Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Martes, 24 de xullo de 2012 Páx. 29622

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2012, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria, pola que se procede á inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Centro Galego do Plástico.

Visto o expediente de extinción da Fundación Centro Galego do Plástico, adscrita ao protectorado da Consellería de Economía e Industria, resultan os seguintes,

Feitos.

1. O 18 de outubro de 2011 publicouse no DOG nº 199, a Orde do 4 de outubro de 2011 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Centro Galego do Plástico e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. O órgano de goberno da fundación, na súa reunión do 12 de setembro de 2011, adoptou por unanimidade o acordo de extinción da fundación. Na acta da dita reunión consta a adopción do acordo por imposibilidade de realización do fin fundacional, a memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción, o acordo de apoderamento das funcións de liquidación, o balance da fundación na data de adopción do acordo, así como proxecto o de distribución de bens e dereitos resultantes da liquidación.

3. O do 10 de xullo de 2012 a Fundación Centro Galego do Plástico presenta nesta consellería a escritura pública do 4 de xullo de 2012, outorgada en Santiago de Compostela, co nº de protocolo 1281, en que consta o certificado da reunión do padroado onde se recolle a aprobación da liquidación da fundación e outros extremos do procedemento liquidatorio, incluído o escrito de aceptación do haber resultante.

Esta consellería é competente para ditar a resolución de inscrición da extinción da Fundación Centro Galego do Plástico no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en virtude do disposto no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, en relación co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego e no seu regulamento.

Polo exposto, á vista da documentación presentada e da normativa de aplicación, este protectorado.

RESOLVE:

Inscribir no Rexistro de Fundacións de Interese Galego a extinción da Fundación Centro Galego do Plástico.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde a notificación, de conformidade co disposto no artigo 4 da Lei 29/1998, do 13 de xuño, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a notificación, ou de tres meses partir do día seguinte ao acto presunto, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata a resolución expresa ou presunta do recurso de reposición interposto.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2012

Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria