Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Venres, 20 de xullo de 2012 Páx. 29070

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente o peche e o desmantelamento das instalacións electromecánicas da antiga central de Batán, no concello do Vicedo (Lugo).

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 3 de decembro de 2010, a mercantil Barras Eléctricas Generación, S.L. solicitou a autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución do desmantelamento da antiga central de Batán, situada na parroquia de Río Barba, no concello do Vicedo (Lugo).

Segundo. O 30 de setembro de 2011, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo informou favorablemente a solicitude presentada, sen prexuízo daquelas outras autorizacións que fosen «exixibles por outros órganos da Administración autonómica ou local, en particular polo órgano de bacía e o concello, e debendo entregarse os residuos a xestor autorizado e separando debidamente os inertes daqueles potencialmente perigosos, coma graxas, aceites, hidrocarburos e fibrocemento».

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no artigo 28 do Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que atribúe á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de enerxía, modificado polo Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG do 5 de xaneiro).

Segundo. O artigo 135.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, dispón que corresponde ao titular da instalación que pretende o peche de aquela, solicitar a autorización administrativa de peche.

Terceiro. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede

RESOLVO:

Autorizar administrativamente o peche da antiga central de Batán, na parroquia de Río Barba, no concello do Vicedo (Lugo), titularidade de Barras Eléctricas Generación, S.L., consonte o «Proyecto. Desmantelamiento de la antigua central de Batán. Parroquia de Río Barba. Ayuntamiento de O Vicedo» asinado polo enxeñeiro técnico industrial Juan Carlos Vázquez Gómez e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo o 22.10.2010 co nº 2663/2010.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. O titular da central conta cun prazo de doce meses desde o día seguinte ao da notificación desta resolución para o desmantelamento da devandita instalación. Transcorrido o dito prazo sen que o desmantelamento teña lugar, quedará sen efecto a presente resolución.

Segunda. O peche que se autoriza terá que realizarse consonte as especificacións e planos que figuran no proxecto referido na parte dispositiva desta resolución.

Terceira. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo levantará a correspondente acta de peche cando este se faga efectivo.

Cuarta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización do peche autorizado.

Contra esta resolución que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas