Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Xoves, 12 de xullo de 2012 Páx. 27866

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 29 de xuño de 2012 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello das Pontes de García Rodríguez, no ámbito do SUI-1 en Pena Porreira.

O Concello das Pontes de García Rodríguez remite a modificación puntual referida, das normas subsidiarias de planeamento no ámbito do SUI-1 en Pena Porreira e solicita a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello das Pontes de García Rodríguez conta cunhas Normas subsidiarias de planeamento de ámbito municipal aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo o 9.12.1985.

2. O ámbito de que se trata foi afectado por unha modificación das NSP aprobada definitivamente o 28.10.1992.

3. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu por Decisión do 29.7.2010 a non necesidade de someter a modificación puntual a avaliación ambiental estratéxica.

4. Os servizos técnicos municipais emitiron informes, técnico o 25.4.2011 e xurídico o 27.4.2011.

5. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial o 10.6.2011, ao abeiro do artigo 85.1 da LOUG.

6. A secretaria municipal emite informe favorable en data 5.10.2011.

7. A modificación proposta foi aprobada inicialmente polo Concello en Pleno en sesión do 11.10.2011; e sometida a información pública polo prazo de dous meses (Diario de Ferrol e La Voz de Galicia do 20.10.2011, e DOG do 25.10.2011) e comunicada aos concellos estremeiros (San Sadurniño, As Somozas, Ortigueira, Monfero, A Capela, Xermade, Muras e Mañón). Foron presentadas as alegacións indicadas no informe xurídico emitido pola secretaria municipal o 8.3.2012, con carácter previo á aprobación provisional.

8. No expediente constan os seguintes informes sectoriais favorables:

a) Banco de Terras de Galicia (Consellería do Medio Rural) de data 3.11.2011.

b) Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico (Augas de Galicia) de data 11.11.2011.

c) Dirección Xeral de Infraestruturas da CMATI, de data 28.11.2011.

d) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (Consellería de Cultura e Turismo) informe favorable condicionado do 17.2.2012; que foi debidamente cuberto.

9. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo Pleno municipal do 16.3.2012.

II. Análise e consideracións.

1. Logo de analizar a documentación remitida polo concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, cómpre sinalar:

A modificación puntual ten por obxecto redelimitar o ámbito do sector de solo urbanizable industrial SUI-1, a fin de excluír deste ámbito as superficies atinxidas por tres novas infraestruturas: autovía AG-64 Ferrol-Vilalba, estrada AC-564 Cabanas-As Pontes de García Rodríguez e gasoduto Mugardos-As Pontes de García Rodríguez-Guitiriz; así como as superficies atinxidas por un conxunto de elementos arqueolóxicos.

2. Exclúese tamén parte do sector que pasa a se clasificar como solo urbanizable non delimitado SUI-01B.

3. A modificación fundaméntase en razóns de interese público debidamente xustificadas, como establece o artigo 94.1 da LOUG.

4. Conforme o establecido no artigo 95.2 da LOUG, sendo que se reclasifica solo rústico de protección común a solo urbanizable, o documento acadou o preceptivo informe favorable previo da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia en sesión do 20 de xuño de 2012.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do Planeamento Xeral corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede, resólvese:

1º. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das Normas subsidiarias de planeamento do Concello das Pontes de García Prodríguez, no ámbito do SUI-1 Pena Porreira, de acordo co establecido no artigo 85.7.a da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

2º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3º. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas