O artigo 82 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que os bens e dereitos patrimoniais da Comunidade Autónoma de Galicia poden ser cedidos gratuitamente para a realización de fins de utilidade pública ou interese social a outras administracións públicas, sempre que a súa afectación ou explotación non se considere previsible.
No artigo 96 bis do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, segundo redacción dada polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo, disponse que o acordo de cesión, que adoptará a forma de orde, publicarase no Diario Oficial de Galicia, expresando a finalidade concreta a que as entidades beneficiarias deben destinar os bens, así como as súas condicións. Este acordo, se é o caso, levará implícita a desafectación dos bens de que se trate
De conformidade co disposto no artigo 83 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, a cesión dos bens mobles do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia é competencia do titular da consellería que teña a adscrición do ben.
Con data do 13 de abril de 2012, o Concello do Pereiro de Aguiar remitiu un escrito dirixido á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar no cal se solicitaba a cesión en propiedade dunha máquina de servizos automotriz (matrícula E-2789-BCG), que viña usando desde o ano 2004 para obras e servizos de utilidade colectiva, en virtude dun acordo asinado entre o Concello e a Dirección Xeral do Voluntariado.
Polo tanto, no marco do réxime legal regulador das relacións de colaboración, cooperación e coordinación, e logo da petición do Concello do Pereiro de Aguiar, considérase conveniente ceder ao devandito concello a propiedade do citado vehículo, do que é titular a Comunidade Autónoma de Galicia e adscrito á Consellería de Traballo e Benestar.
Para tal fin, a Consellería de Traballo e Benestar tramitou o expediente de cesión, de conformidade co disposto na sección 5ª do capítulo V, do título III da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96 bis do regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo, en vigor.
Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1
Acórdase a cesión en propiedade a favor do Concello do Pereiro de Aguiar do seguinte vehículo:
Marca: Honda.
Modelo: TRX350.
Matrícula: E-2789-BCG.
Ano de matriculación: 2003.
Artigo 2
A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:
a) O ben cedido tal como establecen os artigos 82.1 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 96 bis do Decreto 50/1989, polo que se aproba o seu regulamento, destinarase a fins de utilidade pública ou interese social do Concello do Pereiro de Aguiar, concretamente, para obras e servizos de utilidade colectiva consistentes na revalorización de espazos públicos, vixilancia para a prevención de incendios forestais e coidados do medio ambiente en todo o termo municipal.
b) Coa cesión outorgarase ao Concello do Pereiro de Aguiar a propiedade do ben moble cedido.
c) Se o ben cedido non se aplicase ao fin sinalado, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá na Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentase.
d) Serán por conta da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento do ben moble cedido, así como os derivados dos seguros, inspección técnica de vehículos (ITV) e dos impostos correspondentes.
Artigo 3
A dita cesión formalizarase mediante acta subscrita pola secretaria xeral técnica desta consellería ou funcionario/a en que delegue e debe constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.
Disposición derradeira primeira
Facúltase a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar para ditar as resolucións e realizar os trámites necesarios para o desenvolvemento e execución desta orde.
Disposición derradeira segunda
Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2012
Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar