Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 5 de xullo de 2012 Páx. 26787

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 25 de xuño de 2012 de aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Leiro.

O Concello de Leiro eleva, para a súa aprobación definitiva, o expediente do Plan xeral de ordenación municipal de conformidade co disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

1. Antecedentes.

I.1. Planeamento vixente.

O Concello de Leiro conta na actualidade cun proxecto de ordenación do medio rural, aprobado definitivamente o 27.2.2003.

I.2. Tramitación.

1. O Concello de Leiro aprobou o avance do PXOM en data 8.11.2007; e someteuno a información pública mediante anuncios no xornal La Región do día 14.11.2007 e no Diario Oficial de Galicia nº 228 do 26.11.2007.

2. O Concello de Leiro, antes da súa aprobación inicial, remitiu o PXOM á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte, para o seu informe, que foi emitido en data 29 de decembro de 2008.

3. O Pleno da corporación municipal, tras os informes do secretario municipal e o do arquitecto asesor municipal de data 28 de outubro de 2009, aprobou inicialmente o PXOM na súa sesión do 25 de febreiro de 2010; e someteuno a información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncios que se publicaron nos xornais La Región e La Voz de Galicia do día 3 de marzo de 2010, e no Diario Oficial de Galicia nº 48, de data 11 de marzo de 2010.

4. Simultaneamente, déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Avión, Cenlle, Beade, San Amaro, Carballeda de Avia, Boborás e O Carballiño.

5. En cumprimento da lexislación sectorial vixente, solicitáronse e emitíronse os seguintes informes:

a) Secretaría de Estado de Enerxía do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, informe de data 26.3.2010.

b) Subdirección Xeral de Calidade Ambiental da CMATI, en relación á xestión de residuos urbanos, informe de data 7.4.2010.

c) Subdirección Xeral de Infraestruturas e Normativa Técnica do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, informe do 10.5.2010 de conformidade co previsto no artigo 26.2 da Lei 32/2003, xeral de telecomunicacións.

d) Dirección Xeral de Infraestruturas, en materia de estradas, informe favorable do 19.7.2010, impoñendo unha serie de correccións. En data 9.4.2012 a Axencia Galega de Infraestruturas emite informe favorable.

e) Deputación Provincial, Decreto do 28.9.2010, en relación coas estradas provinciais, informe favorable de acordo co informe do Servizo de Vías e Obras de data 24.9.2010.

f) Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Marino, en materia de augas, informe de data 15.7.2010, condicionado á entrega dunha documentación relativa ás cuestións relativas ao dominio público hidráulico; e informe do 28.7.2011 no cal manifesta non atopar motivo contra o desenvolvemento do plan, sempre que se teñan en conta as observacións realizadas no propio informe.

g) Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, resolución pola que se aproba a memoria ambiental correspondente ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica de data 22.11.2011, publicada mediante un anuncio de data 22 de novembro de 2011 no DOG nº 240, do 19 de decembro de 2011.

h) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, en materia de patrimonio cultural, informe desfavorable de data 10.5.2010. En data 1 de setembro de 2010 emite informa favorable condicionado á realización das correccións que derivan del.

6. O Concello de Leiro, tras os informes do secretario municipal e o do arquitecto asesor municipal de data 14 de decembro de 2011, aprobou provisionalmente o PXOM en data 21 de decembro de 2011.

7. O día 30 de xaneiro de 2012 entra no rexistro da Xunta de Galicia o documento do PXOM remitido polo Concello de Leiro para a súa aprobación definitiva, de acordo co establecido no artigo 85.7 da LOUG.

8. O Concello de Leiro, con data 25 de abril de 2012, presenta escrito en que solicita a suspensión do prazo para resolver sobre a aprobación definitiva do PXOM, para corrixir os erros detectados nel.

9. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo resolveu o 25.4.2012 atender a solicitude do Concello de Leiro, suspendendo o prazo de resolución.

10. O Concello Pleno de Leiro, tras os informes do secretario municipal, do 24 de maio de 2012, e o do arquitecto asesor municipal do 21 de maio de 2012, aprobou o PXOM en data 29 de maio de 2012.

11. Con data 4 de maio de 2012 o Concello de Leiro achega tres exemplares completos do Plan xeral de ordenación municipal e anexo complementario do expediente administrativo correspondente, e solicita a súa aprobación definitiva.

II. Análise e consideracións.

Segundo o disposto nos artigos 85.7 e 227 da Lei 9/2002, para resolver sobre a aprobación definitiva analizouse a integridade e suficiencia dos documentos que integran o plan; a conformidade do plan coa lexislación urbanística vixente e a adecuación das súas determinacións á protección do medio rural; e a incidencia do plan sobre as materias de competencia autonómica e sobre as políticas autonómicas de desenvolvemento sustentable e a articulación das infraestruturas de carácter local cos elementos vertebradores do territorio de alcance supramunicipal.

O modelo de ordenación proposto polo PXOM de Leiro axústase no fundamental aos criterios expresados na LOUG, recoñecendo o sistema tradicional de asentamentos, establecendo para eles unha ordenación propia, definindo as necesarias proteccións para os terreos que as precisan, e previndo ámbitos para o futuro desenvolvemento de usos residenciais e produtivos, dotando o concello dunha ordenación propia cara a favorecer o desenvolvemento equilibrado e sustentable do territorio.

Logo de analizar a documentación que integra o Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Leiro, identificado con data de decembro de 2011 obxecto de aprobación provisional plenaria en sesión do 29 de maio de 2012, enténdese que a documentación presentada soluciona as cuestións sinaladas no informe previo á aprobación inicial e que, por axustarse á lexislación urbanística, é apto para ser aprobado definitivamente.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede e a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resólvese:

1º Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Leiro, de acordo co establecido no artigo 85.7.a da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia.

2º De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3º Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4º Contra esta orde cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2012

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas