Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 6 de xullo de 2012 Páx. 27155

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se outorga a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Vimianzo, na provincia da Coruña (expediente IN627A 2010/12-0).

Logo de examinar o expediente instruído a instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e enderezo, para os efectos de notificacións, na rúa Lisboa, edificio Área Central, local 31 - HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 21.9.2010 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa para a distribución de gas natural no termo municipal de Vimianzo (A Coruña), acompañada do preceptivo proxecto. As características básicas das instalacións son as seguintes:

A subministración de gas natural á localidade de Vimianzo realizarase dende unha Planta de Gas Natural Licuado (GNL). A rede de distribución proxectada, que aparece reflectida nos planos de planta de trazado incluídos no proxecto, está formada por:

– Unha rede básica de distribución en rango de presión 2 < MOP (presión máxima de operación) ≤ 5 bar, que parte do punto de subministración e chega ás inmediacións do núcleo urbano de Vimianzo.

– E unha rede secundaria de distribución en rango de presión 0,1 < MOP ≤ 2 bar, que parte da rede básica cara aos distintos puntos de consumo.

Esta rede deséñase en polietileno de alta densidade PE 100 SDR 17,6, de diámetro variable de 160 a 63 mm, segundo necesidades. A lonxitude prevista para a rede proxectada é da orde dos 9.891 m, dos cales 2.661 m corresponden á rede básica e 7.230 m á rede secundaria.

O orzamento ascende á cantidade de setecentos doce mil setecentos tres euros con catorce céntimos (712.703,14 euros).

Segundo. O 28.9.2010 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu iniciar o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril. Esta resolución foi publicada no Diario Oficial de Galicia do 27.1.2011 e durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron outras solicitudes en concorrencia e, en consecuencia, continuouse co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada por Gas Galicia SDG, S.A.

Terceiro. O 11.7.2011 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu someter a información pública o devandito proxecto de autorización administrativa da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Vimianzo (A Coruña). Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 10.8.2011, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 3.8.2011 e nos xornais La Voz de Galicia e El Ideal Gallego do 11.8.2011, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do dito concello entre o 19.7.2011 e o 17.8.2011.

Durante o período de información pública legalmente establecido para este proxecto de autorización administrativa, foi presentado un escrito por parte do Concello de Vimianzo coas seguintes alegacións:

1. O trazado proxectado non abastece suficientemente ao núcleo urbano delimitado como tal polo planeamento urbanístico. Tendo en conta que a instalación de abastecemento de gas natural ten o carácter de sistema xeral, non pode proxectarse discriminación algunha nas súas prestacións e/ou servizo dentro do límite clasificado como solo urbano consolidado; polo tanto, deberá corrixirse o dito trazado.

2. Non queda claro nin suficientemente garantido o abastecemento futuro ao solo clasificado como SAUR (solo apto para urbanizar). Contradise así o exposto no punto 9 «Compatibilidade coa ordenación do territorio no que se planea garantir a subministración de gas natural non só aos clientes potencias existentes na actualidade, senón á totalidade dos clientes potenciais futuros...».

3. De acordo co proxecto, a planta de GNL sitúase en solo clasificado como espazo libre de dominio e uso público do Parque Empresarial de Vimianzo. Neste solo, tal instalación é completamente incompatible en canto a uso e en canto a construción; sendo ademais constitutivo de delito, de acordo ao artigo 319 do Código penal.

Cuarto. A Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria informou favorablemente sobre o proxecto de referencia o 4.8.2011.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio, e no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, modificado polo Decreto 8/2011, do 23 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP) e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. Logo de examinar o escrito de alegacións presentado polo Concello de Vimianzo, a contestación da empresa Gas Galicia SDG, S.A .a estas alegacións e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

En canto ás alegacións nº 1 e 2, indicar que a concesión desta autorización administrativa obrigará a Gas Galicia SDG, S.A. ao desenvolvemento da rede contemplada no proxecto presentado para o efecto e, así mesmo, á súa ampliación no núcleo urbano a medida que vaia crecendo a demanda de gas natural, tal e como se desprende dos seguintes preceptos:

– A disposición adicional 23ª da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, establece que sobre a zona de distribución de gas natural dunha autorización administrativa non poderán concederse novas autorizacións para a construción de instalacións de distribución, debendo cumprir as obrigas de servizo de interese xeral e extensión das redes, impostas na lexislación e na propia autorización administrativa.

– Segundo o establecido no artigo 74.d desta lei, os distribuidores de gas natural teñen a obriga de proceder á ampliación das instalacións de distribución e facilitar as conexións, no ámbito xeográfico da súa autorización, en condicións de igualdade, cando así sexa necesario para atender novas demandas de subministración de gas.

En canto á alegación nº 3, indicar que a planta de GNL deberá situarse nunha parcela, cuxa clasificación de solo no planeamento urbanístico, permita estas instalacións.

Previamente á construción da infraestrutura gasista contemplada no proxecto de autorización administrativa, así como de futuras extensións da rede de gas, a empresa distribuidora (Gas Galicia SDG, S.A.) deberá presentar o proxecto de execución, co detalle das instalacións, ante os seguintes organismos e para os efectos indicados:

– Ante esta dirección xeral, para a aprobación do dito proxecto de execución.

– Ante o Concello de Vimianzo, para obter a licenza municipal.

– Se é o caso, ante outros organismos, con bens ou dereitos afectados pola infraestrutura gasista, para obter as súas autorizacións.

Cuarto. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De conformidade cos preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Outorgar á empresa Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Vimianzo (A Coruña), de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, a contar desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 14.254,06 euros, importe do 2% do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme ao previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. A devandita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. Dentro do prazo de seis meses, contado a partir da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá solicitar á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a aprobación do proxecto de execución, para o que deberá presentar o proxecto detallado das instalacións. En todo caso, deberán cumprirse os prazos previstos no proxecto de autorización administrativa, podendo os anteditos prazos ser prorrogados por causa xustificada, previa a correspondente solicitude acompañada da xustificación técnica ou exposición da causa de forza maior causante da demora.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os cumprimentan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Cuarta. A autorización administrativa afecta ao termo municipal de Vimianzo, na provincia da Coruña, e contempla a gasificación deste municipio de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto, subscrito polo enxeñeiro industrial Alfonso Vázquez Varela (colexiado nº 1.130) e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, na súa Delegación de Santiago de Compostela, con rexistro nº 581/10 e data 13.9.2010.

Quinta. A autorización administrativa outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licencias de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realizar as instalacións aprobadas.

Sexta. A Administración resérvase o dereito a deixar sen efecto a presente autorización administrativa por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos; ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2012

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas