O Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, establece no seu artigo 6 que a Secretaría Xeral Técnica exercerá as competencias e funcións establecidas polo ordenamento xurídico vixente en relación coas diferentes unidades e servizos en que se estrutura a consellería, así como aqueloutras que lle sexan delegadas ou encomendadas polo titular da consellería.
A Orde do 28 de abril de 2011 (DOG número 83, do 29 de abril de 2011) regula a edición electrónica do Diario Oficial de Galicia e determina a súa posta en funcionamento.
A disposición adicional única da dita orde establece que no prazo máximo de seis meses a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ditará a resolución de aprobación do Manual de estilo do DOG, que será publicado no DOG e na páxina web da dita consellería. Indícase, ademais, que a partir da súa aprobación e publicación os envíos ao DOG deberán facerse segundo as normas do dito manual.
O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e nove de xuño de dous mil doce, acordou aprobar e ordenar a publicación do Manual de estilo do Diario Oficial de Galicia e outras publicacións institucionais, que será de aplicación aos textos que se publiquen no DOG e ao resto de publicacións institucionais, en particular:
– Ás publicacións en formato papel e en formato electrónico.
– Aos materiais informativos elaborados polos gabinetes de comunicación.
– Ás páxinas web institucionais.
– Aos materiais formativos, en calquera soporte, editados ou autorizados pola Xunta de Galicia, destinados a ser utilizados en todo tipo de actividades de formación, particularmente, os elaborados para os cursos de linguaxe administrativa.
En virtude do anterior, e de conformidade co establecido na dita disposición adicional única da Orde do 28 de abril de 2011 pola que se regula a edición electrónica do Diario Oficial de Galicia e se determina a súa posta en funcionamento,
RESOLVO:
Primeiro. Publicar o Manual de estilo do Diario Oficial de Galicia e outras publicacións institucionais, que será de aplicación aos textos que se publiquen no DOG e ao resto de publicacións institucionais, en particular:
– Ás publicacións en formato papel e en formato electrónico.
– Aos materiais informativos elaborados polos gabinetes de comunicación.
– Ás páxinas web institucionais.
– Aos materiais formativos, en calquera soporte, editados ou autorizados pola Xunta de Galicia, destinados a ser utilizados en todo tipo de actividades de formación, particularmente, os elaborados para os cursos de linguaxe administrativa.
Segundo. O citado manual poderá consultarse na páxina web da Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, no enderezo http://www.xunta.es/cpapx
Terceiro. A partir da aprobación e publicación do dito manual, os envíos ao DOG e as restantes publicacións institucionais deberán facerse segundo as normas daquel.
Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2012
Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza