Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Venres, 13 de xullo de 2012 Páx. 28015

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 4 de xullo de 2012 pola que se publica a modificación dos estatutos da Mancomunidade de Fisterra.

O procedemento de modificación dos estatutos das mancomunidades está regulado no artigo 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. En cumprimento do disposto no citado precepto, o presidente da mancomunidade remitiulle á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a documentación relativa á súa modificación.

Examinada a documentación, considérase que a tramitación da modificación estatutaria seguiu o procedemento legalmente previsto para tal fin.

En síntese, para a adopción do acordo de modificación desta mancomunidade observouse a seguinte tramitación:

– A Xunta da Mancomunidade da Comarca de Fisterra, na sesión extraordinaria realizada o 4 de outubro de 2011, aprobou por unanimidade o acordo de incorporación do artigo 11.bis aos seus estatutos.

– O referido acordo someteuse a información pública durante o prazo dun mes no BOP nº 199 de Pontevedra, do 19 de outubro de 2011, período en que non se presentaron alegacións.

– Con data do 28 de outubro de 2011, recibiuse na Dirección Xeral de Administración Local solicitude formulada polo presidente da Mancomunidade Comarca de Fisterra, para os efectos de que ese centro directivo emitise o informe previsto no artigo 143.1.b, da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

– O referido informe emitiuse o 7 de novembro de 2011.

– Os plenos de cada unha das entidades locais integrantes da mancomunidade aprobaron a modificación dos estatutos e remitiron á Dirección Xeral de Administración Local unha copia certificada dos acordos de aprobación da dita modificación.

Segundo o antedito e de conformidade co disposto no artigo 143.1.d) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único

Publicar a incorporación dun novo artigo 11.bis dos estatutos da Mancomunidade da Comarca de Fisterra.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2012

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Artigo11.bis

«A sede do arquivo histórico da documentación da Mancomunidade será Corcubión, no local sito na planta baixa da Casa do Concello».