Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Xoves, 5 de xullo de 2012 Páx. 26743

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

DECRETO 139/2012, do 29 de xuño, polo que se regula a Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios.

O artigo 158 do Tratado constitutivo da Comunidade Europea establece que, co fin de reforzar a súa cohesión económica e social, a comunidade se propón reducir as diferenzas entre os niveis de desenvolvemento das diversas rexións e o atraso das rexións menos favorecidas, incluídas as zonas rurais. O artigo 159 do Tratado estipula que esa actuación estará apoiada polos fondos con finalidade estrutural, o Banco Europeo de Investimentos (BEI) e os outros instrumentos financeiros existentes.

Así mesmo, segundo o acordado nos Consellos Europeos de Lisboa, do 23 e 24 de marzo de 2000, e de Gotemburgo, do 15 e 16 de xuño de 2001, a política de cohesión para o septenio 2007-2013 debe contribuír tamén a incrementar o crecemento, a competitividade e o emprego, para o cal debe incorporar as prioridades comunitarias en materia de desenvolvemento sustentable.

Para financiar esta política, os fondos que facilitarán axuda no marco da política de cohesión son agora o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), o Fondo Social Europeo (FSE) e o Fondo de Cohesión, de conformidade cos seus respectivos regulamentos de aplicación adoptados en virtude dos artigos 148, 161 e 162 do Tratado.

Neste novo contexto resulta necesario especificar a función dos instrumentos de axuda ao desenvolvemento rural, isto é, o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, segundo o Regulamento (CE) nº 1698/2005, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e ao sector pesqueiro, en concreto o Fondo Europeo de Pesca (FEP). Estes instrumentos deben integrarse cos da política agraria común e da política común da pesca e coordinarse cos instrumentos da política de cohesión.

Seguindo as previsións establecidas no Regulamento 1083/2006, xeral de fondos, o Marco estratéxico nacional de referencia (MENR) 2007-2013 presentado polo Goberno de España e aprobado pola Comisión o 7 de maio de 2007, recolle a creación dun comité de coordinación dos fondos europeos.

A programación dos recursos debe garantir a coordinación dos fondos entre si e cos demais instrumentos financeiros existentes, así como co BEI e o Fondo Europeo de Investimentos. Esta coordinación debe estenderse tamén á elaboración de plans financeiros complexos e ás asociacións público-privadas. Como instrumento para garantir esta coordinación resulta precisa a creación da Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios, que actuará como órgano de carácter consultivo da Consellería de Facenda para a coordinación dos fondos comunitarios, procurando a súa complementariedade e a eficiencia no logro do obxectivo da converxencia.

De acordo co anterior, o Decreto 184/2007, do 13 de setembro, modificado polo Decreto 132/2010, do 1 de xullo, creou a Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios como un instrumento para asegurar a coordinación dos fondos e procurar a complementariedade e a eficiencia no logro do obxectivo da converxencia.

Por outra parte, a nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia, establecida polo Decreto 1/2012, do 3 de xaneiro, comporta unha reasignación das competencias relacionadas coa xestión e seguimento dos programas operativos dos fondos comunitarios para o período 2007-2013 e tamén introduce cambios na adscrición dalgúns organismos ou entes.

De cara á programación da política de cohesión para o novo marco do período 2014-2020, incorporaranse como membros do comité aos representantes que integran as redes sectoriais previstas no Marco estratéxico nacional de referencia 2007-2013.

Así mesmo, de acordo co principio de informar e difundir sobre a contribución que os fondos estruturais achegan a Galicia, que orienta a programación do período 2007-2013, é necesario reforzar e intensificar as tarefas de coordinación e desenvolvemento dos plans de comunicación dos fondos Feder e FSE, a través desta comisión. Por este motivo, engádese como nova función a de coordinar e velar polo cumprimento das actuacións en materia de información e publicidade, atendendo así ás recomendacións da avaliación dos plans de comunicación do Feder e do FSE.

Por todo iso, cómpre elaborar un novo decreto que incorpore as modificacións introducidas polo Decreto 132/2010, do 1 de xullo, mais as que agora son necesarias para adecuar as disposicións do texto vixente, de modo que reflicta a actual distribución de competencias e potenciar deste xeito o maior grao de eficiencia da devandita comisión.

Na súa virtude, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e nove de xuño de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. O presente decreto ten por obxecto regular o funcionamento da Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios, creada polo Decreto 184/2007, do 13 de setembro, como instrumento para asegurar a coordinación e a complementariedade dos fondos estruturais e sectoriais na procura dos obxectivos establecidos no Marco estratéxico de converxencia económica de Galicia 2007-2013 (Mecega), nos respectivos programas operativos e nas disposicións comunitarias que sexan de aplicación.

2. A referida comisión ten carácter interdepartamental e está adscrita á Consellería de Facenda.

Artigo 2. Composición

1. A Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios está formada polas persoas titulares das seguintes secretarías e direccións xerais:

a) Dirección Xeral de Planificación e Fondos, da Consellería de Facenda.

b) Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria.

c) Dirección Xeral da Axencia Galega de Innovación.

d) Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar.

e) Dirección Xeral de Formación e Colocación, da Consellería de Traballo e Benestar.

f) Secretaría Xeral de Igualdade da Presidencia da Xunta de Galicia.

g) Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

h) Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

i) Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, da Consellería de Sanidade.

j) Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

k) Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

2. A presidencia da comisión corresponderalle ao membro pertencente á Consellería de Facenda.

3. A secretaría da comisión será desempeñada pola persoa encargada da subdirección xeral con competencias específicas na materia ou, na súa ausencia, pola que designe a presidencia.

Artigo 3. Funcionamento

1. A comisión reunirase en sesión ordinaria tres veces ao ano e con carácter extraordinario cando sexa convocada pola presidencia, por iniciativa propia ou por petición da maioría simple dos seus membros.

2. Os membros da comisión, nos casos de ausencia, enfermidade ou, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, poderán ser substituídos polo titular dalgunha das subdireccións xerais ou órganos equivalentes que deles dependan. A substitución, específica para cada reunión, requirirá designación escrita do membro titular ou, de ser o caso, do seu superior xerárquico.

3. No seo da comisión poderanse crear grupos de traballo ou subcomisións, para cuestións específicas relacionadas con cada un dos fondos ou con calquera das competencias que ten atribuídas a comisión.

Artigo 4. Funcións

Son funcións da comisión:

a) Velar para que as intervencións dos fondos sexan coherentes coas actividades, políticas e prioridades da Unión Europea e complementarias con respecto a outros instrumentos financeiros da Xunta de Galicia. Esta coherencia e complementariedade reflectirase, en particular, nas directrices estratéxicas comunitarias en materia de cohesión, no Mecega e nos programas operativos.

b) Elaborar e propoñer á persoa titular da Consellería de Facenda os procedementos para a efectiva coordinación entre a política de cohesión autonómica reflectida no Mecega e as correspondentes políticas sectoriais reflectidas nos plans estratéxicos das consellerías afectadas.

c) Supervisar o seguimento dos programas operativos, definindo, se for preciso, os sistemas de información sobre os mecanismos que garantan a máis efectiva coordinación entre si dos programas operativos, incluídos os programas e intervencións do Feader e o FEP, así como as intervencións do BEI e demais instrumentos financeiros vixentes no territorio da Comunidade Autónoma.

d) Cando cumpra, coordinar, para cada programa operativo, o establecemento e seguimento dos criterios de delimitación entre as operacións apoiadas polo Feder e o FSE e as apoiadas por outros instrumentos de axuda comunitaria, así como as que se poidan producir entre o Feader e o FEP cando ambos os fondos financien actuacións no mesmo ámbito territorial.

e) O seguimento das conclusións derivadas dos controis financeiros efectuados polos distintos órganos de control, así como as medidas adoptadas polos órganos xestores para corrixir as eventuais irregularidades detectadas.

f) Coordinar e velar polo cumprimento das actuacións en materia de información e publicidade das operacións financiadas con fondos estruturais.

g) Aquelas funcións que lle encomende a Consellería de Facenda a prol dunha xestión eficaz e eficiente dos fondos comunitarios durante o período de programación 2007-2013.

Artigo 5. Réxime xurídico

O réxime xurídico da comisión aterase ao establecido para os órganos colexiados no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional primera

A comisión elaborará anualmente unha memoria, que recollerá as súas actuacións e que será incorporada como anexo ás avaliacións anuais de seguimento de cada un dos fondos comunitarios.

Disposición adicional segunda

A constitución e posta en funcionamento da Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados á Consellería de Facenda.

Disposición derrogatoria única

Derróganse o Decreto 184/2007, do 13 de setembro, polo que se crea a Comisión de Coordinación dos Fondos Comunitarios, excepto o disposto no seu artigo 1 sobre a creación da citada comisión, e o Decreto 132/2010, do 1 de xullo, polo que se modifica o anterior.

Disposición derradeira primera

Facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de xuño de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda