Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Xoves, 19 de xullo de 2012 Páx. 28771

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2012 pola que se convoca o Curso de Sistemas de Información Xeográfica 2012.

Conforme os fins que lle asigna a este centro a normativa que o regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), a EGAP, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a Dirección Xeral de Administración Local e o Instituto de Estudos do Territorio (IET), convoca o Curso de Sistemas de Información Xeográfica 2012.

1. Obxectivos

O curso está deseñado para que os alumnos adquiran os coñecementos teórico-prácticos e habilidades que os capaciten para aplicar solucións con información xeoespacial utilizando sistemas de información xeográfica na Administración. Combina o estudo dos fundamentos teóricos dunha ferramenta SIX cunha completa formación práctica no uso dos sistemas de información xeográfica co obxectivo de que os alumnos aprendan a xestionar a información xeoespacial de maneira eficiente, para obter os maiores beneficios posibles tanto na xestión do territorio como na posta á disposición desa información. Ademais, este curso ten como obxectivo xeneralizar o uso dos SIG na Administración e que este tipo de tecnoloxías e as súas aplicacións se dean a coñecer á sociedade.

2. Contido

O curso estrutúrase nos seguintes módulos:

– Módulo I. Módulo central de formación na ferramenta SIX (120 horas teóricas e prácticas).

– Módulo II. Módulos temático/prácticos (128 h): módulo de urbanismo (16 h), módulo infraestrutura de datos espaciais e catastro (16 h), módulo de paisaxe (8 h), módulo ambiental (16 h), módulo de medio rural (16 h), módulo de sistemas de posicionamento (8 h), módulo de riscos (8 h), módulo de transportes e redes (8 h), módulo de sanidade (8 h), módulo de economía e estatística (16 h), módulo de turismo (8 h).

Titorización de proxectos: disporase de 30 horas adicionais para titorización de proxectos.

Os alumnos recibirán gratuitamente unha licenza do programa Arcgis 10 válida por un ano, que se lles instalará no seu portátil a aqueles alumnos que prefiran seguir as clases prácticas co seu propio portátil.

3. Prazas: 30.

4. Destinatarios

4.1. A metade das prazas (15) ten como destinatarios aos empregados públicos das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local, e das universidades do Sistema universitario de Galicia que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico que se encadren nalgunha das seguintes categorías:

4.1.1. Pertencer ao grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

4.1.2. Pertencer aos grupos I e II do persoal laboral.

4.1.3. Persoal eventual que acredite a súa condición co correspondente nomeamento específico.

Este curso valorarase con 1,2 puntos a aqueles alumnos que sexan considerados aptos cando remate e, por tanto, teñan dereito a certificado de aproveitamento, sempre que cumpran os requisitos para a aplicación do establecido na Resolución do 26 de outubro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se establecen, de acordo coas comunidades autónomas, os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de formación e perfeccionamento de Administración local, en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, da Resolución do 30 de novembro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública pola que se corrixen erros da Resolución do 26 de outubro de 1994, e conforme co establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos funcionarios con habilitación de carácter estatal (DOG núm. 52 do 16 de marzo).

4.2. Poderá optar á outra metade das prazas (15) o persoal contratado polas administracións públicas cun contrato de servizos ou equivalente, así como os profesionais que estean en posesión do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico e enxeñeiro técnico.

As prazas de calquera dos grupos que non se cubran na súa totalidade acumularanse ás do outro.

5. Pagamento da matrícula

5.1. O importe da matrícula é de mil douscentos euros (1.200 €), para todos aqueles solicitantes que cumpran as condicións prescritas no punto 4.1.

O importe anterior poderase facer efectivo na súa totalidade no momento de formalizar a matrícula ou en dous prazos. Neste último caso, o 60% do total (720 €), pagarase ao matricularse e o 40% restante (480 €) farase efectivo entre o 1 e o 15 de febreiro de 2013.

5.2. O importe da matrícula é de dous mil catrocentos euros (2.400 €) para os demais solicitantes.

Do mesmo xeito que no punto anterior, este importe poderase facer efectivo na súa totalidade no momento de formalizar a matrícula ou en dous prazos. Neste último caso, o 60% do total (1.440 €) pagarase ao matricularse e o 40% restante (960 €) farase efectivo entre o 1 e o 15 de febreiro de 2013.

O pagamento da matrícula deberá efectuarse dentro dos cinco días seguintes á comunicación por parte da EGAP da aceptación do alumno no curso.

6. Forma de pagamento

A EGAP comunicará ao alumnado admitido no curso o prazo así como o modo para a formalización da matrícula.

A EGAP non procederá á devolución das cantidades aboadas en concepto de matrícula no caso de renuncia ou abandono unha vez iniciado o curso.

7. Incumprimento dos prazos de pagamento

As persoas matriculadas que non fagan efectivo o importe total dos dereitos de inscrición, dentro dos prazos marcados para cada caso, perderán a súa condición de alumnos deste curso e non terán dereito á devolución das contías ingresadas con anterioridade.

8. Prazo de inscrición e presentación de instancias

O prazo para inscrición será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Para inscribirse, as persoas interesadas deberán cubrir a instancia curricular que para ese efecto figurará, na páxina web da EGAP, no seguinte enderezo: http://egap.xunta.es/cursoSig

Ás persoas admitidas solicitaráselles que presenten os seguintes documentos:

8.1. Se os peticionarios son os referidos no punto 4.1:

8.1.1. Certificación pública descritiva das funcións que desenvolve no posto de traballo, expedida pola persoa que realice as tarefas de certificación da Administración en que presta os seus servizos.

8.1.2. Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

8.2. Se os peticionarios son os referidos no punto 4.2:

8.2.1. Orixinal ou copia debidamente compulsada do título de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

8.2.2. Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

Toda a documentación remitida polos solicitantes que non sexa orixinal terá que estar debidamente compulsada.

Todos os méritos alegados deberán acreditarse seguindo a orde establecida nesta convocatoria e a documentación exixida presentarase numerada nos termos desta. A non formalización nos referidos termos suporá que non se valoren os méritos.

Poderase pedir a aclaración en todo momento dos méritos presentados. Os méritos que se inclúan na ficha curricular deberán estar convenientemente acreditados. A non presentación dos documentos acreditativos dos citados méritos dará lugar á exclusión do curso do solicitante previamente seleccionado.

9. Criterios de selección

Os participantes serán seleccionados por unha comisión técnica independente designada para este efecto cuxa composición será publicada no portal web da EGAP. A comisión seleccionará os candidatos con discrecionalidade técnica e independencia con respecto aos órganos directivos da EGAP.

Os criterios selectivos para a admisión neste curso serán os seguintes:

9.1. Para os solicitantes incluídos no punto 4.1, valoraranse:

9.1.1. Posto de traballo actual.

9.1.2. Experiencia profesional independente e distinta da correspondente ao actual posto de traballo, o que se acreditará exclusivamente nos termos sinalados na base 8.1.

9.1.3. Formación:

9.1.3.1. Formación recibida:

a) Títulos oficiais universitarios distintos aos exixidos ou acreditados como requisito para acceder a este curso.

b) Cursos ou seminarios recibidos de máis de 200 horas que teñan relación coa materia do curso.

c) Cursos, seminarios ou xornadas recibidos entre 40 e 200 horas relacionados coa materia do curso.

9.1.3.2. Formación impartida:

a) Ensinanzas oficiais universitarias.

b) Cursos, xornadas e seminarios impartidos que estean relacionados coa materia desta convocatoria.

9.1.4. Outros méritos:

9.1.4.1. Publicacións: libros, revistas técnicas e relatorios ou comunicacións de congresos relacionadas coa materia do curso.

9.1.4.2. Premios e bolsas relacionadas coa materia do curso:

Todos os méritos alegados deberán acreditarse nos termos consignados e serán achegados seguindo a orde establecida nesta convocatoria, e a documentación exixida presentarase numerada nos termos desta. A non formalización nos referidos termos suporá que non se valoren os méritos.

En todo caso, esta convocatoria rexerase subsidiariamente polos criterios de participación nas actividades docentes da EGAP (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro de 2008).

9.2. Para os solicitantes incluídos no punto 4.2, valoraranse:

9.2.1. Experiencia profesional. Terán prioridade aqueles solicitantes que acrediten mediante certificación emitida polo organismo ou entidade contratante e/ou, se é o caso, mediante copia do contrato, que a súa actividade profesional actual ten relación directa coa materia do curso.

9.2.2. Experiencia profesional independente e distinta da correspondente ao actual posto de traballo, o que se acreditará exclusivamente nos termos sinalados na base 8.1.

9.2.3. Formación:

9.2.3.1. Formación recibida:

a) Títulos oficiais universitarios distintos aos exixidos ou acreditados como requisito para acceder a este curso.

b) Cursos ou seminarios recibidos de máis de 200 horas que teñan relación coa materia do curso.

c) Cursos, seminarios ou xornadas recibidos entre 40 e 200 horas relacionados coa materia do curso.

9.2.3.2. Formación impartida:

a) Ensinanzas oficiais universitarias.

b) Cursos, xornadas e seminarios impartidos que estean relacionados coa materia desta convocatoria.

9.2.4. Outros méritos:

9.2.4.1. Publicacións: libros, revistas técnicas e relatorios ou comunicacións de congresos relacionados coa materia do curso.

9.2.4.2. Premios e bolsas relacionadas coa materia do curso.

A comisión poderá establecer cotas para garantir o carácter interdisciplinario e interadministrativo nos grupos de traballo que se establezan, de acordo coas solicitudes recibidas. Así mesmo, resolverá as alegacións e reclamacións que se poidan suscitar.

10. Publicación da lista de seleccionados e prazo de presentación de alegacións

A lista de seleccionados publicarase no taboleiro de anuncios e na páxina web da EGAP (http://egap.xunta.es/). O prazo para a presentación de alegacións será de tres días hábiles a partir da data de publicación, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

11. Lista de espera

A comisión fixará unha lista de espera por orde de preferencia no proceso selectivo para cubrir as posibles vacantes daquelas persoas seleccionadas que causen baixa antes do inicio do curso ou no transcurso das primeiras vinte e catro horas lectivas deste. As persoas que non figuren na devandita lista de espera, ou ben se atopan nun posto máis afastado na lista de reservas ou ben foron excluídas por algunha das causas establecidas nas bases da convocatoria.

12. Certificado de aproveitamento

Para a superación deste curso e a obtención do certificado de aproveitamento, os alumnos deberán presentar un proxecto individual de fin de curso. Elaborarase baixo a dirección dos profesores dos módulos temático/prácticos durante o período docente. A proposta de titor e de título do proxecto individual deberá ser aprobada previamente polos directores do curso. O proxecto será obxecto de exposición pública e avaliado por un tribunal designado para este efecto.

O prazo de entrega do proxecto fixarase durante a realización do curso e será comunicado aos alumnos coa suficiente antelación. Se tras a exposición pública do proxecto o tribunal considera que non ten unha calidade mínima, o alumno poderá presentar de novo o proxecto unha soa vez na data que a dirección do curso lle indique.

Ao final do módulo central de formación na ferramenta SIX os alumnos deberán superar un test de 25 preguntas con 4 posibles respostas, das cales deberán escoller unha. Valoraranse negativamente as erróneas e exixirase un mínimo do 60% do total de preguntas acertadas para a superación do test. A superación deste exame dálles dereito á obtención do diploma oficial de ESRI. Os alumnos deberán aprobar a totalidade dos exames para obter o certificado de aproveitamento. Os que non superen a totalidade dos exames poderán presentarse de novo na seguinte convocatoria do curso.

Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causas xustificadas, pero baixo ningún concepto poderá superar o 15% das horas lectivas. Toda ausencia deberá ser sempre motivada e xustificada ante a EGAP.

Non se expedirán certificados de asistencia sen superar o curso.

13. Desenvolvemento

O curso desenvolverase na EGAP, rúa Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela, entre o 1 de outubro de 2012 e o 13 de xuño de 2013.

Terá unha duración de 248 horas que se distribuirán a razón de oito horas por semana, ordinariamente os luns e mércores das 16.00 a 20.00 horas.

Durante o desenvolvemento deste curso levarase a cabo un control permanente da asistencia mediante os sistemas que se establezan para estes efectos. Os alumnos terán que acreditar mediante a súa sinatura a súa asistencia a cada unha das sesións académicas e ao taller.

14. Modificacións e incidencias

A EGAP reserva para si a facultade de modificar o programa, e de resolver as cuestións que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como de cancelalo (se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización).

Corresponde á dirección do curso resolver as incidencias de carácter xeral que poidan producirse durante o desenvolvemento do curso.

A realización deste curso queda condicionada á formalización de matrículas, así como ao pagamento de polo menos o seu primeiro prazo, por un importe que a dirección da EGAP considere suficiente para o financiamento do curso. No caso de que, por insuficiencia de matrículas, non sexa posible a realización do curso, a EGAP procederá á devolución das cantidades aboadas.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2012

Pablo Figueroa Dorrego
Director da Escola Galega de Administración Pública