Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Xoves, 26 de xullo de 2012 Páx. 29978

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da nova subestación de Ludrio 400/132/20 kV, no termo municipal de Castro de Rei (Lugo), na parte que se refire ás instalacións de distribución de enerxía eléctrica (IN407A 16/2011 AT).

Examinado o expediente instruído por pedimento da empresa E.On Distribución, S.L., con enderezo para efectos de notificación na rúa Medio, 12, 39003 Santander, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 15 de febreiro de 2011, a citada empresa solicita a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da nova subestación de Ludrio 400/132/20 kV, presenta a preceptiva documentación a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Segundo. As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

Dous autotransformadores AT-1 e AT-2, 400/132 kV, de 450 MVA de potencia cada un e aparellaxe asociada.

Sistema de 132 kV (con dous transformadores T-3 e T-4, 132/20 kV, de 50 MVA de potencia cada un) así mesmo en parque intemperie, formado por equipamentos convencionais.

Sistema 20 kV con tipoloxía de simple barra partida, situado en interior de edificio en celas compactas de illamento SF6 (doce de liña, dúas de transformador para T-3 e T-4, dúas de medida en barras, dúas de servizos auxiliares e dúas para a partición e remonte).

Concello: Castro de Rei (Lugo).

Terceiro. Con data do 3 de febreiro de 2012, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emite informe de cualificación ambiental en relación ao proxecto de referencia, no que considera que non procede sometelo ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

Cuarto. Por Resolución do 20 de febreiro de 2012 da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións eléctricas do devandito proxecto de execución, que se publicou no DOG do 2 de marzo de 2012, no BOP de Lugo do 6 de marzo de 2012, no xornal El Progreso do 4 de marzo de 2012, así como nos taboleiros de anuncios do Concello de Castro de Rei e da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo.

Quinto. Durante o período en que se someteu a trámite de información pública non consta a presentación de alegacións.

Sexto. Separadamente, presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan bens, instalacións, obras ou servizos, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, se é o caso, establecesen o condicionado procedente.

Sétimo. Con data do 12 de abril de 2012, E.ON Distribución, S.L. presenta escrito ante a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo, comunicando a súa desistencia da súa solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación, achega copia do convenio de ocupación e uso do terreo asinado o 19 de marzo de 2012 coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Rodela de Ludrio.

Oitavo. Sobre a solicitude obxecto deste expediente emitiu informe favorable a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; Decreto 79/2009, do 19 de abril, e Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polos que se fixa a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e das consellerías desta (DOG do 20.4.2009 e 5.1.2012, respectivamente), Decreto 324/2009, do 11 de xuño (DOG do 17.6.2009) polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, modificada pola Lei 17/2007, do 4 de xullo, e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O proxecto cumpre o disposto no Regulamento sobre centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, aprobado polo Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a nova subestación de Ludrio 400/132/20 kV, no termo municipal de Castro de Rei (Lugo), na parte que se refire ás instalacións de distribución de enerxía eléctrica.

2. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita, na parte que se refire ás instalacións de distribución de enerxía eléctrica.

3. Aceptar a desistencia solicitada por E.On Distribución, S.L., en relación coa súa solicitude de declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación que se cita.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa, asinado polo enxeñeiro industrial Juan Luis Martos Arroyo, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, delegación de Lugo, con número de rexistro 20/11, do 9 de febreiro de 2011, e cun orzamento de 20.708.435,72 euros.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento deberase cumprir canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, así como demais normativas e directrices vixentes aplicables.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas. Así mesmo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de notificación da presente resolución.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos pola empresa promotora.

Sexta. Deberase cumprir co recollido na documentación ambiental presentada polo promotor, así como co disposto no informe de cualificación ambiental recollido no antecedente de feito terceiro da presente resolución.

Sétima. Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución.

Oitava. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Novena. Esta autorización dáse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas