Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Luns, 9 de xullo de 2012 Páx. 27269

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 27 de xuño de 2012 sobre a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Marín (Pontevedra).

O Concello de Marín remite o documento do Plan Xeral de Ordenación Municipal, xunto co expediente administrativo para a súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación remitida polo Concello, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. Planeamento municipal vixente.

Na actualidade no concello de Marín están en vigor unhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente o 9.6.1978.

Estas NSP foron obxecto de modificacións puntuais aprobadas definitivamente os días 30.12.2002, o 14.2.2003, o 12.7.2005 e o 27.9.2005.

I.2. Figuras de ordenación do territorio con incidencia supramunicipal.

O termo municipal de Marín está afectado polo proxecto sectorial da liña de alta tensión subestación Lourizán a Cangas, aprobado definitivamente polo Consello da Xunta o 29.7.2004 (DOG do 14.1.2005).

I.3. Tramitación.

1. O 9.6.2006, a Dirección Xeral de Urbanismo da CPTOPT emite informe previo á aprobación inicial do PXOM, de conformidade co disposto no artigo 85.1 da LOUG.

2. O Pleno do Concello de Marín aprobou inicialmente o PXOM o 26.2.2007; e someteuno a información pública por un período de dous meses mediante anuncios nos xornais Diario de Pontevedra e Faro de Vigo do 1 de marzo, así como no DOG número 47, do 7 de marzo. Simultaneamente déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Moaña, Pontevedra, Vilaboa e Bueu, e solicitáronse os informes sectoriais correspondentes. Constan no expediente administrativo os informes técnico e xurídico respecto da conformidade do plan coa lexislación vixente e a calidade técnica da ordenación proxectada.

3. O Pleno do Concello de Marín en sesión do 14.10.2009 acordou abrir un novo trámite de información pública durante o prazo de dous meses, do documento de PXOM e do informe de sustentabilidade ambiental, e publicou anuncios nos xornais Diario de Pontevedra e Faro de Vigo dos días 22.10.2008 e 24.10.2008 respectivamente, así como no DOG número 210, do 29.10.2008. Simultaneamente déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Moaña, Pontevedra, Vilaboa e Bueu, e solicitáronse os informes sectoriais correspondentes.

4. Mediante Resolución do 15.4.2010 a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental aproba a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM de Marín.

5. O Pleno municipal aprobou provisionalmente o PXOM na sesión do 20.4.2010.

6. O 30.11.2010 o Concello de Marín remite á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o documento do PXOM para a súa aprobación definitiva. Analizada a integridade documental do plan e do expediente, e a súa adecuación ás determinacións da memoria ambiental e da súa modificación que debían incorporarse ao plan, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo desta consellería require o Concello de Marín o 13.12.2010 para que corrixa as deficiencias detectadas, requirimento que foi atendido polo Concello que completou e corrixiu o plan e remitiuno novamente os días 5.3.2012, 21.5.2012 e 20.6.2012, dando así cumprimento a diversos informes sectoriais emitidos en data posterior á aprobación provisional.

7. Mediante Resolución do 31.8.2011, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental modifica a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica do PXOM de Marín segundo o previsto na disposición transitoria primeira do Plan de ordenación do litoral de Galicia, aprobado polo Decreto 20/2011, do 10 de febreiro.

8. En cumprimento da lexislación sectorial vixente solicitáronse e emitiron informes:

a) A Xefatura Provincial de Inspección de Telecomunicacións do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, informe do 2.12.2008.

b) A Consellería de Vivenda e Solo, do 2.2.2010, informe en materia de habitabilidade.

c) Augas de Galicia, informe do 13.4.2010.

d) A Consellería de Medio Rural (Bantegal) informe do 7.2.2011 en base na Lei 7/2007, de medidas administrativas e tributarias para a conservación da superficie agraria útil e do Banco de Terras de Galicia.

e) A Delegación do Goberno en Galicia, informe do 10.2.2011.

f) O Ministerio de Fomento, da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, informe favorable do 30.5.2011.

g) A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, informe do 15.4.2010 sobre a aprobación da memoria ambiental.

h) Portos de Galicia, informe favorable do 3.11.2011.

i) A Subdirección Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade da Consellería do Medio Rural, informe do 7.11.2011.

j) A Dirección Xeral de Infraestruturas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, informe favorable do 9.1.2012.

k) A Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, informe do 3.2.2012.

l) A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, informe favorable condicionado do 6.2.2012.

m) A Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar do Ministerio de Medio Ambiente, e Medio Rural e Mariño, informe favorable do 9.2.2012.

n) A Dirección Xeral de Infraestruturas do Ministerio de Defensa, informe favorable do 21.2.2012.

ñ) Secretaría de Estado de Transportes, Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Fomento, informe favorable do 23.2.2012.

o) A Subdirección Xeral de Ordenación do Territorio da SXOTU, informe do 25.6.2012 ao abeiro do disposto no artigo 117.2 da Lei 22/1988, de costas, respecto da compatibilidade do documento coa normativa de costas, conforme o informe favorable da Administración do Estado do 9.2.2012 (documento de PXOM, fase VIII xunto co anexo á fase VIII).

9. A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia emitiu informe do 22.3.2012 respecto da redución da franxa de protección de costas desde os 200 ata os 100 metros contados desde o límite interior da ribeira do mar, ao abeiro do artigo 32.2.e) da LOUG.

10. O Concello de Marín corrixiu e completou o PXOM con base nas consideracións do informe da CSU achegando nova documentación o 20.6.2012, que ademais integra a corrección de erros detectados na documentación gráfica e escrita do plan.

11. A documentación que integra o plan que se eleva a aprobación definitiva está datada en decembro de 2011, con dilixencia de aprobación polo Concello pleno do 1.3.2012 como consecuencia do requirimento da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 13.12.2010 relativo ao documento do PXOM aprobado provisionalmente o 20.4.2010. A documentación achegada á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o 21.5.2012, data de abril de 2012 e foi aprobada polo Pleno o 11.5.2012. E, finalmente, a documentación que se achega o 20.6.2012, dátase en maio de 2012 e foi aprobada polo Concello pleno do 15.6.2012.

II. Análise e consideracións.

Segundo o disposto nos artigos 85.7 e 227 da Lei 9/2002, para resolver sobre a aprobación definitiva, analizouse a integridade e suficiencia dos documentos que integran o plan; a conformidade do plan coa lexislación urbanística vixente e a adecuación das súas determinacións á protección do medio rural; e a incidencia do plan sobre as materias de competencia autonómica e sobre as políticas autonómicas de desenvolvemento sustentable e a articulación das infraestruturas de carácter local cos elementos vertebradores do territorio de alcance supramunicipal.

O modelo de ordenación proposto polo PXOM de Marín axústase no fundamental aos criterios expresados na LOUG, recoñecendo o sistema tradicional de asentamentos, establecendo para eles unha ordenación propia, definindo as necesarias proteccións para os terreos que as precisan, e prevendo ámbitos para o futuro desenvolvemento de usos residenciais e produtivos, dotando o concello dunha ordenación propia de cara a favorecer o desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESÓLVESE:

1º. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Marín, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

2º. Requirir o Concello de Marín para que redacte un texto refundido que recolla as modificacións introducidas no documento do PXOM aprobado provisionalmente.

3º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

4º. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas