de decembro de 2011, pola que se aproban os prezos medios no mercado de determinados inmobles rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2012.

O proxecto de orde poderase consultar na páxina web da Consellería de Facenda:

http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/disposicions

As posibles alegacións presentaranse durante o prazo sinalado, dirixidas ao director xeral de Tributos, en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das sdministracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2012

Carlos Rodríguez Sánchez
Director xeral de Tributos