Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 6 de xullo de 2012 Páx. 27180

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Traballo e Benestar

CÉDULA do 21 de xuño de 2012 pola que se notifica o acordo de repetición por danos e perdas causados por incumprimento do contrato para a prestación dun servizo integral de control loxístico, centro de coordinación e teleoperación que dea soporte á xestión operativa do servizo galego de apoio á mobilidade persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes (CP 86/08) contra as empresas Satdata Telecom, S.L., Valedeme, S.L. e Emergency, Security and Logistic Control, S.L.

O 5 de xuño de 2012 a secretaria xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar ditou resolución pola que se acorda repetir por danos e perdas causados por incumprimento do contrato para a prestación dun servizo integral de control loxístico, centro de coordinación e teleoperación que dea soporte á xestión operativa do servizo galego de apoio á mobilidade persoal para persoas con discapacidade e/ou dependentes (CP 86/08), solidariamente, contra as empresas Satdata Telecom, S.L., Valedeme, S.L. e Emergency, Security and Logistic Control, S.L., na contía de 319.065,48 €, máis os xuros legais correspondentes, con base nos feitos e razóns expostos. Todo isto sen prexuízo de que existen outras reclamacións administrativas e/ou xudiciais pendentes de resolución. Mediante carta certificada e con xustificante de recepción intentouse, por dúas veces, a notificación do acordo a Satdata Telecom, S.L. De conformidade co previsto no artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procede realizar a notificación do acordo de repetición por medio de anuncio no taboleiro de edictos do concello do seu último domicilio coñecido e no Diario Oficial de Galicia. En virtude disto, mediante esta cédula, e de conformidade co disposto no artigo 61 da referida Lei 30/1992 cítase a empresa Satdata Telecom, S.L., para que compareza no prazo de 10 días contados desde o seguinte ao da publicación desta cédula no Diario Oficial de Galicia, para os efectos da notificación do acordo de repetición por danos e perdas causados por incumprimento do referido contrato, nas dependencias da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, no edificio administrativo San Caetano, en Santiago de Compostela.

Contra o acordo que se notifica, concédese un prazo de 10 días hábiles para formular as alegacións convenientes en defensa do seu dereito.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2012

P.D. (Artigo 1 da Orde 19.8.2009)
Cristina Ortiz Dorda
Secretaria xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar