Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Venres, 6 de xullo de 2012 Páx. 27108

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 3 de xullo de 2012 pola se regula o procedemento de autorización da prolongación da permanencia e prórroga no servizo activo do persoal estatutario e se modifica a Orde do 8 de maio de 2012 pola que se aproba o Plan de ordenación de recursos humanos do Servizo Galego de Saúde.

Ata a entrada en vigor da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, o marco regulador da relación de servizos do persoal estatutario contíñase no Estatuto Xurídico do Persoal Médico da Seguridade Social, Estatuto do Persoal Sanitario non Facultativo e o Estatuto de Persoal non Sanitario das institucións sanitarias da Seguridade Social, que fixaban a idade de xubilación para o devandito persoal nos setenta anos.

A dita lei unifica e substitúe o réxime xurídico aplicable a este persoal por un novo marco regulador que pon fin á dispersión normativa existente ata ese momento, introducindo no seu capítulo V, artigo 26, e na súa disposición transitoria sétima importantes innovacións en materia de xubilación, que se traducen nunha redución da idade de xubilación forzosa do persoal estatutario e no establecemento dunha serie de supostos que posibilitan, baixo determinadas circunstancias, coa intervención preceptiva do servizo de saúde, e en función das necesidades da organización articuladas no marco dos plans de ordenación de recursos humanos, a prolongación da permanencia no servizo activo.

Sobre este último extremo e na mesma liña, o artigo 49 do texto refundido da Lei de función pública de Galicia, logo da modificación efectuada pola Lei 1/2012, do 29 de febreiro, establece como norma xeral a xubilación forzosa do persoal funcionario ao cumprir este a idade legalmente establecida, requirindo a prolongación da permanencia no servizo activo máis alá da dita idade de autorización previa debidamente motivada sobre a base de razóns organizativas derivadas da planificación do emprego público, a avaliación do desempeño e a capacidade psicofísica do/a profesional solicitante.

En execución da previsión contida no artigo 26 da Lei 55/2003, anteriormente citada, por Orde da Consellería de Sanidade con data do 8 de maio de 2012 apróbase o Plan de ordenación de recursos humanos do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde (DOG nº 94, do 18 de maio). Entre os obxectivos xerais que se van acadar co citado plan sitúase o establecemento dunha política de recursos humanos que permita aliñar as necesidades do sistema coas dos profesionais, facendo do noso sistema un ámbito de traballo atractivo para os profesionais que na actualidade están a traballar neste así como os que se incorporen no futuro, garantindo o necesario relevo na prestación asistencial sen afectación dos niveis de calidade e seguridade nesta co fin de acadar maiores niveis de eficacia e unha xestión eficiente dos recursos públicos.

No dito instrumento de planificación, logo de analizadas as necesidades da organización sobre a base do estudo e valoración previos da estrutura poboacional e a actual configuración do cadro de persoal do Servizo Galego de Saúde conclúese un significativo envellecemento, en termos globais, do persoal do organismo, de xeito paralelo ao amosado na estrutura etaria da poboación galega, que resulta máis acusado no colectivo de persoal licenciado sanitario; circunstancia que ten incidencia en diversos aspectos organizativos da actividade asistencial destacando, entre outros, a dispoñibilidade decrecente do persoal facultativo para a cobertura da atención continuada.

O estudo realizado reflicte igualmente que, con carácter xeral, na maior parte das categorías estatutarias e segundo a información que se extrae dos últimos procesos de selección fixa e temporal convocados polo Servizo Galego de Saúde, o número de persoas aspirantes admitidas para acceder ao emprego é superior ao número de prazas convocadas e de profesionais que, en cada unha das respectivas categorías, acadarán a idade de xubilación forzosa no período de vixencia do plan, sen prexuízo das particularidades organizativas e asistenciais propias de cada ámbito territorial e/ou institución e da existencia de categorías e especialidades concretas que poden presentar maior dificultade para a incorporación de novos/as profesionais por ser superior a demanda ao número de titulados/as dispoñibles.

Derivado da normativa anteriormente exposta e do diagnóstico de situación efectuado, o plan dispón como medida xeral de ordenación que se vai adoptar, a perda da condición de persoal estatutario fixo dos/das seus/súas profesionais por cumprimento da idade de xubilación forzosa. Así mesmo, para garantir a continuidade e o mantemento da calidade asistencial determínanse os supostos e condicións nos que estes poderán prorrogar e prolongar a súa permanencia no servizo activo logo de cumprida a dita idade, que se efectuará a través do procedemento que, en desenvolvemento do dito plan, nesta orde se acorda.

Por outra parte parece razoable, tendo en conta a entrada en vigor da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia, e mais concretamente, no relativo ás previsións contidas na disposición transitoria única da citada norma, adaptar e desenvolver as previsións relativas á xubilación do persoal así como aquelas nas que se prevén os requisitos para o exercicio en réxime de permanencia en servizo activo.

Esta adaptación e modificación facilitará un mellor coñecemento das citadas situacións, contribuindo a establecer de xeito claro as condicións tanto da xubilación como da permanencia no servizo activo.

Tendo en conta o anterior, de conformidade co establecido no artigo 43 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer o procedemento de autorización da prolongación de permanencia e prórroga no servizo activo, recollidas no artigo 26 e na disposición transitoria sétima da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde e modificar a Orde do 8 de maio de 2012, pola que se aproba o Plan de ordenación de recursos humanos do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

A regulación contida nesta orde será de aplicación ao persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde e demais entidades públicas instrumentais adscritas á Consellería de Sanidade.

Artigo 3. Órgano competente para resolver

A prolongación da permanencia e prórroga no servizo activo do persoal estatutario será autorizada ou denegada pola Xerencia de Xestión Integrada, Xerencia Executiva ou órgano de dirección equivalente da entidade á que figure adscrito o/a profesional solicitante, mediante resolución individual e motivada.

Naqueles ámbitos territoriais que non teñan configurada a estrutura organizativa de xestión integrada prevista no Decreto 168/2010, do 7 de outubro, e mentres non se desenvolva esta, a competencia corresponderá ás direccións xerencias de atención primaria e especializada do respectivo ámbito.

Capítulo II
Procedemento de autorización da prolongación da permanencia
ou prórroga no servizo activo
Sección 1ª

Artigo 4. Procedemento de autorización da prolongación da permanencia no servizo activo, prevista no artigo 26.2 da Lei 55/2003

1. O procedemento de autorización da prolongación da permanencia no servizo activo prevista no artigo 26.2 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, iniciarase a solicitude de persoa interesada, segundo modelo normalizado que figura como anexo desta orde, que deberá presentarse cunha antelación mínima de tres meses e máxima de catro á data na que se cumpra a idade de xubilación forzosa no rexistro do órgano competente para a súa tramitación ou demais rexistros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Se no prazo indicado, o/a profesional non manifesta a súa vontade de permanecer no servizo activo mediante a presentación da correspondente solicitude, procederase á súa xubilación polo órgano competente, ao cumprir aquel/aquela a idade de xubilación forzosa establecida na normativa vixente.

2. Para autorizar a prolongación da permanencia no servizo activo neste suposto exixiranse, sucesivamente, os seguintes requisitos:

Primeiro. A concorrencia de necesidades asistenciais e/ou organizativas derivadas da planificación do emprego público, debidamente xustificadas, que amparen a prolongación solicitada nos termos do Plan de ordenación de recursos humanos do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde vixente e do artigo 5 desta orde.

Segundo. A acreditación da capacidade funcional necesaria para exercer a profesión ou desenvolver as actividades correspondentes ao seu nomeamento, nos termos expostos no capítulo III desta orde.

3. A solicitude de autorización denegarase por algún dos seguintes motivos:

a) Carencia polo/a interesado/a do requisito da idade.

b) Non concorrencia de necesidades asistenciais e/ou organizativas que xustifiquen a prolongación da permanencia no servizo activo, nos termos expostos nesta orde.

c) Incomparecencia do/a profesional, sen causa xustificada, ás citacións para a valoración da capacidade funcional efectuadas polos órganos competentes.

d) Non quedar debidamente acreditado que a persoa interesada reúne a capacidade funcional necesaria para exercer a profesión ou desenvolver as actividades correspondentes ao seu nomeamento.

Constituirá causa de inadmisión da solicitude a presentación da mesma fóra do prazo establecido nesta orde.

4. O prazo máximo para resolver a solicitude será de tres meses, contados desde a data na que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para resolver. A resolución de aceptación ou denegación da prolongación da permanencia no servizo activo solicitada, que deberá estar debidamente motivada, notificarase dentro do dito prazo á persoa interesada nos termos dos artigos 58 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. A prolongación da permanencia no servizo activo supedítase, en todo caso, ao mantemento pola persoa interesada da capacidade funcional necesaria para exercer a profesión ou desenvolver as actividades correspondentes ao seu nomeamento, así como á concorrencia das necesidades asistenciais e/ou organizativas debidamente xustificadas que ampararon a dita prolongación, co límite máximo dos setenta anos de idade.

As resolucións que autoricen a prolongación da permanencia no servizo activo dos profesionais conterán indicación expresa de ambas as condicións.

6. As resolucións relativas á prolongación da permanencia no servizo activo non poñen fin á vía administrativa e poderán ser recorridas en alzada ante a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde nos termos dos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5. Acreditación da concorrencia de necesidades asistenciais e/ou organizativas

A prolongación da permanencia no servizo activo prevista no artigo 26.2 da Lei 55/2003 autorizarase en función das necesidades da organización articuladas no marco do Plan de ordenación de recursos humanos do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde complementado coa información actualizada que subministren os sistemas de información dispoñibles en cada momento no Servizo Galego de Saúde.

A determinación da concorrencia ou non das ditas necesidades requirirá dunha motivación específica dos órganos directivos responsables da xestión clínico-asistencial e de persoal da institución en que presta servizos o/a profesional solicitante que deberá incorporarse a un informe-proposta no que se analizarán, entre outros, os seguintes aspectos:

– A pertenza ou non da persoa interesada a unha categoría/especialidade deficitaria no respectivo ámbito de prestación de servizos.

– A necesidade de manter ou non a cobertura do posto ocupado ou de destinar tal recurso a outra demanda asistencial de carácter prioritario.

– A previsión de substitución do/da profesional e posibilidade de fidelización ou promoción interna doutros/as profesionais.

– A cobertura da atención continuada no servizo de adscrición do/da profesional solicitante así como a súa previsión futura, tendo en conta, entre outros, os datos de idade, exencións de prestación de tal actividade e absentismo no citado ámbito.

– Calquera outra particularidade organizativa e asistencial propia da institución e ámbito no que desenvolve as súas funcións o/a profesional solicitante ou relacionada coas condicións de prestación do servizo deste último que xustifiquen a prolongación da permanencia no servizo activo ou a denegación da prórroga solicitada.

O informe emitirase no prazo de quince días naturais seguintes á data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a resolución do procedemento e será elevado a este para os efectos da emisión da resolución que proceda.

Se o dito informe-proposta concluise a non concorrencia de necesidades organizativas e/ou asistenciais para amparar a prolongación solicitada, darase trámite de audiencia á persoa interesada.

Na resolución que se emita autorizando ou denegando a prolongación solicitada deberá quedar debidamente motivada a concorrencia ou non das ditas necesidades.

Sección 2ª

Artigo 6. Procedemento de autorización de prórroga no servizo activo, prevista no artigo 26.3 da Lei 55/2003

1. O procedemento de autorización de prórroga no servizo activo do persoal estatutario que, no momento de cumprir a idade de xubilación forzosa, lle resten seis anos ou menos de cotización para causar dereito á pensión de xubilación, iniciarase a solicitude de persoa interesada segundo modelo normalizado que se recolle como anexo á presente orde, que deberá presentarse cunha antelación mínima de tres meses e máxima de catro, á data de cumprimento da idade de xubilación forzosa.

As solicitudes de prórroga poderán presentarse no rexistro do órgano competente para a súa tramitación ou en calquera dos demais rexistros previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De non exercitar a persoa interesada o seu dereito á prórroga no servizo activo no prazo indicado, procederase á declaración de xubilación forzosa do/a interesado/a polo órgano competente.

2. Para autorizar a prórroga no servizo activo neste suposto, exixirase:

a) A concorrencia da circunstancia habilitante, sinalada no punto anterior, cuxa acreditación se efectuará mediante certificación ou informe, orixinal ou copia compulsada, expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, onde se reflicta o tempo de cotización que lle resta ao/á profesional para os efectos do recoñecemento da pensión de xubilación.

b) A acreditación da capacidade funcional necesaria para exercer a profesión ou desenvolver as actividades correspondentes ao nomeamento, nos termos expostos no capítulo III desta orde.

3. A solicitude de autorización denegarase, ademais de polas causas sinaladas no artigo 4.3, letras a), c) e d), por non restarlle á persoa interesada, no momento de cumprir a idade de xubilación forzosa, seis ou menos anos de cotización para causar dereito á pensión de xubilación.

A presentación da solicitude fóra do prazo establecido nesta orde determinará a súa inadmisión.

4. O prazo máximo para resolver a solicitude será de tres meses, contados desde a data na que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para resolver. A resolución de autorización ou denegación, debidamente motivada, notificarase dentro do dito prazo á persoa interesada nos termos dos artigos 58 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. A prórroga no servizo activo supedítase ao mantemento da capacidade funcional do/da profesional para exercer a profesión ou desenvolver as actividades correspondentes ao seu nomeamento e, en ningún caso, poderá estenderse fóra da data na que a persoa interesada complete o tempo de cotización necesario para causar dereito á pensión de xubilación.

6. As resolucións relativas á prórroga no servizo activo non poñen fin á vía administrativa e poderán ser recorridas en alzada ante a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde nos termos dos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sección 3ª Disposicións comúns

Artigo 7. Vixencia da autorización

1. A continuidade no servizo activo, logo de cumprida a idade de xubilación forzosa, autorizarase por un período inicial máximo dun ano desde a data de cumprimento da citada idade, con posibilidade de prórroga por idénticos períodos de duración, co límite máximo legalmente establecido e condicionada, en todo caso, ao mantemento das condicións que se tiveron en conta para autorizar a dita prolongación.

2. A prolongación da permanencia e prórroga no servizo activo entenderase sen prexuízo das potestades administrativas de ordenación e provisión de prazas recollidas na normativa vixente e non atribuirá ao/á profesional, en virtude da dita prolongación, un dereito á permanencia no mesmo posto de traballo desempeñado ata a data de xubilación.

Artigo 8. Renovación da autorización

As persoas interesadas en prorrogar a autorización concedida, deberán presentar solicitude por escrito de renovación cunha antelación mínima de tres meses e máxima de catro á data na que expire a vixencia da autorización ou da renovación inmediatamente anterior, resultando de aplicación para a súa tramitación o procedemento previsto nesta orde así como o disposto no artigo anterior.

Artigo 9. Fin da prolongación da permanencia en situación de servizo activo

1. O órgano competente para autorizar a prolongación da permanencia ou prórroga no servizo activo dun/dunha profesional, poderá revogar calquera autorización emitida no momento en que resulte acreditado que a persoa interesada deixou de reunir a capacidade funcional necesaria para exercer a profesión ou desenvolver as actividades correspondentes ao seu nomeamento, nos termos exixidos no artigo 11. A revisión da capacidade funcional, que se poderá efectuar en calquera momento, axustarase ao procedemento e prazos previstos no capítulo III.

2. Na instrución de tal procedemento darase trámite de audiencia á persoa interesada.

3. As resolucións relativas á revogación das situación de prórroga e prolongación no servizo activo non poñen fin á vía administrativa e poderán ser recorridas en alzada ante a Dirección de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde nos termos dos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo III
Valoración da capacidade funcional

Artigo 10. Capacidade funcional

Para os efectos desta regulación, enténdese por capacidade funcional a aptitude física, psíquica e sensorial necesaria que debe reunir o/a profesional para o desenvolvemento das actividades propias do seu nomeamento, nuns niveis de exixencia que permitan satisfacer as demandas da actividade encomendada, sen interferir na dinámica e ritmo de traballo do equipo no que se integra.

Artigo 11. Órganos competentes

1.1. Co fin de acreditar que o profesional que solicita a prolongación da permanencia ou prórroga no servizo activo logo de cumprida a idade de xubilación forzosa reúne a capacidade funcional necesaria para exercer a profesión ou desenvolver as actividades correspondentes ao seu nomeamento, constituirase unha comisión periférica de valoración da capacidade funcional en cada estrutura de xestión integrada, e unha comisión central.

Naqueles ámbitos territoriais que non teñan configurada a estrutura de xestión integrada prevista no Decreto 168/2010, do 7 de outubro, e mentres non se desenvolva esta, constituirase unha comisión periférica en cada área sanitaria, cuxa designación e cesamento efectuarase por resolución conxunta das direccións xerencias de atención primaria e especializada do respectivo ámbito.

1.2. Composición.

1.2.1. As comisións périféricas de valoración da capacidade funcional terán a seguinte composición:

– A proposta da xerencia da respectiva área de xestión integrada:

• Un/unha facultativo/a especialista en medicina do traballo adscrito/a a unha Unidade de Prevención de Riscos Laborais do Servizo Galego de Saúde.

• Un/unha facultativo/a especialista de área de psiquiatría.

• Un/unha profesional pertencente a unha categoría de persoal licenciado sanitario.

• Un/unha membro do equipo directivo da respectiva xerencia de área integrada.

– A proposta da Subdirección Xeral de Inspección, Auditoría e Acreditación da Consellería de Sanidade:

• Un/unha inspector/a médico/a.

A designación e cesamento dos seus membros, titulares e suplentes, efectuarase polo/a respectivo/a xerente de xestión integrada, quen deberá nomear entre eles/elas un/unha presidente/a, que exercerá as funcións previstas no artigo 23 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e no artigo 16 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

1.2.2. A comisión central de valoración da capacidade funcional, con sede nos servizos centrais da Consellería de Sanidade, terá a seguinte composición:

– Un/unha inspector/a médico/a, a proposta do/a secretario/a xeral técnico/a da Consellería de Sanidade.

– Dous/dúas profesionais, coa condición de persoal licenciado sanitario, adscrito, un/unha deles/as, aos servizos centrais da Consellería de Sanidade ou Servizo Galego de Saúde.

– Un/unha facultativo/a especialista de área de psiquiatría.

– Un/unha facultativo/a especialista en medicina do traballo adscrito/a ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais do Servizo Galego de Saúde a proposta da Dirección de Recursos Humanos deste organismo.

A designación e cesamento dos seus membros, titulares e suplentes, efectuarase pola Xerencia do Servizo Galego de Saúde á que lle corresponderá, ademais, nomear entre eles/elas un/unha presidente/a, que exercerá as funcións previstas no artigo 23 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e no artigo 16 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

1.2.3. Secretaría. As comisións serán asistidas por un/unha secretario/a nas seguintes tarefas de apoio administrativo:

– Convocatoria de reunións por orde do/da seu/súa presidente/a.

– Notificación de actos, resolucións e acordos das respectivas comisións.

– Tramitación das solicitudes e peticións de informe dirixidas á comisión.

– Arquivo e custodia da documentación relativa á actividade da comisión.

– Calquera outra das referidas no artigo 25.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 18.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A súa designación e cesamento será efectuado polas xerencias de área integrada ou Xerencia do Servizo Galego de Saúde, segundo o ámbito da comisión, periférica ou central, respectivamente.

1.2.4. Os/as membros das comisións e secretarios/as deberán desempeñar a condición de persoal estatutario, funcionario ou laboral con vínculo de fixeza coa Administración pública.

1.3. Competencias.

1.3.1. As comisións, que terán carácter permanente, intervirán no procedemento de valoración da capacidade funcional nos termos que se indican nesta orde e asumirán, entre outras, as seguintes competencias:

• Valorar a capacidade funcional dos/das profesionais que soliciten a prolongación da vida laboral segundo os criterios que se consideren máis adecuados.

• Requirir a colaboración doutros/as profesionais dos centros sanitarios cando resulte necesario para poder valorar a capacidade funcional do/da profesional interesado/a. Para tal fin elaboraranse os protocolos de coordinación cos servizos e programas que se estimen convenientes.

• Elaborar, cunha periodicidade mínima anual, informes sobre as actividades realizadas e resultados destas.

1.4. Funcionamento. As comisións axustarán a súa actuación ao disposto na normativa vixente reguladora dos órganos colexiados e seralles de aplicación o réxime de abstención e recusación previsto nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

1.5. Asesoramento. As comisións périféricas e central de valoración poderán incorporar a profesionais doutras áreas para o asesoramento sobre as actividades propias do nomeamento ou calquera outro aspecto de interese no procedemento de valoración.

1.6. Composición equilibrada. Nas composicións da comisión central de valoración e das comisións periféricas de valoración, procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes en cada un dos órganos.

Artigo 12. Procedemento de valoración

1. Iniciación do procedemento.

O procedemento de valoración da capacidade funcional iniciarase tras a presentación en prazo pola persoa interesada da solicitude de prórroga no servizo activo.

Nos supostos das solicitudes de prolongación da permanencia no servizo activo, o procedemento de valoración da capacidade funcional iniciarase unicamente unha vez quede acreditada a concorrencia de necesidades organizativas e/ou asistenciais para amparar a prolongación solicitada nos termos que se recollen nesta orde.

2. Tramitación do procedemento.

2.1. Iniciado o procedemento, a respectiva dirección xerencia solicitará á Unidade de Prevención de Riscos Laborais (en adiante UPRL) un informe clínico sobre a persoa interesada que deberá emitirse no prazo máximo de quince días naturais.

Para tal efecto, a área médico-asistencial da UPRL que corresponda por razón do centro de prestación de servizos do/da profesional solicitante, citará a este/a e realizará o oportuno recoñecemento médico mediante avaliación clínica e psicométrica podendo solicitar as probas complementarias e interconsultas que estime pertinentes.

Unha vez efectuado o oportuno recoñecemento, os resultados deste serán remitidos pola UPRL á comisión periférica de valoración da capacidade funcional que corresponda, xunto con toda a documentación que integra o expediente.

A dirección xerencia facilitará ademais á dita comisión toda documentación e/ou información que estime deba ser obxecto de valoración polo dito órgano con carácter previo á emisión do informe-proposta; en particular, calquera incidencia detectada no desenvolvemento profesional da que tivese coñecemento e que puidera poñer de manifesto unha diminución da capacidade física, psíquica ou sensorial do/da traballador/a para a realización das actividades propias do seu nomeamento.

A comisión periférica de valoración da capacidade funcional poderá solicitar as probas complementarias e interconsultas que considere necesarias así como calquera outra información que estime de interese, que lle deberá ser facilitada coa maior celeridade, e emitirá un informe-proposta, debidamente motivado, sobre a concorrencia ou non de capacidade funcional no/a profesional avaliado/a nun prazo non superior a quince días naturais desde a data de emisión do informe clínico da área médico-asistencial da UPRL.

Se o informe conclúe que o/a profesional reúne a capacidade funcional necesaria, o/a mesmo/a será remitido/a á dirección xerencia correspondente, para os efectos da emisión da resolución que proceda sobre prolongación e permanencia no servizo activo, sen prexuízo da facultade desta última para poder solicitar a intervención da comisión central de valoración da capacidade, no suposto de discrepancia, debidamente motivada, co informe-proposta emitido pola respectiva comisión de ámbito periférico.

Se o informe da comisión periférica determina que o/a profesional non reúne a capacidade funcional necesaria para exercer a profesión ou desenvolver as actividades correspondentes ao seu nomeamento, o dito informe será elevado, xunto con toda a documentación que integra o expediente, á comisión dentral de valoración da capacidade funcional.

Esta comisión, unha vez valorado o informe-proposta e demais documentación, e logo da práctica das actuacións complementarias que estime pertinentes ratificará ou, de ser o caso, emitirá o informe definitivo que proceda, debidamente motivado, sobre a concorrencia ou non de capacidade funcional no/a profesional avaliado/a para continuar a desenvolver as actividades correspondentes ao seu nomeamento. O dito informe deberá ser emitido nun prazo non superior a quince días naturais desde a recepción da documentación que integra o expediente.

Do dito informe darase traslado á persoa interesada para que nun prazo de dez días poida efectuar as alegacións que estime pertinentes.

Concluído o trámite de audiencia, o informe definitivo que resulte será remitido á dirección xerencia correspondente, para os efectos da emisión da resolución que proceda sobre prolongación e permanencia no servizo activo.

2.2. Suspensión de prazos. No suposto en que para a correcta valoración da capacidade funcional do/da profesional fose necesaria a práctica dalgunha proba complementaria ou a petición de calquera outro informe determinante da resolución, remitirase comunicación á dirección xerencia correspondente coa finalidade de que por esta se poida acordar a suspensión dos prazos de tramitación do procedemento nos termos da Lei 30/1992.

Artigo 13. Procedemento de revisión

A prolongación da permanencia e prórroga no servizo activo autorizarase por un período inicial máximo dun ano, con posibilidade de prórroga, co límite máximo dos setenta anos de idade ou idade máxima que legalmente se estableza e condicionada, en todo caso, ao mantemento das condicións que se tiveron en conta para autorizar a dita prolongación.

O procedemento de revisión axustarase, en todos os seus termos, á tramitación prevista no artigo 12.

A Administración procederá a revisar as situacións de prolongación da permanencia e prórroga no servizo activo autorizadas, nos supostos de absentismos prolongados e/ou reincidentes do/a profesional con posterioridade á data de autorización, e contrarios á vontade de permanencia no desenvolvemento das funcións manifestada polo/a profesional no seu escrito de solicitude ou ante calquera outra circunstancia ou manifestación que puidera evidenciar que o/a profesional autorizado/a deixou de reunir o requisito da capacidade funcional.

Artigo 14. Deber de sixilo e confidencialidade

Todos/as os/as profesionais con participación no procedemento de valoración e revisión da capacidade funcional deberán gardar sixilo, nos termos establecidos na lexislación vixente, sobre a información a que tivesen acceso na dita condición.

Artigo 15. Ampliación de prazos

Os prazos fixados nesta orde para a resolución do procedemento e cobertura dos diversos trámites poderán ser ampliados polo órgano competente para resolver nos termos dos artigos 42.6 e 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional primeira

O persoal estatutario que se encontre en situación administrativa distinta á de servizo activo, e que desexe prolongar a súa permanencia neste para cando obteña, de ser o caso, o reingreso ao servizo activo, poderá facer reserva deste dereito, dirixindo unha solicitude neste sentido ao órgano competente para declarar a situación de xubilación segundo modelo anexo, cunha antelación mínima de tres meses á data de cumprimento da idade de xubilación forzosa.

A entrada do escrito da persoa interesada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación, determinará a non iniciación ou a suspensión do procedemento de xubilación forzosa por idade, comunicándollo a esta.

En calquera momento, previo ao reingreso á situación de servizo activo, a persoa interesada poderá solicitar do órgano competente para declarar a súa xubilación a iniciación ou continuación da tramitación do procedemento de xubilación forzosa por idade.

Simultaneamente á presentación polo/a profesional da solicitude de reingreso ao servizo activo, e de concorrer os supostos que habilitan para este, a Administración iniciará de oficio o procedemento previsto nesta orde para a autorización da prolongación da permanencia e prórroga no servizo activo.

Disposición adicional segunda

Engádese una disposición transitoria á Orde do 8 de maio de 2012, pola que se aproba o Plan de ordenación de recursos humanos do Servizo Galego de Saúde, co seguinte contido:

«O persoal incluído no ámbito de aplicación desta orde deberá someterse ao réxime transitorio establecido na disposición transitoria única da Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia».

Disposición adicional terceira

Suprímese o parágrafo terceiro da disposición derradeira da Orde do 8 de maio de 2012, pola que se aproba o Plan de ordenación de recursos humanos do Servizo Galego de Saúde, relativo á normativa de desenvolvemento en materia de xubilación.

Disposición transitoria primeira

O persoal incluído no ámbito de aplicación desta orde deberá someterse ao réxime transitorio establecido na disposición transitoria única da Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición transitoria segunda

O persoal que non estando incluído no suposto da disposición transitoria única.un) da Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia cumpra a idade de xubilación forzosa nun prazo inferior a tres meses desde a data de entrada en vigor desta orde, disporá do prazo dun mes contado desde o día seguinte á entrada en vigor desta para solicitar a prórroga ou prolongación da súa permanencia no servizo activo. Se no prazo indicado, o/a profesional non manifesta a súa vontade de permanecer en servizo activo mediante a presentación da correspondente solicitude, procederase á súa xubilación forzosa na data de cumprimento da citada idade.

Na tramitación do procedemento seguiranse as disposicións contidas na presente regulación que resulten de aplicación segundo o suposto que corresponda.

Disposición transitoria terceira

Mentres non se constitúan as comisións previstas no artigo 11, a valoración da capacidade funcional dos/as profesionais continuará a efectuarse polas unidades periféricas de prevención de riscos laborais do Servizo Galego de Saúde.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2012

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO
Solicitude de autorización de prolongación da permanencia/prórroga
no servizo activo

Nome:

Apelidos:

DNI:

Data de nacemento:

Data de cumprimento da idade de xubilación forzosa:

Centro:

Servizo/unidade:

Categoría:

SOLICITA, ao abeiro da Orde do 3 de xullo de 2012, pola que se regula o procedemento de autorización da prolongación da permanencia/prórroga no servizo activo do persoal estatutario:

□ A prolongación por un período dun ano da permanencia no servizo activo ao abeiro do artigo 26.2 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

□ A prórroga no servizo activo por período dun ano coa finalidade de completar o período mínimo de cotización para causar pensión de xubilación conforme o establecido no artigo 26.3 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde. Achégase certificado emitido pola TXSS sobre tempo cotizado.

□ A renovación da autorización de permanencia no servizo activo. Achégase copia da resolución de autorización inmediatamente anterior.

□ A adecuación ao sistema de prórrogas anuais en cumprimento do establecido na disposición transitoria primeira.

□ A reserva do dereito a prolongar a permanencia no servizo activo en aplicación da súa disposición adicional, para cando se produza, de ser o caso, o reingreso ao servizo activo. Achégase resolución de declaración da actual situación administrativa distinta á de activo.

En……………………………….., ...... de........................... de ..............

Asdo.:

Xerencia de …………………………..